21.12.22

Pílula sobre educación emocional: 9

Pois xa está á volta da esquina o derradeiro día do ano e o inicio do 2023, así que é tempo de tomar conciencia, facer un reconto dos logros alcanzados no ano que termina e, ao mesmo tempo, reflexionar sobre iso que esperamos/desexamos lograr no vindeiro ano.

É por isto que che propoñemos unha actividade para a que necesitas:
- Dúas folla de papel.
- Un bolígrafo.
- Un intre para ti, sen présas, para poder pensar e escribir.
 
Unha vez conseguidos os materiais invítote a facer dúas listas:
 
Para facer a primeira pensa sobre:
  • Que logros alcanzaches no ano que deixas atrás?
  • Que fixeches para alcanzalos?
  • Contaches con axuda de alguén?
  • Que obstáculos superaches no camiño?
  • Que sentiches durante ese camiño percorrido para logralos?
  • Que sentiches cando chegou o momento e foron unha realidade?
Unha vez reflexionado, escribe nunha das follas de papel unha lista cos logros alcanzados no 2022 e, se é posible, escribe tamén o nome das persoas ás que estás agradecida por axudarche a logralos (non te esqueces de incluírte ti nesa lista, seguro que tes moito que ver con eses logros).
 
Para facer a segunda lista pensa sobre:
  • Que desexos tes para o ano 2023?
  • Cales dependen de ti?
  • Canto de importante é para ti alcanzalos?
  • Que estás disposto a facer para chegar a eles?
Unha vez reflexionado sobre isto, fai unha lista co que queres acadar no 2023 (lembra que eses logros teñen que depender de ti exclusivamente).
 
Podes diferenciar na lista os seguintes tipos de desexos:
  • Sobre os estudos
  • Sobre as amizades
  • Sobre a familia
  • Sobre a túa vida emocional
Na lista podes incluír tamén os pasos que vas seguir para lograr o que tanto desexas. 
 
Unha vez feitas as dúas listaxes, a lista número 1, a dos obxectivos alcanzados no 2022, pona nun lugar visible para poder recordar cada día o que fuches quen de lograr por ti mesmo (ou con axuda de alguén). A lista número 2 métea nun sobre, péchao e gárdao ata o 31 de decembro de 2023. Ese día abre o sobre, e le o que escribiches un ano antes. Nese momento poderás ver o que desexabas naquel intre e se foi posible alcanzalo, ou se quizais non foi posible e o porqué, ou polo camiño, ao mellor cambiaron os desexos , ou calquera outra circunstancia. 
 
Se dedicas un tempo a facer esta actividade ademais de axudarache a pensar sobre quen es e sobre o que queres conseguir na vida, axudarache tamén a desenvolver a túa conciencia emocional.

Fallo do concurso Taboleiros de Nadal 2022

O traballo que realizastes foi cuantioso en pouco tempo, sobre todo o do alumnado de 1º de Bacharelato, que chegou do intercambio a Francia e xa se puxo mans á obra. 

Foi moi difícil decidir cales eran os mellores porque hai taboleiros preciosos. 

O fallo do xurado foi o seguinte: 

  • 1º premio para a aula 116, a de 2º ESO A, 
  • 2º premio para a aula 101, a de 3º ESO PDC, 
  • e empataron a puntos para o 3º premio, as aulas 113 e 208, as de 1º ESO A e 4º ESO B2, respectivamente. 
A media das puntuacións calculouse tendo en conta a orixinalidade, a estética e a sostibilidade. 

Parabéns polo voso traballo e dedicación!

20.12.22

Felices Festas!


 

Fallo do xurado Certame Postal de Nadal

Unha vez reunido o xurado, deliberou os seguintes gañadores do certame especial Postal de Nadal 2022.

  • Alexandre García Pousa de 4º ESO acadou o 1° premio pola orixinalidade, textura e limpeza harmoniosa da súa ilustración. O seu debuxo representará a postal institucional do centro.
  • Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 4º ESO obtivo o 2° premio polo minucioso traballo dunha clásica estampa de Nadal.
  • Ximena Riopedre Orosa de 3º ESO recibiu o 3° premio polo seu colorido debuxo mariñeiro con trazos definidos.

Parabéns a Alexandre e Shiva que repiten premios, e felicitamos a Ximena !!

Accede ao albúm de fotos da entrega de premios AQUÍ.

Unha nova árbore para felicitar o Nadal

Xa é tradición no centro agardar con intriga para ver como será a árbore de Nadal. Este curso é esvelta e lixeira, pero con moito contido. Leva o Perdouro no corazón. 

Nesta creación participaron os departamentos de: 

 - Tecnoloxía, 

- Matemáticas e 

- Relixión 

 - e ao seu alumnado. 

