28.4.22

Día da Terra

Para conmemorar o 22 de abril, Día da Terra, o alumnado de 2º de ESO de Reforzo estivo preparando o rosco "Non pases do planeta" e convídannos a xogar e a resolver as 22 definicións escollidas por eles.  A ver se sodes quen de atopar todas as respostas!


27.4.22

Día Internacional das rapazas nas TIC

O alumnado de 2º de ESO participará nunha multiconferencia web onde terá a oportunidade de coñecer a catro referentes galegas que lles contarán polo miúdo o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todos. 
 
Non sabedes o que é o día das Rapazas nas TIC? É unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que inclúan o ámbito das TIC no seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. 
 
Acceso á plataforma do directo AQUÍ
 
E AQUÍ podedes acceder ao mapa dos centros participantes. 

O Día Internacional das Rapazas nas TIC será celebrado o próximo 28 de abril nun acto organizado polo CESGA e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, a través dunha multiconferencia web. A celebración deste día, que coincide co cuarto xoves do mes de abril, foi decidida pola Unión Internacional de Telecomunicacións das Nacións Unidas no ano 2010, e ten como obxectivo alentar as vocacións tecnolóxicas nas rapazas e nenas para que as consideren no seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

O Centro de Supercomputación de Galicia, ou CESGA, ven celebrando nos últimos anos actos en relación con este movemento. Este ano farán unha multiconferencia web, onde participaran catro profesionais galegas do sector das TICs, e contarán a súa traxectoria e onde traballan ás rapazas e rapaces de primaria e secundaria que poderán interactuar en diálogo con elas.

As ponentes deste ano son unhas referentes das TIC galegas, destacamos a participación da secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo, Profesora Titular do Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións da UVigo. Foi a primeira directora dunha escola de enxeñaría de Galicia, a de Telecomunicación da UVigo. Outra das ponentes é Laura Martínez Calvo, licenciada en Farmacia pola USC, Máster en Investigación Biomédica e Doutora en Medicina Molecular cun traballo sobre técnicas xeoestatísticas no estudo de enfermedades complexas, Dhaunae de Vir que traballa como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos, Paradox Interactive e Lucía Ardao, Licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business e programa Executiva da Xunta de Galicia.

FONTE: Punto.Gal

Ruta xeolóxica por Burela

O 23 de marzo, o alumnado de 4° ESO e 1° de bacharelato fixemos un roteiro xeolóxico dirixido por Fran Canosa, un xeólogo galego. 

Ao comezo do roteiro, explicounos que, na nosa vila, hai unha Burela granítica e outra non granítica. Comezamos visitando a zona granítica. 

Fomos ata o paseo marítimo. Ao longo deste pódense apreciar diferentes tipos de rochas como o granito, a rocha propia desta zona. Déunos información sobre os seus materiais e ensinounos a distinguilos por cores na propia rocha tendo o cuarzo unha cor agrisada; o feldespato, cor branca e a mica, a súa usual cor negra. Tamén nos paramos a ver distintos modelados que teñen as rochas do paseo. Vimos que moitas delas presentaban pías e acanaladuras sendo estas modeladas pola acción da auga. As pías eran como unha especie de pozas onde se depositaba a auga e as acanaladuras, os desaugadoiros.

Ademais, pódense observar nunha zona do paseo unhas rochas cunha forma máis ou menos redonda que parece case perfecta, formadas no interior da Terra e que, posteriormente, saíron á superficie. Chámaselle Pena do Neno porque a rocha grande semella unha nai que está collendo a un neno, que é a rocha pequena que está enriba. 

Tamén nos atopamos con filóns e diques, que son corpos rochosos que cortan outras rochas nas que se encontran. Segundo a velocidade de arrefriamento dos minerais, poden ser aplitas ou pegmatitas. Preto destes corpos rochosos, atopamos unhas rochas cortadas dunha forma peculiar xa que semellaban unha tableta de chocolate ao estar cortadas en cadrados perfectos que semellaban onzas. 

