31.3.23

Disección dun corazón

O martes 7 de marzo, os alumnos de 1º de Bacharelato de Anatomía Aplicada, xunto cos profesores Fernando Losada, do Departamento de Bioloxía, e Sol Galdo, a nosa profesora de Anatomía, disecamos uns corazóns de cocho. Esta foi unha actividade complementaria dentro da unidade didáctica sobre o sistema cardiovascular, na cal estudamos o funcionamento do noso corazón e de todo o sistema circulatorio. 

Para a disección dividímonos en catro grupos de 4 ou 3 integrantes, para posteriormente distribuírnos o traballo (cortar, examinar, sacar fotos…). Primeiro identificamos as caras do corazón (anterior e posterior), as aurículas, os ventrículos e os vasos sanguíneos situados na parte superior do órgano. Logo, coa axuda dun bisturí, realizamos dous cortes paralelos ao tabique interauricular, para comezar coa observación interna. Así, puidemos distinguir as cavidades internas do corazón, as válvulas que as separan e comparar o grosor das súas paredes. Desta maneira, comprobamos como están comunicadas as distintas cavidades para comprender mellor o circuíto. Ademais, a maiores, tivemos a gran sorte de contar cun corazón de terneira, non tan semellante ao humano, pero realmente impresionante polo seu tamaño. 

Esta actividade resultou do máis didáctica e entretida e as sensación foron realmente boas. Serviunos para coñecer máis de cerca o funcionamento do noso corazón (pois o corazón de cocho é moi semellante ao dos humanos). Unha experiencia que moitos de nós sen dúbida repitiriamos.

Podes ver as fotos AQUÍ 

Nerea Francos, Ramón Real, Ivana López - 1º Bacharelato

29.3.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 20

Mércores de emocións: nova entrega.

Hoxe imos falar dos químicos da felicidade.
Hai catro produtos químicos naturais xerados polo noso corpo que adoitan definirse como o "cuarteto feliz”.
Este cuarteto está composto por:
1️⃣ As endorfinas
2️⃣ A serotonina
3️⃣ A dopamina
4️⃣ A oxitocina
💫 As endorfinas son consideradas a morfina do corpo, unha especie de analxésico natural. Inhiben a dor e, polo tanto, permítenos ter unha sensación de felicidade, creatividade ou mesmo euforia independentemente da realidade.
💫 A serotonina flúe cando te sentes importante; a sensación de soidade e ata a depresión son respostas químicas á súa ausencia. Xoga un papel importante na regulación da agresión e da ira, na resposta sexual e de pracer, no estado de ánimo optimista, así como na regulación do apetito.
💫 A dopamina descríbese a miúdo como a responsable de sentimentos como o amor e a luxuria, pero tamén se lle acusa de ser responsable das adiccións. Por iso se di que é a mediadora do pracer. Xoga un papel fundamental no desenvolvemento das redes neuronais e inflúe en funcións importantes como a atención e a memoria, polo que é crucial nos procesos de aprendizaxe e na resolución de problemas.
💫 A oxitocina é chamada frecuentemente "a hormona do abrazo". É moi coñecida pola súa intervención no embarazo e no parto; pero máis aló destes momentos, xoga un papel fundamental no desenvolvemento e mantemento dos vínculos en xeral, no coñecido sistema de apego.
Estes químicos naturais son producidos polo propio corpo.
👆deixamos un listado das actividades/hábitos que favorecen a aparición deles. Son actividades que todos podemos pór en práctica todos os días, e dese xeito, acadar máis momentos de felicidade e facer fronte ós malos momentos.

Mulleres en Alcoa

O xoves 9 de marzo de 2023 viñeron un grupo de mulleres que traballan en Alcoa falarnos do seu labor na fábrica.

Unha muller chamada Eva Fernández foi a que nos introduciu na charla. Estudou enxeñería e é a encargada dunha sección das que hai en Alcoa, incluído un laboratorio.

A continuación, fóronse presentando as distintas traballadoras:

Maribel encárgase dos recursos humanos de Alcoa. Contounos que neste traballo no que ela estaba non só había homes senón mulleres tamén. Ensinounos unha gráfica na que se podía ver perfectamente que en 2007 só había arredor de 25 mulleres traballando en Alcoa, pero que neste momento xa hai arredor dunhas 66 mulleres.

