28.11.17

Viaxe a Asturias de 3º de ESO

O mércores oito de novembro os alumnos e alumnas de 3º da ESO realizamos unha viaxe a Asturias, actividade programada entre o Dpto. de Tecnoloxía e o de Física-Química co obxectivo de ver os mecanismos de control e os automatismos de seguridade dun proceso de fabricacióntamén chamado automatización industrial.


Primeiro fomos visitar a fábrica da Granda de "Central Lechera Asturiana", onde nos dividiron en dous grupos para ir explicándonos os procesos polos que pasa o leite ata chegar aos supermercados, é dicir dende a recepción do leite á fábrica ata o seu envasado. Ao comezo, déronnos uns traxes para conservar a hixiene e a continuación comezaron coa explicación. Despois tivemos que camiñar un pouco ata o edificio onde se leva a cabo o proceso de embalaxe do leite.

Despois de rematar esta visita fomos a un centro comercial de Oviedo para xantar e facer unhas compras se queriamos.
Xa pola tarde, dirixímonos ao Museo da Minería de Fontao. Primeiro fixemos unha visita por unha mina para poñernos no lugar dun mineiro e concienciarnos dos perigos que supón este traballo. E despois subímonos nun tren que facilita a mobilidade dentra da mina. Tras voltar desta visita estivemos contemplando os aparellos e obxectos que se atopan no Museo.
NOAH POSADA
3º ESO
Accede ao albúm de fotos aquí.

27.11.17

Exposición Biblioteca Día contra a violencia de xénero

Chegou o mes de novembro e con el a exposición de libros e cine temáticos sobre muller para conmemorar o día internacional contra a violencia de xénero. Ver aquí a exposición. 


24.11.17

Carta a mamá, Leticia de Pedro Martínez - 2º Bach.

Mamá, teño medo. Son muller, mamá, e por iso teño medo. Sinto dor, tristeza, rabia e impotencia; porque son muller. Estou farta, mamá, farta de todo o que nos está a pasar, a min e a todas as nosas irmás. Estou farta de que nos fagan sentir inferiores, prescindibles e mesmo utilizables. Estou farta da sensación de noxo e sucidade que me percorre o corpo cada vez que saio á rúa e un, dous o un grupo de homes que se fan chamar persoas me comen cos ollos, me sexualizan e se cren co dereito a opinar sobre o meu corpo. Estou farta do medo a ir soa pola noite. Estou farta da necesidade que sinto de dicirlles a todas as miñas amigas, “avísame cando chegues”, por ser mulleres. Estou farta de que me asignen unha saia rosa e unha cociña e non un balón ou uns pantalóns azuis. Estou farta de que me digan: “ti, perruqueira; el, enxeñeiro”. Estou farta, así comeza todo.

Mamá, teño que contarche algo. Recordas ese rapaz que a miña amiga coñeceu con só dezaseis anos? Si, ese que non che gustaba e que me dixeches que non lle conviña. Seino, non che fixo caso, pero sabes? Di que todo vai ben. Di que a trata ben e que a quere, aínda que ás veces se enfade con ela; que son parvadas, cousas que ela fai mal, que é culpa súa. Cando me fala del queda embobada, di que lle gusta todo del, aínda que lle conteste mal cando a ve con outros homes. O outro día mesmo a empuxou. Ela di que só son celos, que significa que lle importa.

Mamá, estou preocupada. Onte chamoume chorando, dixo que lle pegara unha labazada por levar un vestido curto e que se fora da casa; despois mandoume unha mensaxe dicindo que todo estaba ben, que volvera arrepentido, ela perdoouno.

Agora di que todo está ben, que volveu ser o bo home do principio, que só foi un mal momento, que el tivo moitos problemas de neno. Non sei que pensar, fai semanas que non a vexo, el non lle deixa quedar comigo, di que é só para el.

Mamá, sabes que? Van ter un neno. Ela non estaba segura, ó principio non quería, pero el insistiu. Dixo que era o mellor para a parella. Isto non está ben, estou asustada, confesoume que ese día ela nin sequera quería manter relacións; obrigouna.

Mamá, a cousa empeorou, deulle unha paliza. Mamá… matouna.

Mamá, estou farta, farta disto. Farta de ver como me quedo sen irmás. Farta de que se abuse de nós en todos os sentidos. Farta de que non se nos escoite. Estamos loitando, estamos berrando, queremos ser libres, queremos vivir.

Farta, doída, mais sempre loitadora, de ter que ser eu, quen hoxe fala por ela e por todas as demais que, por ser mulleres, xa non teñen voz. 

Leticia de Pedro Martínez - 2º Bach. 


