21.12.21

Felices Festas!

 


Chegaron os premios para as Portas de Nadal!

 Por fin coñecemos quen gañou os premios Portas de Nadal da edición 2021!

  • 1º premio para 1º ESO A, polo volume da árbore, polos desexos compartidos en cada bóla e polos agasallos en tres dimensións.
  • 2º premio para 4º ESO A, pola súa orixinalidade, pola concordancia entre as dúas portas da aula e pola súa singular caixa de correo. 
  • 3º premio para 1º BAC A, pola limpeza da súa obra, polo emprego de distintas texturas e polo coidado nos detalles dos diferentes elementos decorativos. 
Para o xurado resultou moi difícil escoller as portas gañadoras, polo que resolveu conceder dous accésits
  • A 2º ESO PMAR, pola realización dun gran traballo, aínda sendo o grupo menos numeroso, e polo emprego de elementos decorativos de orixe natural. 
  • A 2º FPBásica de Fabricación e Montaxe, por utilizar a reciclaxe para a decoración da súa porta e polo esforzo realizado para serrar os compoñentes que empregaron. 
Moitos parabéns!!


**



Podedes ver as portas participantes nesta edición AQUÍ



19.12.21

Din que a unión fai a forza e tamén... se cadra... a árbore de Nadal!

Un curso máis, distintos departamentos do IES Perdouro uníronse para fabricar unha fermosa árbore de Nadal. 
Aplicando os seus coñecementos de trigonometría, artes plásticas, proporción aúrea, soldadura, origami e kusudama, o alumnado de: 
  • FP Básica de Fabricación e Montaxe, 
  • 2º ESO de Relixión,  
  • 3º ESO de Matemáticas, 
  • 4º ESO de EPeV, 
  • 4º ESO de Tecnoloxía, 
  • CM de Mecanizado e 
  • CM Instalacións de Telecomunicación
elaboraron a árbore que se pode contemplar na entrada do centro.



Podedes ver máis imaxes da árbore de Nadal e dos autores destes magnífico traballo AQUÍ

Entrega de premios do concurso Portas de Nadal

O martes 21 entregaranse os premios ás portas mellor decoradas para este Nadal 2021-22. 

Durante esa mañá, visitaranse as aulas dos grupos gañadores para entregarlles o premio. 

Moita sorte para todos! Están quedando preciosas! 

18.12.21

A horta escolar do IES Perdouro

No departamento de Bioloxía e Xeoloxía do IES Perdouro tratamos de aproximar os nosos alumnos ao medio máis próximo. Neste caso levámolo a cabo a través dunha horta escolar. 

O obxectivo é que o alumnado cultive verduras e hortalizas fomentando así a alimentación saudable e o coidado do medio ambiente. Este trimestre os alumnos de 1º da ESO comezaron coa preparación do horto. Primeiramente, escolleron a zona máis adecuada do centro para a súa localización, baseándose na incidencia da radiación solar, humidade e características do solo. A continuación, planificaron a distribución do solo para organizar os distintos tipos de cultivos. As plantas que sementamos neste trimestre son aromáticas como a menta ou a herba luísa. Foron escollidas xa que atraen a numerosos insectos que favorecen o desenvolvemento do solo (vermes, cempés, xoaniñas, avispas, etc). Ademais, tamén estamos plantando verduras de temporada como son os repolos. 

No segundo trimestre continuaremos coa preparación dos sementeiros de leitugas, tomates ou pementos, que se plantarán xa no terceiro trimestre. 

O proxecto acaba de comezar, seguiremos informando!

M.ª José Fernández Vázquez - profesora do Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía

O acuario tropical do IES Perdouro

Na charla sobre o acuario impartida para 3º ESO A, B e PMAR, dentro das actividades do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, falouse sobre as especies de plantas e os coidados básicos para o seu mantemento. As plantas que hai son: 

Cyptocorine affinis 
Hygrophila difformis 
Alternanthera rosaefolia 
Hydrocotyle leucocephala 
Echinodorus, anubia barteri 

Tamén expliquei qué especies de peixes hai, das que o máis salientable é que se trata de peixes ovovivíparos (os ovos desenvólvense no ventre da nai) e peixes vivíparos (o embrión xéstase no interior da femia e nacen directamente). Estes peixes viven aproximadamente a 25º C e xa tiveron varios alevíns. As especies que hai no acuario son: 

Guppys e Platys (ovovivíparos) 
Corydoras aeneus bronce e albinas (vivíparos)

Ademais falei dos distintos dispositivos de medición das condicións do acuario: medidor de pH, fosfatos, nitratos etc. 

Durante todo o curso, continuaremos observando o desenvolvemento dos peixes e das plantas do acuario e aprendendo sobre as súas condicións de vida. 