Vanesa, a primeira mecánica de Alúmina falounos de todos os estudos que fixo ata que comezou a traballar en Pescados Rubén. Despois empezou a traballar en Alcoa amañando bombas, revisando niveis de aceites etc... Ela estudou no IES Perdouro o Ciclo Medio de Mecanizado.

Lola, a encargada de optimizar os recursos, os procesos etc... Explicounos un pouco sobre os estudos que fixo ata chegar alí, sobre todo o Ciclo de Química Industrial.

Denise traballou un tempo en Pescanova e logo pasou xa directamente a traballar en Alcoa. O que ela fai é o cambio das secuencias das bombas. Tamén nos explicou a súa experiencia cos compañeiros de Alúmina. Dixo que a trataban como un compañeiro máis e iso é moi positivo porque se ve que en Alcoa non importa se son mulleres o homes.

Nerea estudou Administración pero iso non lle chamou a atención. Dixo que o dela non era estar sentada nunha oficina todo o día. Entón, fixo un ciclo de moldeamento de metales e polímeros en Xove. Cando acabou o ciclo, tiña que facer prácticas, pero concidiulle en época de Covid e ata abril de 2022 non puido empezar a Formación en Centros de Traballo e en xuño dese mesmo ano rematou o período de prácticas e empezou a traballar en Alcoa. Agora, está no departamento de fundición de aluminio. Funden o aluminio para que pase de líquido a sólido rapidamente.

E, por último, Belén, que estudou Química Industrial, comezou como becaria en 2007. Cando empezou a traballar en Alcoa dixo que só había 3 mulleres na zona de produción e de HS de seguridade. A maior parte do seu traballo é administrativo pero tamén hai partes de produción. 

En conclusión, que unha muller pode facer o mesmo traballo que un home. Só tes que querer facelo e querer intentalo. Dá igual os problemas que teñas polo camiño, inténtao e conseguiralo. Pase o que pase, sobre todo, non te rindas nunca. 

Podes ver as fotos AQUÍ.

Elisabeth Mendes Rubal - 4º ESO B

26.3.23

27 de marzo: Día Mundial do Teatro

Para conmemorar o Día Mundial do Teatro, o alumnado de 1º de Bacharelato de Literatura Universal elaborou un par de libriños con títulos de obras teatrais. As palabras están representadas por emoticonas. A ver se as acertades!



25.3.23

Día dos autores europeos 27/03/2023

O luns 27 de marzo celébrase a 1ª edición do Día das Autoras e Autores Europeos.
A biblioteca do IES Perdouro acollerá a Antía Yáñez, autora burelá, que falará da súa obra ao alumnado de 4º de ESO.

É unha iniciativa da Comisión Europea, dirixida polo Comisario Gabriel, para promover a lectura entre a rapazada e dar a coñecer a riqueza cultural e lingüística europea.

#ReadWithEurope

24.3.23

Encontro con Antía Yáñez

Durante a cuarta sesión do venres 10 de marzo, tivemos un encontro literario coa escritora Antía Yáñez, a cal veu falarnos da súa novela Senlleiras. Publicada en 2018, non foi o primeiro libro desta escritora nada en Burela, pero si foi o primeiro dedicado á xuventude e, ao mesmo tempo, o máis lido. 

A autora falounos da súa etapa de estudante no noso instituto e de como aquí cursou o bacharelato tecnolóxico para poder, despois, facer a carreira de Enxeñaría de Camiños, aínda que de momento non a exerceu. 

Sempre lle gustou escribir e comezou a facelo presentándose a certames literarios a nivel autonómico e estatal. Posteriormente, falounos das motivacións que tivo para escribir o libro de Senlleiras. Comezou mencionándonos as visibles diferenzas entre xoguetes que a sociedade atribúe a nenos e nenas e a desigualdade que xa dende pequenos nos  inculcan. Xunto esas imaxes mostrounos outras de portadas de libros moi coñecidos e contounos as historias machistas escondidas entre as súas páxinas: o libro dos “Cinco” e a fraxilidade que se lle atribuía a unha das nenas e a masculinidade que se lle atribuía á outra; as novelas de “Jazmín”, que atopou un día na habitación da súa tía na casa dos avós e que todos clasificaban como literatura amorosa para mulleres; e, por último, falounos dos libros de Harry Potter, cuxa escritora J.K Rowling optou por asinar só coa súas iniciais para así poder ser lida tanto por nenos como por nenas sen prexuízos polo seu sexo.

