30.4.18

A Mariña pensando en feminino - Exposición conxunta da Microrrede da Mariña.

Xa contamos co programa da exposición conxunta da Microrrede de bibliotecas escolares da Mariña que terá lugar na Sala Multiusos do Concello de Viveiro e na biblioteca municipal de Viveiro.

Entre os días 7 e 10 de maio de 2018, ambos inclusive, de 18h a 20h, estará aberta ao público unha exposición titulada “A Mariña pensando en feminino”, preparada polas bibliotecas escolares que integran a MICRORREDE DA MARIÑA e resultante dun proxecto colaborativo.

Este ano é o séptimo no que as bibliotecas de 14 centros educativos da zona da Mariña veñen a desenvolver un proxecto conxunto para o fomento da lectura nas familias. Dito proxecto trata de involucrar ao maior número de sectores que influen na promoción dos libros, o gusto pola lectura, o intercambio de experiencias e sobre todo, impulsar a colaboración das familias na promoción da cultura e a formación lectora dos seus fillos. O proxecto deste ano titúlase "A Mariña pensando en feminino" e acompáñao un conxunto de actividades dinamizadoras.

Os traballos que aí se presentan teñen un claro componente de xénero e teñen como obxectivo principal dar visibilidade á muller e ao empoderamento da palabra, da figura, da cultura, dos oficios, das voces, das letras, do patrimonio dende o punto de vista máis feminino.


Para o acto de inauguración, contaremos coa actuación da cantante galega GUADI GALEGO, coñecida por unirse á loita contra a violencia machista. A súa canción 'Matriarcas' é unha homenaxe ás mulleres fortes que loitan contra a morea de obstáculos que lles impón a vida só por nacer de sexo feminino. Teremos unha performance do ColectivoLAG. Son Lara Buyo e Ana Corujo, dúas curiosas mentes inquietas graduadas en Belas Artes e cun Máster en Arte Contemporánea. Dedican a súa traxectoria á performance defendendo a arte en parella baixo unha liña que reivindica a igualdade de xénero. Un grupo de escolares cantarán e empregarán a linguaxe de signo para cantar Chea de Vida e Matriarca de Guadi Galego.  A nosa alumna de 1º de bach, Andrea Rivas Villarquide, lerá o seu manifesto "Eu son muller".

Como actividade dimanizadora, este ano traemos un grupo de teatro Adala Infantil, conformado por un grupo de nenas e nenos focenses, que representará a obra "Mamasiña que medo!". A obra conta a historia dunhas bruxiñas e un ogro moi particulares.

Para clausurar estas xornadas da Microrrede A Mariña pensando en feninimo, un coro de escolares cantaran a Saia da Carolina e a canción dos Maios. Tamén teremos a actuación das Moreninhas, 3 raparigas de Cabo Verde recen chegadas a nosa terra galega que nos cantarán Txica Bonita e No niño novo do vento. Elas tres son o reflexo da integración e da fusión cultural. Contaremos cun encontro literario coa presenza de Rita Morrigan que  sorprende no panorama da novela romántica actual española con libros moi elaborados nas súas historias, con personaxes máis definidos, con mulleres avanzadas para a súa época.


No proxecto A Mariña pensando en feminino participan os centros educativos da zona da Mariña que se citan a continuación:

21.4.18

Día Mundial da Bicicleta - Volta a Burela

O Departamento de Educación Física organizou o xoves 19 de abril un acto para conmemorar o Día Mundial da Bicicleta. Tratouse dunha actividade de participación voluntaria, onde os alumnos e profesores que así o decidiron saíron en bici dende o instituto para realizar unha ruta por Burela seguindo o itinerario proposto duns 13 km. Participaron unhas 50 persoas entre alumnos, profesores e outro persoal de apoio.
Contouse co apoio do Concello e Protección Civil para a organización e correcto desenvolvemento da carreira. 
O día prestouse moi ben para esta pequena volta a Burela!!!
Accede ao albúm de fotos aquí.



20.4.18

Yaiza Rivas, gañadora do Imaxiña 2017

Yaiza Rivas resultou gañadora do certame audiovisual da Mariña Imaxiña 2017. 