María Isabel Hategan - 3º ESO B

Estudo dos réptiles: o dragón barbudo

O xoves 16 de decembro, a alumna de 3º ESO B María Isabel Hategan Lefter deu unha charla aos compañeiros sobre o dragón barbudo, aproveitando que un exemplar foi cedido durante un día ao noso instituto. Este réptil escamoso, da especie Pogona vitticeps, vive nos desertos e semidesertos de Australia, polo que é diurno, pode trepar árbores e aliméntase de vexetais, froitos e insectos. É territorial (non se poden xuntar dous machos e unha femia no mesmo espazo, porque se enfrontarían un ao outro). Cando se sente ameazado ou asustado, abre a boca e a súa barba pode volverse de cor negra.

Os rapaces tiveron ocasión de tocalo e mesmo de telo nos seus brazos xa que é inofensivo. 

Podedes ver máis imaxes desta actividade AQUÍ

Fabiana Monteiro Pereira - 3º PMAR

Encontro con Javier Miranda de Terras de Miranda

O pasado 3 de novembro, recibimos no noso centro a Javier Miranda, representante e propietario de “Hortícolas Javier Miranda”, de Riotorto. Veunos falar do seu proxecto empresarial: como foron os inicios do seu negocio, que produtos cultiva e comercializa, como vai rotando os cultivos para evitar a sobreexplotación do solo, o emprego de químicos, dificultades que atopa no seu día a día… Sorprendeunos o novo que é e o ben que fala! Sen dúbida, foi unha actividade moi interesante e que nos conecta co mundo “real” do rural, ademáis de servirnos para profundar no que demos nas clases de Sociais sobre o sector primario.

Fabiana Monteiro Pereira  e Kassandra Soria Febrero, 3º ESO PMAR

Videoconferencia de Igaciencia – Novembro: mes da ciencia en galego "O que aprendemos da pandemia"

O 16 de novembro a doutora e neurocientífica Sonia Villapol falounos sobre o tema da pandemia e un pouco da súa vida fóra de Galicia.

Contounos cousas moi interesantes como a existencia das “Fake News”, noticias que provocan moita desinformación. Acompañou isto cunha mensaxe da OMS (Organización Mundial da Saúde): “Non só loitamos cunha pandemia senón cunha infodemia, debido á abundancia de noticias”.

Segundo a neurocientífica, o virus tróuxonos tanto cousas positivas como negativas. Durante este periodo, a ciencia, coa axuda da nanotecnoloxía, xogou un papel moi importante na creación das vacinas e a xente comezou a preocuparse máis pola súa hixiene e saúde. Lamentablemente, isto non reduce as consecuencias negativas que nos deixou a covid-19. As perdas dos nosos seres queridos e non poder ter contacto cos amigos e familiares foron os feitos que máis nos afectaron. Sonia Villapol díxonos que as persoas máis prexudicadas mentalmente foron os adolescentes, ata tal punto que aumentaron o número mozos con depresión e ansiedade. Se conseguimos coidarnos e manter a nosa saúde mental e física, poderiamos cambiar esta situación. Moita xente nos axuda a afrontar este problema e nos dá consellos como Sonia Villapol. Temos que seguir adiante despois de todo.

A charla pareceume moi necesaria e con moita información sobre o que está acontecendo ao noso redor. Penso que deberiamos recibir algunha outra sobre esta temática.

Lidiana de Pina Sanches – 4º ESO B

Obradoiro de escritura con Artemisa Semedo

OBRADOIRO DE ESCRITURA CREATIVA
A importancia de relerse e reescribirse
 

Os días 23 e 24 de novembro o alumnado de 1º de Bacharelato tivemos un obradoiro sobre escritura creativa impartido por Artemisa Semedo, que foi alumna do noso Centro.

Co título de “A importancia de relerse e reescribirse”, durante dúas sesións de dúas horas cada unha, desenvolvemos unha serie de actividades relacionadas coa creación de textos e a sensibilización contra a violencia machista.

Nun primeiro momento fixemos un xogo a modo de presentación, para romper o xeo e sentirnos máis cómodos á hora de expresar as nosas ideas; tivemos que elaborar unha frase co noso nome e unha cousa coa que nos identificásemos.

Outras actividades que fixemos foron cadeas de palabras seguindo as ditas polos compañeiros e compañeiras, escoller cores asociadas a unha persoa e escribirlle un texto agradecéndolle algo ou a chamada “caixa de palabras” (elixir unha palabra, pensar cinco relacionadas con ela e redactar un texto).