A continuación, mostrounos titulares de noticias sobre asasinatos machistas e puidemos observar como os medios de comunicación intentaban quitarlles importancia aos asasinos e apoiarse nos actos feitos polas vítimas. Ao mesmo tempo vimos como, cando a asasina era unha muller, facíase máis fincapé na asasina que no propio asasinato. Falounos de como, anos atrás, este tipo de asasinatos eran nomeados como “parricidios”, que son os asasinatos entre membros dunha mesma familia. 

Para finalizar, falamos máis detalladamente do libro, os seus espazos e personaxes. Mostrounos imaxes dos lugares máis coñecidos da novela e como se atopaban a principios de século XX e agora. Tamén nos mostrou imaxes dalgúns personaxes reais, como a familia de Bernabé (na realidade composta só por dous fillos pero Antía decidiu inventar o terceiro, que sería Bernabé, para evitar conflitos coa família e o libro). Para o personaxe de Alda inspirouse nunha influencer inglesa, a cal tamén subiu ás redes unha fotografía cunha man pantasma na bañeira da súa casa; esta muller inglesa foi atopada tempo despois morta na súa casa e aínda hoxe non se sabe a razón da súa morte. 

Como punto final deste encontro, Antía Yáñez asinounos os libros de Senlleiras que traíamos cunhas bonitas e conmovedoras dedicatorias. 

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Noa Gudín González - 1º BAC C

22.3.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 19

O post de hoxe trata sobre as habilidades de vida e benestar, e dentro disto, da importancia de ter obxectivos (ou soños).
Coñeces a Adrian Ben ?
@adryben44 é un rapaz de Viveiro que dende pequeno destacou polas súas condicións físicas. De neno gañou diferentes títulos a nivel provincial e autonómico en campo a través e atletismo en pista. Comezou a competir como alumno do seu colexio ata que aos 13 anos entrou no Club Atletismo Lucus de Lugo onde militou durante catro anos ata que marchou para Madrid.
O apoio e sacrificio da súa familia foi vital na carreira de Adrián. Viveiro non contaba con pista de atletismo, polo que comezou a adestrar no paseo marítimo da vila.
Para que adestrase axeitadamente, e sobre todo como consecuencia do seu traslado ao Lucus, os seus pais alternábanse levándoo a Lugo varios días ao mes.
Hoxe Adrián é campión de Europa  en 800 metros en pista cuberta; ademais  logrou o  5º posto na final de 800 metros dos Xogos Olímpicos de Tokio.

Cales pensas que son as razóns que o levaron a acadar eses éxitos?
Lóxicamente as razóns son moitas: traballo, esforzo, disciplina, ilusión, optimismo, resiliencia, rodearse de persoas que axuden a brillar…
Pero o post de hoxe ten que ver cunha razón tan importante como as nomeadas enriba.
Adrián é un rapaz que ten obxectivos, mellor dito: ten SOÑOS, e cando te permites soñar estás moito más cerca de lograr o que queres, é sobre todo, moito máis lonxe de que os demais decidan a túa vida.
Se repasamos as declaracións de Adrián trala súa vitoria en Estambul chama a atención como fala de "soños”, non só de obxectivos:

  • "Soñaba con gañar unha medalla nun gran campionato"
    "As bágoas despois da final foron por ter sido quen de cumprir un soño"
  • "Levo un título, teño o 20% do traballo feito"
  • "Teño un ouro, un 20%; Quedan catro Grand Slams"

Adrián ten moi claro o que quere lograr e vai trazando o seu camiño de acordo co que soñou. Seguro que ó longo da súa vida oiría persoas que lle dirían “non o vas lograr”, “chegar as Olimpíadas é imposible”, “como vai chegar un rapaz de Viveiro a ser profesional do atletismo?”… Pero el tiña un soño... e por iso está máis preto de alcanzalo.