A burelá Yaiza Rivas, gañadora do Imaxiña 2017O pasado xoves 19 de abril ás 18.30 horas na sede de Imdecum Yaiza recibiu da man do presidente o primeiro e terceiro premio por dúas fotografías que realizou durante o seu traballo para A Mariña ten historia.
Nerea Yáñez do IES Alfoz-O Valadouro Nerea Yáñez, de 3º da ESO, obtivo o segundo premio.

Ler a nota de prensa de Indecum aquí.

15.4.18

De Burela a Santa Comba: andar a terra para coñecela e querela cada vez máis.

Como resultado da colaboración entre as vice-direccións de actividades extracurriculares e os respectivos Equipos de Normalización Lingüística, os Institutos de Ensino Secundario Perdouro (de Burela) e Terra de Xallas (de Santa Comba) organizaron un intercambio educativo para profesorado e alumnado do segundo curso de ESO. Despois dun intenso traballo de coordinación realizado por Cristina Durán Arufe e  Ana Isabel López Novo desde Santa Comba e de Miruca Parga Valiña e Karina Parga Chao desde Burela, o día 13 de abril comezaron as actividades conxuntas. Foi nunha intensa xornada que se desenvolveu nas Terras do Xallas, con inicio no centro escolar e final na localidade do Ézaro (Dumbría).
Desta vez, tocaba erguerse cedo na Mariña. Un pouco antes do habitual, ás sete, estábamos en movemento e ás oito menos cinco minutos xa facíamos unha foto de grupo na estación dos autobuses. Con ilusión compartida, subimos ao autobús guiado por Carmen e dirixímonos a Foz e A Espiñeira para tomar a autovía, da que tivemos que saír pouco despois coa consecuencia dos continuos cortes de servizo por culpa da néboa no Alto do Fiouco na Serra da Corda. Salvo ese atranco anecdótico, reincorporámonos de novo á vía rápida á altura de Abadín e fomos deixando atras Vilalba, Baamonde, Guitiriz, a Costa do Sal, Betanzos para nos encamiñarmos ao Mesón do Vento e A Silva, xa a pouquiña distancia de Santa Comba, o noso primeiro destino. Tres horiñas de feliz viaxe sen parada hixiénica, o que é moito de agradecer.
No patio do IES Terra de Xallas agardábannos coa mesma ilusión máis de medio centenar de mozas e mozos e as súas profesoras directamente implicadas no intercambio. A boa organización docente e a boa disposición da mocidade implicada propiciou que en poucos minutos xa estivésemos comodamente sentados no salón de actos, onde nos dirixiu unhas palabras de saúdo o director, Modesto Refojo Alvariño (profesor da área de Música, actividade que combina coa produción discográfica e a participación en Pepe Vaamonde grupo). Nun discurso moi sintético e moi próximo, a primeira autoridade educativa do centro anfitrión deunos a benvida, agradeceu o traballo do profesorado implicado e fíxonos unha brevísima presentación da situación xeográfica e económica de Santa Comba (porta de comunicación entre as Terras de Santiago e a Costa da Morte).
Unha aproximación máis profunda á localidade e á comarca recibímola da profesora Aurora Puentes Graña, doutora en Bioloxía (como a nosa vicedirectora, a profesora María Dolores Otero Rodríguez) e Catedrática de Ensino Secundario. A súa intervención acompañada de numerosas imaxes proxectadas na pantalla conseguiu que nos quedásemos co fundamental: un concello con 17 parroquias, un Monte Castelo como en Burela, o aproveitamento do caolín (con diferente uso), a estrutura xeolóxica de rochas moi antigas, a paisaxe das enormes pradarías, das pequenas áreas forestais e das minas a ceo aberto; o maior índice de pluviosidade de Galiza, as reivindicacións agrícolas... e o Xallas e as súas terras. En poucos minutos levounos á Fervenza de Castriz, aos encoros e á central hidroeléctrica, mostrounos os cabalos garranos e recomendounos a lectura dun libro que gardamos con moito cariño na nosa biblioteca (O volframio de Varilongo, de Carmen Blanco; en Ed. Xerais) e o visionado dunha película gravada entre Santa Comba e Casaio - Ourense e titulada Lobos Sucios, dirixida por Simón Casal (2015).
