13.6.26

Visita de AFAN ao CM de Peiteado e Cosmética Capilar

Grazas a AFAN (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas) pola vosa visita ao noso departamento de Imaxe persoal do IES Perdouro de Burela. Coma tódolos anos foi unha xornada chea de emocións sinceras, na que aprendemos que o coidado comeza sempre cun xesto pequeno: unha mirada atenta, unha palabra doce, unha caricia que respecta a dignidade. A vosa presenza converteu a aula nun espazo de encontro humano, onde o tempo se mide pola calidez do trato e non polo reloxo. 

Esta experiencia axuda a derrubar prexuízos e a desestigmatizar a enfermidade. Compartir xuntos peiteados, conversas e sorrisos fixo visible que, máis alá dos esquecementos, permanece a auténtica persoa, co seu mundo e a súa importante historia. Vémolo no brillo dos seus ollos, na confianza que nace cando hai agarimo e respecto. Aprendemos que a beleza tamén é acompañar, escoitar e dar seguridade. 

Para o noso alumnado, traballar neste contorno real convértese nunha lección inesquecible de educación e de vida. Practicaron técnicas, si, pero sobre todo practicaron valores: empatía, paciencia, responsabilidade, acompañamento, coidado e atención. Levamos connosco a certeza de que educar é, ao mesmo tempo, saber facer, ser e saber estar. Agardamos repetir moi pronto, seguirmos aprendendo xuntos e construír unha comunidade onde o cariño e a escoita sexa sempre o primeiro coidado que se lles ofrece ás persoas. 

É unha sorte contar con xente coma vós, persoas que decidiron unirse para crear algo tan importante: un lugar de apoio, comprensión e acompañamento para quen máis o necesita. Nun momento no que moitas persoas non poden pedir axuda por si mesmas, estades aí, ofrecendo o voso tempo para comprendelos aportando valores: cariño, paciencia e humanidade. 

O voso compromiso fai máis levadeiro un camiño moi difícil para moitas familias. Grazas por crear ese ambiente de proximidade e solidariedade, por non deixar a ninguén só e perdido no camiño da vida, facendo fronte ao “síndrome do coidador queimado”, dando espazo e pulmóns para un respiro familiar e por demostrar cada día que a empatía e os coidados poden cambiar e mellorar vidas, alongalas e dignificalas. 

Grazas de corazón por todo o ben que facedes. Queremos dedicar esta frase á vosa asociación, quen de conseguir transformar un sentimento colectivo nunha gran acción:

“Estou convencida de que os heroes máis grandes son aqueles que cumpren cos seus deberes diarios e os seus asuntos mentres o mundo xira ao seu redor. Creo que os sentimentos se perden nas palabras. Todos deberían ser transformados en accións, en accións que traian resultados”. — Florence Nightingale. (Nai da Enfermería) 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

Javier Rouco Martínez - Xefe de departamento de Imaxe persoal

4.6.26

Reflexión sobre os retos propostos en Sostenibilidade de 1º CS AF

O alumnado de 1º CS Administración e Finanzas estivemos traballando nun proxecto na materia de Sostenibilidade. Abarcamos dende o 2º trimestre ata agora, preto xa do final de curso. 

Organizados por grupos, debiamos darlle resposta a un reto. O mesmo podía ser escollido por nós, pasando diferentes fases: dende analizar a zona para avaliar cales son as necesidades principais do noso día a día, ata organizar chuvias de ideas para descubrir as solucións posíbeis. Todo isto é moito máis difícil do que parece. Escoller o reto xa non é tarefa fácil. Existen unha infinidade de temas que poderiamos abordar, mais foi iso mesmo o que nos levou a ter un total de tres retos completamente diferentes na nosa clase, para os que encontramos solucións creativas e viables. O proceso foi longo, pero divertido. Vivimos de preto o traballo en equipo, esencial dende o primeiro momento. Coñecer os compañeiros é importante para saber como funcionamos cada un no traballo. Saber adaptarse, ter empatía, escoitar ao do lado, saber comunicar a túa opinión... Todo iso foi o noso pan de cada luns pola tarde. O proxecto foi algo moi positivo. Posibilitou unha maneira de soltarnos, de coñecernos, de pensar con creatividade, de abrir a mente a novas ideas (incluso as que nos poderían parecer máis aloucadas). 

Persoalmente, a min encantoume o traballo. Ao principio estaba moi perdida. Moitas opcións, non sabes ben que escoller, non sabes como vas traballar co equipo... Mais todo despois flúe como debe. Segundo iamos tendo máis clara a idea, mellor o pasabamos investigando e propoñendo ideas. Riamos moito, dende o principio ata a fin. E considero que é unha das cousas máis relevantes para desfrutar o proceso: saber rir cos compañeiros, amenizar o ambiente. 

Levamos a cabo dende cuestionarios nos que participaron algúns dos nosos compañeiros dos ciclos administrativos básico e medio, ata un vídeo chamado “elevator pitch” co que non o puidemos pasar mellor. Foi toda unha aventura. O día que o gravamos non tivemos máis opción que quitar a vergoña. Falar á cámara non é doado, e moito menos con xente ao redor, xa que nós situámolo na estación de buses de Burela. 

O noso reto consistiu en darlle resposta a unha necesidade moi presente na comarca: a pouca flexibilidade de medios e horarios de transporte que existen na Mariña. Pasamos por moitas opcións, a cada cal máis divertida, como instalar “tuc-tucs” como medio de transporte habitual. Mais a mellor idea á que chegamos foi a creación dunha páxina web, onde os usuarios encontraran toda a información de forma rápida e sinxela sobre os horarios de bus e tren, anuncios de bla-bla car, información sobre puntos de aluguer de bicicletas, etc. 

O vídeo enfocámolo dende unha perspectiva dinámica e comercial. O proceso foi moi gracioso porque algunhas escenas foron difíciles de gravar (con numerosos ataques de risa), pero tamén vivimos a maxia do directo, podendo subirnos a un autobús grazas á amabilidade dun dos condutores que alí aparcaban. Sen dúbida, foi unha experiencia que nos uniu máis como grupo. 

Deste proxecto levo os recordos e as anécdotas. Ao final, non deixa de ser unha práctica para o noso futuro laboral. É esencial saber traballar en equipo, saber falar en público e defender a nosa idea, ademais de pensar con creatividade, sen medo a comunicar a nosa opinión. Pero tamén é importante respectar as ideas dos demais, escoitar ao próximo, decidir en consenso co grupo. Aprendes a adaptarte á situación, a ter actitude, a propoñer e levar a cabo ideas (a base de proba-error, vendo cales funcionan e cales non) e, sobre todo, a desfrutar o proceso de aprendizaxe, que é o motor principal dunha boa educación. 

Podedes ver algúns dos "elevator pitch" neste reel e tamén neste

Lucía López López - 1º CS AF

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...