E vos, que soños tedes?
Colle un papel, escribe nel os teus soños, e dende este momento orienta a túa vida para alcanzalos deses xeito percorrerás o camiño que ti elixas, e pode ser que ao final logres “a túa medalla” como lle ocorreu a Adrián.

21.3.23

Rosalía na lingua de Molière

Para conmemorar o día de Rosalía de Castro, o alumnado de Francés de 1º de Bac fixo un traballo de tradución do poema "Dicen que no hablan las plantas, ni las fuentes, ni los pájaros" e adaptouno ao francés. Logo fixeron esta pequena montaxe para celebrar hoxe o día da poesía. 


Día da Poesía 2023: Videopoemas de Noriega e Cabanillas

Con motivo da celebración do Día da Poesía o alumnado de 2º de Bacharelato que cursa a materia de Literatura galega do século XX e XXI preparou algúns videopoemas de dous dos autores que inauguran o século XX: Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas. 

Escoitar ou ler poesía fai que experimentemos emocións por tratarse dun xénero literario no que fundamentalmente se expresan sentimentos. Convidámosvos a ver e escoitar cada un destes videopoemas e deixar que afloren as vosas emocións. 

 

Día da Poesía 2023: Adiviña os títulos de poemarios da literatura universal

O alumnado de Literatura Universal ideou estes dous libriños nos que nos retan a adiviñar os títulos de poemarios famosos descifrando o significado de emoticonas.  

A ver cantos sodes capaces de recoñecer...

Os primeiros son máis doados: 

Estes son máis difíciles: 

17.3.23

Celebración do I Día da Literatura Caboverdiana

Neste ano 2023 cumpre 75 anos a primeira grande obra narrativa da literatura de Cabo Verde. Trátase de Chiquinho, unha novela escrita 
por Baltasar Lopes da Silva. A obra marcou o inicio da literatura caboverdiana, cubrindo temas locais e da cultura crioula. 
Este martes Burela acolleu a celebración do primeiro 'Día da Literatura Caboverdiana'. A partir das dez da mañá comezou na biblioteca do IES Perdouro unha lectura continuada de Chiquinho a cargo de duascentas persoas, entre as que se atopaban os alumnos e alumnas do centro. 

Na inauguración participaron unha estudante -Noemy dos Reis Cardoso Borges-, a profesora de Lingua Portuguesa -Vanesa Vila Verde-, o alcalde de Burela -Alfredo Llano- e a Conselleira de Cultura da Embaixada de Cabo Verde, Odete Alves. 

Desde o proxecto de intervención educativa Modelo Burela destácase que "por primeira vez na historia, o máis universal dos nenos caboverdianos falou en público no seu idioma propio: o caboverdiano, resultado da síntese do galego-portugués e das linguas africanas dos poboadores do arquipélago". As palabras do discurso inicial foron preparadas para a ocasión por Edilson Sanches Tavares, estudante de Linguas Modernas na Universidade de Santiago, e por Noemy dos Reis Cardoso Borges, a estudante encargada de abrir o encontro poñendo voz a ese fragmento en caboverdiano. 

A lectura tivo unha duración de oito horas nas que Burela se converteu "na capital cultural da expresión galego-lusófona". No acto tamén interviñeron o escritor Séchu Sende, estreitamente interesado na literatura africana desde a etapa da adolescencia; un grupo de alumnos e alumnas do Instituto Marco de Camballón, de Vila de Cruces; a politóloga Susana Basanta; Natalia Irimia, coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Perdouro, e o profesor Lourenço Gomes, da Universidade de Cabo Verde, que falou a través dunha videoconferencia. A través de vídeos tamén se escoitou a voz de Christian Salles, do Río de Janeiro, un historiador brasileiro moi activo nas redes de comunicación no espazo galego-lusófono, e tamén a da profesora e escritora Laura Ramos Cuba, formada nas aulas do IES Perdouro. 

Un dos momentos máis especiais tivo lugar ás tres da tarde, cando o Chiquinho reuniu na mesma mesa dúas autoridades da cultura en Burela: Rocío Rivera Seara, da Asociación Cultural Ledicia, e Antonina Semedo, unha das fundadoras de Batuko Tabanka. 