Precisamente o sorteo de dous exemplares do libro sobre o volframio -con fortuna para Manuel González e Hugo Cobas-, deu paso á entrega dun simbólico e moi práctico regalo para cada un dos membros da delegación visitante. A seguir, o alumnado anfitrión reincorporouse ás aulas ordinarias e a xente de Burela fomos recuperar enerxías á cafetaría escolar, un magnífico servizo co que conta o instituto de Santa Comba.
Pouco despois das doce da mañá, a nosa condutora Carme xa nos estaba levando para o lugar de Albarín, na parroquia de Alón (a pouca distancia do núcleo municipal). Micrófono en man, toma a palabra o noso guía: Anxo Feás Carro (alumno de 2º de ESO). Primeiro con timidez, mais despois con seguridade, vainos dicindo por onde pasamos; anímanos a contemplar a paisaxe e anticípanos en que vai consistir a seguinte actividade. Mentres o noso anfitrión fala, o alumnado de Burela atende... e é pouco cauto á hora de interactuar coa diversidade lingüística. Anxo Feás fala extraordinariamente ben, con boa fonética e entoación xenuína, mais a súa metafonía do -a (final) choca nos tímpanos dos seus colegas dunha zona en que o mesmo apelido Fanego soa ben diferente en Foz que no Vicedo (ambas localidades da Mariña).
Na granxa Os Agros de Alón recibiunos José Manuel Vázquez Rodríguez, Técnico de Xuventude do Concello de Santa Comba. Persoa comprometida coa aprendizaxe fóra das aulas escolares, o funcionario da administración local fálanos da importancia da formación académica e extraacadémica e do exercicio do deporte. A seguir, a modo de presentación xeral destacou de novo tres grandes ideas: a minaría, as 10.000 cabezas de gando vacún, principalmente de raza frisoa e dedicadas á produción de leite; e o irmandamento con Río de Janeiro, por razóns de vínculos migratorios.
Despois desta explicación do contexto, chegou o momento da intervención da anfitriona, María Ramos Castro. Xunto con Javier Lage Estévez, ambos emprendedores, puxéronse á cabeza dunha Sociedade Agraria de Transformación (SAT), iniciativa que esixiu un investimento de 700.000 euros na construción dunha nave para albergar, inicialmente, 220 vacas.
Entramos na granxa pola porta da ternura. Xusto ao lado da porta estaban os cortellos das crianzas, desde a zona das de dous días á das dunha semaniña e das xa máis grandiñas, antes de mandar para os cebadeiros ou para a reposto de futuras produtoras de leite. Alí diante dos nosos ollos tivemos un becerriño frisón, de cor ruba, unha "rara bovis", destinado a paternidade. Unha delicia con tres días de vida que acabou por facer desaparecer aqueles prexuízos iniciais de "e que habemos ver en Santa Comba? Vacas? Imos facer unha excursión para ir ver vacas?".
Certamente, tamén queríamos ver iso. Tamén queríamos ver vacas e coñecer por dentro outra actividade do sector primario como o é a pesca. Na corte das vacas entramos por unha zona de cama de palla: a destinada ás próximas ao parto. Despois pasamos á zona das recén paridas (post-parto), xa deitadas en cama de caolín de Vimianzo (parecido ao que ten un uso ben diferente en Burela e Sargadelos); e á do lote de secas, onde están entre os sete e os oito meses e medio de xestación, con alimentación máis lixeira.
Despois de 45 minutos de exposición brillante, "in situ", xa comezaron as preguntas con total fluidez (porque os prexuízos estaban estacionados): como empreñan as vacas?, por que levan eses "pendentes"? Nese momento, chegou o carro alimentador e presentouse moi ruidoso, mais xa de por si era suficientemente actractivo como para esperar polas explicacións dos preñescos e dos crotais.
