29.11.21

Concurso AULAS LIMPAS

Esta semana comeza o concurso Aulas Limpas. O obxectivo desta actividade é que cada grupo se responsabilice de ter a súa aula limpa e ordenada e, se é o caso de que nese mes haxa algunha celebración, que elabore unha decoración axeitada. 

Valorarase que o chan, as mesas e as cadeiras estean limpas; que os caixóns, os estantes e o taboleiro estean ordenados; que as mochilas non estean tiradas polo chan, que se apaguen as luces, os ordenadores e os proxectores na última hora de clase e que a decoración destaque pola súa orixinalidade e sentido da estética, se hai algunha conmemoración ou festividade. 

Cada mes haberá un premio para cada un dos membros do grupo que teña a aula mellor coidada e a final de curso recibirá o galardón á Aula Magnífica o grupo que máis se esforzara de decembro a xuño.

Comeza a coidar a túa aula!!

A violencia párase con igualdade e respecto

O venres 26 de novembro continuamos xogando e buscando palabras que nos afasten de condutas violentas. Esta vez foi a quenda de 1º ESO A e B, 2º ESO B e PMAR, 3º ESO A e B e dos autores deste xogo, o alumnado de 1º ESO de Reforzo de Lingua galega, que estiveron coordinados pola súa profesora Rosa Febrero. 

26.11.21

Obradoiro de regueifa

O día 22 de novembro na hora de titoría tivemos un obradoiro de regueifa dirixido por Cristian Gómez, un compañeiro do Perdouro, estudante  de Electrónica que participa no Modelo Burela e que tamén é técnico e locutor de radio en Proxecto Neo.
Cristian explicounos que son as regueifas, como se fan, que versos teñen que rimar, os significados da palabra ( aparte dun canto tamén pode ser un baile ou un pan de voda). Despois fixemos as nosas propias regueifas, unha delas a partir do noso nome.
Gustounos moito esta actividade porque nos deu a coñecer unha nova forma de entreter coa linguaxe, da que non tiñamos coñecemento. Cristian explicounos todo dunha maneira divertida e fácil de comprender.
Tamén tivemos outras persoas na aula, xa que viñeron uns cámaras para gravar e sacar fotos para un documental.
Foi unha actividade entretida e recomendamos que se realice noutros cursos. 

Accede á reportaxe de fotografías aquí.

Uxía Oroza Combarro, Brais Vila Salgueiro, Iker Trillo Souto e Antón Míguez Rubiños. 1º ESO B

25.11.21

Pasa da violencia aprendendo emocións positivas

O xoves 25 xogamos ao rosco "Pasadaviolencia" buscando palabras relacionadas co respecto e a igualdade que nos afasten de calquera tipo de violencia. 

Os gañadores de cada grupo foron: 

Asier Oroza Parga (2º ESO A)

Carla Paz Trelles (2º ESO C)

Marina Rubal Ponsa (4º ESO B1)

Parabéns!

Anímate a xogar con nós!



 

24.11.21

Pasa da violencia - un rosco de pasapalabra 25N

Convidámoste a xogar!!

A ver se es quen de adiviñar as 22 definicións para erradicar a violencia. 

Primeiro, identifícate en Clique aquí para se identificar  para acceder como convidado/a.

Escribe o seguinte como nome de usuario: 

Curso, Letra, 1ª letra do 1º apelido, 1ª letra do 2º apelid2 , 1ª letra do nome    

    por exemplo "2ALLC" se estás en 2º ESO A e te chamas Carlos López López

Rosco do 25 N - Pasa da violencia!

Para erradicar a violencia de xénero, as nosas compañeiras de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe elaboraron un rosco con 22 definicións que nos axudarán a afastarnos de calquera tipo de conduta violenta.
O xoves 25 e o venres 26 estará colocado na entrada do edificio 1. Animámosvos a que levedes o voso alumnado a facer unha foto a carón do panel deste xogo que ten como lema "Pasa da violencia!"
 