Xa na Burela non granítica, atopámonos con outras estruturas xeolóxicas. Puidemos observar pregos antiformes (con forma de A) e sinformes (con forma de U); como estaban repregados sobre si mesmos, non puidemos saber cales eran sinclinais e cales eran anticlinais. É importante sinalar que os nosos pregos son un Global Geosite de España, o que quere dicir que é un dos lugares de interese xeolóxico internacional propostos como candidatos a representar o patrimonio xeolóxico. 

Por último, visitamos a praia do Perdouro e nela puidemos observar numerosos cantos rodados, que son fragmentos de rocha puídos e soltos, susceptibles de ser transportados por medios naturais, como as correntes de auga, os corrementos de terra etc. 

Tamén puidemos ver os arcos, que foron resultado das ondas que erosionaron selectivamente a rocha, gastando a maior velocidade a rocha fracturada máis branda e máis elevada. 

Foi unha ruta moi positiva, xa que nos serviu para coñecer máis sobre a xeoloxía presente na nosa vila, que descoñecíamos a pesar de vela case a diario. 

Podes acceder ao álbum das preciosas imaxes desta ruta AQUÍ

Dámari Carballo Dorado - 1º Bacharelato A

26.4.22

16 de abril: Día Mundial do Emprendemento

Dende as materias do Departamento de Economía, estivemos e estamos a traballar o emprendemento e o espirito emprendedor. Celebramos o día 16 de abril, como o Día Mundial do Emprendemento. Tamén estamos a participar nun concurso de ideas emprendedoras e a realizar unha liga de debate sobre materia de comercio local. 

O emprendemento é, sen dúbida, un dos puntos polos que traballar e loitar no mundo empresarial e laboral e, polo tanto, é aspecto e competencia clave en moitas materias do ensino secundario e de bacharelato. Un mundo en continuo cambio ao que temos que adaptarnos e no que o emprendemento e o autotraballo é, en moitas ocasións, unha opción a barallar e para a que temos que estar formados e preparados xa que abrangue tódolos mercados e áreas de coñecemento.

Departamento de Economía

23.4.22

Día do libro no IES Perdouro

O venres 22 de abril con motivo da celebración do Día do Libro, o alumnado de 3º ESO asistiu á lectura de textos relacionados coa cultura greco-latina. 

O alumnado de Cultura Clásica leu mitos e poemas para dar a coñecer personaxes e tramas que forman parte da Literatura universal e que todos deberiamos coñecer formando así parte do noso acervo cultural común. 

Accede a reportaxe fotográfica aquí.

22.4.22

Combater as noticias falsas

Esta mañá, Ángel Vizoso, investigador da Facultade de Ciencias da Comunicación, impartiu unha conferencia sobre noticias falsas. O alumnado de 1º de bacharelato aprendeu a desconfiar das noticias e de aprender a contrastar sempre as fonte da información. O xornalista explicou os intereses que existen destras da desinformación e dos bulos que circulan polas redes sociais con fins ideolóxicos e económicos.
En definitiva, temos que ser escépticos constantemente, ter moita cautela coas fontes descoñecidas ou anónimas e non participar da difusión das noticias falsas.

Accede ao álbum de fotografías AQUÍ.

Entrevista a Angel Vizoso na Voz de Galicia (16/05/20)

21.4.22

Catálogo fotográfico da flora do IES Perdouro en Wikimedia Commons

Como unha das actividades da materia de Cultura Científica de 4º ESO (A e B), realizamos un álbum botánico da flora das diferentes zonas do patio do IES Perdouro. Para isto, empregamos a aplicación PlantNet (dispoñible en Google Play e Apple Store) que nos permitiu identificar a especie de cada exemplar. 

Tras sacar unha foto co móbil, eliximos o órgano (folla, flor, talo...) no que nos fixaremos e obtemos unhas porcentaxes coa probabilidade de que a planta sexa dunha especie ou doutra. Tiñamos que escoller a base de datos e empregamos as seguintes: Flora mundial, Europa Occidental, Plantas útiles e Plantas invasivas. 