Entre as últimas persoas que participaron na lectura, ocupándose polo tanto de ler as derradeiras páxinas do libro, estiveron a futbolista Jozie, do Burela FS; o director de Edicións Positivas, Francisco Macías; e en representación da USC as profesoras Helena González, Felisa R. Prado e Elías Torres, decano da Facultade de Filoloxía. 

As catro últimas lecturas e intervencións corresponderon a Pablo Álvarez Ramos, avogado burelao; a María José Pardiñas, directora do IES Perdouro; a Francisco Pereira, deputado do Parlamento de Cabo Verde, que viaxou expresamente a Burela para participar nesta celebración, e ao Excelentísimo Sr. Ney Cardoso, embaixador de Cabo Verde, que se conectou vía videoconferencia. Este último felicitou e animou o profesorado a continuar co seu labor, "porque investir no futuro dos mozos caboverdianos é investir no futuro da colectividade”. Despois da repercusión e emotividade da xornada, tanto o deputado Francisco Pereira como o embaixador, destacaron unha cita de Fernando Pessoa: “Todo vale a pena, cando a alma non é pequena”.

Pódese acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

15.3.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 18

Hoxe voltamos para escoitar  a David Bueno  falar sobre “O cerebro adolescente”.
David Bueno é Doutor en Bioloxía e na actualidade dirixe a cátedra de Neuroeducación da Universidade de Barcelona.
Escoitalo axuda a comprender os comportamentos dos adolescentes, o que fai moito máis doado entendelos e, polo tanto axudalos.
Escoitar a David sempre axuda a esclarecer que actitude manter fronte á rapazada que está vivindo esta etapa da adolescencia:
- "A adolescencia é un túnel con luz ao final. Aproveitemos que o túnel se acaba para disfrutalo nosoutros tamén. Non te enfrontes á adolescencia dos teus fillos porque non sairás airoso. Desfrútaa acompañando, apoiando e sabendo que moitas das súas actitudes te van a disgustar, como aos teus pais lles desgustaron as túas".
- "Nesta etapa, ademais de aprender moitas cousas, pódense reconducir actitudes que na infancia non están ben asimiladas porque o cerebro adolescente é moi plástico".
- “A forma en “como” aprendemos inflúe na visión do mundo e na relación coa contorna"
- "O cerebro tende a almacenar mellor, e a usar despois con máis eficiencia, as aprendizaxes transversais e contextualizados que as puntuáis e específicas".

Podes escoitar todo isto e moito máis no podcast de Cristina Mitre @thebeautymail onde todo o que di é útil para pais, docentes e os propios adolescentes. https://www.ivoox.com/entender-a-adolescentes-que-pasa-verdad-audios-mp3_rf_102203461_1.html

13.3.23

Excursión xeolóxica e participación na olimpíada de xeoloxía

O pasado mércores 8 de febreiro, un grupo de catro de alumnos/as de 4º ESO e outro de 1º de Bacharelato participamos na XIV Olimpíada de Xeoloxía, celebrada en Quiroga. Ademais, os alumnos/as de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 1º de Bacharelato tiveron a oportunidade de acudir á viaxe, aínda que sen participar na Olimpíada. 

O alumnado e profesores acompañantes, Fernando e Sol, saímos de Burela sobre as 8:15 da mañá cara a Quiroga. Chegamos sobre as 11 ao Museo Xeolóxico de Quiroga, onde tomamos unha serie de fotografías, para despois dividir os nosos camiños. 

Os alumnos/as non participantes na Olimpíada gozaron dunha interesante e enriquecedora explicación na visita ao Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (CIMAR), onde aprenderon sobre o ouro e a súa obtención. 

Por outra banda, os representantes comezamos a Olimpíada coa primeira proba: unha xincana por grupos dentro do propio museo. Nesta, a partir das distintas exposicións presentes nas salas do museo, tiñamos que ir resolvendo problemas e cuestións xeolóxicas. Tras unha hora e cuarto, entregamos as nosas respostas e finalizou a proba. Á súa vez, o resto de alumnos de 1º de Bacharelato tiveron a oportunidade de realizar a xincana sen participar na competición. 

