11.12.24

Lectura e familias: En que traballarei no futuro?

O mércores 18 de decembro ás 18:00h retomaremos as charlas formativas coas familias. 

Nesta ocasión, Rodrigo Muíño Otero, profesor da USC e membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, virá falarnos sobre as posibilidades de cara ao futuro profesional do noso alumnado. 

Este docente traballa dentro do programa A Ponte da Universidade de Santiago de Compostela, que ten como obxectivo dar a coñecer os estudos de Grao e achegar información sobre o contexto investigador, social, cultural e espacial da USC.

É necesario confirmar a asistencia e é unha charla aberta a todos os públicos polo que, nesta ocasión, pode asistir tamén o alumnado. 

10.12.24

Hoxe, 9 de decembro de 2024, recibimos a exposición Cantámola en galego do concello de Pontevedra. Nos seus paneis repásanse os mellores intérpretes e cancións en galego do século XXI. 

Esta exposición axudaranos co proxecto no que estamos inmersos. O alumnado de Ciclo BásicO e de 3º e 4º ESO escollerá unhas 50 cancións que representarán os gustos do noso centro. 

O IES Perdouro participa nun proxecto que ten como contido "cancións que son poemas ou poemas que son cancións". Ás veces esquecemos que as cancións son un subxénero lírico, son poesía. 

O noso centro colabora con outros 13 institutos de Galicia e tamén do Bierzo (León) para elaborar unha escolma das 25 mellores cancións do século XXI. Esta selección será publicada en forma de libro cando o proxecto remate. . 

Convidámosvos a visitar a exposición "Cantámola en galego", que está situada na biblioteca e na entrada do edificio 1. 

Aquí tedes o enlace ao PDF onde podedes consultar tamén a información cos carteis expostos. 



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...