25 N - Perdouro en Negro

Este ano, sumámonos á compaña de sensibilización En Negro Contra as Violencias.

Leticia de Pedro Martínez, alumna de 2º de Bacharelato, abriu o acto conmemorativo do 25 N no IES Perdouro. O seu manifesto titúlase Carta a Mamá, e narra a historia dura, como a vida mesma, dunha irmá farta, moi farta. Mentres Leti lía o seu texto coa voz encollida, unhas gotas moi gordas de auga caeron do ceo como se foran lágrimas, mais non impediron a participación masiva da comunidade educativa. Para clausurar o acto, o conxunto do alumnado alí presente versionou ao unísono a canción do grupo Máis Boas Cás Patacas, "Son muller", canto de alento feminista.

Agradecemos o traballo do alumnado do Ciclo Medio de Instalacións en Telecomunicación por encargarse da megafonía do acto; o de Antonio, profe de debuxo, por encargarse do trazado do lazo lila no chan; o do alumnado de 1º de ESO e 1º Bach por facer a pancarta; o de Dolores, Neves, Miruca e Karina por ensaiar a canción nos días anteriores; o de María G.J., María José e Yaiza por sacar fotos do acto. Grazas, Leti!!!!! Grazas rapaces por sumarvos á causa, #BurelaEnNegro!

Grazas a todas/os pola participación, polo compromiso amosado no manifesto e pola ilusión coa que entoastes a canción. Grazas a todas e a todos por converternos e convertervos en cidadáns comprometidos coas causas xustas. (Miruca Parga)
 
Así se fixo: ver o álbum de fotos 

22.11.17

Charla taller de Scratch con Luis Hervella

O pasado xoves 9 de novembro os alumno de 2º de ESO tivemos unha charla sobre a importancia que vai ter no noso futuro laboral a programación, impartida polo mismísimo decano da Facultade de Informática da Coruña, Luis Hervella Nieto.

A linguaxe de ordenador é o novo inglés segundo o noso orador. Ademáis, afirma que é unha ferramenta a disposición de calquera e que non só se pode aplicar á informática, senón que tamén resulta útil para a resolución de problemas e desenvolvemento da creatividade.
Nestes días, adquirir coñecementos de programación está ao alcance de calquera, e máis cunha aplicación como SCRATCH, que nos foi presentada. Esta App está inspirada no funcionamento dos bloques de construcción de LEGO e permítenos traballar con programas previamente tratados que nos permiten fabricar todo o que podamos imaxinar.

ALBA GEADA, 2º ESO A

Perdouro en negro - Stop Violencia de Xénero.

Acto conmemorativo do día contra a violencia de xénero no IES Perdouro. Sumámonos á compaña de sensibilización En Negro Contra as Violencias.

Será o venres 24 ás 11h. no recreo. Darase inicio do acto coa lectura do manifesto redactado pola nosa alumna de 2º de Bacharelato, Leticia de Pedro. A continuación un grupo de alumnos cantaran a canción "Son muller" do grupo de rapazas de Teo Máis Boas Cás Patacas, gañadoras da segunda edición do "Quero Cantar". Se te animas, podes unirte a cantar o retrouso do tema. Para clausurar o acto faremos unha foto de grupo coa máxima participación da comunidade educativa do centro. A cor negra será a protagonista.

Vémonos o 24 ás 11h vestid@s de negro.

#BurelaEnNegro #PerdouroEnNegro #ContraAsViolencias

21.11.17

Fondos sobre igualdade recomendados polo CIM

 
Esta mañá, a Concelleira de Educación, Patricia Otero, xunto a psicóloga do CIM (Centro de Información da Muller), Cristina Cayón, entregaron un lote de libros para dotar as bibliotecas escolares do municipio de libros sobre igualdade. Unha moi boa selección que incorporamos de inmediato ao noso fondo de biblioteca.

Contacontos pola igualdade

Alumnado de 4º de ESO e 1º de Bach asistiron esta mañá no auditorio a un espectáculo "Contamos Todas" da compañía A Tropa de Trapo, actuación patrocinada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. 

Os contos empezaron coa historia das señoras de Torneiros e a súa iniciación a montar nunha bicicleta. O segundo conto relatou a historia de Liberia e de Ellen Johnson Sirleaf, actual presidenta do pais, Nobel da paz e primeira presidenta africana. Foron exemplos de vida, de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións, historias para facer pensar, exemplos de empoderamento, rebeldía, equidade e superación.
Logo deuse paso a un debate participativo sobre igualdade, feminismo, machismo e violencia de xénero.

Accede ao noso albúm fotográfico aquí.

