31.1.21

Entroido 2021

 




Relevo 2020, proxecto formativo orientado ao sector marítimo pesqueiro

No marco da II edición do Relevo 2020, proxecto formativo orientado ao sector marítimo pesqueiro, o día 25 de xaneiro de 2021 o alumnado de 4º ESO  desfrutou dunha charla sobre os diferentes e diversos traballos relacionados coa actividade pesqueira.

A charla foi impartida por unha oceanógrafa que nos informou sobre cursos e estudos básicos, medios e avanzados para aqueles interesados en desempeñar esta actividade laboral; tamén nos informou dos requisitos económicos e estudos que farían falta para desempeñar os diferentes cursos.

Outro punto da charla a destacar foi o percorrido laboral da conferenciante: pasou de querer facer criminoloxía a ser oceanógrafa.

A charla tivo unha duración dunha hora e resultou interesante para todos nós, informándonos e entreténdonos sobre a vida laboral no mar.

Raúl Fernández Fernández, 4º ESO B

Obradoiro de Arte e Tecnoloxía

O mércores 13 e o venres 15 de xaneiro o alumnado de 3º e 4º de ESO realizamos un taller onde desenvolvemos a nosa creatividade e adquirimos coñecementos de programación. 

Comezamos o taller atendendo ás explicacións que nos daban sobre a arte, e aprendemos que unha idea creativa pode ser a clave do éxito. O que fixemos foi deseñar unha máscara intelixente, cunha función que non ten ningunha máscara hoxe en día. 

Ensináronnos dous modelos feitos por eles e despois, tocounos a nós. Formamos equipos e tivemos que crear a nosa propia marca, elaborar un prototipo dunha máscara e crear un slogan para ela. Para crear un bo produto tiñamos que seguir estes pasos: detectar a necesidade, cubrila cun factor diferencial, e ser os primeiros en facelo. Despois diso, cada grupo explicou a súa máscara coas súas características. Saíron proxectos moi orixinais! 

En segundo lugar, pasamos á parte tecnolóxica, onde nos ensinaron como podemos programar a nosa máscara para que cumprise as funcións coas que a deseñamos. Cada un de nós tiña un ordenador portátil diante, e conectada ao aparello, unha tarxeta microbit. O obxectivo era programar a tarxeta, que iría incorporada á máscara, para que medise a temperatura corporal. Fixémolo coa aplicación makecode e foi moi divertido. Tiñamos que arrastrar bloques para crear as accións desexadas e logo descargar o programa para pasalo á microbit. Desta forma, cando pulsabamos un botón da tarxeta, aparecían os números que marcaban temperatura nas luces led que tiña a tarxeta microbit. Por último, fixemos outro programa que servise para que cando a temperatura superase os 36ºC saíse un debuxo do coronavirus, e para que se a temperatura era inferior, saíse unha cara cun sorriso. 

Foi un obradoiro que estivo xenial, sentímonos como auténticos deseñadores/as e programadores/as! 

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Paula López Martínez – 3º ESO C

28.1.21

Concerto didáctico con Silvia Rozas

 A nosa ex-alumna, Silvia Rozas, dará un concerto didáctico dende Berlín por videoconferencia.


18.1.21

Charlas Covid para 4º ESO e 1º Bach.

O día 22 de decembro, os alumnos e alumnas de 4º ESO e 1º de BAC tivemos unha charla sobre normas básicas para non contaxiarnos do Covid-19, que foi impartida por Teresa Meitín Canoura, unha enfermeira do Hospital da nosa vila.

Entre estas normas estaba o lavado correcto das mans xa que moitas veces esquecémonos de lavar ben as uñllas e os pulsos; tamén é moi importante lavar as mans con auga e xabón (é preferible ao xel hidroalchólico).

Hai que ter moito coidado tamén coas máscaras porque é onde quedan gran parte dos xermes: para retiralas hai que collelas polos cordóns e non tocar a tea. A máscara é o elemento de protección que se elixiu contra este virus porque nos protexe das gotículas que expulsan as persoas infectadas; para isto a nosa máscara ten que estar perfectamente axustada. É moi importante o seu correcto uso xa que as gotas grandes de saliva poden chegar ata dous metros de distancia e canto máis alto se fala máis gotas se expulsan.

Dentro das máscaras hai tres tipos: as de tea, que son para estar en contacto con xente sá; as cirúrxicas, que se utilizan para protexer o resto da xente (a ti non te protexen pero por iso é importante que todos as levemos) e as EPI, que son as máis seguras porque te protexen a ti máis ao resto.

