26.3.22

Agradecemento ao Modelo Burela de Cristian Gómez e Noemy Cardoso

O luns 21 de marzo recibimos no centro a visita da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, para asistir a un acto no que se presentou o documental Aquí medra a lingua e canda ela interviñeron a directora do audiovisual, Cristina de la Torre;  Natalia Irimia, coordinadora do EDLG e a nosa directora, María José Pardiñas. Estiveron acompañadas por unha representación do alumnado do centro: Cristian Gómez e Noemy Cardoso Borges. 

Para os que non puidestes asistir á presentación, aquí tedes as súas intervencións, que foron publicadas na sección de Opinión de La Voz de Galicia, como mostra de agradecemento do seu paso polo IES Perdouro e da súa participación no Modelo Burela

Intervención de Cristian Gómez na presentación de «Aquí medra a lingua» no IES Perdouro de Burela

Grazas por permitirme estar hoxe aquí para á presentación do documental «Aquí medra a lingua», un título que sen dúbida é moi acertado desde o meu punto de vista, porque realmente é nas escolas onde os rapaces vamos medrando, pasando etapas. Aínda que non sexamos plenamente conscientes diso, a lingua vai medrando no noso interior canda a nós. Cada dia aprendemos un pouquiño máis: unha realización fonética, unha palabra ou unha  explicación sobre a evolución no tempo.

No meu caso, o título «Aquí medra a lingua» está directamente vinculado coa intervención educativa «Modelo Burela». A miña entrada neste proxecto ocorreu sen eu ser moi consciente do que pasaba.  Con 13 anos, no comezo do Ensino Secundario,  ofrecéronnos participar en «Proxecto Neo», o programa de radio escolar do IES Perdouro. Este ofrecemento fixo que a miña vida dese un xiro de 180º. 

Cando comecei,  era una persoa introvertida e con poucas  inquedanzas. Agora, despois de 5 anos camiñando e medrando con este proxecto,  podo dicir que grazas ao Modelo Burela estou aquí diante de vostedes contándolles a miña experiencia porque conseguín deixar atrás aquel rapaz introvertido.

Sen medo a errar, podo asegurar que o Modelo Burela non so é ensino, Modelo Burela é comunidade e fonte de apoio para a evolución, para un novo estilo de vida.

Seguramente vostedes estarán pensando en cal é esa máxica fórmula que contén Modelo Burela para poder facer cambios de tal estilo, pois ben, apunten, porque é ben sinxela .

Vocación, traballo e dedicación, son as tres bases que sustentan este proxecto. Unhas bases que son sustentadas á súa vez por polas persoas que o levamos a cabo (así, en primeira persoa de plural).

Comecei a ser consciente daquel xiro de 180º  cando hai 4 anos fomos ao País Vasco en viaxe de estudos e nesa viaxe descubrín un novo mundo: o da  regueifa. Este mundo abriume os ollos. Atopei xente que defendia o que pensaba e facíao con alegría. Poder convivir con estas persoas coa música como elemento de unión e gozar coa pluriculturalidade foi a chispa que acendeu en min esa parte que me fai ver e valorar o traballo que hai detrás das cousas.

Desde aquel momento quixen ser como esas persoas e, co consello e apoio do ensino Modelo Burela, lanceime a participar en obradoiros para aprender e para ensinar. Síntome satisfeito da oportunidade de participar como monitor para que máis rapaces que estivesen na mesma situación que eu estiven atopasen esa mesma chispa.

Traballando desde dentro no Modelo Burela deime conta das grandes persoas que me rodeaban. Poño un exemplo: Como a nosa é unha intervención feita dentro e fóra da escola, quero destacar a importancia dun referente educativo fundamental para as ducias de estudantes que pasamos pola radio educativa nestes dez anos. Con Matías Nicieza aprendemos a comportarnos no estudio, aprendemos a manexar os medios técnicos e tivemos a sorte de participar tamén no audiovisual como actores e actrices ou como axudantes de produción e de gravación. Por iso Matías Nicieza é unha das grandes fortalezas do Modelo Burela.

Dentro do equipo docente, temos tamén moitos referentes, so que cito só alguns. Maria José Pardiñas -a nosa directora-, Miruca e Karina Parga, Bernardo Penabade e Manolo Maseda son xente traballadora que non se dá por vencida, docentes que non se limitan a ler un temario que terás que plasmar con puntos e comas nun exame.

Grazas a persoas como estas e grazas ao seu apoio, estou pensando en orientar a miña vida como docente, un docente MODELO BURELA. Moitas grazas.

Intervención de Noemy Cardoso Borges

Ola a todos e todas. Moitas grazas por facerme este convite tan especial de estar aquí xunto con vostedes. Antes de máis nada, quería compartir a miña chegada e adaptación a Galiza. Cheguei no final de decembro de 2019, sen saber como son as persoas, as culturas, crenzas, hábitos. Neste contexto chegou pandemia. Estiven só cinco meses na escola, máis durante a corentena esforceime no estudo e logrei pasar de curso.

Había palabras que non entendía, expresións que descoñecía, mas non desistín. Tratei de entender e comprender. Aprender varios idiomas ao mesmo tempo non é nada fácil.  

 Sei que non o conseguiría sen o apoio das persoas que me axudaron a sentir máis cómoda e a aprender de forma máis rápida. Por exemplo:  Bernardo Penabade, María José Andión, Miruca Parga, María José Pardiñas, Neves Cando, entre outros. Tamén quería agradecer o apoio da miña amiga Érica. Ela axudoume a sentir máis cómoda aquí,  porque ten máis experiencia e leva mais tempo na Galiza. Ela foi unha persoa moito importante para a miña adaptación. Sempre me axuda no que for preciso, por exemplo se un profesor fala algunha palabra rara para mim, ela  preocúpase por saber se entendo o que me dicen.

A experiencia da gravación foi gratificante. Nós estábamos na aula, como sempre, e chegaron unha muller e dous homes descoñecidos. Saudámonos e rapidamente comezaron a traballar. Eu estaba tranquila porque non iría participar. Iso pensaba eu. 

Estou impaciente por ver o resultado e por saber se aparece a canción que nos cantou a Érica.

Aquí tedes o enlace ao sitio web do Consello da Cultura Galega onde está o noso documental. Nesa mesma páxina web van ir estreando cada luns durante 5 semanas os audivisuais dos restantes centros seleccionados polas súas actuacións en materia educativa e de dinamización lingüística. Podedes velos aquí

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...