31.3.22

O Día das Artes Galegas 2022: Laxeiro

O Día das Artes Galegas de 2022 está dedicado a Laxeiro, unha figura central da cultura galega do século XX pola súa achega á renovación e á vangarda nas artes. O seu impacto no mundo da creación artística, 25 anos despois do seu falecemento, segue a ser incuestionable, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Pero a pegada de Laxeiro non só se circunscribe a este ámbito. O artista lalinense conseguiu a aprobación popular dos galegos máis alá do ámbito pictórico e académico. 

Fonte: Cultua Galega

Acceso á web Fundación LAXEIRO

O alumnado de 4º de ESO de Educación Plástica e Visual investigou sobre Laxeiro e fixo unhas infografías e o mural aquí exposto.

Recollemos aquí a infografía de Lidiana de Pina.


 

 

 

8M: Antía Yáñez e a súa novela "Senlleiras"

O martes 8 de marzo (Día Internacional da Muller) tivemos a visita de Antía Yáñez, autora do libro Senlleiras que lemos na primeira avaliación de Lingua Galega. 

A escritora falounos da orixe deste libro. Un día, escoitando un podcast de “Cuarto Milenio”, oíu que unha muller fora atopada morta e o seu bebé xogando xunto ao cadáver; a isto sumáselle que na última fotografía publicada dela víase unha man pantasma. Por iso, ela decidiu escribir un libro que empezara cunha morte e que os feitos se foran desencadeando ao longo da historia. Nese momento ela sabía pouco da violencia machista mais decidiu entrar nese tema para entendelo mellor. A súa intención era escribir sobre mulleres da súa idade coas que sentirse identificada, xa que o común na literatura é que os papeis protagonistas sexan para homes (como exemplo puxo a Harry Potter, unha das sagas que a introduciron no mundo da lectura, xunto coa serie de libros de “Los cinco”; sobre estes últimos libros contounos que sempre se identificou cunha das protagonistas (Georgina), pero que ela non quería deixar de ser muller para facer o que Georgina facía, posto que a protagonista quería ser un rapaz para correr moitas aventuras). 

Amosounos diversos exemplos sobre o papel da muller na literatura, como o caso da autora de Harry Potter, quen non puxo o seu nome completo nos libros porque, se o público masculino sabía que era unha muller, non os lerían. 

Con respecto á violencia machista, ao longo da charla ensinounos algúns titulares de noticias redactados de maneira agresiva cara ás mulleres, mentres que, no caso dos homes, moitas veces se intentaba diminuír a importancia da situación. A violencia convértese nun circo mediático que parece esconder os agresores e intentar suavizar os delitos que se cometen contra as mulleres. 

Tamén nos presentou algúns dos lugares que aparecen no libro como “Vila Chorima”, que agora está en ruínas e que era o lugar a onde Alana foi servir coa súa nai, e onde vivimos a súa infancia. Tamén falou da Rúa Betanzos e da Praza de Lugo, lugares onde se desenvolvía a vida de Alda e Alana, e o Hotel de Francia, que actualmente é o Blue Coruña. 

Gustoume moito a charla xa que a escritora fusionou temas do libro coa realidade da violencia machista que estamos vivindo na nosa sociedade. 

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

Sandra Lopes Monteiro, 1º BAC-B

Concursos anuais da AC Os Matos

Aberto o prazo dos concursos anuais da nosa asociación cultural Os Matos. Ata o 27 de abril. Anímate e participa. Hai primeiro e segundo premios nas tres categorías. Lembra: en lingua galega.

XV Concurso literario     
    + de relato curto  
    + de poesía
 
XIII Concurso de Imaxe

Concurso Portada Maruxía nº 28

27.3.22

Obradoiro de xoguetes naturais

O luns día 7 de febreiro do 2022, José Manuel García Fernández veu á nosa clases ensinarnos os seus xoguetes naturais e de paso fíxonos facer un xoguete a nós. 

O primeiro xoguete que nos ensinou e que fixemos foi un barquiño feito cun xunco (que é unha planta que se pode encontrar en zonas húmidas), con espiñas de acacia que suxeitaban o xunco e con follas de loureiro, que tiñan o papel de vela do barco. 

