19.8.25

Hugo Gorgojo gaña tres medallas na Olimpíada Internacional de Xeoloxía en China

Desde o 7 ao 17 de agosto, celebrouse na cidade chinesa de Jining a International Earth Science Olympiad, é dicir, a Olimpíada Internacional de Xeoloxía.

O noso alumno Hugo Gorgojo Basanta xa alcanzara o 1º posto na subsede galega de San Sadurniño na fase autonómica galega e foi 4º na fase nacional en Tremp (Lleida), así que viaxou a China con outros 3 representantes españois. 

Durante a fase internacional da olimpíada, algúns dos paraxes que visitaron foron o monte Fénix, a montaña Shimen, o lago Taibai en Jininng (o maior do norte de China), o xeoparque Yangshang etc. Nestes lugares de relevancia xeolóxica participaron en varias probas teóricas e prácticas nas que realizaron proxectos e traballo de campo. 

Hugo Gorgojo conseguiu os seguintes recoñecementos: 
  • Bronce en "Earth Science Project Category" 
  • Prata en "International Field Team Investigation" 
  • Bronce en "Individual Test Category" 
Os outros 3 representantes españois, de Santiago de Compostela, Salamanca e Badaxoz, tamén obtiveron bos resultados na clasificación desta fase internacional da Olimpíada de Xeoloxía.

6.8.25

Comeza a Fase Mundial da Olimpíada de Xeoloxía!

O noso alumno de 2º Bach, Hugo Gorgojo Basanta, xa está en Jining para participar na Fase Mundial da 16ª Olimpíada de Xeoloxía. Xunto a el, viaxaron os outros tres representantes españois: o tamén galego Santiago Otero (do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela), Fernando Juez (do IES Rodríguez Moñino de Badaxoz) e Samuel Martín (do IES Venancio Blanco de Salamanca). 

Esta competición para amosar os coñecementos das Ciencias da Terra leva organizándose desde 2007 e participan nela máis de 30 países. O IES Perdouro optou por levar en marzo a 8 alumnos á sede de San Sadurniño onde acadamos tres premios: o Accésit de 4º ESO, o Mellor Grupo e o 1º Clasificado (Hugo Gorgojo), que foi en maio á Fase Nacional en Tremp (Lleida). Os catro mellores clasificados viaxaron á China para participar na Fase Mundial desde o 7 ao 17 de agosto. 

Desde o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía (os profesores Sol Galdo, Charo Fernández e Fernando Losada) e todo o equipo docente desexamos a todos os participantes unha moi boa experiencia e ao noso alumno Hugo Gorgojo, a mellor das sortes. 

Fernando Losada Rodríguez - Profesor de Bioloxía e Xeoloxía

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...