20.11.17

Roteiro xeolóxico por Burela

O alumnado de 2º de BAC e de 4º da ESO de Bioloxía participou esta mañá nunha xeoruta polo litoral burelés, desde A Marosa ata O Perdouro guiados polo xeológo Francisco Canosa e patrocinado polo Concello de Burela.  

Fran foi o responsable de guiar ao grupo por esta zona de grande valor xeolóxico, aportando todas as explicacións oportunas para que o alumnado comprendese cómo se formaron esas estruturas tan fermosas. Ademais repartíronse unhas unidades didácticas sobre a xeoloxía de Burela de grande axuda para favorecer a aprendizaxe.
Accede a reportaxe fotográfica aquí.

19.11.17

Obradoiro de robótica - Día a ciencia en galego

Recollemos na web do CEMIT a seguinte información:
Hoxe en día estímase que o 43% dos postos de traballo actuais desaparecerán e que todos os traballadores requirirán de competencias en novas tecnoloxías. É necesario polo tanto que os nosos mozos e mozas estean PREPARADOS!!!!. 

Con motivo do mes da ciencia en galego, o EDLG contou coa axuda do departamento de Electrónica do centro. O proxecto deste ano ía destinado ao alumnado de 3º de ESO e consistiría nun obradoiro de iniciación á robótica. A finalidade desta actividade que se desenvolveu nas aulas do dpto. de Electrónica é fomentar nos rapaces e rapazas o desenrolo de habilidades cognitivas, pensamento crítico, concentración, aprendizaxe continuo, creatividade e coñecementos sobre novas tecnoloxías. 
 
O pasado venres 17 de novembro ao longo de 2 horas os alummos/as familiarizáronse cos robots Lego NXT e logo empezaron a programar ordes dende as máis sinxelas (camiñar rector 15 cm e parar) ata máis complicadas con sensores de cor ou ultrason. 

En resumidas contas, pasáronno moi moi ben!  E moitos parabéns a Marga López, docente deste obradoiro pola dedicación e paciencia. Grazas.

Accede ao noso albúm de fotografías aquí.


18.11.17

Viaxe a Samos e ao Cebreiro - unha crónica de Alejandra e Cristian

O día 10 de outubro o alumnado de 3º ESO viaxamos cara ao interior da provincia de Lugo acompañados pola profesora de Relixión Begoña Abad e pola profesora de Lingua Miruca Parga. A nosa viaxe pasaba por varios concellos todos eles relacionados co Camiño de Santiago e Antón Niñe, o noso anterior profesor de Relixión, fíxonos de guía. 
A primeira parada foi no concello de Samos, unha pequena vila perto de Sarria pero con gran valor cultural no Camiño. Alí vimos a “Capela do Ciprés” e o gran Mosteiro de Samos, moi importante na vila e coñecido en moitos lugares de Galicia. Este mosteiro ten dous grandes patios (o seu claustro é o maior de España e coñécese como “o claustro do pai Feijoo” porque neste mosteiro tomou os hábitos beneditinos e está presidido por unha estatua súa), ducias de cuartos, unha grande igrexa e, ademais, reúne tres estilos arquitectónicos distintos (gótico, renacentista e barroco). 
Logo de xantar, partimos cara ao Cebreiro. Alí visitamos o albergue e, aínda que non puidemos entrar, explicáronnos moitos detalles sobre el. Tamén entramos na igrexa do Cebreiro, onde estaban misando en alemán. 
Despois disto fixemos un tramo de algo máis de dous quilómetros, aproximadamente, do Camiño Francés. E, de volta, paramos en Lugo para merendar e mercar algunhas cousas. 

ALEJANDRA ALONSO e CRISTIAN GÓMEZ 3º ESO

“Maquetas celulares”, traballos de 3º de ESO

O alumnado de 3º ESO tivo que realizar unha maqueta dunhas células na clase de Virginia. O material utilizado para realizalas tiña que ser a base de material reciclado. Xa veredes os inxeniosos resultados.
Logo da súa explicación e descripción en clase, as cinco mellores maquetas celulares expuxéronse na vitrina da entrada do instituto.
Para conmemorar o mes da ciencia en galego, fíxose unha exposición bibliográfica de ciencias naturais.


Ver as cinco maquetas gañadoras aquí.

16.11.17

MetalMadrid

Alumnos dos Ciclos Medios de Mecanizado e Instalacións en Telecomunicación están en Madrid na 10ª edición de MetalMadrid, feira centrada no sector industrial: Máquina ferramenta por arranque e deformación, mecanizado, robótica, metroloxía e control de calidade, automatización dos sistemas de produción, pezas, componentes e accesorios, soldadura e oxicorte, equipos eléctricos e electrónicos.