O segundo xoguete que nos ensinou foi o saltón. Era un obxecto de madeira que tiña un mecanismo que facía que o obxecto saltara dando unha viravolta. 

O terceiro xoguete chamábase rinrán. Era un xoguete feito con noces, un pau e un fío groso. Funcionaba a base de tirar do fío con forza e a noz encollía o fío de novo para dentro. 

O cuarto xoguete foi como o primeiro pero mellor feito e moito máis complicado, tamén feito con xuncos.   

O quinto e o sexto xoguete foron unha boneca e un cabalo feitos de folla de millo que estaban moi ben decorados. 

O sétimo xoguete era un colar feito con bólas que un tipo de avespas poden crear nos carballos. Había un máis grande e outro máis pequeno. 

O oitavo xoguete era o tiratacos. Funcionaba cunha bóla de papel mollada e cun pau da medida correcta. Poñíanse dúas bóliñas de papel molladas e o pau empuxa a segunda bóla para que o aire se comprima e a primeira bóla saia disparada. 

E o noveno e último xoguete chamábase foguete cun xunco. Funcionaba separando un pouco a casca do xunco pola súa base. Logo, collíase unha parte da casca e tirabas da outra con forza para abaixo e o xunco saía como un foguete. 

Na miña opinión, foi unha actividade bastante divertida e na que puidemos aprender cousas novas e todas as cousas que se poden facer con elementos naturais. 

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

Antía Montenegro González – 2º ESO D

Ruta por Burela e visita de Maribel a 3º ESO PMAR

O pasado 11 de xaneiro, o grupo de alumnos de 3º ESO PMAR realizamos unha saída por Burela acompañados dos profesores Bernardo, Sonia e Fernando. 

Visitamos a parte máis antiga de Burela e vimos recunchos con moita historia como a casa na que viviu o Mariscal Pedro Pardo de Cela ou o cuartel que tiñan as tropas de Napoleón cando se produciu a Guerra da Independencia, o cal, por certo, atópase nun estado lamentable. Tamén vimos varios exemplos de feísmo urbanístico e revisamos vocabulario do galego que se está a perder nas xeracións máis novas como os distintos nomes cos que se coñece un hórreo: cabozo, celeiro ou espigueiro. 

Sen dúbida, foi un día formidable no que puidemos saír da aula para aprender cousas ben curiosas da vila na que vivimos, así como conversar con algún veciño. 

Por outra parte, o mércores 16 de marzo, recibimos a visita da gran exprofesora de Xeografía e Historia do IES Perdouro, Maribel. Entre todos fixémoslle unha entrevista na que lle formulamos preguntas sobre as súas orixes, a súa formación, a súa carreira profesional, as súas vivencias no noso centro, as súas afeccións, os seus desexos tras a xubilación... Recordamos tamén moitos momentos graciosos vividos con ela nas súas clases ou excursións. Encantounos volver vela e escoitala. 

Sen dúbida, foi unha experiencia moi fermosa.

Alumnado de 3º ESO PMAR.

26.3.22

Agradecemento ao Modelo Burela de Cristian Gómez e Noemy Cardoso

O luns 21 de marzo recibimos no centro a visita da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, para asistir a un acto no que se presentou o documental Aquí medra a lingua e canda ela interviñeron a directora do audiovisual, Cristina de la Torre;  Natalia Irimia, coordinadora do EDLG e a nosa directora, María José Pardiñas. Estiveron acompañadas por unha representación do alumnado do centro: Cristian Gómez e Noemy Cardoso Borges. 

Para os que non puidestes asistir á presentación, aquí tedes as súas intervencións, que foron publicadas na sección de Opinión de La Voz de Galicia, como mostra de agradecemento do seu paso polo IES Perdouro e da súa participación no Modelo Burela

Intervención de Cristian Gómez na presentación de «Aquí medra a lingua» no IES Perdouro de Burela

Grazas por permitirme estar hoxe aquí para á presentación do documental «Aquí medra a lingua», un título que sen dúbida é moi acertado desde o meu punto de vista, porque realmente é nas escolas onde os rapaces vamos medrando, pasando etapas. Aínda que non sexamos plenamente conscientes diso, a lingua vai medrando no noso interior canda a nós. Cada dia aprendemos un pouquiño máis: unha realización fonética, unha palabra ou unha  explicación sobre a evolución no tempo.