Moitas grazas polo voso traballo e por facernos esperar o Nadal con ilusión. 





Grupo gañador de Aulas Limpas no mes de novembro

Volven as Aulas Limpas e esta vez para anunciarvos que o grupo gañador do mes de novembro foi 1º ESO C. A súa aula, a 112, foi a máis coidada e ordenada esta vez, seguida moi de preto pola 101, a de 3º ESO PDC, que xa foi a gañadora no mes de outubro. 

En terceiro lugar estivo a aula 116, ocupada por 2º ESO A, que tamén a mantivo limpa e recollida.

Recordámosvos o seguinte para mellorar as vosas puntuacións: 

- Debedes prestar atención a cal é a última hora en que a aula está ocupada e deixar xa as cadeiras subidas. 

- Recordade que as ventás do medio deben quedar abertas para ventilar e as dos extremos pechadas e coas persianas baixadas para facilitar o traballo de limpadoras e conserxes. 

- Lembrade apagar os ordenador do profesorado. 

- Separade o papel limpo para a papeleira azul. Non o botedes co resto do lixo. 

- Traede pilas e material de escritura xa gastado. 

- Puntúa que expoñades os vosos traballos no taboleiro da aula, xa sexan en tamaño A4 ou máis grandes. 

- Tede en conta que non se pode pegar nada fóra do taboleiro. Ao despegar o celo, arríncase a pintura das paredes. 

Deixámosvos tamén aquí a clasificación de outubro e anunciamos que este mes de decembro irá unido ao de xaneiro polo que o próximo grupo gañador farase público en febreiro. 





18.12.22

Amplíase o prazo para rematar o taboleiro de Nadal ao luns pola tarde

Tendo en conta as vosas solicitudes, amplíase o prazo para rematar os taboleiros de Nadal ao luns ás 17:40 h. 

Recórdase que se valorará a orixinalidade, a estética e a sostibilidade. 

15.12.22

Obradoiro "SON ONDAS"

O pasado día 30 de novembro o alumnado de 3º ESO participou nun obradoiro sobre son impartido por Marga López Periago. Marga contounos como se transmite o son. Explicóunolo en primeiro lugar cun resorte e, a través deste exemplo, vimos como se transmitían lonxitudinalmente as ondas. Tamén nos falou sobre a velocidade do son. Puxo como exemplo dous lugares de Burela que distaban como 300 ou 400 m entre elas e dixo que, se non houbese interferencias entre un sitio e outro, o son tardaría tan só un segundo en chegar. 

Logo preguntounos por onde se expandía mellor o son: a través de sólidos, líquidos ou gases. As respostas foron variadas, pero ninguén dixo a correcta, que é que por onde mellor se expande é polo sólido, despois polo líquido e, por último, polos gases. Isto deixounos sorprendidos e entusiasmados por seguir escoitando todo o que nos contaba. Tamén probamos a escoitar a partir de dous vasos unidos por un fío. Este é un exemplo de cando se transmite o son a través dun sólido. 

Ademais aprendemos que os seres humanos non somos quen de escoitar todos os sons, como os infrasóns, que son moi graves, e que tan só escoitan animais como a toupa ou os ultrasóns, que tan só escoitan animais coma os cans e os gatos. 

Despois, escoitamos o son dun órgano con tan só mover un tubo moi longo. Previamente había que quentar o aire de dentro e, logo, ao levantalo emitía o son dun órgano como os que hai nas igrexas. 

Algo moi interesante que fixemos foi unir unha lata, un pau de xeado, un globo, un láser e un espello de determinada forma. Entón, ao facer un son dentro da lata o que sucedía era que, debido ao láser e ao espello, aparecía no lugar ao que apuntabas co láser unha parábola ou un óvalo que se ía transformado segundo ía cambiando o son que facías coa boca dentro da lata. 

A conclusión de todo isto é que estivemos encantados de recibir este incrible obradoiro, xa que nos fixo ampliar os nosos coñecementos. E, sobre todo, queremos darlle moitas grazas a Marga por ensinarnos algo novo e estupendo. 

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

Mariana Miranda López - 3º ESO B

Construíndo ábacos

Estes días o alumnado de 2º ESO estivo construíndo prototipos de ábacos para máis adiante elaboralos con madeira e materiais reciclados. Este instrumento de cálculo inventouse hai 5000 anos e resulta moi útil para realizar cálculos. 

A verdade é que desenvolveron a súa creatividade e construíron uns ábacos preciosos!




14.12.22

Pílula sobre educación emocional: 8

Achéganse as festas de Nadal, e é o momento de facer regalos; disto vai o post de hoxe.
Que regalos che fan máis ilusión recibir?
Que regalo é ese que non esqueces nunca?

