31.1.24

Entrega de premios do Campionato San Xoán Bosco 2024

Esta mañá, mércores 31 de xaneiro, Día de San Xoán Bosco, patrón do ensino profesional,  a Asociación Cultural Os Matos fixo entrega  de premios aos campións e subcampións na modalidade de xogo individual. Felicitamos aos gañadores así como a todos e todas aquelas que participastes no campionato. O resultado foi o seguinte:

Xadrez 

  • 1° premio: Alexandre García Pousa / 1º Bac
  • 2° premio: Saúl Rodríguez Rodríguez / 1º Bac

Damas 

  • 1° premio: Ramón Real González / 2º Bac
  • 2° premio: Maite Candia Bazrreiro / 3º ESO

Cubo de Rúbik

  • 1° premio: Hugo Gorgojo Basanta / 1º Bac
  • 2° premio: Jorge Neira Cociña / 2º Bac

Os campionatos de fútbol sala e balón cesto están a celebrarse nos recreos. No mes de marzo está prevista a gran final.

Accede ao álbum de fotos dos medallistas AQUÍ.

30.1.24

Campionatos San Xoán Bosco 2024

 

No gran día da festividade de San Xoán Bosco, faremos entrega dos premios aos campións e subcampións das modalidades de Xadrez, Damas e Rubik. 

 
Será na biblioteca o 31/01/2024 ás 11h.

23.1.24

Aquí tamén se fala galego

Participamos na iniciativa cultural e de dinamización lingüística Aquí tamén se fala galego

Foi iniciada polo IES Rafael Dieste da Coruña e xa son 160 os centros educativos que se adheriron a esta marea na que a mocidade é protagonista en poñer en valor o uso da lingua en calquera ámbito laboral.

Son aínda moitos máis os centros educativos que se queren adherir e en Burela non imos ser menos. Abofé! Aquí tamén se fala galego!


10.1.24

Premios para o IES Perdouro de traballos por proxectos e de convivencia e benestar emocional

Esta semana recibimos as noticias de que o labor do IES Perdouro foi premiado no IX Concurso de Traballos por Proxectos e no I Premio ConVivimos, ambos convocados pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

No contexto do PLAN LIA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) convocouse o IX Concurso de Traballos por Proxectos 2022-23 baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar. A finalidade do proxecto, de carácter interdisciplinario, foi a elaboración dun invernadoiro para o centro. Realizouse dun modo DIY (Do It Yourself – Faino ti mesmo), para que o proceso fora exportable e cadaquén puidese construílo na súa casa. Instalóuselle tamén a infraestrutura necesaria (sensores de temperatura, humidade etc) para realizar unha plantación de vexetais totalmente ecolóxica, aprendendo sobre os mesmos no relativo á data de plantación, coidados, recolección, usos e incluso análise da súa forma. Para todo isto empregouse un sistema de traballo que combina a busca e tratamento da información, o método científico e a aprendizaxe baseada en proxectos, de xeito que o alumnado, ao ir superando os distintos obxectivos do currículo, observaba unha finalidade no seu proceso de ensino-aprendizaxe, traballando distintos temas transversais e adquirindo as correspondentes competencias curriculares. Este proxecto, que comezou coa idea de construír un invernadoiro, foise desenvolvendo de xeito que se acadaron moitos outros fins, por iso recibiu o nome de: Construímos unha estrutura xeodésica e plantamos un fractal? - Construímos un invernadoiro e plantamos unha coliflor?”

O proxecto comezou analizando as necesidades de crear un espazo para o cultivo de vexetais durante o período escolar no centro educativo, de xeito que se puidera levar a idea a outras persoas que quixeran facer o mesmo (DIY) e seleccionar cultivos para distintos fins. Neste proxecto o estudo das estruturas xeodésicas e dos tipos de cultivo foron o medio para acadar o fin. Tralo estudo das estruturas xeodésicas, comezouse a elaboración dun proxecto técnico que supoñía: deseñar e realizar o cálculo da estrutura xeodésica, deseñar a disposición das macetas/mesas de cultivo, elaborar os detectores de temperatura interior e os detectores de humidade para controlar o regado das plantas. Investigouse sobre os cultivos que se ían realizar, completando o traballo coa información facilitada polas familias, empregáronse as formas da natureza (coliflor, brócoli, col romanescu e suculentas) para estudar os fractais e utilizáronse as plantas aromáticas (lavanda, menta etc) para elaborar distintos tipos de xabón. Finalmente, procedeuse á difusión do proxecto e á realización de agasallos cos cultivos conseguidos e produtos elaborados.

A contía que recibiu o centro foi de 2000 € como se pode comprobar na resolución que fai pública a relación de centros premiados. 

Por outra parte, co fin de recoñecer o esforzo realizado polos centros educativos na mellora da convivencia e do benestar emocional, convococouse o I Premio ConVivimos 2023 de convivencia e benestar emocional, para recoñecer aquelas actuacións e proxectos de carácter individual e/ou colectivas que implicaran un alto grao de compromiso coa mellora da citada convivencia escolar e benestar emocional. Para esta convocatoria presentouse un proxecto de todas as actividades relacionadas coa educación emocional que se realizaron no centro durante o ano pasado. Nestas actividades participou alumnado de todo o centro (ESO, BACH, FP) e colaboraron diferentes departamentos grazas á formación recibida no PFPP e á coordinación das profesoras Yolanda Fernández e Montserrat Seco, esta última a través do Programa de Educación Responsable. O alumnado recibiu sesións de Educación Emocional, realizou un estudo sobre emocións no IES Perdouro, construíu unha estrutura suspendida, redactou relatos e poemas, o Coro das Emocións interpretou varias cancións etc.

Ao IES Perdouro outorgóuselle polo proxecto #EmociónsNoPerdouro un áccesit, quedando no 4º posto dos 50 centros da comunidade autónoma que se presentaron nesta primeira convocatoria como consta na relación de premiados

8.1.24

Cartas aos xeriátricos para felicitar o Nadal

Un ano máis, o alumnado de 1ESO do IES Perdouro participou na actividade de elaboración e envío de cartas a distintos xeriátricos da Mariña para felicitar as festas aos nosos maiores e arroupar a aqueles que poidan sentirse sós. 

Agardamos ter sorte e, que á volta das vacacións de Nadal, algúns se animen a respondernos!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...