30.9.22

Volven as Aulas Limpas!



 
 En outubro comezamos de novo co concurso Aulas Limpas.

Cada grupo da ESO e de Bacharelato ten que encargarse de manter a súa aula limpa e ordenada. O profesorado titor nomeará encargados de vixiar os distintos aspectos que se revisarán na aula para conseguir o premio mensual e o grupo máis constante recibirá un premio especial a final de curso. 

Ao lado tedes a rúbrica. Fixádevos ben en todo o que se terá en conta para puntuar a limpeza e a orde na vosa aula

Sen previo aviso, profesorado, algún membro do equipo directivo e as limpadoras pasarán polas clases cada mes, normalmente despois de última hora, para comprobar que todo quede en orde. 

Ánimo e esperamos, cando menos, os mesmos resultados do curso pasado!!

26.9.22

Hora de ler 22-23


Iniciamos a Hora de ler na ESO a partir do luns 3 de outubro.

Preparade as vosas lecturas e non esquecede o libro.


Accede ao calendario aquí.

Accede ás normas aquí.

 

 

 

 

Mirade como de beneficioso é ler 20 minutos cada día:

18.9.22

Exposición sobre literatura infantil e xuvenil de Edicións do Castro

Desde o 16 ao 30 de setembro contamos no IES Perdouro cunha exposición na que se explica a aportación de Ediciós do Castro á historia da literatura galega infantil e xuvenil. 

Nos próximos días acompañaranos o fillo de Isaac Díaz Pardo, Camilo Díaz Arias, para falarnos desta exposición e da figura de seu pai, nesta ocasión, fundamentalmente no desenvolvemento editorial dentro da cultura galega. 

A exposición trata sobre a idea de crear unha editora dentro da empresa, o contexto cronolóxico no que medra esta proposta empresarial e cultural, os inicios da literatura infantil e xuvenil en galego, a importancia de Memorias dun neno labrego e doutras publicacións de Ediciós do Castro e a autoría das ilustracións e das obras que viron a luz con este selo editorial. 

A mostra está composta de 10 paneis que ata o día 30 de setembro podedes visitar na biblioteca co voso alumnado. 

Achégase o PDF da exposición por se queredes botarlle un vistazo para explicarlle algo ao alumnado de xeito previo á visita. 

16.9.22

Celebramos a Semana europea da mobilidade

Colaboramos co concello na Semana europea da mobilidade e o mércores 21 de setembro o alumnado de 1º ESO recibirá información sobre educación vial por parte dunha profesional da DXT. 

Ademais, se visitades un posto que estará situado en diferentes lugares de Burela baixo o lema "Eu na bici", as vosas profesoras de Educación Física valorarano positivamente. Iso si, tedes que visitar o posto polo menos catro veces e seguir estas pautas: 

1. Tedes que visitar o posto indo en bicicleta. 

2. Debedes achegarvos polo posto cando menos en catro días diferentes. 

3. Teñen que selarvos un documento de que estivestes alí que poña o voso nome e que estudades no IES Perdouro. 

4. Na última visita tedes que introducir o papel nunha urna. 

Ao mesmo tempo, participaredes nun sorteo organizado polo concello no que o premio é unha cea. As persoas que atenden o posto "Eu na bici" farannos chegar os documentos dos participantes do Perdouro para que as profes de Educación Física o teñan en conta. 

A participar!! Desde hoxe, venres 16, ata o xoves 22 de setembro. Aquí tedes o cartel para buscar o posto por Burela. 



15.9.22

Comeza a IIIª edición de "Generación ECO": empezan os retos!

Este curso continuaremos cos retos sostibles para reducir a pegada hídrica e de carbono. Recordade que o curso pasado alcanzamos o segundo posto a nivel nacional e recibimos unha importante dotación para ter o noso propio horto: mesas de cultivo, composteiro, regadeiras etc. 

Agardamos a mesma colaboración ca o curso pasado. Nesta ocasión, o primeiro reto centráse no vidro. Trátase de levar a cabo algunha actividade que investigue sobre: 

- como se xera o vidro, 

- que impacto ten no medio,

- e que múltiples usos pode ter este material dado o seu alto valor. 

Valorarase a creatividade, a orixinalidade, que dure no tempo, o número de alumnado involucarado e a transversalidade entre diferentes ámbitos. 

A partir do 30 de outubro hai que presentar as actividades. Charo, xefa do departamento de Bioloxía, coordinará unha vez máis os retos e debemos enviarlle a ela as nosas aportacións. 

Atención aos obxectivos. Comeza o reto 1!!




11.9.22

Visita á Pontenova de 3º ESO e FP Básica

A finais do curso pasado, o 13 de xuño de 2022, o alumnado de 3º ESO e FP Básica visitou A Pontenova. 

Fixeron unha ruta de senderismo, visitaron unha antiga mina e desfrutaron das actividades e xogos nos que participaron. Estiveron acompañados polos profesores Fernando Losada, Emérito Fernández e Toño Blanco. Este último brindounos un divertido vídeo da xornada. 

Podedes velo AQUÍ


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...