Acto seguido, trasladámonos en autobús ao concello de Ribas de Sil para realizar un cuestionario individual con 40 preguntas tipo test. Á súa vez, o resto de alumnos de 1º de Bacharelato tiveron a oportunidade de realizar a xincana sen participar na competición. Despois xuntámonos para acudir todos, xunto aos demais participantes da Olimpíada, a xantar, comida ofrecida pola organización da olimpíada. 

Despois do xantar, os participantes visitamos o Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (CIMAR), ao que o resto de alumnos xa foran pola mañá, polo que eles puideron pasear ao carón do río. 

Para rematar o día, acudimos de novo ao concello de Ribas de Sil, onde se levou a cabo a entrega de premios e diplomas. Resultou gañador do Accésit de 4º ESO o noso compañeiro Hugo Gorgojo Basanta. Moitísimos parabéns! Despois da entrega, voltamos cansos pero satisfeitos a Burela. 

Tivemos moita sorte de poder vivir esta experiencia, aprender tanto e divertirnos nun lugar tan importante como o Xeoparque Montañas do Courel. Repetiría sen dubidalo! 

 Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Nerea Francos Cornide - 1º de Bacharelato A

12.3.23

Operación Kilo de recollida de alimentos

O alumnado de 4º ESO de Iniciación á Actividade Empresarial e Emprendedora e de Economía do mesmo curso e de 1º de Bacharelato comezan o 13 de marzo unha campaña de recollida de alimentos para o Banco de Alimentos da Mariña. 

Este cartel é da autoría de Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 4º ESO B e estes días veredes outros polo instituto tamén realizados por alumnado das materias citadas anteriormente para recordarvos que é necesaria a vosa colaboración. 

Durante os recreos poderedes entregarlles pasta, legumes, fariña, arroz, azucre, aceite, leite, conservas... A recollida rematará o 14 de abril.  

Final de fútbol e baloncesto entre alumnado e profesorado

O xoves 16 e o venres 17 de marzo disputaranse os partidos de fútbol e baloncesto entre os equipos gañadores do torneo de San Xoán Bosco da A. C. Os Matos e o profesorado. 

O equipo gañador en fútbol foi o de Ciclo Básico de Fabricación e Montaxe e Servizos Administrativos e o campión en baloncesto foi o formado por alumnado de 1º Bacharelato A.

Esperamos ás xogadoras e xogadores o xoves e o venres durante o recreo no pavillón. 

9.3.23

Encontro con Antía Yáñez: a muller en Senlleiras

Este venres teremos con nós a Antía Yáñez para que o alumnado de 1º Bacharelato poida compartir con ela as súas impresións sobre o papel da muller na súa novela Senlleiras

Trátase dunha actividade máis dentro da Semana da Muller, arredor do 8M. 

8.3.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 17

Hoxe imos traballar un pouquiño de neurociencia.
Nazareth Castellanos é Directora de Investigación do Laboratorio de Nirakara e Cátedra Extraordinaria de Mindfulness e Ciencias Cognitivas pola Universidade Complutense de Madrid. Está a facer un gran labor de divulgación e hai poucos días concedeu unha entrevista moi interesante a @bbcmundo onde explica a existencia de 7 sentidos, sendo a interocepción e a propiocepción, os sentidos máis descoñecidos pero tamén os máis importantes.
E por iso, recollemos aquí os contidos máis importantes desta entrevista:

  • ”A interocepción e a información que chega ao cerebro sobre o que acontece no interior do organismo, o que está a suceder dentro dos órganos.

Estamos a falar do corazón, da respiración, do estómago, do intestino. É o sentido número un porque todo o que pasa é ao que o cerebro lle dará máis importancia, é unha prioridade para el.
E o sentido número dous é a sensación de propiocepción: a información que chega ao cerebro sobre como está o meu corpo por fóra, a postura, os xestos e as sensacións que teño por todo o corpo.
Por exemplo, as sensacións no intestino cando nos poñemos nerviosos, ou un nó na gorxa, ou a pesadez dos ollos cando estamos cansos. A propiocepción é o segundo sentido máis importante. E despois veñen os cinco”.