Na sala de muxido ou de ordeño (que ambas palabras son do noso idioma, aínda que non o pareza) coñecemos o sistema de extracción do leite en simultáneo a 24 animais. Comprobamos a hixiene do local e vimos o funcionamento das máquinas.
Nos últimos minutos, aproximándonos ás dúas da tarde, subimos a unha oficina e salón de actos. Sentamos comodamente e recibimos: a) unha lección sobre o proceso de elaboración dos produtos lácteos; b) sobre a presenza da lactosa en diversos alimentos (como é o caso dos embutidos); d) sobre o destino da produción da SAT Os Agros para a elaboración de leite condensado dunha coñecida multinacional; e) sobre a produción das 178 vacas leiteiras, que daba 37'1 litros por día, en dúas muxiduras (6:30 e 18:00) ; f) sobre os diferentes destinos do leite producido nas outras 500 granxas existentes no termo municipal de Santa Comba; e g), o máis importante, unha lección de vida que moitos e moitas non van esquecer: "hai que dedicarse a aquilo polo que se sente paixón". Así nos falou María Ramos Castro, muller galega emprendedora, a quen despedimos cun sonoro aplauso.
Aínda que as once se tomen reconstituíntes líquidos e sólidos (como foi o noso caso), ás dúas e pico os estómagos xa se queixan. Tamén niso tivemos sorte: a organización tiña perfectamente estudado o sistema de distribución por grupos para fomentar a convivencia. En poucos minutos xa estábamos acomodados e tíñamos diante de nós boa comida. Quedounos só unha intriga: que empresa tería feito as empanadas? Excelentes! Con elas e con algo de bebida ben se tiraba a carreiriña dun can.
A carreriña dun can é o traxecto que percorre o río Xallas ao Ézaro, os 66 km que separan Santa Comba do mar de Dumbría. Novamente con Carme ao volante, pasamos por lugares de nomes pondalianos: Cícere, Grixoa, Pudenza, Lumideiro, Baíñas, Berdoias -aquel reduto do sistema foral no tránsito entre os séculos XX e XXI, con desafiuzamento de labregos- e Berdeogas, Dumbría, Cee, Ameixenda, Brens -o porto de infeliz memoria para a Mariña- e o Ézaro.
Nada máis chegar ao Ézaro, na anteporta da fervenza e da planta hidroeléctiva, tivemos outra magnífica mostra da excelente organización das nosas colegas Cristina Durán, Ana Belén López e Pilar Pérez. Agora o ás que sacaron da manga chamábase Ada González, Técnica de Turismo do Concello de Dumbría. Con voz poderosa e subida a un bloque granítico, logrou facerse escoitar por cento dez adolescentes que se coñeceran só unhas horas antes. Mesmo conseguiu que se interesasen pola xeoloxía do Monte Pindo, emerxente das augas polas que estivo cubertos en tres das súas cuartas partes; polo carballo anano, autóctono daquela zona; pola etimoloxía dos dous nomes do río (EZA: "movemento rápido da auga"... e tan rápido!) e polas lendas do fondo da fervenza e da cova da Xoana. Escoitando as súas explicacións, enténdese facilmente que Ada González sexa unha autoridade en materia de promoción turística local do que poden dar fe as máis de 60.000 personas que pasan cada ano polo posto de información situado na área recreativa de entrada a esta marabilla da natureza.
Feitas as despedidas, tocaba desandar o camiño andado e chegar desde a Costa da Morte á Mariña, sentido pena por non ter tempo para visitar Cee ou Vimianzo, co castelo a un tiro de pedra da estrada.
-Profes, temos fame e ganas de mexar. Hai que parar en Guitiriz.
-E non pode ser en Vilalba, que hoxe vénnos mellor así?
-Pode, claro. O caso é parar... Para chegar á casa sempre hai tempo.
Xustamente, cando se asumen ben as responsabilidades, o tempo deixa de ser un problema e un día pódese saír da casa ás sete da mañá e retornar a ela ás once da noite sentíndose ben. A nosa profesión regálanos vivencia así, que dá gusto contar.