Tamén se falou dos pros e contras que o alumnado lles viamos ás medidas contra o virus; entre os contras, o máis habitual son os contaxios, as mortes e todas as restrincións que tiñamos para relacionarnos coa xente; e entre os pros estarían a diminución de enfermidades como a gripe, a posibilidade do teletraballo e ter a materia escolar máis accesible en todo momento e unha mellora xeral da hixiene.

MANUEL REY, 1º BAC - B

17.1.21

Concurso de viñeta contra a violencia de xénero

No IES Perdouro temos organizado un concurso de viñetas contra a violencia de xénero para o alumnado da ESO e Bacharelato. Esperamos que haxa unha gran participación e uns traballos de calidade!
Ao longo do mes de marzo publicaremos as viñetas presentadas e os gañadores ou gañadoras de cada categoría.


BASES DO CONCURSO DE VIÑETA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

1. Pode presentarse ao concurso calquera alumno ou alumna matriculado no IES Perdouro, establecéndose tres categorías:

  • Alumnado de 1º e 2º da ESO
  • Alumnado de 3º e 4º da ESO
  • Alumnado de 1º e 2º de Bacharelato

2. Cada participante poderá presentar un único traballo.

3. O formato debe consistir nunha única viñeta de banda deseñada, elaborada a man (non con programas dixitais) nunha cartolina branca DIN A4.

4. A viñeta presentada ao concurso terá que ser orixinal e escrita en lingua galega.

5. A viñeta debe denunciar unha situación de violencia de xénero, en calquera das súas manifestacións (humillacións, golpes, insultos etc.)

6. A viñeta debe entregarse ou ao titor/a correspondente ou a Alba Monteagudo (profesora de Bioloxía), con prazo ata o 26 de febreiro de 2021.

7. O autor/a indicará, pola parte de atrás da súa viñeta, o seu nome e apelidos, así coma o curso ao que pertence.

8. As viñetas poderán ser publicadas nas redes sociais do IES Perdouro.

9. O xurado decidirá os gañadores do concurso ao longo do mes de marzo de 2021.

10. O autor/a gañador/a de cada categoría recibirá un agasallo.

16.1.21

Charlas Covid

O 14 de outubro tivemos unha charla sobre a COVID-19* impartida por Manuela, profesora do centro que antes traballou como enfermeira. Como é importante ter claro de onde provén este virus que nos comezou a afectar no 2020, ela explicounos que o virus constaba de dúas ou máis cepas que, dependendo de cada persoa e tempo do brote, sería máis agresiva e duraría máis tempo no organismo.
Para protexernos de todo isto, Manuela ensinounos a diferenza entre as máscaras cirúrxicas, as hixiénicas, as caseiras de tea, as de tipo FFP2 e, por último, as de válvula. Estas últimas son as únicas que non se poden levar a centros educativos xa que a protección que garanten é mínima e o risco de contaxiarse é maior debido ao CO2 que expulsamos pola válvula. En cambio, todas duran entre 4 e 8 horas diarias, aínda que no caso das de tea habería que lavalas a diario.
Outra das medidas importantes é a hixiene de mans, que xunto á anterior, son as máis efectivas. Cada vez que queremos tocar a cara, o pelo ou deixarlle algo a alguén, o lavado de mans e o xel hidroalcohólico son cousas indispensables, igual que a distancia de seguridade de dous metros ou metro e medio que debemos manter tanto na rúa como nos hospitais, centros educativos, etc.
En canto á vacina, Manuela non confía en que se desenvolva para este ano, pero para o seguinte si. Primeiro vacinaríase o persoal sanitario, logo as persoas maiores con máis risco de ser contaxiadas e, por último, a xuventude, os nenos e os adultos.
Ata a chegada da vacina, debemos seguir facéndoo o mellor posible coas medidas explicadas anteriormente, porque cada xesto individual significa unha gran axuda a nivel colectivo.

Xoel Iglesias Fernández – 1º BAC A

*Esta charla foi dada a todos os grupos do centro para concienciar a todo o alumnado de respectar rigurosamante as normas de hixiene e distanciamento.

15.1.21

"O sexismo no día a día. Cousa do pasado?" - Obradoiro de Antía Yáñez

O pasado venres 20 de novembro Antía Yañez veu impartir un obradoiro sobre o sexismo e o machismo.