  • “Xa se sabía que o cerebro ten que saber como está todo o corpo, pero antes pensábase que era información pasiva; o cambio agora é que isto é un sentido. É dicir, un sentido é esa información que recibe o cerebro e á que debe responder.

Segundo o que suceda, o cerebro ten que actuar dun xeito ou doutro, e este é o gran cambio”.

  • A propiocepción, que é a información que chega ao cerebro sobre como está o meu corpo e concretamente o meu rostro, é unha información á que o cerebro ten que reaccionar.

Se estou triste, se me enfado, se estou feliz, o meu rostro reflícteo, pero tamén ao revés. Se teño cara de enfado, o cerebro interpreta "esta cara é característica da ira, polo tanto activa os mecanismos de enfado", ou "esta cara é típica de estar tranquila e polo tanto activa mecanismos de estar tranquila".
 

Se queredes seguir aprendendo con Nazareth recomendamos unha charla que tivo con @thebeautymail da que vos deixamos o seguinte enlace https://www.ivoox.com/cerebro-la-influencia-microbiota-respiracion-audios-mp3_rf_100362191_1.html

Alimentación e saúde

SOBRE SAÚDE, DIETAS E AZUCRES 

O día 17 de xaneiro o alumnado de 3º ESO asistimos a unha actividade organizada polos alumnos e alumnas de 1º de bacharelato.

A actividade levouse a cabo na biblioteca do instituto. A primeira parte da presentación trataba sobre a dieta saudable e mais as consecuencias que ten a alimentación na saúde.

Unha dieta saudable é aquela na que se consome a cantidade correcta de alimentos na proporción adecuada, obtendo deste modo os nutrientes que o corpo necesita. Ademais, unha alimentación sa reduce o risco de sufrir diabetes, hipertensión e incluso cancro.

De seguido, pasaron a falar dos azucres. A OMS (Organización Mundial da Saúde) recomenda consumir 25 gramos de azucre ao día. Porén, isto é practicamente imposible, polo que se establece como cantidade máxima uns 60 gramos en adultos e 40 gramos nos nenos. 

Para representar a cantidade de azucre que teñen os alimentos que consumimos habitualmente amosáronnos un taboleiro onde colocaron os envoltorios de cada un dos produtos xunto cunhas bolsas onde estaba a cantidade de azucre correspondente a 100 gramos do alimento en cuestión. Sorprendeume que alimentos tan comúns coma o Cola Cao, que moitos dos meus compañeiros e compañeiras declararon consumir para almorzar, puidesen conter tanto azucre.

A segunda metade da presentación tratou sobre os diferentes trastornos alimentarios. Falaron de algúns coma a vigorexia, a anorexia, a bulimia, a obesidade ou o sobrepeso e explicaron as diferenzas entre eles. Despois de recibir información sobre todas elas, eu destacaría o rol que teñen as redes sociais e a publicidade como causas de moitos dos trastornos. No que atinxe á obesidade e ao sobrepeso, falaron do IMC (índice de masa corporal), que serve para clasificar o tipo de obesidade segundo o resultado dunha operación matemática.

Pareceume interesante a mención ás diferentes aplicacións que existen hoxe en día para coñecer o valor nutricional dos produtos dun supermercado, pois eu descoñecía que puidesen chegar a xerar adicción nos seus usuarios e, moito menos, a afectarlles aos seus hábitos alimentarios. A parte referente ás dietas milagre foi moi interesante, pois a pesar de oír falar delas nunca fora consciente das consecuencias que poden traer a quen as realiza.

Como conclusión, pareceume unha actividade moi interesante pero, sobre todo, diferente. Hoxe en día as conferencias sobre nutrición son habituais á miña idade, e adoitan dicir o mesmo cunhas ou outras palabras. Como en tantas outras cousas, a xente non dá datos reais, e iso quítalles veracidade. Non obstante, nesta actividade achegáronse datos obxectivos, ademais doutros aspectos importantes coma as causas e as consecuencias dos diversos trastornos. En definitiva, foi unha experiencia que creo que nos axudou a concienciarnos sobre a relevancia que ten, a curto e longo prazo, unha alimentación sa.

