29.10.18

A Mariña ten historia II

O xoves 11 de outubro, os alumnos de 4º de ESO de TIC fixemos un roteiro pola Mariña en busca de lugares, construccións ou monumentos antigos que son pouco coñecidos polos habitantes da nosa comarca, co fin de sacar o máximo número posible de fotos. Buscabamos imaxes para elaborar o calendario do centro para o ano 2019.

Saímos do Instituto cara ao concello de Trabada. Alí vimos un menhir, datado no Neolítico, coñecido como “O Marco da Pena Verde”. A continuación, visitamos outro lugar do mesmo concello, tamén datado no Neolítico, coñecido como “A mámoa das Pallaregas”. Esta é unha mámoa que tiña soterrado un dolmen que agora sae ao exterior nun conxunto de 4-5 grandes pedras. 

Despois de visitar o concello de Trabada, fomos ata o concello da Pontenova, no que vimos a estación e o túnel do tren mineiro. O ferrocarril vai dende o centro da Pontenova ata o cargadoiro de Ribadeo. Funcionou ata a 2ª Guerra Mundial. Agora o túnel e a vía son unha “senda verde”, é dicir, utilízanse para pasear, andar en bici… Un dos túneles é coñecido como “O túnel da Abrela” e mide 173 metros. A seguinte visita foi tamén no mesmo concello, pero non visitamos ningún monumento, senón a aldea de Vilarxubín. Esta pequena poboación de menos de 100 habitantes é un lugar adentrado totalmente na montaña. O particular desta aldea é que case todas as casas están conectadas entre si. Tamén, e isto é o máis chamativo, todas as casas teñen un hórreo de montaña e un típico da Mariña. 

Xa cara á hora de xantar, movémonos ata terras mindonienses, onde fomos visitar a Biblioteca do Seminario de Mondoñedo. Alí atendeunos o reitor desta institución relixiosa. Esta biblioteca comezouse a crear a partir do S.XVI e está composta polos libros que pertencen ao bispado e por outros que doou a xente. En 1730 xa se estableceu como a Biblioteca do Seminario. Está formada por libros de distintos tipos e conta con aproximadamente 30.000 exemplares. Hai un libro do S.XIII do que, en España, só hai tres copias: unha en Mondoñedo, outra en Sevilla e a última, en Toledo. Outra das xoias desta biblioteca é unha biblia de seis tomos escrita en diferentes idiomas. A Biblioteca está declarada de Interese Turístico de Galicia. 

Tamén en Mondoñedo, visitamos a igrexa da Orde III, situada na Alcántara, que posúe un marabilloso retablo barroco. Trátase dunha igrexa de franciscanos, non aberta ao público, e que é rexentada por unha orde de seglares, é dicir, un grupo de persoas que non son relixiosos. Contén as imaxes máis importantes da Semana Santa de Mondoñedo. A persoa encargada de ensinarnos a igrexa é tamén o campaneiro da catedral de Mondoñedo. Contounos que a catedral ten sete campás grandes e tres máis pequenas. Todas están bautizadas e cada unha ten, cando menos, tres nomes. A campá “Feliciana Aldeodata de Patrocinio”, tamén coñecida como “Petra”, que data do S.XIV, pénsase que é a máis antiga de Galicia. 

Despois de xantar, fomos ata o concello de Alfoz onde, no alto da montaña, visitamos a Pedra Abaladoira. É unha pedra totalmente natural e dise que ten poderes máxicos. No mesmo concello, na parroquia do Cadramón, visitamos a Capela de Santa Filomena. En realidade é a parte dianteira dunha igrexa máis grande que quedou destruída no S.XIX. 

Xa cara ao final da xornada, visitamos o concello do Valadouro. Puidemos ver o Dolmen de Padorno, na parroquia de Santo Tomé, que data do final do Neolítico. E, tamén, visitamos o Pazo de Gradaílle, que pertenceu á familia Bolaño e Saavedra. Foi construído no S.XVII na parroquia de Santa Cruz e actualmente é propiedade dos propietarios do diario El Progreso

Sobre as oito da tarde retornamos ao instituto con moitas fotos nas nosas cámaras!

Accede aquí a algunhas das fotografías feitas neste denso día.

Crónica de Alejandra Alonso Fernández - 4º ESO

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...