Bernardo Penabade Rei - Profesor de Lingua e Literatura

14.4.18

Intercambio co IES Terra de Xallas de Santa Comba

O venres 13 de abril o alumnado de 2º de ESO viaxou ata o concello de Santa Comba para encontrarse con alumnos e alumnas do IES Terra de Xallas no marco dun intercambio en lingua galega programado polos Equipos de Dinamización de ambos centros edudativos.

Pola mañá logo de ser recibidos polo equipo directivo, os alumnos e alumnas foron visitar unha explotación gandeira. 
A convivencia en galego fíxose a partir do mediodía onde toda a rapazada xantou xuntos nun espazo cuberto e habilitado para a ocasión. 
Xa pola tarde foron todos dar un paseo pola fervenza do Ézaro nunha xornada soleada. 
Ler a completísima crónica do profesor Bernardo Penabade aquí.
Podes acceder à reportaxe fotográfica aquí.


13.4.18

Día Mundial da Bicicleta

No Día Mundial da Bicicleta que se celebra o 19 de abril, o departamento de Educación Física do IES Perdouro organiza unha ruta duns 13 km por Burela. A saída está programada para as 12h30 dende o patio do IES Perdouro, e a volta para as 14h. Quen queira participar pode unirse. Só ten que vir en bici e con casco.

12.4.18

Representación teatral Anágnorise (Letras Galegas)

O xoves 5 de abril acudimos á representación da obra teatral Anagnórise na Casa da Cultura do Concello de Burela. Ademais de nós, tamén estaban os alumnos de secundaria doutros institutos da zona.

A obra teatral está baseada no libro de María Victoria Moreno Márquez que nós limos na Semana Santa para facer un exame o día 3 de abril, polo que xa sabiamos a trama e o desenlace da historia.

O espectáculo, que foi interpretado por dous rapaces de Limiar Teatro, comeza co tema de David Bowie que tanto lle gusta a Nicolau, o protagonista da novela. A continuación, len o principio do libro e proxectan no teito do coche (que se supón que é o de Xulia, a outra personaxe da novela) unha introdución á obra mentras soa a banda sonora de Star Wars e fan un breve resumo do libro. Posteriormente, realizan unha especie de concurso chamado “Xuízo e prexuízo” no que Nicolau interactúa co público pedíndolle a un rapaz que chame a algúen para axudarlle a resolver unha pregunta (sobre unha das opinións que o protagonista verte no libro sobre as mulleres). Continúa a representación coa historia do mosteiro de San Cibrán, que  nós sabiamos moi ben porque foi unha das preguntas que nos puxo a profesora de galego no exame.

Despois, os actores “desprázanse” á festa de Castro de Uces e póñense a cantar unha canción contando a historia como se fosen os cantantes dunha orquestra da festa. Avanzan no tempo ata chegar á viaxe de volta en tren de Nicolau e despois, simulando un dos seus recordos, proxectan na porta do coche as caras do público que lles serven para ilustrar o bar do Coxo (amigo de Nico e onde se xuntaban todos os amigos para beber alcol). A continuación, cambian de ambiente e reflexionan sobre o parecido entre Xulia e a autora do libro. Por último, falan da estancia de Nicolau en Madrid nos anos 80 e len a carta que lle deixou Xulia a Nico na habitación antes de morrer. Como remate, volve a soar o tema preferido de Nico co que comezou a obra.

A miña opinión sobre esta actividade é moi positiva xa que me pareceu moi entretida e despois de ler o libro quedáronme as ideas moito máis claras. En canto á historia á que se refería, o final paréceme moi impactante pero polo medio non me agradou moito lela xa que se perdía o fío facilmente.

Ver a reportaxe fotográfica aquí.
LAURA PERNAS
4º ESO


11.4.18

Obradoiro de xornalismo e pensamento crítico

No mes de abril tivemos, o alumnado de 4º da ESO, varias actividades educativas relacionadas coa tecnoloxía e o mundo dos medios de comunicación e unha delas tivo lugar o xoves día 5 na Biblioteca do Centro impartida por Blanca Díaz, xornalista e especialista en comunicación, que nos fixo reflexionar criticamente sobre o labor xornalístico.
Esta profesional ten unha empresa denominada “Elenda” que vende os seus servizos de creación e mellora de páxinas web e edición de libros para empresas ou particulares.
Este día realizamos diversas actividades vencelladas co xornalismo tales como a análise de fotografías coa regra das 5W`S+H, a interpretación dun texto para tratar de recoñecer o seu autor (algo que ninguén conseguiu averiguar…), a clasificación de distintos tipos de artigos que lemos todos os días e tratando de reconvertelos noutros tipos distintos…
Na charla desta xornalista tamén se nos mostrou que os periódicos poucas veces son obxectivos; é máis, ás veces pecan de incertos e oportunistas.

