30.9.25

Semana europea da mobilidade: aprendemos sobre seguridade viaria con profesionais da DXT

O alumnado de 3º da ESO participamos o pasado 19 de setembro nunha interesante xornada de educación viaria, na que recibimos a visita do director provincial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) en Lugo, Alberto Rodríguez, e do garda civil de tráfico de Burela José Manuel Carballeira. Ademais, José Ramón, garda civil de tráfico de Lugo, e unha compañeira da Dirección Xeral de Tráfico da capital da provincia propuxéronnos unha actividade lúdica na biblioteca. 

Esta, que era unha escape room, serviunos para reflexionar sobre os perigos na estrada e a importancia de tomar decisións responsables cando viaxamos en coche. Dividímonos en grupos e cada equipo asumía un rol diferente: bombeiros, policías, servizos sanitarios etc. Concretamente, a actividade estaba baseada nun accidente de tráfico provocado polo consumo excesivo de alcohol e cada equipo dispuña dunha hora para superar as distintas probas relacionadas co sinistro e intentar “salvar” a situación. Foi unha proposta moi divertida e dinámica, que serviu para concienciarnos sobre a facilidade coa que se pode producir un accidente nas estradas. 

Máis tarde, asistimos a unha breve charla impartida por José Manuel Carballeira, garda civil de tráfico de Burela, e polo actual director da DXT en Lugo, Alberto Rodríguez, na que nos explicaron as seis principais causas de accidente: a velocidade, o consumo de alcohol e drogas, o uso do teléfono móbil, a falta de experiencia, o cansazo e a ausencia do cinto de seguridade. 

Precisamente, para exemplificar como estas condutas poden desembocar en traxedias, os axentes amosaron diversas imaxes de sinitros reais provocados por estes factores. Ademais, explicaron en primeira persoa a súa experiencia no tráxico accidente acontecido en Xove en 2023, no que perderon a vida catro mozos de Ribadeo, e no que o garda civil da Compañía de Burela participou nas intervencións realizadas no lugar do sinistro. 

Ademais, un dos aspectos máis interesantes da xornada foi a posibilidade de probar unhas lentes que simulan a visión dunha persoa afectada polo cansazo, as drogas ou a alcolemia, o que nos permitiu experimentar, de forma segura, os perigos que implica conducir nestas condicións. 

Podedes acceder a máis fotos AQUÍ.

Alejandro Pernas Martínez – 3º ESO B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...