5.7.22

Xornadas técnicas de soldadura robotizada no IES Perdouro

Durante o 5 e o 6 de xullo desenvólvense no taller de Mecanizado do IES Perdouro, as Xornadas Técnicas de soldadura robotizada con Road Show de Binzel. 

A petición da empresa Ángel Vizoso S.L., Binzel presenta no IES Perdouro un robot de soldadura con visión artificial capaz de detectar as pezas que ten que soldar, corrixir a traxectoria se hai algún erro, limpar o cabezal para que o cordón de soldadura quede uniforme etc. O operario non ten máis que introducir no programa unha serie de parámentros e o robot fai o resto. 

Á parte disto, conta con aspiración, o que protexe a saúde do soldador e das persoas que poidan estar ao seu redor, algo que será obrigatorio en breve en calquera posto de traballo no que se precise soldar. 

Contan tamén con robots imantados que permiten soldar amplas superficies en barcos ou instalacións nas que teñan que traballar en paredes verticais. 

As empresas ou persoas interesadas poden inscribirse no seguinte enlace da páxina https://angelvizoso.com/. 

O horario das xornadas é de 9:00 a 19:00h durante o martes 5 e o mércores 6 de xullo. 



Viaxe de fin de curso ao norte de Portugal - 1º Bach.

22 alumnos/as de 1º de Bacharelato do IES Perdouro de Burela realizaron unha viaxe lingüística e cultural de tres días polo norte de Portugal. 

Día 1, 27/06/2022: Valença, Braga, Dume

A expedición saía de Burela ás 8h15 do luns 27 de xuño dirección Portugal. Nada máis pasar por encima do río Miño, puidemos ver as murallas da fortaleza de Valença do Minho de arquitectura militar gótica e barroca, a fortaleza máis importante do país. Aí fixemos a primeira das paradas. Paseamos e gravamos un pequeno directo onde Noa e Lin fixeron de cronistas. A cidade vella ten forma de estrela, unha dobre muralla de 5 quilómetros que se conserva practicamente intacta, baluartes, torres e catro portas.

A segunda das paradas foi para xantar no restaurante Tourigalo nas aforas de Braga en compañía de coñecidos nosos que fixeron de anfitrións. Ao rematar, collemos rumbo ao monumento máis emblemático de Braga, patrimonio mundial da humanidade, ao Santuario de Bom Jesus do Monte. Aí esperaba por nós, João Manuel Tinoco Ribeiro da Silva, Presidente da Junta de Freguesia, que ía realizar a visita guiada. Primeiro subimos ao santuario por un funicular. O guía explicounos como foi fabricado a partir dun modelo de elevador dos montes suízos e foi inaugurado o 25 de marzo de 1882. O elevador que celebrou o seu 140 aniversario é actualmente o máis antigo no mundo en utilizar o sistema de contrapeso de auga. Unha vez arriba e percorridos os 300 metros de pendente en 3 minutos aproximadamente, admiramos as vistas sobre Braga, entramos na basílica, un dos mellores exemplos da arte neoclásica portuguesa, e coñecemos a historia do conxunto relixioso. Logo, paseamos para refrescarnos polo parque do Bom Jesus entre as árbores centenarias e navegamos polo lago nas barcas que había para alugar. Finalmente, baixamos polas escaleiras monumentais barrocas, que salvan un desnivel de 116 metros e onde se desenvolve a Vía Sacra do Bom Jesus. Pasamos polas fontes dos sentidos. Despedímonos cunha pequena entrevista ao noso anfitrión nesta visita. 

A seguinte parada marcada no noso programa foi Dumio onde fomos acollidos polo enxeñeiro José Manuel Almeida. Explicounos que na Hispania visigoda a diocese de Dumio foi sé episcopal da igrexa católica, sufragánea da arquidiocese de Braga que comprendía a antiga provincia romana de Gallaecia na diocese de Hispania. San Martinho de Dumio está considerado como o apóstolo dos suevos, responsable maior da súa conversión do arianismo ao catolicismo.

Para finalizar o día, hospedámonos na Pousada de Espinho e ceamos pola vila costeira dos pescadores.

Día 2, 28/06/2022: Rumbo Porto 

Coincidimos con Alberto Mancebo Soto, reporteiro da RTVG na Avenida dos Aliados. Paseamos polos principais monumentos da vila: A Estação São Bento especialmente célebre polos seus máis de 20.000 "azulejos", o Mercado do Bolhão, o Café Majestic, a Sé do S. XII e o seu pelourinho, a Ponte Luis I de 1886, a Ribeira e o rabelo, embarcación que transportaba os bocois de viño, os restos da muralla Fernandina, declarada Patrimonio da Humanidade. Tamén puidemos visitar a Casa da música cunha arquitectura que semella a dun meteorito caído no medio de Porto. Fomos atendidos por un guía moi disposto. A Casa da Música foi proxectada polo arquitecto holandés Rem Koolhaas, transformándose inmediatamente nunha icona da cidade.

Día 3, 29/06/2022: Espinho, Barcelos

Empezamos o día na praia dos pescadores de Espinho onde nos esperaban Anabela Riveiro, técnica de turismo do concello de Espinho, Abel Casal Riveira e unha alumna en práctica. A praia adquiriu este nome xustamente por situarse en fronte ao barrio de pescadores coa igrexa de San Pedro, patrón dos pescadores. Aí practícase unha arte de pesca tradicional, a Arte-Xávega e pódense ver as típicas embarcacións de pesca. Visitamos o museo municipal, antiga conserveira Brandão, Gomes & empresa da vila.

Xa pola tarde, Barcelos, orixe da lenda do galo de Barcelos, emblema do país. Fomos recibidos por unha guía na Torre porta nova ou Torre Barcelos do S. XV que é a única que sobrevive na cidade. Foi residencia do alcalde, utilizouse como prisión e museo arqueolóxico. Na actualidade alberga exposicións de artesanía. Subimos á azotea para contemplar as vistas, o xardín barroco do S. XVIII. Entramos na igrexa octogonal do Senhor Bom Jesus da Cruz (1710). Este curioso edificio barroco, de formas redondeadas, ten unha grande bóveda de granito de 10 metros de diámetro. No interior, podemos ver a talla do Señor da Cruz a tamaño natural, do S. XVI, e os paneis de azulejos do S. XVIII.

Accede aquí ao álbum de fotografías da expedición ao norte de Portugal.

Karina Parga Chao

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...