Na segunda sesión xa tivemos que pensar algo máis e ser máis creativos á hora de escribir as nosas historias ou poemas. A partir dunha frase que nos deu Artemisa, nós tivemos que elaborar un texto. Despois ensinounos un graffiti de Bansky dunha nena cun globo e a partir desta imaxe tivemos que escribir unha historia imaxinaria ou algunha lembranza da infancia.

Para rematar, centrámonos no tema do 25N, na violencia machista, e tivemos que expresar nun texto qué lugar do noso corpo sentiamos máis tensionado, negado ou agredido e que outras sensacións nos pode chegar a producir o patriarcado presente na nosa sociedade. Esta actividade era difícil xa que non todas as persoas querían compartir a súa opinión cos demais, pero houbo algún compañeiro e compañeira que se ofreceu a contar a súa historia.

Neste obradoiro compartimos a nosa imaxinación, as nosas vivencias e as nosas emocións, algo que, ao mellor, na nosa casa non fariamos.

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.

Iria López e Yago Martínez, 1º Bacharelato

17.12.21

Entrega de premios Certame Postal de Nadal

Esta mañá Miruca Parga, Vicedirectora, e Ruth Adrio, xefa do departamento de Educación Plástica e Visual, entregaron os diplomas e premios aos gañadores do certame especial Postal de Nadal.

  • Alexandre García Pousa de 3º ESO A acadou o 1° premio polo seu detallismo e limpeza escapando da imaxe clásica de Nadal. O seu debuxo representará a postal institucional do centro.
  • Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 3º ESO B obtivo o 2° premio polo minucioso traballo do fondo e a transformación dunha estampa de Nadal clásica en anime.
  • Uxía Oroza Combarro de 1º ESO B recibiu o 3° premio pola súa atrevida composición, con collage e diferentes técnicas, rescatando a figura tradicional do apalpador.

Parabéns a estes 3 grandes debuxantes que ten o Perdouro!!




 

16.12.21

Fallo concurso de debuxo Especial Postal de Nadal 2021

Reunido o xurado, danse a coñecer os gañadores do certame de debuxo especial Postal de Nadal. 

O venres día 17 farase entrega dos diplomas e premios na bilioteca por parte do departamento de Educación Plástica Visual e Vicedirección.

  • Alexandre García Pousa de 3º ESO A acadou o 1° premio polo seu detallismo e limpeza escapando da imaxe clásica de Nadal.
  • Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 3º ESO B obtivo o 2° premio polo minucioso traballo do fondo e a transformación dunha estampa de Nadal clásica en anime
  • Uxía Oroza Combarro de 1º ESO B recibiu o 3° premio pola súa atrevida composición, con collage e diferentes técnicas, rescatando a figura tradicional do apalpador.

12.12.21

Charla violencia machista nas relacións de parella na mocidade

As alumnas e alumnos do Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética Capilar asistimos o 22 de novembro a unha charla sobre a violencia machista nas relacións de parella na mocidade. Resultou ser unha xornada interesante e chea de dúbidas resoltas pola persoa que dirixiu a actividade, unha traballadora do Centro de Recuperación Integral de Mulleres que sofren violencia de xénero de Santiago de Compostela. Ela veu ao IES Perdouro grazas ao Plan Proxecta “Por 365 días de respecto e igualdade”, que no noso centro está coordinado pola profesora Carmen Sampedro.

Aprendemos a diferenciar a palabra "sexo" de "sexualidade". En moitas ocasións, as persoas temos prexuízos á hora de falar sobre elas ou mesmo non coñecemos cal é a diferenza. Despois disto, sen esperalo, comezamos un coloquio con diferentes opinións e isto fíxonos chegar a varias conclusións que debemos ter en conta.... Nós, os rapaces e rapazas de agora, somos o presente da sociedade, pero tamén o seu futuro. E como ben di un refrán moi coñecido: "Cada un recolle o que sementa”. Podemos sementar sinceridade, harmonía, respecto, amor, é dicir, non prexulgar. Pero tamén é posible sementar hipocrisía, discordancia, odio... Como futuro da sociedade, que queremos recoller?

Rematamos a charla (a cal se nos fixo moi breve) cunha sensación moi positiva e con ganas de inculcar aos nosos compañeiros, familiares e coñecidos que entre todos podemos mellorar esta sociedade, intentando erradicar deste xeito a violencia de xénero.

Na mesma xornada, pero noutras sesións, tamén participaron nesta actividade os compañeiros dos Ciclos Medios de Mecanizado e Instalacións de Telecomunicacións.

