22.10.25

KTORCE-18: Obradoiro para previr condutas infractoras

O pasado luns 6 de outubro, o alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Básico de Servizos Administrativos participamos nun obradoiro de prevención de condutas infractoras denominado “Ktorce-18”. Este programa naceu no curso 2012-2013 froito da colaboración entre a Fundación Barrié e a Asociación ARELA, co obxectivo de achegar a lei do menor á comunidade educativa e previr condutas de risco na adolescencia. Ao longo destes anos participaron máis de 45000 persoas (alumnado, profesorado e familias) en preto de 1100 obradoiros, cun alto nivel de satisfacción. 

No noso caso, durante dúas sesións, grazas a Carlos, técnico da mencionada asociación, puidemos reflexionar sobre a responsabilidade penal a partir dos catorce anos e coñecer as consecuencias xurídicas de delitos frecuentes na adolescencia. Así mesmo, tamén soubemos que o programa se chama “Ktorce-18” porque a lei do menor afecta á mocidade entre os catorce e os dezaoito anos. 

Algunhas das principais condutas infractoras en España son: 

  • Roubo ou furto por problemas económicos, influencia do grupo, etc. 
  • Vandalismo (graffitis, danos á propiedade...) por rebeldía, aburrimento, busca de identidade... 
  • Agresións ou pelexas debidas á impulsividade, conflitos persoais... 
  • Acoso escolar ou ciberacoso, cuxas causas poden deberse a un uso indebido das redes sociais, falta de empatía, vinganza... 
  • Consumo ou tráfico de drogas, entre outras. 

A todas nosoutras, e cremos que ao alumnado en xeral, nos pareceu unha charla moi interesante e necesaria xa que se trata dunha lei descoñecida cuxo incumprimento pode carrexar consecuencias penais graves. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

 Ainara Couto, Lucía Franco, Ainhoa López, Yanira López, Esther Pérez e Valeria Vizoso - 2º curso do CB de Servizos Administrativos

15.10.25

Concursos da A. C. Os Matos en colaboración coa Fundación Expomar





Este curso 25-26 convócase a XIX edición dos concursos de relatos curtos e poemas e a XVII edición do concurso de imaxes da A. C. Os Matos. Como novidade, este ano a convocatoria faise pública en colaboración coa Fundación Expomar, que propón esta mesma inicativa, e convídanos a liberar a nosa creatividade pensando arredor do mar nun certame que leva por nome "Tinta de lura".

Haberá premios moi interesantes e os gañadores presentarán as súas obras nun congreso infantil e xuvenil que se celebrará en Burela antes de final de curso. 

Fíxate nas bases do concurso e PARTICIPA! 

9.10.25

II Concurso de audiorrelatos do Samaín




Desde o EDLG, convocamos o II Concurso de audiorrelatos de medo con motivo do Samaín. 

Nesta ocasión, podes basear a túa creatividade nas dúas fichas que axuntamos a continuación e que che dan ideas de lugares, tempos e personaxes que poden formar parte do teu audiorrelato. 


Fíxate nos requisitos e no prazo, que remata o 24 de outubro

Podes acompañar a lectura do relato de efectos sonoros que acrecenten o ambiente de medo.

3.10.25

Comezan os campionatos de San Xoán Bosco

Comezamos o campionato de fútbol-sala e baloncesto de San Xoán Bosco e en poucas semanas iniciaranse tamén os de xadrez, damas, crebacabezas e cubo de Rubik. 

Para saber cando vos toca competir, consultade o taboleiro da entrada do edificio 1, e esperade ás 11:00h na porta para ir ata o pavillón. 

O resto de competicións terán lugar na biblioteca. Pronto avisaremos. Estade atentos. 



1.10.25

Comeza o concurso Aulas Limpas 25-26!

Durante o mes de setembro, o profesorado titor estívovos explicando o funcionamento do concurso Aulas Limpas. 

Comezamos no mes de outubro a pasar polas aulas, o que quere dicir que nos grupos da ESO, Bacharelato e Ciclos Básicos, o alumnado debe ter en conta unha serie de medidas para manter a súa aula limpa e ordenada.

Achegamos a rúbrica que utiliza o xurado do concurso, polo que é recomendable tela á vista no taboleiro da aula e repartir entre o alumnado as tarefas de vixilancia para que todos os puntos da rúbrica se cumpran. 

As ventás e persianas dos extremos da clase deben quedar cerradas e as do medio, abertas, para ventilar antes de proceder á limpeza da aula. É importante tamén subir as cadeiras enriba das mesas para facilitar o labor das limpadoras. Se na última hora de clase o grupo que queda é pequeno, o alumnado anterior debe deixar subidas as súas cadeiras. 

Cada un de nós debe poñer o seu gran de area para que se manteña a limpeza e a orde nas aulas. 

Consultade a rúbrica do concurso para ver qué puntos debedes ter en conta.






Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...