Probablemente son aqueles onde percibes o cariño e o amor da persoa que cho regalou, sen ter nada que ver co seu valor económico.
Por isto propoñemos a seguinte actividade/regalo para este Nadal.

Pensa nas persoas as que queres facerlles un agasallo, pensa no que significan para ti, o que as queres, o que as respectas, en todo o que che aportan e axudan no teu día a día.
Pois agora pensa en facer un regalo para calquera delas. A condición fundamental é que o custo monetario do regalo non poden ser de máis de 1 euro, o teu obsequio terá moitísimo máis valor porque estará feito dende o corazón.

Propóñoche distintas posibilidades:


  • Unha carta dicíndolle a esa persoa o que significa para ti, e todo o que lle queres agradecer
  • Un audio en vez dunha carta (se se che dá mellor falar que escribir)
  • Quizais poidas montar un vídeo que exprese todo o que querías dicirlle.
  • Quizais es moi bo/a coas manualidades e poidas facer que transmita o que sentes por esa persoa.
  • Unha foto especial cunha dedicatoria especial 
  • Ou calquera outra idea que se che ocorre.

A única condición é que lle dediques un tempo importante a pensar e crear o regalo. Será un tempo importante para ti.
Unha vez elaborado o agasallo, elixe a data para facerllo chegar a esa persoa. Sempre é mellor facer a entrega cara a cara pero, si non é posible, faillo chegar de calquera outro xeito.
Esta é unha actividade xeradora de emocións positivas, moitas máis das que podes imaxinar.
Invítote a tomar conciencia das emocións positivas polas que transitas mentres preparas o regalo, e tamén das emocións positivas que xorden cando fas a entrega do mesmo, e descubrirás que:

  • os regalos máis valiosos non son os que máis custan.
  • dedicar tempo a xerar emocións positivas con actividades como esta axudan ao benestar emocional.

12.12.22

Ven ao mercadiño de Nadal e fai as túas compras!

Fai as túas compras no mercadiño de Nadal do recreo os seguintes días: 

- martes 13 

- mércores 14

- xoves 15

- luns 19

- martes 20

O grupo organizador, 4º ESO B2, entragará o importe da recadación á Cruz Vermella de Burela. 

10.12.22

Celebración do 25N no auditorio de Burela con podcast


Podcast cedido por Proxecto Neo introducido pola escritora Miriam Beizana extraído do programa 368.12. Pódese acceder ao programa completo AQUÍ

O venres 25 de novembro o alumnado de 1º da ESO do IES Perdouro de Burela protagonizou unha saída á Casa da Cultura para asistir a unha charla impartida por dous membros da Garda Civil. Tamén había alí alumnado doutros centros educativos: CEIP Virxe Do Carme e CEIP Vista Alegre. 

O primeiro en intervir foi o alcalde de Burela, don Alfredo Llano, que explicou o motivo do acto, o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, e dixo que estaba nas mans dos xoves erradicar estes tráxicos episodios. Tamén explicou como se ía desenvolver o acto e dixo que na súa etapa como profesor do Perdouro estivera orgulloso do comportamento do alumnado de 1º da ESO. Acto seguido subiu ao escenario José Díaz, o Concelleiro de Educación, quen presentou os axentes que ían impartir a charla e tamén a dona Mary Fraga, que é a presidenta de BUMEI (a Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela). Despois de todas as presentacións empezou o acto. 

A continuación, proxectaron un vídeo que elaboramos os alumnos e alumnas de 1º ESO do IES Perdouro, no que se simulaba que se fixera viral un vídeo dunha compañeira, e todos se estaban rindo dela, polo que estaba apartada nun banco mentres o resto dos compañeiros se burlaban, e ao decatarse diso, catro compañeiros foron consolala e darlle un abrazo e xuntos foron dicirlles ao resto dos rapaces que borraran as fotos e pararan de rirse dela. 

Despois do vídeo, pasaron a falar dous gardas civís que proxectaron unha presentación na que se mostraban distintos comportamentos que se considerarían violencia de xénero e todos atendemos moito: serviunos para saber que ningunha desas cousas está ben; por exemplo, mirar os chats da túa parella ou dicirlle á outra persoa a quen pode ter de amigo e a quen non, e moitos outros comportamentos non acertados. Despois nomearon unha app útil para o rápido aviso ás autoridades se te encontras nun caso parecido. 

Para finalizar, subiron ao escenario: Breogán Fernández, Sofía Ben e Noel Fernández, alumnos de 1º C e 1º A do Perdouro e leron uns textos en favor da erradicación da violencia de xénero. Por último, subiu Mary Fraga e deu as grazas ao alumnado por aquel bonito acto. 

Finalmente, chegamos ao IES Perdouro a tempo para a última hora e regaláronos entradas para o partido do Burela FS. 

