27.9.23

Presentación do libro "Unha familia de escultores: Xosé Rivas e fillos"


O luns 25 de setembro ás 18:30h tivo lugar a presentación do libro de Antón Niñe Unha familia de escultores, Xosé Rivas e fillos. Este evento foi ademais un acto aberto ao público e de carácter inaugural despois da remodelación da nosa biblioteca. Nela reuníronse docentes e ex-docentes do IES Perdouro, do IES Monte Castelo, integrantes do programa de radio Proxecto Neo e representantes das confrarías da Semana Santa de Viveiro.

Antón Niñe foi presentado pola directora, Mª José Pardiñas, que tamén introduciu as restantes acompañantes na mesa: Karina Parga, presidenta da A. C. Os Matos e profesora do IES Perdouro, e Maribel Crecente, ex-docente do noso centro e encargada de redactar o limiar da obra que se presentaba.  

Nas súas explicacións, o autor do libro expuxo os datos máis relevantes da vida e da obra de Xosé Rivas, orixinario de Riotorto, e dos seus fillos. Este prolífico escultor e a súa familia teñen repartidas as súas esculturas pola Mariña, por distintos lugares de Galicia, de España, por varios países de Hispanoamérica e mesmo algunha das súas imaxes se atopa en Filadelfia (EEUU). 

O ambiente da xuntanza foi moi familiar e, para finalizar, como Antón tiña por costume a principio de curso, agasallounos con bombóns. A continuación, asinou exemplares dos seus libros para os presentes. 

Foi un acto entrañable. 

Podedes acceder ao resto de imaxes AQUÍ

22.9.23

Presentación do libro de Antón Niñe "Unha familia de escultores: Xosé Rivas e fillos"

O luns 25 de setembro ás18:30h o ex-profesor do IES Perdouro Antón Niñe presentará no centro o seu libro Unha familia de escultores: Xosé Rivas e fillos. 

Nela repasa a historia deste grande artista e dos seus descendentes. Xosé Rivas era natural de Riotorto e de alí marchou para Santiago. No seu taller dedicouse a esculpir numerosas obras, fundamentalmente imaxes relixiosas, que están repartidas por distintos lugares de Galicia, de España e mesmo de América. 

O centro e a A. C. Os Matos, da que Antón é presidente de honrea, convídanvos a asistir. 

A presentación está aberta a todo o público.

17.9.23

Anótate para participar nos torneos de San Xoán Bosco

Imos comezar cos torneos de San Xoán Bosco nos recreos. 

O primeiro que tes que facer é ir á biblioteca co teu carné de socio se queres participar no de xadrez, damas ou cubo de Rubik. 

E se queres xogar ao fútbol ou ao baloncesto anótate na folla de inscrición que tes no taboleiro do túa aula. 

Podes participar en calquera dos xogos ou dos deportes porque se celebrarán en días diferentes. 





15.9.23

O profesor Bernardo Penabade recibe o Premio Meendinho

O sábado 9 de setembro o profesor do IES Perdouro Bernardo Penabade recibiu o Prémio Meendinho en Vilar de Santos (Ourense) na súa décimo cuarta edición. A Fundaçom Meendinho outorga este galardón a persoas e entidades que destaquen no campo da dinamización cultural e lingüística tendo en conta a dimensión internacional da lingua galega.  

Este recoñecemento premia a constancia de Bernardo á hora de traballar nun ensino inclusivo a través do Modelo Burela, que cumpre xa 20 anos. Esta é unha intervención educativa destinada á transformación dos usos lingüísticos habituais tanto na comunidade escolar como no seu ambiente social máis inmediato. As primeiras actividades, ponte entre a escola e o conxunto da cidadanía, consistiron na recompilación e estudo de escritos do ámbito familiar (convites, recordatorios, lápidas…), das comunicacións comerciais e empresariais, da xestión de comunidades de vivendas e das actuacións xurídicas e notariais. A realización de xornadas de animación á lectura e a promoción do diálogo intercultural a través de intercambios educativos completouse coa posta en práctica dunha escola de comunicación a través da radio, coa emisión de dous programas semanais: Proxecto Neo e Grandes Vozes. 

Proxecto Neo é o noso programa de radio escolar. Nel trátase de incorporar á cultura galega a persoas que non tiveron a nosa como a súa primeira lingua. Desde o mes de xaneiro de 2012 dá a coñecer experiencias de neofalantes que poden servir de modelo para outras persoas que necesitan estímulo para iniciar ese proceso. Emítese en Radio Burela os mércores pola tarde, está realizado por alumnado do centro coa coordinación de Bernardo e a colaboración de profesorado do IES Perdouro. Está preto de chegar aos 400 programas.

No ámbito da atención á diversidade, o Modelo Burela traballa con alumnado en situación de fracaso escolar extremo e impulsa unha acción educativa en colaboración cos servizos sociais e asociacións culturais, deportivas e recreativas, como axentes de inclusión social.

Moitos parabéns, Bernardo!     

Pódese acceder a outras imaxe do acto AQUÍ

2.9.23

Presentacións de inicio de curso 2023-24

Xa estamos de volta!

As presentacións de inicio de curso son o luns 11 e o martes 12 de setembro. O lugar é a biblioteca do centro e desde alí o profesorado titor acompañaravos á vosa aula de referencia. 

Benvidos ao curso 2023-24 no IES Perdouro!









Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...