Alumnado de Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética Capilar

8.12.21

Feira "Comercio con sentido"

O venres 22 de outubro o alumnado de 2º e 3º PMAR e FP Básica de Fabricación e Montaxe e de Servizos Administrativos fomos ata a Praza da Mariña para visitar a feira “Comercio con sentido”.
Cando chegamos, leváronnos ata un mapa chamado “de Peters”, que era bastante grande e no mapa tiñan colocado o café, o azucre, o chocolate e o cacao, cada un na zona na que se produce. Alí informáronnos sobre cada produto. Por exemplo, que todos eles se cultivan nos países que están no hemisferio sur e despois se exportan a países do norte e alí véndense.
As persoas que viven nos países do sur e traballan nisto gañan poucos beneficios porque eles fan todo o traballo que leva cultivar estas plantas e despois mándano a outros países e os que saen gañando son os países do norte, porque eles poñen o prezo que queren.
Tamén nos dixeron que o mapa de Peters non era como o que tiñamos na clase, aínda que en realidade non é así, porque xusto na nosa aula hai un mapa de Peters. Este mapa é diferente doutros porque é diferente o tamaño dos países e os do hemisferio sur vense máis grandes.
Despois de explicarnos todo isto, separáronnos en tres grupos porque había tres postos na feira: un de azucre, un de cacao e outro de café e cada grupo tiña que ir pasando por cada un deles. Alí había unha persoa que nos explicaba como era o proceso de producir cada un dos cultivos.
No que se refire ao azucre, contaban con catro tipos, aínda que dous deles eran practicamente iguais. Explicáronnos que o azucre branco, o que habitualmente usamos, procede da remolacha e os outros dous veñen da cana de azucre. O azucre de cana, uns son máis clariños e outros máis escuros, porque pasan por diferentes procesos de elaboración. A panela é un tipo de azucre máis escuro. Tamén nos contaron que o azucre se produce en Brasil, India, China, Tailandia, Paquistán e México.
O cacao dixéronnos que se producía principalmente na Costa de Marfil. A súa planta é o cacaoteiro. Collen o seu froito cando está vermello como a cereixa. Despois de collelo, fan todo o proceso de sacarlle as sementes, secalas e moelas e despois disto queda a manteiga de cacao, a pasta de cacao etc. O 68 % da súa produción está en África, o 18 % en Asia e o 14 % en Oceanía.
En canto ao café, provén dunha planta chamada cafeeira. O froito ten que estar vermello para ser recollido e despois sácaselle a cáscara e déixase secar. Cando acaba o proceso de secado, tórrase ou móese se se quere vender moído. Ten máis calidade o natural e menos o torrado. Tórrase porque, ,ao facer o café, sae máis escuro se está torrado, pero é peor ca o natural. O café prodúcese sobre todo en Perú, Colombia e México.
Quen quixo tivo oportunidade de probar o chocolate e o café. Tamén o vendían como produtos de comercio xusto. Así, van máis beneficios para os produtores e non tanto para os intermediarios.
Ao final, volvemos ao mapa de Peters e reflexionamos sobre a importancia dos países do hemisferio sur na produción destes cultivos que tanto se consomen en todo o planeta. 
Accede ao albúm de fotos AQUÍ.

Elian Sanches Tavares e Leydi Belén Briyith Abanto Balvin – 2º ESO

2.12.21

Normas para o concurso "Portas de Nadal"

Se queres participar no concurso "Portas de Nadal", debes seguir estas normas:

1. Decora a porta tendo en conta a orixinalidade, a estética e a sostibilidade. 

2. Cada grupo decorará a porta da súa aula de titoría.

3. En canto a materiais, prohíbese a cinta de pegar de dobre cara, porque arrinca a pintura da porta. No canto diso, emprega cinta de papel (de carroceiro). 

4. A decoración que se valorará para este concurso é só a da porta. O resto terase en conta para o concurso "Aulas Limpas".

5. No resto da aula, só se pode poñer decoración de Nadal no taboleiro, para cumprir coa normativa COVID de limpeza. Polo tanto, non se pode colocar na aula a típica árbore de Nadal nin outro tipo de decoración. 

6. O luns 20 de decembro a última hora da mañá a porta debe estar rematada. 


1.12.21

O mes da Ciencia en Galego 2021 por Igaciencia

Videoconferencias promovidas por Igaciencia polo mes da ciencia en galego 2021

Enlaces á emisión en directo :

Senén Barro Ameneiro. Director do CiTIUS.  

Sonia Villapol Salgado desde Houston (Texas).

Maria Del Pilar Bermejo Barrera, Decana da Fac. de Quimica da USC

Luis Díaz Allegue, profesor da URJC

  • A economía circular e a bioeconomía. Como as bacterias poden axudar a abandonar o modelo lineal actual de "tomar-facer-desperdiciar" para pasar a unha economía que sexa rexenerativa por deseño. https://www.youtube.com/watch?v=A5nZXDjCiCY
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...