14.11.17

Visita do tecido empresarial de Lugo

Os departamentos de Tecnoloxía e Física programaron unhas visitas ao tecido empresarial da zona de Lugo para o seu alumnado de 4º de ESO co fin de coñecer de primeira man un completo proceso de produción e as diferentes medidas de control do proceso.

Primeiro visitaron Cafés Candelas, unha empresa familiar con máis de 40 anos de experiencia no sector do café. Contáronlles que foron os irmáns Ramón e Manuel Alonso Alonso os que fundaron o tostador que hoxe dirixen os fillos Enrique y Ramón. Faláronlles do crecemento progresivo e sustentable da empresa, evolucionando de pequena empresa familiar a compañía con implantación internacional na distribución alimentaria e hostaleira. É unha compañía líder como torradora e fornecedora de café no sector da hostalaría. Viron os mecanismos de torrefacción e envado automático por cintas transportadoras. Ao finalizar a visita, o grupo recibiu unha bolsa con agasallos e produtos da marca de café mais sen antes ver unha demostración de Latte art.

Xa pola tarde en Castro Riberas de Lea o alumnado xunto ás súas profesoras de Tecnoloxía e Física, coñeceron unha empresa innovadora e moi nova, Quescrem. Visitaron as instalacións da fábrica de queixo para coñecer a súa infraestructura industrial. Tras unha breve presentación da empresa, os escolares baixaron á planta para ver o desenrolo do proceso de fabricación. A continuación, realizaron un completo percorrido por toda a fábrica do almacén ata o laboratorio I+D. Para finalizar a visita, puideron probar produtos Quescrem, entre os que se atopaba o ChocoBó, dirixido precisamente ao público máis novo, Quescrem Algas e Quescrem Natural, entre outros. Entregáronlles tamén unha bolsa cunha tarrina.

13.11.17

Formación de usuarios na biblioteca

Alumnos de 1º de ESO aprenderon a desenvolverse na nosa biblioteca grazas a formación de usuarios que lles deron as súas titoras ao longo do mes de outubro.  Aproveitamos tamén para facerlles entrega do seu carné da biblioteca e formar parte da comunidade de BiblioPerdouro. 
Tiveron que resolver pistas para atopar o libro, ler citas, etc... Sen suma, que se divertiron.
Accede aquí a máis fotos.

12.11.17

Obradoiro de Robótica - Mes da ciencia en Galego


O alumnado de 3º de ESO será o que se inicie á robótica da man da docente, Marga López Periago. Será o venres 17 de 11h30 a 13h10. nun obradoiro práctico onde aprenderán a programar un robot. En grupos de 3, os alumnos participarán na montaxe e programación dun robot móbil cun kit de LEGO, de maneira sinxela e divertida. Antes recibirán unha preparación previa para introducilos e familiarizalos cos robots e a linguaxe da robótica.

10.11.17

Facemos radio escolar co alumnado do CEIP Virxe do Carme

Recibimos esta semana nos estudios de Radio Burela dous grupos de 4º do CEIP Virxe do Carme. O martes 7 de novembro recibimos os de 4º B acompañados pola súa titora Pili e o venres 10 recibimos os de 4º A coa súa titora MariCarmen. 
Fixemos un programa especial emitido en directo polas ondas de Radio Burela nestes dous días. Os protagonistas presentaronse, falaron do que fan no seu tempo de lecer, recomendaron lecturas á audiencia e leron poemas. Falamos por teléfono con Jesus Arranz, director do CEIP Virxe do Carme, con Elba, membro da ANPA, con Sara Gil, estudante de xornalismo en Grecia e ex-alumna do colexio.

Damos as grazas a todas as nenas e nenos de 4º do Virxe do Carme polos seus agasallos. Gustounos moito esta maqueta de radiocasete e os CD.  Pasámolo moi moi ben con vós!!! Esperamos revivir esta experiencia sen tardar. Parabéns!

Karina e Bernardo.

PD. No blogue de aula de 4º "O Gatiño das Castros" podedes ver montaxe de fotos  e minivideos.

Neste albúm, atoparedes a nosa reportaxe gráfica.  


4.11.17

Novembro,o mes da ciencia en galego

Resultado de imaxes para día da ciencia en galego 2017Con motivo da celebración do VIII Día da Ciencia en Galego Igaciencia comparte na súa web materiais adicados a Darwin e a Domingo Fontán.

Grazas o traballo das Bibliotecas Escolares de Galicia, atopamos unha recompilación de recursos para traballar a ciencia en galego.

Peregrina Quintela Estévez, catedrática de matemática aplicada, foi a responsable do manifesto deste ano.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...