No meu caso, o título «Aquí medra a lingua» está directamente vinculado coa intervención educativa «Modelo Burela». A miña entrada neste proxecto ocorreu sen eu ser moi consciente do que pasaba.  Con 13 anos, no comezo do Ensino Secundario,  ofrecéronnos participar en «Proxecto Neo», o programa de radio escolar do IES Perdouro. Este ofrecemento fixo que a miña vida dese un xiro de 180º. 

Cando comecei,  era una persoa introvertida e con poucas  inquedanzas. Agora, despois de 5 anos camiñando e medrando con este proxecto,  podo dicir que grazas ao Modelo Burela estou aquí diante de vostedes contándolles a miña experiencia porque conseguín deixar atrás aquel rapaz introvertido.

Sen medo a errar, podo asegurar que o Modelo Burela non so é ensino, Modelo Burela é comunidade e fonte de apoio para a evolución, para un novo estilo de vida.

Seguramente vostedes estarán pensando en cal é esa máxica fórmula que contén Modelo Burela para poder facer cambios de tal estilo, pois ben, apunten, porque é ben sinxela .

Vocación, traballo e dedicación, son as tres bases que sustentan este proxecto. Unhas bases que son sustentadas á súa vez por polas persoas que o levamos a cabo (así, en primeira persoa de plural).

Comecei a ser consciente daquel xiro de 180º  cando hai 4 anos fomos ao País Vasco en viaxe de estudos e nesa viaxe descubrín un novo mundo: o da  regueifa. Este mundo abriume os ollos. Atopei xente que defendia o que pensaba e facíao con alegría. Poder convivir con estas persoas coa música como elemento de unión e gozar coa pluriculturalidade foi a chispa que acendeu en min esa parte que me fai ver e valorar o traballo que hai detrás das cousas.

Desde aquel momento quixen ser como esas persoas e, co consello e apoio do ensino Modelo Burela, lanceime a participar en obradoiros para aprender e para ensinar. Síntome satisfeito da oportunidade de participar como monitor para que máis rapaces que estivesen na mesma situación que eu estiven atopasen esa mesma chispa.

Traballando desde dentro no Modelo Burela deime conta das grandes persoas que me rodeaban. Poño un exemplo: Como a nosa é unha intervención feita dentro e fóra da escola, quero destacar a importancia dun referente educativo fundamental para as ducias de estudantes que pasamos pola radio educativa nestes dez anos. Con Matías Nicieza aprendemos a comportarnos no estudio, aprendemos a manexar os medios técnicos e tivemos a sorte de participar tamén no audiovisual como actores e actrices ou como axudantes de produción e de gravación. Por iso Matías Nicieza é unha das grandes fortalezas do Modelo Burela.

Dentro do equipo docente, temos tamén moitos referentes, so que cito só alguns. Maria José Pardiñas -a nosa directora-, Miruca e Karina Parga, Bernardo Penabade e Manolo Maseda son xente traballadora que non se dá por vencida, docentes que non se limitan a ler un temario que terás que plasmar con puntos e comas nun exame.

Grazas a persoas como estas e grazas ao seu apoio, estou pensando en orientar a miña vida como docente, un docente MODELO BURELA. Moitas grazas.

Intervención de Noemy Cardoso Borges

Ola a todos e todas. Moitas grazas por facerme este convite tan especial de estar aquí xunto con vostedes. Antes de máis nada, quería compartir a miña chegada e adaptación a Galiza. Cheguei no final de decembro de 2019, sen saber como son as persoas, as culturas, crenzas, hábitos. Neste contexto chegou pandemia. Estiven só cinco meses na escola, máis durante a corentena esforceime no estudo e logrei pasar de curso.

Había palabras que non entendía, expresións que descoñecía, mas non desistín. Tratei de entender e comprender. Aprender varios idiomas ao mesmo tempo non é nada fácil.  

