19.4.24

Viaxe a Samos e ao Cebreiro

O venres día 5 de abril fomos de excursión a Samos, para ver o Mosteiro de San Xillao. Cando chegamos, deixáronnos media hora para explorar un pouco a vila e despois reuníronnos nas portas do mosteiro; aquí, explicáronnos datos sobre a fachada (estilo, referencias...), a historia do mosteiro e como viven os monxes que habitan aquí. 

A continuación fomos á Capela do Ciprés, para explicarnos a súa historia tamén. Despois tornamos ao mosteiro para realizar a visita guiada cunha rapaza moi simpática, que nos explicou a historia, tanto da arquitectura coma dos murais. 

Ao rematar, camiñamos ata o restaurante A Veiga para comer e poder ter tempo libre despois, antes de volver cara ao autobús e seguir a nosa viaxe. 

Laura Eijo – 3º ESO B 

Logo visitamos O Cebreiro, unha pequena localidade por onde pasa o Camiño de Santiago. 

Ao chegar alí, comezamos a xogar coa neve ata que chegamos ao albergue do Cebreiro. Ao seu carón, explicáronnos que un albergue é un lugar onde a xente que vai facer o Camiño de Santiago, é dicir, os peregrinos, se quedan a pasar a noite se xa acabaron a etapa que lles tocaba facer ese día. 

A continuación, tiñamos a intención de entrar nel pero non puidemos xa que a persoa que está a cargo non estaba presente nese momento. Despois do albergue fomos ata a igrexa. Esta igrexa chámase de Santa María e é unha igrexa prerrománica. Tamén nos falaron dun busto que había xusto ao lado da igrexa. Dixéronnos que o que estaba alí representado se chamaba Elías Valiña, que foi un sacerdote e escritor español, que pintou frechas amarelas por todo o Camiño de Santiago, desde Roncesvalles, para facilitar o percorrido aos peregrinos. Foi unha persoa moi importante á hora de dar a coñecer o Camiño. Estiveron contándonos algunha cousa máis sobre a igrexa e logo marchamos. 

Por último, fixemos un pequeno tramo do Camiño, dende a igrexa ata o límite con Castela e León que haberá algo máis dun quilómetro. Alí, as persoas que quixeron cruzaron a fronteira e tamén nos explicaron que esa era a fin do tramo que iamos percorrer e a continuación volvemos para deixar O Cebreiro atrás. 

Podedes acceder ás imaxes aquí.

Diego Anello e Antía González – 3º ESO A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...