Para asegurarnos de que era esa especie, só aceptamos valores iguais ou superiores ao 80 % en dous ou máis móbiles (de cada parella ou grupo de 3). 

Para unha mellor localización das plantas, dividimos o patio en varias zonas: ESCALEIRAS DEREITA, CAFETERÍA, TRASEIRA C, ENTRADA... 

Tras anotar nun caderno as especies, escollemos as mellores fotos identificadas e publicámolas nun álbum de Wikimedia Commons. Animádevos a miralas, alí están incluídas as plantas do IES Perdouro en grandes grupos (Pteridófitas, Ximnospermas, Monocotiledóneas e Dicotiledóneas) e, dentro deles, por orde alfabética. 

Alumnado de Cultura Científica - 4º ESO A e B

Mes da muller: Obradoiro de escritura creativa con Antía Yáñez

O día sete de marzo visitounos Antía Yáñez nas aulas de 1º ESO e ensinounos a facer varias actividades. 

Primeiro deunos uns papeis cuns textos dun concurso. Eses textos fómolos lendo e foinos contando de que trataban e entre todos conseguimos entendelos. Centrábanse na violencia machista, nas diferentes orientacións sexuais e incluso había un protagonizado por un gato e un láser que nos fixo moita graza. Despois explicounos que, para escribir unha historia, existen dous procedementos: algúns poñen primeiro en esquema a idea central e despois fan o deseño de personaxes e outros fan á inversa. 

Finalmente, deunos unha ficha de personaxes para que nós creásemos un -o que quixéramos- para máis tarde escribirmos un relato. Tamén dixo que non era necesario cubrir todas as preguntas, só as básicas. Cando se esgotou o tempo, despedímonos dela e démoslle as grazas por vir. 

A verdade é que o pasamos moi ben.

Accede ao álbum de fotos AQUÍ

Noa Burgos Pernas - 1º ESO A

8.4.22

Ledicia Costas no IES Perdouro

Este xoves 7 de abril a escritora Ledicia Costas visitou a biblioteca do IES Perdouro. O alumnado de 2º, 3º, 4º de ESO e de 1º de Bacharelato tivo ocasión de coñecer a autora en persoa. Era un encontro moi esperado porque Ledicia ía estar no centro no mes de maio de 2020 e debido á pandemia non puido viaxar a Burela. 

Ledicia foi recoñecida co Premio da Cultura Galega en 2021 e gañou o Premio Merlín de Literatura coa novela O neno de lume (Xerais 2022), entre outros galardóns. Ten decenas de novelas publicadas e tamén algún poemario. Foi traducida a varios idiomas, entre eles o portugués ou o coreano.

A escritora mostrouse moi próxima aos rapaces e moi interesada polos seus gustos como lectores. Relatou como foi evolucionando como escritora desde que publicou o seu primeiro libro, Unha estrela no vento, aos 16 anos. Faloulles de que lle gustaría dedicar moitas máis horas a escribir porque é o que máis lle gusta facer e que publicará para o outono unha nova novela xuvenil. Estamos desexando lela!!

Podedes ver as fotos AQUÍ.

7.4.22

Burela sostible en Realidade Virtual e Realidade Aumentada

O 25 de setembro de 2015, os líderes mundiais adoptaron unha serie de obxectivos globais para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos/as. 

Cada obxectivo ten unhas metas e todos/as debemos facer a nosa parte. 

O alumnado de 2º BAC de TIC estivo a traballar con estes obxectivos relacionándoos coa súa vila, Burela, e realizaron unha serie de traballos empregando a Realidade Virtual (VR) e a Realidade Aumentada (AR). 

Se queres coñecelos, dá un paseo virtual por cada un!

@Xunta @galiciacrece @axenciaGAIN  #programaDtec  #MundosVirtuais 







Xoga e aprende no acuario do Perdouro!