Que é o sexismo?
A diferenza entre o sexismo e o machismo é a ideoloxía, comportamento ou actitude que manifesta discriminación das persoas ou do seu sexo. Tamén é a ideoloxía ou estratexia que sustenta o machismo. Este é máis sutil e invisible.
Maioritariamente este termo aplícase ás mulleres, xa que case non existen en homes.
O machismo e o sexismo están moi presente na nosa sociedade.
O machismo engloba as formas de levar a cabo esa discriminación. Normalmente o machismo asóciase ao maltrato físico pero o que non se ve é que tamén está no maltrato psicolóxico, ao que se lle dá menos importancia. O maltrato físico é máis directo e sinxelo de detectar e pode chegar a ser máis radical. O xerme de todo isto son cousas tan básicas como: a distinción de cores por sexo; asociar as cores a xoguetes como bonecas para as nenas ou motos e coches de xoguete para os nenos; as películas infantís asociadas ás princesas; libros ou películas de adolescentes e adultos nas que os homes toman a iniciativa sexual; nas novas e nos telediarios tamén intentan disfrazar o home cando é o autor dun presunto crime ou violación; na publicidade denígrase a imaxe da muller pola superioridade dos homes nos anuncios e en moitos deles a muller está asociada á promiscuidade.
Fundamentalmente, os roles de xénero son os principais causantes desta sociedade sexista e machista.
Por último, falounos un pouco do seu libro titulado Senlleiras. Este empezou sendo algo máis misterioso ata que cambiou a súa temática e enfocouno máis nas relacións con violencia machista. Para a elaboración deste libro Antía tivo que buscar información noutros libros e xornais polos que se deixou influenciar e dos que recolleu ideas. 

Accede ao álbum de fotos aquí.

Martín González Cabanas, 1º BAC B

14.1.21

Charla "StopAccidentes"

O martes 15 de decembro o alumnado de 4º da ESO asistimos a unha charla organizada pola asociación "StopAccidentes" para concienciarnos do importante que é actuar con responsabilidade na rúa.
Nesta charla, a organizadora fíxonos varias preguntas sobre as nosas experiencias, ou as dos nosos coñecidos, nos accidentes de tráfico e tamén nos explicou a historia da súa familia. Falounos sobre os sucesos que lles aconteceron a unhas cantas persoas que foron pedir axuda a esta asociación e ensinounos varios vídeos relacionados coa seguridade viaria.
Finalmente,deunos uns folletos de información e unhas pulseiras reflectantes.
Accede ao albúm de fotos aquí.

Irene Basanta Díaz , 4º ESO B

13.1.21

"Tódalas mulleres que coñezo"

CINEFÓRUM FEMINISMO

O mércores 16 de decembro tivemos, o alumnado de 4º de ESO, unha actividade moi interesante sobre o feminismo: o visionado da película Tódalas mulleres que coñezo da directora Xiana do Teixeiro.

Esta película trata sobre vivencias e experiencias contadas por mulleres nas que se sentiron incómodas por culpa do machismo. Contan experiencias moi fortes que seguen pasando cada día e reivindican o pouco que se fala de todo o que lle pode pasar a unha muller, só polo feito de ser muller. A película desenvólvese en tres escenarios distintos que están enlazados: o primeiro é un grupo de amigas, o segundo é como unha asociación onde tamén hai mulleres de máis idade e o terceiro é unha aula dun instituto.

Cando acabamos de ver a película puidemos conectarnos por videoconferencia coa directora, Xiana do Teixeiro. Ela explicounos que se lle ocorreu a idea de facer a película ao decatarse de que non se falaba nada de todas estas situacións que seguen sendo tan frecuentes. Tamén nos explicou a idea que quería transmitir e ensinar e deunos pé a debater sobre en cal dos tres escenarios que se mostran nos sería máis fácil falar e expresar as nosas ideas e por que.

 Accede ao álbum de fotos aquí.

Antón Expósito Campo - 4º ESO B

12.1.21

Charla sobre doazón de órganos e tecidos da Unidade de Transplantes de Órganos de Galicia

O 17 de decembro de 2020 os alumnos/as de 1º de Bacharelato tivemos unha charla sobre a doazón de órganos e tecidos de ADOS (Axencia de Doazón de Órganos e Sangue). Estivemos acompañados por Marta Álvarez, unha traballadora do centro de transplantes de Galicia e por Delia Lorenzo, unha paciente transplantada.

