24.10.14

Sensibilización medio ambiental, unha charla de Moncho Varela - Minas a ceo aberto

“OURO IMPURO: A LOITA POR CORCOESTO” 

O xornalista Moncho Varela, especialista en temas medioambientais, achegouse ao IES Perdouro o xoves 23 de outubro para impartir ao alumnado de 4º de ESO e os de 1º e 2º de Bacharelato unha conferencia de divulgación da actividade das megaminerías do ouro co obxectivo de sensibilizalos sobre as graves consecuencias medioambientais que conlevan os sistemas de extracción do ouro e os efectos sobre a saúde, os seres vivos e o entorno natural.


O xornalista empezou a súa exposición cunha viaxe pola comarca de Bergantiños na Costa da Morte, entre Ponteceso e Cabana, facendo especial fincapé na súa paisaxe natural (ríos, fervenzas, montes, ...), na biodiverdiade vegetal e animal, nas actividades económicas tradicionais (da terra: agricultura, gandería, muiños e do mar: marisqueo, carpintería de ribeira), nos valiosos vestixios arquitecturais (peculiar cruceiro de Borneiro, Mosteiro de San Martiño, Castro de Borneiro, o Dolmen de Dombate).

Logo de abraiarnos cos tesouros naturais, monumentais e sociais da súa comarca, continuou a súa conferencia facendo un breve repaso histórico da febre do ouro dende os romanos (un claro exemplo é a explotación das Médulas), na Idade Media co saqueo das Américas coa conquista, pasando pola época do far West ou en Alaska nos anos 20, para acabar actualmente no Amazona ou en Perú onde unha minería fluvial deixou un río sen vida de lodo con chumbo e mercurio. 

Unha vez expostos a riqueza da terra galega e a historia do ouro, Moncho Varela falounos moi persoalmente do caso da mutinacional Edgewater Exploration que pretendía abrir unha mina a ceo aberto no Monte Furado, preto da súa casa natal. Expuxo os métodos para extraer ouro. Un dos procesos moi contaminante é o proceso de lixiviado con cianuro para separar o ouro da pedra. 

O conferenciante comprometido pola loita social contra as minas levantou a toma de conciencia entre o público con moitísimos exemplos dos impactos que suporía semellante explotación: un impacto ambiental descomunal que leva a morte, un coste da extracción exaxeradamente elevado, o uso ínfimo industrial do ouro, precariedade laboral a longo prazo, moita especulación. 

En definitiva nesta sesión especial de educación medioambiental, Moncho Varela quixo espertar a conciencia crítica do alumnado plasmada nun problema local galego achegándose non só o aspecto científico do tema, senón tamén o social e as repercusións nas localidades próximas á mina con mobilizacións de parte da poboación debido á preocupación creada.

É un deber de todos defender o noso patrimonio natural, cultural, social e non os intereses económicos e políticos para o enriquecemento dunha multinacional. A mobilización e a loita é posible xa que o 15 de outubro de 2013 a Xunta tivo que cancelar dito proxecto de Corcoesto pola forte presión social.

É obriga de todos evitar que un desenvolvemento económico non sostible remate con boa parte do planeta e da súa calidade de vida.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...