22.12.25

Canción "Nadal en Galiza" do alumnado de Intelixencia Artificial

O alumnado de 4º ESO compuxo cancións de Nadal coa axuda da Intelixencia Artificial. Unha delas é "Nadal en Galiza", composición musical que acompañaron dunha coreografía para crear este videoclip co que nos felicitan estas festas. 

18.12.25

Fallo do concurso Taboleiros de Nadal 2025-26

Aquí tedes os taboleiros participantes no concurso deste ano. 

Recordade que se valoraban a orixinalidade, a estética e a sustentabilidade a partes iguais. Despois de que o xurado puntuou os tres apartados, presentámosvos aquí, en primeiro lugar, os taboleiros dos grupos gañadores, seguidos dos restantes. 

Os premios entregaranse o venres 19 de decembro

Lamentablemente, algúns taboleiros foron descualificados por non aterse ás bases ou ás normas establecidas para o concurso. Aínda así todos están recollidos nesta presentación.

Moitos parabéns polo voso traballo en equipo!

17.12.25

A árbore de Nadal do curso 25-26

Este curso a nosa árbore foi construída para manterse en equilibrio grazas a un conxunto de esferas adornadas e colocadas unha sobre outra. 

É o resultado unha vez máis da aprendizaxe colaborativa. Para iso participaron os departamentos de Plástica, Relixión, Tecnoloxía, Administrativo e Fabricación Aditiva. A maior parte da decoración foise elaborando coa colaboración dos titores que traballaron cos seus grupos na aula.

16.12.25

Mercadiño de Nadal o xoves 18 e o venres 19 de decembro

Anímate e traer algún donativo para poder adquirir adornos de Nadal elaborados por alumnado do centro. Cada un deles custará de 1 a 3 euros. 

Poderás compralos nos recreos do xoves 18 e do venres 19 e na última hora do venres. 

A contía recadada será doada á Cruz Vermella. 

15.12.25

Comezan os torneos de xadrez, damas e crebacabezas de San Xoán Bosco

O mércores 17 de decembro comezan os torneos de San Xoán Bosco.

Infórmate de cando compites no taboleiro de anuncios da saída do edificio 1. 

9.12.25

Mención de honra para o IES Perdouro no III Premio ConVivimos

O IES Perdouro recibiu a mención de honra no III Premio ConVivimos, correspondente ao curso 2024-25. 

O primeiro premio foi para o IES de Cacheiras, o segundo para o IES de Poio e o terceiro para o IES de Cotobade. 

O noso proxecto chámase #EmociónsNoPerdouro e engloba a todo o centro a través dunha serie de actividades que teñen como obxectivo mellorar a convivencia e o benestar emocional da comunidade educativa. Algunhas das actuacións son a Semana do Benestar Emocional e a Convivencia, o Perdouroscopio, as titorías con atención ás emocións, etc. 

As actividades realizadas o curso pasado tentan desenvolver as competencias básicas establecidas segundo o modelo do GROP (Grupo de investigación en Orientación Psicopedagóxica), un grupo interunivesitario de investigación recoñecido pola Generalitat de Cataluña e integrado por profesionais como Rafael Bisquerra. As capacidades traballadas co alumnado foron: conciencia, regulación e autonomía emocionais, competencia social e habilidades de vida e benestar. 

Parabéns a todas as persoas que traballades diariamente para conseguir que a convivencia no IES Perdouro sexa cordial e respectuosa.

Podes acceder á noticia do xornal AQUÍ

6.12.25

6 de decembro: Día da Constitución

Achegámonos a unhas datas moi importantes para a nosa historia recente: o 6 de decembro, Día da Constitución Española. Ademais dela, en Galicia temos outro marco lexislativo, o Estatuto de Autonomía de Galicia, que marca o comezo do autogoberno da nosa comunidade. 

Estes días convídannos a lembrar a importancia de convivir nun marco común de dereitos, liberdade e respecto, e tamén a valorar a identidade e a capacidade de decisión que temos como galegos e galegas dentro de España. 

Para celebrar estas datas, preparamos unha actividade interactiva en liña onde poderás poñer a proba os teus coñecementos sobre a Constitución e o Estatuto. Participa no Quizizz! accedendo ao seguinte enlace: 👉 Pincha aquí 

A actividade estará dispoñible só por un tempo limitado e os dez primeiros serán mostrados mais adiante como gañadores, así que non perdas a oportunidade de xogar, aprender e competir cos teus compañeiros e compañeiras. Anímate a participar e a coñecer un pouco máis sobre as normas que definen quen somos e como nos organizamos como sociedade! 