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Ana Lestao Ben - 3º ESO B



7.3.23

Cartel 8M do IES Perdouro

Temos cartel Especial 8M!! Grazas a Zoe Arias, alumna de 4º ESO, por achegarnos a súa proposta tan axeitada para a ocasión. Lembra: IGUALDADE!

6.3.23

O xogo da zoca: camiñando cara á igualdade

Unha das actividades organizadas en torno ao 8 de marzo, Día da Muller, é este xogo ideado pola profe Carmen Sampedro para que poidamos aprender sobre mulleres salientables ao longo da Historia. Ela mesma, acompañada de alumnado do ciclo de Xestión Administrativa, pasará pola aulas para que poidades xogar e avanzar así cara á igualdade. De aí o lema do xogo: 
Con estas zoquiñas, máis libre camiñas!

2.3.23

Comezan as conmemoracións especiais do Día da Muller no IES Perdouro

Presentámosvos as actividades para esta semana na que se desenvolverán diferentes actos para celebrar o Día da Muller, facendo fincapé nalgúns ámbitos nos que a igualdade aínda non é unha realidade. 



1.3.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 16

Hoxe presentamos unha ferramenta de autocoñecemento moi potente, a ventá de Johari, que se chama así polo nome dos seus creadores, os psicólogos Joseph Luft y Harry Ingham.
É unha ferramenta que se artella en catro cuadrantes.
1️⃣ A área pública: inclúe todo o que coñecemos nós mesmos e que os demais tamén coñecen; o que comunicamos dunha forma aberta: experiencias, emocións, pensamentos, etc..
2️⃣ A área cega: inclúe o que descoñecemos de nós pero que os demais coñecen. Esta parte descubrímola grazas aos comentarios das persoas/amigos de confianza. Ás veces non vemos cousas de nós, pero se dúas ou tres persoas están dacordo nalgún rasgo da nosa personalidade, é probable que algo de verdade teñan.
3️⃣ A área oculta: inclúe todo aquilo que coñecemos nosoutros, pero que descoñecen os demais: pensamentos, rasgos de personalidade ou emocións que somos reticentes a amosar públicamente pero que tamén nos definen.
4️⃣ A área descoñecida: inclúe todo o que descoñecemos de nós e que tamén descoñecen os demais. É unha área por descubrir, a nosa capacidade de aprender e crecer.
Unha vez vista a teoría pasa á práctica.

Constrúe a túa ventá de Johari. Podes facelo do seguinte xeito:

  • Primeiro, fai unha listaxe de todas as características persoais que ves en ti.
  • Segundo, pídelle a 4 ou 5 persoas de confianza que fagan unha listaxe de todas as características persoais que eles ven/identifican en ti.
  • Terceiro, completa a túa ventá, poderás facelo do seguinte xeito:

1️⃣ Na área pública inclúe as características persoais que aparecen nas listaxes elaboradas por ti é por as persoas de confianza.
2️⃣ Na área cega inclúe as características persoais que aparecen nas listaxes feitas polas persoas de confianza e que non aparecen na que fixeches ti.
3️⃣ Na área oculta inclúe as características persoais que aparecen na túa listaxe pero non aparecen na que fixeron as outras persoas.
4️⃣ Na área descoñecida irá o resto de rasgos que non encaixen en ningunha das outras categorías (poderán pertencer ou non a este cuadrante).

Anímovos a facer este exercicio que vos dará seguramente máis dunha sorpresa e vos permitirá coñecervos mellor.


 

Doa sangue o xoves 4 de marzo no aparcamento do IES Monte Castelo

Mostra a túa solidariedade e colabora dedicando 10 minutos a doar sangue. 

Achégate ao aparcamento do IES Monte Castelo o xoves 4 de marzo. 

Divírtete xogando de forma cooperativa o domingo 5 de marzo pola tarde

Este domingo 5 de marzo durante toda a tarde poderás participar en xogos cooperativos de cohesión grupal e traballo en equipo no Pavillón dos Institutos. Trátase dunha actividade organizada pola USC en colaboración co Concello de Burela e o Burela F. S. 

Haberá tres grupos en función das idades. Inscríbete AQUÍ

Divírtete cos amigos a tarde do domingo!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...