 
As fotos enviádeas ao correo da vicedirectora para poder subilas ao blog. 

Convidámosvos a xogar en formato dixital. Indicádelle ao voso alumnado que prema no seguinte enlace para ver quen é o primeiro en adiviñar as 22 palabras do rosco:
 
http://perdourando.blogspot.com/2021/11/pasa-da-violencia-un-rosco-de.html

Cada un dos grupos da ESO xa ten profe asignado para que realicen o xogo. 

Moitas grazas pola vosa colaboración.

Vídeo 25 N: Por 365 días de respecto e igualdade

Con este vídeo queremos contribuír á concienciación para a eliminación da violencia de xénero.
Coa coordinación de Carmen Sampedro e dentro do marco do Plan Proxecta, o noso obxectivo é conseguir 365 días de respecto e igualdade.
Grazas a todas e a todos por deseñar estas coreografías. Encantounos bailar ao son da música de Sés. Esperamos que a vós tamén vos guste! Animádevos!

22.11.21

Inventos galegos

Xogamos?

Serás quen de coñecer quen é o inventor/a? Atrévete co cuestionario que fixeron os alumnos de 2º ESO ITI.

 Xogamos?

Serás quen de coñecer quen é o inventor? Atrávete co cuestionario

 

 

15.11.21

Mes da ciencia en Galego : Obradoiro "Luz, cor e ciencia"

 Os pasados xoves e venres 18 e 19 de novembro, o alumnado de 3º ESO do IES Perdouro participamos nun obradoiro chamado “Luz, Cor e Ciencia”, para celebrar o mes da Ciencia en galego no noso centro. Esta actividade estaba organizada polos departamentos de Instalación de Telecomunicacións e o Departamento de Educación Plástica e Visual. Foron as profesoras Marga López Periago e Ruth Adrio Monterroso as que nos impartiron este luminoso e colorido obradoiro. 

Comezamos repasando os conceptos básicos sobre as cores pigmento (maxenta, cian e amarelo) e as cores luz (vermello, verde e azul), a dispersión da luz branca cun prisma de cristal feito por Isaac Newton, a percepción das cores e as súas mesturas. E para continuar fixemos unha serie de experiencias prácticas: 

• Experiencia 1: Observación dos píxeles (RGB) da pantalla do ordenador cun microscopio e a cuatricromía (CMYK) nun libro e nun xornal. 

• Experiencia 2: Creación de diferentes cores, cunha tira de neopíxeles de 144 leds (1 metro) controlada por un programa chamado Arduino. Os valores RGB van de 0 a 255 variando estes números obtemos unha cor diferente. 

• Experiencia 3: Dispersión da luz branca cun CD. 

• Experiencia 4: Descubrimos a cor das sombras. Cando proxectamos unha sombra cun foco de cor vermella e verde ou azul por separado a súa cor é negra e se proxectamos os tres focos ao mesmo tempo as sombras son das cores das luces e a súa mestura dá o negro. Tamén estivemos analizando a cor dunha bolsa vermella. Baixo un foco azul non podiamos ver a súa cor real pola ausencia da cor vermella na luz proxectada. 

• Experiencia 5: Con luces led das cores RGB e diferentes formas de cartolinas estivemos xogando coas mesturas das cores e as sombras en grupos de tres. 

• Última experiencia: Cunha tira de neopíxeles introducida nun bote con pelotas de pimpón que axudaban a amplificar a cor e controlada por unha app dun móbil puidemos manipular o tempo, o parpadeo e as cores producindo diferentes efectos. Este foi un obradoiro do máis entretido e aos que nos gustan os videoxogos e os ordenadores puidemos comprender un montón de conceptos. Como broche final sacamos unhas fotos do grupo de clase moi divertidas para o recordo. 

Se queredes ver máis imaxes, podedes acceder ao álbum AQUÍ


Iago Ramos García – 3º ESO A   
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...