 Sei que non o conseguiría sen o apoio das persoas que me axudaron a sentir máis cómoda e a aprender de forma máis rápida. Por exemplo:  Bernardo Penabade, María José Andión, Miruca Parga, María José Pardiñas, Neves Cando, entre outros. Tamén quería agradecer o apoio da miña amiga Érica. Ela axudoume a sentir máis cómoda aquí,  porque ten máis experiencia e leva mais tempo na Galiza. Ela foi unha persoa moito importante para a miña adaptación. Sempre me axuda no que for preciso, por exemplo se un profesor fala algunha palabra rara para mim, ela  preocúpase por saber se entendo o que me dicen.

A experiencia da gravación foi gratificante. Nós estábamos na aula, como sempre, e chegaron unha muller e dous homes descoñecidos. Saudámonos e rapidamente comezaron a traballar. Eu estaba tranquila porque non iría participar. Iso pensaba eu. 

Estou impaciente por ver o resultado e por saber se aparece a canción que nos cantou a Érica.

Aquí tedes o enlace ao sitio web do Consello da Cultura Galega onde está o noso documental. Nesa mesma páxina web van ir estreando cada luns durante 5 semanas os audivisuais dos restantes centros seleccionados polas súas actuacións en materia educativa e de dinamización lingüística. Podedes velos aquí

24.3.22

Receitas de aproveitamento culinario

Para colaborar co proxecto Generación ECO promovido por EcoVidrio, o alumnado de 1º de ESO, coa súa profesora Carmen Castro, elaborou unha guía cunhas receitas de aproveitamento culinario para así non ter que tirar nada ao lixo. 

Con esta actividade, conseguen reducir o impacto da pegada hídrica e de carbono e obter o nomeamento de "Responsable de sostibilidade na casa". A adquisición de hábitos sostibles vai moito máis alá do noso centro educativo. Tomar decisións e levar a cabo accións que teñan en conta o coidado do medio é o primeiro paso para levar un estilo de vida sostible, dentro e fóra da aula.

Probade a facelas! Están deliciosas!

23.3.22

Petición ao alcalde: mellora do transporte público e carril bici

O pasado luns María, Álvaro e Henar, alumnos de 3º de ESO, fixeron entrega ao alcalde de Burela dunha carta cunha petición ben clara: a de protexer o medio ambiente reducindo as emisións de CO2 dos vehículos, favorecendo a circulación en bicicleta por Burela ou vindo ao instituto andando.

Excelentísimo Sr. Alfredo Llano: 

Escribímoslle en nome do alumnado do IES Perdouro para que vostede fose tan amable de escoitar unhas cantas propostas en canto á melloría do transporte público e a construción de carrís de bicicletas polo centro urbano de Burela para poder chegar ata diferentes lugares do pobo. Estas propostas están relacionadas co propósito de poder mellorar a nosa posición fronte á contaminación do medio ambiente. Ademais, así teriamos unha mellor mobilidade pola nosa vila, á par de máis medios de transporte para moverse pola Mariña Lucense. 

1. Todo o alumnado está a favor da melloría do transporte público pola Mariña Lucense. Sabemos que isto non depende só do Concello, pero sería interesante preguntar e intentar buscar unha solución acorde a este problema. Sería un gran avance para o noso pobo, unha gran axuda para a xente con necesidade de trasladarse dun sitio a outro. Ademais, sería unha modesta pero influente fonte de ingresos.
Para a mellora disto, expoñemos os seguintes puntos: 

- O aumento de viaxes por día, para poder reunir máis persoas e así difundir o bo funcionamento do transporte público. 

- Máis variedade de destinos; deste xeito habería máis lugares aos que viaxar, polo que máis persoas estarían interesadas.

2. En canto aos carrís de bicicletas, pensamos que isto podía incrementar a actividade física entre a xuventude, ao igual que a da xente que para desprazarse dun lugar a outro de Burela vai sempre en coche. Con estes carrís, incitariámolos a cambiar este hábito tan contaminante para o noso ambiente. Sabemos que sería algo custoso, pero tamén sabemos que á larga, terá resultados moi positivos para todos. 