Para comezar esta charla, Marta explicounos que o transplante de órganos é un tratamento complexo no que se necesita un doante san, sen enfermidades transmisibles, e no que, ademais, un só doador mobiliza cen persoas aproximadamente: as que teñen que coidar dos órganos do doante, da persoa que vai ser transplantada e tamén do transporte tanto aéreo como terrestre. Pero tamén ten a súa parte positiva: é un tratamento moi eficaz e permite que algunhas persoas teñan unha segunda oprtunidade de vivir.

Pódese ser doante tanto en vida como despois da morte. Cando se produce unha morte asistólica, producida por un paro cardíaco, ou unha morte encefálica, producida polo funcionamento nulo do cerebro, manteñen o corazón latente para que o sangue chegue aos órganos e se poidan doar.

Para doar en vida tes que ser maior de idade, pasar uns exames, tanto médicos como psicolóxicos, e declarar diante dun xuíz que vas doar un órgano, que es consciente diso e que o fas de maneira altruista. Habitualmente a doazón en vida prodúcese entre familiares.

O primeiro que se fai cando algún doante falece é chamar a Organización Nacional de Transplantes e estes buscan o receptor máis semellante mediante criterios clínicos e territoriais, a menos que haxa unha urxencia 0, é dicir, unha urxencia extrema na que o primeiro órgano que se encontre en España compatible vai para ese paciente.

A continuación Delia contounos a parte máis privada dos transplantes. A ela con tan só dous anos detectáronlle unha enfermidade nos riles pola cal tivo unha infancia un pouco complicada. A medida que pasaban os anos ía emporando pouco a pouco ata que con vinte e tres anos entrou na unidade de diálise, na que só vía camas, cables, máquinas… A máquina de hemodiálise, á que ela tiña que estar conectada catro horas diarias para que lle limpara o sangue, funcionaba moi ben pero o único problema que tiña era que só podía beber un litro de auga ao día. Uns anos máis tarde a súa nai ofreceuse voluntaria para doarlle un ril e así foi. Tras a operación puido seguir coa súa vida con total normalidade e ter dúas fillas. Desafortunadamente, ao cabo de cinco anos perdeu o ril que lle doara súa nai e tivo que volver a diálise, pero dunha forma diferente, á diálise peritoneal, a cal lle permitía dispoñer de máis tempo libre e só tiña que estar conectada á máquina pola noite. Pasados dous anos foi transplanda de ril por segunda vez e ata hoxe en día. Esa foi a razón pola cal puido ver crecer as súas fillas e ter unha segunda oportunidade.

Claudia Liñán Rabost – 1º BAC A

11.1.21

A nosa árbore de Nadal

Coma todos os anos, coa chegada do Nadal os corredores e instalacións do IES Perdouro énchense de decoración navideña. O alumnado de 4º ESO de Tecnoloxía elaboramos o elemento principal desta decoración: a árbore de nadal que se encontra na entrada do edificio principal.

Este ano a forma de traballo foi diferente aos anteriores xa que, debido á COVID-19, non puidemos  traballar todos xuntos no taller e tivemos que buscar outras alternativas. Decidimos facer unha árbore formada por bólas feitas a base de pequenas figuriñas de papiroflexia que colgaban do teito; todas as bólas estaban colocadas de xeito que simulaban a forma dunha árbore.

Desta forma conseguimos construír a árbore mantendo a distancia de seguridade, porque fixemos as bólas individualmente e logo xuntámolas. Cada un de nós escolleu unha figura diferente para cubrir a súa bóla. Fixemos grúas, comecocos, barcos, flores e moitas máis, segundo o gusto de cada un.

A elaboración desta árbore foi bastante custosa e laboriosa pero, a pesar das dificultades que tiñamos, conseguimos rematar a árbore deste ano con total éxito.

Accede ao álbum de fotos aquí.

 Lin Vizoso López, 4º ESO B

8.1.21

Doce mulleres galegas na ciencia

Este ano o alumnado de 4º da ESO foron os encargados de elaborar as fichas informativas de 12 mulleres galegas que destacaron na ciencia e que protagonizan o noso calendario anual. 

Unha vez recollida e resumida a información de cada científica, o alumnado de TIC maquetou os carteis informativos que aquí achegamos. 

Damos as grazas e parabéns a Lidiana de Pina Sanches polas impresionantes ilustracións feitas por ela e a Cecilia García López pola súa caligrafía no título do proxecto.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...