O alumnado de 4º ESO de Tecnoloxía participou no proxecto D´Tec: Explorando os mundos virtuais, organizado polo CIS de Ferrol. Empregando recursos innovadores, iniciáronse no mundo da Realidade Aumentada (AR) e da Realidade Virtual (VR).

Utilizando estas ferramentas achégannos ao acuario do IES Perdouro, de xeito que podemos coñecer as plantas e peixes que o habitan e xogar coa información aprendida. 

Atréveste? Para empezar a xogar diríxete AQUÍ.

@Xunta @galiciacrece @axenciaGAIN #programaDtec #MundosVirtuais 


6.4.22

Coñece a Ledicia Costas

O alumnado de 2º ESO de Investigación e Tratamento da Información elaborou esta pequena presentación sobre a traxectoria de Ledicia Costas, autora tan lida no noso centro e que estará connosco este xoves 7 de abril.
 

5.4.22

Medida de parámetros do acuario do IES Perdouro

Como iniciativa do Departamento de Bioloxía, decidiron levar ao alumnado de distintos cursos a visitar o acuario unha vez ao mes para comprobar distintos parámetros. 

A última vez que fomos, comprobamos tres parámetros: o pH, o GH e os NO2. A maioría son moi sinxelos e só hai que seguir unhas cantas instrucións para cada parámetro. Ademais, fixemos quendas entre os compañeiros para que todos puidesen participar. 

Por exemplo, para comprobar o pH só hai que tomar unha pequena mostra de auga e botar dúas gotas de reactivo. Logo, hai que comparar a cor da auga cunha táboa graduada. Como resultado obtivemos que o pH era de 7,5. 

Despois, comprobamos o GH, é dicir, a dureza da auga. Neste caso, axudounos a nosa antiga profesora de Xeografía e Historia, Maribel. Para obter a dureza só hai que botar un pouco de auga e contar as gotas de reactivo que fan falla para que a auga se volva de cor verde. 

Por último, comprobamos o valor dos nitratos (NO2). É necesario botar 4 gotas de reactivo e axitar e, máis tarde, botar outras catro e volver a axitar. Tras comparar coa táboa, obtivemos que había 0 mg por cada litro.

Podedes ver máis fotos AQUÍ

Nicolás Sixto Guisasola - 1º Bacharelato A

Encontro con Ledicia Costas

Este xoves recibiremos á escritora Ledicia Costas. É un encontro moi agardado, pois hai dous anos, antes da pandemia, iamos reunirnos con ela e non puido ser. 

Agora, despois destes dous cursos, por fin poderemos compartir con ela as nosas impresións sobre as súas novelas: O corazón de Xúpiter, Unha estrela no vento, Escarlatina, a cociñeira defunta...

Estamos desexando que chegue o día!


1.4.22

Gañamos a fase autonómica da III Olimpíada Científica Xuvenil Española

Gañamos por segunda vez consecutiva a fase autonómica da Olimpíada Científica Xuvenil Española.

A III Olimpíada Científica Xuvenil Española, unha apaixoante competición onde desmostrar habilidades de razoamento e resolución de problemas do ámbito científico.

Na fase autonómica da III Olimpíada Científica Xuvenil Española que se celebrou entre os días 24 e 25 de marzo de forma telemática, participaron 2 equipos do IES Perdouro. A proba telemática consistiu nun único exame de 45 preguntas a resolver en equipos de 3 alumnos. As preguntas requirían coñecementos de matemáticas, física, química, bioloxía e xeoloxía; dun nivel correspondente a un 3.º da ESO «avanzado».

O equipo formado por Nacho Andía López, Alexandre García Pousa e Hugo  Gorgojo Basanta de 3º da ESO resultou gañador da fase autonómica.


Sendo o mellor equipo de Galicia, participarán na final nacional da Olimpíada Científica Xuvenil Española, que se celebrará en Valencia os 11, 12 e 13 de xullo de 2022. Aí competirán xunto a outros 17 equipos por representar a España na fase internacional.

Para saber máis: https://quintescience.es/ijso
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...