En resumo, sabemos que o que estamos a pedir é complicado, que estas medidas non se poden levar a cabo dun día para outro. Sabemos que supón un gasto económico considerable. Pero temos claro que, se estas peticións dan froito, seriamos un pouco máis solidarios co medio ambiente e así mesmo, estariamos a mellorar o funcionamento dun servizo como o transporte público. 

Esperamos que as nosas peticións sexan recollidas con gusto por vostede. E tamén sirvan para mellorar e axudar en algo. 

Grazas pola súa atención.

Alumnado do IES Perdouro.

Accede ao álbum de fotos AQUÍ.

22.3.22

Obradoiro de educación afectivo-sexual

Desenvolvéronse Obradoiros sobre educación afectivo-sexual, destinados ao alumnado de 4º ESO e de Formación Profesional Básica.
 
A experta en sexualidade, Benita Martínez García, e tamén matrona  - que durante moitos anos axudou a traer ao mundo a maioría dos nenos da zona - foi a encargada de impartir estes obradoiros coa finalidade de promover entre os nosos mozos a asociación entre sexualidade e afectividade (unha visión diferente do sexo no que este non apareza desvinculado dos afectos e dos sentimentos), así como reforzar os coñecementos sobre métodos anticonceptivos.

Foron dúas horas nas que os nosos alumnos/as puideron aclarar conceptos e disipar dúbidas coa sexóloga que se mostrou próxima e comprensiva coas súas preocupacións e demandas.

Axuda ao medio ambiente e hoxe non uses o coche

Onte celebrouse o Día Internacional dos bosques e para contribuír a non contaminación e preservación dos mesmos, o alumnado de 3º ESO proponnos ir camiñando a todas partes dentro da nosa vila. 

Hoxe moitos compañeiros viñeron andando ao instituto, outros compartiron coche ou deixaron o coche máis lonxe para vir andando máis tempo e dese xeito contaminar menos. 

Esperamos que a xornada sexa un éxito e que nos deixe moitas imaxes dos vosos percorridos a pé no día de hoxe. 

20.3.22

21 de marzo: Día da Poesía

Para celebrar o Día da Poesía, convidámosvos a desfrutar destes videopoemas elaborados polo alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato. 
Continuamos escollendo a Rosalía para esta data. 
Esperamos que vos gusten!





Podedes acceder tamén aos videopoemas de Saray Barro, Elisabeth Mendes, Marta Rubal e Andrés Sánchez

19.3.22

Acrósticos pola igualdade

O alumndo de 2º de ESO de Investigación e Tratamento da Información compuxo unhas composicións poéticas combinando palabras apoderadas que foron publicadas nas redes sociais ao longo desta semana. 










18.3.22

O Consello da Cultura Galega presenta o proxecto audiovisual Aquí medra a lingua

O Consello da Cultura Galega presenta o vindeiro luns 21 de marzo Aquí medra a lingua. Trátase dun proxecto audiovisual que amosa experiencias de dinamización no uso do galego na escola a partir de seis centros repartidos por toda Galicia. 

A presentación terá lugar no IES Perdouro, un dos espazos escollidos para amosar o seu modelo lingüístico, no marco dunha xornada na que participa o alumnado do centro. 

Estarán presentes Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG); Cristina de la Torre, realizadora do documental; María José Pardiñas, directora do centro; Natalia Irimia, xefa de normalización lingüística do IES e un dos alumnos participantes no documental, que explicarán as características do proxecto audiovisual así como as claves do modelo lingüístico do centro. 

O acto terá lugar a partir das 12:00h na biblioteca.


17.3.22

"Se queres, podes", coloquio con Paula Jorge Horta

Paula Jorge Horta, ex-alumna e graduada en maxisterio, estará no centro o luns 21, no día internacional para a eliminación da discriminación racial. Paula é un bon exemplo de referente e tratará de motivar e sensibilizar ás rapazas e rapaces da importancia da continuación de estudos e da igualdade de oportunidades.

Artigo de prensa: Voz de Galicia

REDES da Paula Jorge

Obradoiro afectivo sexual

Un ano máis contamos coa matrona e sexóloga, Beni Martínez, para impartir un obradoiro afectivosexual destinado ao alumnado de 4º ESO e FPB.
 

