19.10.26

19 de outubro: Día das Escritoras

Este curso celebramos o Día das Escritoras cunha exposición na biblioteca con recomendacións lectoras. Aconsellámosvos a lectura de obras emblemáticas da literatura universal escritas por mulleres. A traxectoria dalgunhas delas está explicada nos carteis elaborados por Ángela, profesoras de Xeografía e Historia, e o seu alumnado. 

Achegádevos á biblio, botade unha ollada e tomade emprestados os libros.


17.10.26

Acto de presentación Revista Escolar Maruxía 32

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 32 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.


Onte, a biblioteca do centro acolleu un evento moi especial: a presentación do número 32 da revista escolar Maruxía. O acto estivo conducido por Noeli e Sergio, que guiaron a sesión e deron paso ás distintas intervencións.
Durante a presentación, púxose en valor o traballo conxunto que fai posible cada nova edición da revista, así como a colaboración de alumnado e profesorado na elaboración dos contidos. Miruca, Vicedirectora, destacou a importancia deste proxecto para fomentar a creatividade e promover o uso da lingua galega no centro.
Como nestes últimos anos, foi o alumnado de 4º da ESO quen se encargou da maquetación da revista escolar, mentres que varias decenas de estudantes e profesores das diferentes ensinanzas que se imparten no IES Perdouro redactaron os textos que ocupan as súas páxinas. Ademais, a revista inclúe os relatos e poemas premiados no Concurso de Relato Curto Tinta de Lura.
Nesta ocasión, non puidemos contar coa presenza de Cristovo Balseiro, profesor de TIC, pero quixemos lembrar e recoñecer o seu bo facer e a súa implicación para sacar adiante a revista. O seu traballo, xunto co do alumnado, foi fundamental para superar as dificultades técnicas que supón a maquetación e facer posible unha nova edición desta publicación.
A presentación serviu, unha vez máis, para destacar o valor do traballo colaborativo e o compromiso das persoas que contribúen a manter viva Maruxía, unha revista que recolle a creatividade e o talento da comunidade educativa do IES Perdouro.
Consulta a revista Maruxía nº 32 en formato PDF:

Accede ao albúm de fotos aquí.

15.10.26

Maruxía nº 32

Presentaremos o número 32 da nosa revista escolar MARUXÍA o venres ás 10h30 na biblioteca. 

Agardámosvos!!

5.10.26

Comeza o concurso Aulas Limpas 26-27

Xa coñecedes Aulas Limpas, un concurso que ten como obxectivo que manteñades as vosas aulas limpas e ordenadas. 

Se o voso grupo é o mellor do mes, recibiredes como premio a comida e a bebida dun recreo para todos os participantes e, se sodes a clase que sume máis puntuación ao final de curso, conseguiredes unha saída lúdica para todos vós. 

Nomeade encargados na aula para mantelo todo limpo e en orde. O xurado revisará as aulas e iredes coñecendo a vosa puntuación mensual. 

Aquí tedes a rúbrica para que prestedes atención a todo o que o xurado vai ter en conta. 


1.10.26

Anótate nos clubs de lectura: comezamos a viaxe lectora

No taboleiro da túa aula tes as follas de inscrición. 

Podes ser membros do club de manga, do de cine, do de misterio, do de francés, do de Ciclos ou mesmo a túa familia pode formar parte dun dos clubs de lectura. 

Tes ata o 6 de outubro para anotarte. 

28.9.26

Comezan as clases de portugués do CUALE

O mércores 30 de setembro comezan as aulas de portugués do CUALE (Curso para a Formación Complementaria da Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras).

Serán os mércores e os xoves pola tarde. 

Inicia a túa preparación para conseguir o certificado B1 ou B2. 

23.9.26

Hora de ler 206-2027

A vindeira semana comeza a HORA DE LER! 
Á primeira hora, paramos durante 15 minutos para facer algo moi doado: ler e gozar. Trae un libro da casa ou pásate pola biblioteca e escolle o que máis che guste: Misterio, Medo,  Aventuras, Amizade, Banda deseñada, Libros de consulta …e moito máis! 
Hai un libro esperando por ti. Atopa o teu, abre as páxinas e déixate levar. 
15 minutos. Un libro. Unha aventura. 
E ti, xa sabes que vas ler?

21.9.26

Presentación do CUALE de lingua portuguesa

Recorda asistir á presentación do Cuale de Lingua portuguesa do curso 2026-27 para obter o certificado B1 ou B2 de idiomas. 



Reunións do profesorado titor coas familias

 Recordade as reunións do profesorado titor coas familias. Nelas recibiredes documentación e indicacións para este curso académico. 



2.9.26

Presentacións do curso 2026-27

Dámosvos a benvida ao curso 2026-27! 

Esperámosvos nas presentacións, que terán lugar o mércores 9 de setembro na aula de referencia de cada grupo. 

Comprobade cal é o horario que vos corresponde.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...