Unha das últimas viaxes culturais do IES Perdouro levounos, percorrendo o Camiño de Santiago, a Palas de Rei, a visitar o castelo de Pambre, do século XIV. Trátase do monumento militar galego mellor conservado.
Foi construído por Gonzalo Ozores de Ulloa ao lado do río Pambre. No século XV este castelo foise ampliando e no ano 1484 pasou de ser propiedade dos Ulloa a pertencer aos condes de Monterrei. Logo foi pasando por distintos propietarios e caendo case no abandono ata que a Xunta de Galicia o comprou no 2011.
A entrada principal ao castelo é un arco de medio punto, onde se pode apreciar o escudo de armas dos Ulloa, o escudo é o que se denomina un axedrezado, alternando as ordes e os cadros. Organizados en fiadas de 3 por 5, componse de cadrados en ouro e en gules. Esa é a denominación heráldica das cores: amarelo, cor asociada, entre outros trazos, á constancia, á perfección, ao poder e á cabaleiría, por unha banda; e o vermello, cor que representa a nobreza, a audacia, a honra e a xustiza, por outra banda.
O castelo consta de 4 torres mais unha central, a torre da Homenaxe, que conta con tres andares. As catro torres exteriores están unidas por un muro de entre 2 e 2,5 m de espesor, que chega aos 5 m na zona da porta.
Nos muros do castelo hai como unha especie de letras e números que servían de referencia por se se quería aumentar o castelo ou por se este era derruído, para saber como volver a colocar as pedras para construílo. Tamén se gravaban eses números e letras na pedra cando morría alguén importante na vida do castelo.
Xunto á entrada encóntrase a capela de San Pedro, construída a finais do século XII, e dentro do recinto do castelo tamén se levanta un gran hórreo.
O Castelo de Pambre é unha das fortalezas galegas que resistiu indemne ao envite dos irmandiños na confrontación xeral de 1466-69.
Foi unha viaxe moi entretida, aínda que aquel día de decembro ía moito frío. Gustaríame moito repetila.
Yaiza
Rivas Rivas
Sem comentários:
Enviar um comentário