15.3.22

Mulleres francesas, mulleres feministas

 


En clase de Francés, o alumnado de 2º de Bacharelato investigou sobre 10 mulleres francesas, figuras das letras ou das ciencias esquecidas, e mulleres que defenderon o feminismo dende as súas condicións.

CHRISTINE DE PIZAN (1364-1430)
MARIE DE GOURNAY (1565 - 1645)
MADAME DE SEVIGNÉ (1626-1696)
ÉMILIE DU CHÂTELET (1706 - 1749)
NICOLE REINE LEPAUTE (1723 - 1788)
OLYMPE DE GOUGES (1748 - 1793)
MARIE ANNE LAVOISIER (1758-1836)
LOUISE MICHEL(1830 - 1905)
SIMONE VEIL (1927-2017)
VIRGINIE DESPENTES (Nancy,1969)

Aquí tedes.

12.3.22

XIIIª Olimpíada Española de Xeoloxía: participación na fase galega

O pasado mércores 16 de febreiro un grupo de oito alumnos do IES Perdouro (catro alumnos de 4º ESO, unha de 1º de Bacharelato e tres de 2º de Bacharelato) fomos a Ribadeo a participar na 13ª edición da Olimpíada Española de Xeoloxía. 

A primeira proba (que arrincaba ás 10:30h da mañá) disputouse na Praia das Catedrais ou de Augas Santas e consistiu nunha xincana por grupos. Nesta proba tiñamos que contestar a diversas preguntas sobre as estruturas xeolóxicas presentes na praia e identificar diversos tipos de rochas. 

Unha vez rematada a práctica, fomos comer e ás 15:00h reunímonos outra vez no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo para realizar a proba teórica. Esta consistía nun exame no que non só debiamos ter coñecementos dos diferentes tipos de rochas, senón que tamén debiamos telos sobre a tectónica de placas, as estruturas xeolóxicas, etc. 

Mentres se corrixían os exames, o noso profesor, Fernando, aproveitou para falarnos un pouco das plantas que había no xardín do instituto. Ademais, tamén realizamos unha actividade co xeólogo Fran Canosa sobre os efectos da luz ultravioleta nas rochas, a cal resultou extremadamente sorprendente posto que estas adquirían unha cor moi intensa cando estaban expostas aos raios ultravioleta. Por último, asistimos á entrega de premios. 

Desgraciadamente o noso instituto non conseguiu ningún, pero todos nos atopabamos igualmente contentos posto que viviramos unha experiencia nova, aprenderamos moito e pasarámolo xenial. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

Ramón Real González - 4ºESO A

Charla sobre Intelixencia Artifical da USC

O mércores 2 de febreiro, o alumnado de TIC de primeiro de Bacharelato e do ciclo de Instalacións de Telecomunicacións asistimos a unha charla sobre Intelixencia Artificial, impartida polo catedrático da USC Alberto Bugarín e polo profesor Alejandro Catalá; ambos os dous son investigadores do CITIUS.

Denomínase Intelixencia Artificial o sistema informático que simula o razoamento das persoas a partir de información nova e da toma de decisións; todo isto mediante o uso da lóxica e das matemáticas. No noso día a día empregamos a Intelixencia Artificial, aínda que nunca nos paramos a pensar niso. Un exemplo disto son os videoxogos, os cales van incrementando a súa dificultade a medida que o xogador vai adquirindo máis habilidades; ademais, poden empregar o coñecemento e perspectiva dos xogadores na súa contra. 

A I.A. (intelixencia artificial) ten diversas aplicacións en distintos ámbitos; por exemplo, empregámola para o recoñecemento de imaxes. Para isto son necesarios algoritmos que analicen todas as condicións e padróns (chámase adestramento). Pero entre todas estas vantaxes sempre sempre existe unha desvantaxe. Para ser capaz de recoñecer unha foto, a Intelixencia Artificial ten que buscar na base de datos e chegar a unha conclusión: acerta na maioría dos casos. A pesar de ser un sistema moi avanzado, podemos despistalo interpoñendo unha imaxe con ruído gráfico, facendo que sempre, por exemplo, recoñeza unha avestruz. 