Accede a reportaxe fotográfica aquí.
MARÍA FANEGO
4º ESO

10.4.18

Roteiro pola Mariña - 2º ESO

O pasado venres 23 de marzo os alumnos e alumnas de 2º de ESO participamos nun roteiro pola Mariña Central. A primeira das nosas paradas foi en Fazouro para admirar o castro que alí se ergue. Unha parada especialmente interesante, non só pola súa historia, senón tamén pola influenza romana coa que foron construidos. Lugar de especial interese pola existencia de edificacións de forma redondeada, desvío de augas suxas das casas ó exterior e vivendas de dous pisos.
Máis tarde tomamos direción oeste para visitar a capela do Bispo Santo. Alí o exprofesor Antón Niñe tomou as rendas da explicación para contarnos a lenda que reside na construción desta capela.
Continuamos en autobús ata chegar a un dos pratos fortes da excursión, a basílica de San Martiño. Detivémonos para observar os elementos arquitectónicos deste monumento, cunha explicación histórica por parte de Antón e unha física por parte da profesora Maribel. Xa no interior, repasamos a súa historia e, por grupos, fixemos unha ficha coa información dada.
A última parada do día foi a catedral de Mondoñedo. Trala historia e os elementos arquitectónicos a destacar da igrexa, entramos na parte máis práctica da ruta. De catro en catro tíñamos que atopar dous lugares de interese xa dados e fotografiarnos diante deles, ademais de completar unha pequena ficha.
Foi unha experiencia nova e sorprendente que na miña opinión dalle á ensinanza de hoxe en día un toque máis refrescante. Penso que é un roteiro moi recomendable.

Accede a completísima reportaxe fotográfica aquí.

Cróncia de Alba Geada de 2º ESO A

9.4.18

Por uns días os alumnos e alumnas de 1º Bacharelato transformáronse en ecólogos!

A dificultade para coñecer o número total de individuos dunha poboación ou estimar o número de especies é enorme.  Os investigadores teñen que recorrer ó uso de técnicas de mostraxe, nas que se realiza un reconto incompleto para, a partir del, por extrapolación, deducir o número total aproximado de individuos.
Servíndose dunha cartolina e de varios tipos de legumes e pastas,  os alumnos e alumnas de primeiro de bacharelato estimaron o número de exemplares de cada tipo presentes no seu ecosistema.  Utilizaron os dous métodos básicos de mostraxe: a mostraxe por cuadrantes e a mostraxe por transectos. Todos estes datos servíronnos de base para ós vindeiros estudos de biodiversidade, nos que calculamos a biodiversidade dos ecosistemas usando diferentes índices.

Accede ao albúm de fotografías aquí.

Virginia Alonso San Eloy, profesora de Bioloxía e Xeoloxía 

8.4.18

ExpoCosmética en Porto - Portugal

As alumnas e alumnos do CM de Peiteados e Cosmética Capilar están no Porto para asistir á feira ExpoCosmética, a maoir feira do sector da beleza e ben-estar a nivel ibérico. Coñeceron novos produtos e tendencias deste Salón Internacional de Cosmética, Estética e Cabelo.
Tiveron a oportunidade de asistir a varias presentacións de traballos realizados en directo por profesionais. Ata o noso alumno Antón fixo de modelo de corte para Sir Fausto Barber.
Accede ás fotografías aquí. 

7.4.18

IMATXINA, outro xeito de aprender matemáticas

O pasado mércores 21 de marzo os alumnos de 1º ESO viaxaron a Coruña para participar nos obradoiros de matemáticas manipulativas IMATXINA, que tivo lugar no IESIDE (Fundación Abanca). Previamente visitaron a Casa das Ciencias, de 10:30 a 11:30h.
Na súa XIV Edición, IMATXINA é un encontro didáctico organizado pola Fundación Escola Rosalía e Afundación, a Obra Social de Abanca, onde se difunde un modelo para aprender as matemáticas dunha maneria lúdica, manipulativa e participativa.
Os obxectivos principais de IMATXINA son os de fomentar a imaxinación e a creatividade, a curiosidade e o espírito crítico a través de prácticas divertidas, dinámicas e atractivas.
O alumnado aprendeu a traballar en equipo, a valorar e a respectar as opinións propias e alleas.
Accede á reportaxe fotográfica aquí. 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...