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

Víctor López Pérez – 1º ESO C

7.12.22

Pílula sobre educación emocional: 7

Hoxe imos traballar como xestionar as emocións ante os exames.
Como te atopas cando tes un exame?
Como afrontas as épocas de avaliacións?
Pode ocorrer que te sintas nervios@, ou que sintas medo, ansiedade, ou calquera outra emoción negativa (das que che fan sentir mal).
É normal e é lexítimo todo o que sentes, pero tamén é importante que saibas que podes xestionar esas emocións negativas, para conseguir que afrontes as épocas de exames dunha forma menos estresante e moito máis adaptativa.
Mira a seguinte listaxe de accións que che axudarán:

  • Acepta o que sentes.
  • Recolle por escrito as emocións e pensamentos que tes de cara a un exame (se tes un diario emocional, xa podes aí).
  • Fai exercicio catro horas despois de memorizar e axudarache a reter mellor o estudado.
  • Durme e descansa, xa que durante o tempo de sono o cerebro recupérase do estrés do día e fortalece as conexións neuronais. Durante a fase REM do sono o almacén da nosa memoria (hipocampo) restáurase, transformando a memoria a curto prazo en memoria a longo prazo.
  • Fai un bo uso da túa respiración (practica cinco minutos ao día para que cando chegue o momento, esta che axude de forma automática)
  • Deixa o último momento libre; non repases.
  • Non te rodees de conversas onde só se fale dos exames.
  • Facer mindfulness de forma habitual axudarache nestes momentos.

E lembra, ti non es un resultado, nin te define unha nota.

Comeza cos puzzles o torneo de San Xoán Bosco na biblioteca

O mércores 7 de decembro iníciase na biblioteca o torneo de San Xoán Bosco cos puzzles por parellas. 

O luns 12 de decembro comezarán as partidas de xadrez e o martes 13, as de damas. 

Prestade atención ao taboleiro da entrada do edificio 1 e 2 para saber cando vos toca xogar. 

As partidas terán lugar os luns, martes e mércores, xa que os xoves e venres son os partidos de fútbol e baloncesto. 


1.12.22

Concurso Taboleiros de Nadal

Ante a petición de poder colocar algunha decoración de Nadal nas aulas como noutros anos, convócase unha nova edición do concurso de decoración de Nadal. 

Noutras ocasións que se fixo nas portas das aulas houbo que repintar algunha, entón decidiuse que este ano a convocatoria sexa para a decoración de taboleiros de Nadal. Cada grupo poderá decorar o taboleiro da súa aula de referencia baixo a coordinación da súa titora ou titor. 

Este curso poderán participar ESO, Bacharelato e Ciclos formativos. A titora ou titor de cada grupo debe entregar a ficha de inscrición que recibiu no correo electrónico en Vicedirección. Se algún grupo non ten taboleiro na súa aula, que me avise para buscar unha solución. 

Toda a documentación que está actualmente colgada nos taboleiros gardarase no caixón da mesa do profesor baixo a súa custodia ou gardaraa a titora ou titor. Se hai algo verdadeiramente importante que ten que estar á vista pode pegarse temporalmente, ata despois da Nadal, no encerado con celo. 

Teredes celo, tesoiras, rotuladores, cartolinas... en Conserxería. Se necesitades outros materiais (sempre que sexan de papelería) facede unha lista e entregádea en Conserxería para que poidan pedilo e informar a secretaria. 

As normas son as seguintes: 

1. Decorade o taboleiro da aula tendo en conta a orixinalidade, a estética e tamén a sostibilidade, facendo uso de materiais reciclados. 

2. Cada grupo decorará o taboleiro da súa aula de titoría. 

3. En canto a materiais, prohíbese a cinta de pegar de dobre cara, o pegamento e a silicona directamente encima do material do que está feito o taboleiro, xa que este debe quedar intacto cando se retire a decoración de Nadal. 

4. A decoración que se valorará para este concurso é só a do taboleiro. 

5. O luns 19 de decembro a última hora da mañá o taboleiro debe estar rematado.

Paula Jorge visita o IES Perdouro para participar en Proxecto Neo

Este mércores Paula Jorge Horta, ex-alumna do IES Perdouro, estivo no centro para gravar o programa 367 de Proxecto Neo. 

Foi entrevistada por Sara Villarquide, Carme Gallo e Hugo F. Galdo que lle fixeron moitas preguntas. Ela falou da procedencia de seus pais, da súa infancia en Burela, dos seus estudos nos dous institutos da vila, das súas vivencias de adolescente e da súa vocación polo maxisterio. Tamén nos contou a súa experiencia como presentadora en Land Rober xunto a Roberto Vilar. 

Moitas grazas, Paula, por acompañarnos e estar sempre disposta a volver ás aulas do IES Perdouro. 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...