Se queres descubrir mais información sobre a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía podes visitar as seguintes páxinas oficiais: 

Proxecto competencial - 4º ESO

2.12.25

3 de decembro: Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O Día Internacional das Persoas con Discapacidade celébrase o 3 de decembro dende 1992, cando foi declarado así pola Asemblea da Organización das Nacións Unidas. O motivo de que se empezase a celebrar este día foi para promover os dereitos e o benestar das persoas que teñan algunha discapacidade; para así poder visualizar e aumentar a conciencia popular acerca das dificultades que teñen este grupo de persoas no seu día a día para desenvolverse como o fan o resto. 

A idea desta conmemoración partiu de que no ano 1976 a Asemblea Xeral da ONU decidiu poñer o ano 1981 como ano das persoas con discapacidade, levando a cabo así, durante este ano, múltiples actos para dar visibilidade aos problemas que teñen estas persoas. Logo de que acabara este ano a Asemblea Xeral decidiu volver actuar para dar visibilidade a estas persoas: a Década das Persoas con Discapacidade (1983-1992).

Ao acabar esta década de innumerables actividades foi cando se propuxo poñer un día ao ano para honrar a loita e o traballo destas persoas. Vemos así como cada ano hai conmemoracións de todo tipo, as cales adoitan incluír a gobernos, organizacións non gobernamentais, institucións educativas e ao sector privado.

Para máis información, podedes consultar estas páxinas web: 

Tamén podedes escoitar as recomendacións de Breogán e Manuel para que nos poñamos no lugar das persoas con discapacidade. Escoitade o seu podcast:


Breogán Fernández e Manuel Baño - 4º ESO A

1.12.25

Encontro literario con Antía Yáñez

O luns 24 de novembro visitou o IES Perdouro a escritora galega Antía Yáñez para falarnos sobre as personaxes femininas das súas obras, que describiu como feministas tamén. 

Ao comezo da charla falounos da súa infancia, dos libros que a conduciron a ser hoxe en día o tipo de escritora que é. Lembraba libros coma os de Mortadelo e Filemón e moitos outros onde o papel das nenas sempre era secundario. Na saga dos “Cinco”, as dúas personaxes femininas eran moi distintas: Ana nunca quería facer nada e era moi medosa, mentres que Georgina era a que lideraba o grupo, pero ela considerábase un neno e queixábase constantemente de que as “cousas de nenas” eran delicadas. Inspirouse nesta colección para escribir o seu primeiro libro, O misterio de Portomarín, cambiando un personaxe masculino por un feminino. 

Ela defendeu que as mulleres deben ter máis visibilidade (tanto escritoras como personaxes) e dábanlle moita rabia os estereotipos femininos, sobre todo nas novelas da súa época. Tan só sendo adolescente deuse conta das innumerables ideas erróneas acerca das mulleres e de como eran tratadas coma obxectos. Nas novelas de amor que leu máis adiante (Cincuenta sombras de Grey, Culpa mía, After…) observou que sempre se repetía o mesmo padrón: unha muller inocente da cal se namora un home rico e mullereiro que cambia repentinamente por ela. 

Outras obras que escribiu Antía Yáñez son: Be water, Senlleiras (primeiro libro que escribiu para xente adulta, onde as protagonistas son unha escusa para falar da violencia machista), Plan de rescate (onde trata de mostrar a inclusión non forzada, sen afondar na discapacidade senón na aventura) e O clan das Barbies. 

Por último, recalcou a pouca visibilidade que a muller ten como escritora. Puxo como exemplo a J. K. Rowling, que usa ese pseudónimo para que non a confundisen polo seu nome de mulller e así conseguir máis lectores masculinos. Isto tristemente segue a pasar na actualidade: aínda que o 60% das autoras son mulleres, só as len menos dun 20 % dos homes mentres que cos autores varóns non pasa o mesmo.

Podedes ver máis imaxes AQUÍ

Miranda Pernas Basanta - 1º Bacharelato A

Calendario de advento de recomendacións lectoras

Comeza o mes de decembro e con el iniciamos as recomendacións lectoras para esta época do ano. 

O grupo de Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua galega preparou unha escolma e Ángela Alonso, profesora de Xeografía e Historia, deulle forma de calendario de advento. Nel tedes unha recomendación para cada día deste mes. Asemade, indícase a signatura para que, de xeito doado, sexa posible atopar as obras que se aconsellan nos andeis da biblioteca.   




Mellor aula do mes de outubro: 1º de Bacharelato A

Parabéns para 1º Bacharelato A por ser a mellor aula do mes de outubro! 

Todo estaba limpo e ordenado. Ademais de contar con recipientes para a recollida de material escolar e pilas. 

Moito ánimo para o resto de grupos: 3º ESO A e 3º PDC son os seguintes con 121 puntos e tamén destacou a aula de 1º ESO A con 120.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...