As aplicacións da I.A. non se limitan a ese ámbito, xa que existen tradutores automáticos baseados nela; son tradutores moi avanzados pero, aínda así, teñen algúns defectos curiosos que é imprescindible corrixir. Estes defectos adoitan estar relacionados co xénero. Cando falamos de premios Nobel o tradutor sempre vai empregar o pronome masculino, xa que ten como fonte de coñecementos a base de datos e, como a maioría dos premios Nobel foron homes, chegou á conclusión de que esa persoa tiña que ser un home. Isto é o que ocorre cando se lle proporcionan datos desproporcionados. No tradutor non só ocorre isto, senón que tamén hai linguas como o turco e o finlandés que non teñen xénero e, ao traducilas á nosa lingua, o xénero que nos vai aparecer é o masculino. O desequilibrio de datos é un dos problemas máis habituais; un claro exemplo disto é o recoñecemento facial nun aeroporto. Se a maioría das persoas son de pel clara, a I.A. vai recoñecer soamente como persoas aquelas que se aproximen ao padrón establecido e o resto de xente, coa pel máis escura, non van ser persoas aos ollos desta intelixencia (e pasaría o contrario se nese aeroporto a maioría das persoas tivesen a pel máis escura: non recoñecería como persoas as de pel máis clara). 

O tema tratado nesta charla foi moi interesante, xa que a Intelixencia Artificial está cada vez máis presente no noso día a día e introducida en todo tipo de dispositivos. 

Ainhoa Mía Quiroz Huamán – 1º Bacharelato A

8.3.22

Exposición 8M no Centro de Saúde: IES Perdouro pola igualdade

Este luns 7 de marzo estreamos exposición no Centro de Saúde de Burela. 

A traballadora social do centro sanitario solicitou a nosa axuda para visibilizar con mensaxes do alumnado a celebración do Día Internacional da Muller. Grazas á colaboración do Departamento de Educación Plástica Visual e Audiovisual e ao Departamento de Lingua e Literatura galega, o alumnado de 1º e 4º ESO redactou lemas e deseñou coloridas mans portando as súas vistosas mensaxes. 

Os traballos foron colocados en varias estancias do Centro de Saúde de Burela. Alí podedes visitar esta fermosa exposición na que se reivindica o papel da muller de forma positiva. 

Accede ao álbum fotográfico AQUÍ


6.3.22

Escape room especial 8M

Comeza o mes da muller e con el iniciamos un novo reto. Que sabes desta data, do 8M?

As alumnas do CM de Xestión Administrativa confeccionaron un escape room pola igualdade onde o alumnado de 2º e 3º ESO terán que demonstrar o que saben sobre Feminismo, Sufraxistas, Explotacións laborais e sexuais, así como moitas outras curiosidades en torno a esta data do 8 M.

Educando en valores, educando en IGUALDADE.

5.3.22

Faladoiro con Antía Yáñez en torno a "Senlleiras"

O martes 8, Día internacional da muller,  teremos no centro un faladoiro con Antía Yáñez.

Tras a lectura de Senlleiras, o alumnado de 1º de bacharelato analizará coa autora o papel da muller e do home dende unha perspectiva de xénero a través dos ollos das protagonistas da obra.

Reflexionado para acabar coa violencia de xénero.
 
Educando en valores.

4.3.22

Obradoiro de escritura creativa con Antía Yáñez

O luns 7 de marzo teremos no centro a Antía Yáñez impartindo un obradoiro de escritura creativa pola igualdade destinado ao alumnado de 1º ESO. 
 
Conseguiremos un mundo mellor a través da palabra xusta, dende do respecto, a igualdade e a sororidade. 
 
Educando en valores.

Comeza o mes da muller no IES Perdouro

 

Grupo gañador de Aulas Limpas no mes de febreiro: 1º Bacharelato B


Este mes a aula máis limpa e ordenada foi a 214, correspondente a 1º Bacharelato B, seguida moi de preto pola 119, de 3º ESO A. 

Animámosvos a que sigades mantendo as aulas así de ben e recordámosvos que continuedes recollendo pilas e material de escritura. Nalgunas clases aínda falta recipiente para recoller rotuladores, bolígrafos etc.

Moitos parabéns para o grupo gañador!

O venres 11 de marzo teredes algo rico para comer no recreo!!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...