31.1.25

Día da paz 2025: "Fábula dos coellos" de Ismael Serrano

Este é un proxecto colaborativo levado a cabo polo Centro de Educación Especial Saladino Cortizo de Vigo, o IES Terra do Xallas de Santa Comba (A Coruña) e o IES Perdouro. Trátase dunha versión en viñetas e en galego da "Fábula de los conejos" de Ismael Serrano.

Este traballo xa comezou o curso pasado (23-24) no que Luis Ramilo Machado, profesor do CEE Saladino Cortizo, propuxo ao resto de centros participar nesta exposición conxunta e actúo como coordinador. No IES Perdouro ocupáronse da tradución da canción de Ismael Serrano e de parte das viñetas, que empezou a deseñar co seu alumnado Gabriel Penabade (Lucho). 

No IES Terra do Xallas elaboraron tamén parte das viñetas desta historia, dirixidos pola súa profesora de Educación Plástica, Cristina Durán Arufe. E durante este curso no IES Perdouro, tamén foi a profesora de Plástica, Andrea Mariz Rodríguez, quen supervisou o traballo do seu alumnado de 4º ESO e rematou as viñetas. 

O significado dos versos desta canción fannos lembrar que a vida pasa rápido e que o tempo é demasiado valioso para estalo perdendo en parvadas, mais tamén nos ensinan o necesaria que é a concordia e a fortuna que temos de vivir nun país en paz mentres no mundo se libran tantos conflitos bélicos. 

Desexamos expresar o noso agradecemento a todo o alumnado e profesorado que participou no proxecto, especialmente a Andrea Mariz, por estar disposta sempre a compartir a súa creatividade e, como non, a Luis Ramilo e Cristina Arufe, exprofesores do IES Perdouro, pola súa implicación e por continuar mantendo os lazos que nos unen. 




30.1.25

Viaxe a Lugo para visitar os Servizos Audiovisuais da Deputación e o Vello Cárcere

O día 15 de xaneiro, o alumnado de 4º de ESO fomos visitar o Centro de Formación Audiovisual da Deputación en Lugo. Cando chegamos, faláronnos un pouco sobre o lugar. Dixéronnos o que facían alí, o que podías chegar a ser se estudabas ese ciclo e tamén nos mostraron uns vídeos creados por eles e outros feitos polos seus alumnos que, a verdade é, estaban moi ben. Despois de que nos contaran un pouco o que se estuda nese ciclo, leváronnos por varias salas para que puidésemos probar os distintos aparellos que alí había. 

Primeiro fomos ao seu plató máis pequeno, onde tiñan tixolos en vez de parede para que o son fose mellor, algo bastante curioso. Alí, deixáronlle a un de nós poñerse no “croma” e todos os demais vimos como parecía que estaba noutro lugar. 

Logo dirixímonos a unha sala onde nos mostraron un pouco as cámaras e os planos que tiñan que ir cambiando para poder verse ben en directo; e xusto pegada a esa sala, estaba o sitio onde manexaban as voces. Alí tamén lle deixaron a algúns de nós probar e tratábase de falar polo micrófono e o rapaz que estaba alí ía cambiando a nosa voz. A verdade é que foi moi gracioso escoitar as voces distorsionadas dos nosos compañeiros. 

Chegando ao final, leváronnos ao seu plató máis grande, onde fixemos varias probas. Primeiro, os nosos compañeiros probaron a falar do tempo e, nese mesmo lugar, probaron a conducir un coche co “croma”, algo que parecía bastante realista. Despois probamos outros a presentar un noticieiro: un facía de presentador e o outro ía poñendo o texto que había que ler. Para acabar alí, ensináronnos unha parte do escenario que estaba creada polos alumnos do ciclo e tamén aproveitaron para preguntarnos se nos gustara, contarnos un pouco máis sobre o sitio e despedirse xunto ao deputado de Promoción Económica e Social na provincia de Lugo chamado Pablo Rivera, que apoiaba moito o ciclo e que nos animou a unirnos a el en canto tiveramos a oportunidade 

De alí marchamos e fomos ver o ‘’Vello Cárcere’’ de Lugo, que se encontra case no centro da cidade. Cando chegamos, aquilo non parecía un cárcere: parecíase máis a un Concello ou un edificio público. Por dentro víase que estaba todo amañado, xa que estaba moi novo. Fomos ata os ‘’Bloques dos homes’’ que é a zona central do cárcere e onde se encontran as celas onde estaban os presos. Alí explicáronnos por que tiña forma semicircular (panóptico); tamén nos dixeron que en cada cela podía haber ata 14 persoas. 

Cando acabaron de explicarnos isto, faláronnos de Rafael de Vega Barrera, que foi un médico que estivo preso 100 días no cárcere por denunciar o mal estado do hospital de Lugo no ano 1936. Ese home foi condenado a morte e ademais puxéronlle unha multa de 1.497.474 pesetas (9000 euros actuais). Despois de explicarnos isto, fixemos unha actividade respondendo preguntas sobre el. As respostas dixémolas en alto ao acabar a actvidade. E iso foi o final da visita ao ‘’Vello Cárcere’’ que foi interesante para saber como vivían os presos e como era ese cárcere. 

Por último, de camiño a Burela visitamos o nacemento do río Miño no Pedregal de Irimia, na serra de Meira.

Podedes acceder a máis imaxes da xornada AQUÍ


 Rubén Alonso e Iker Candia - 4º ESO-B

28.1.25

Suspensión das clases o mércores 29 de xaneiro por fenómeno meteorolóxico adverso

Mañá mércores 29 de xaneiro suspéndense as clases e o transporte escolar na Mariña de Lugo por fenómeno meterorolóxico adverso. 

Este é o enlace ao aviso no portal educativo da Consellería onde se pode acceder á acta da reunión onde se tomou a decisión e aos concellos afectados pola medida. 



26.1.25

Aulas Limpas: Mellor aula do mes de novembro

No mes de novembro a aula máis limpa e ordenada foi a 402. Todo estaba recollido e recolectan pilas e material escolar, ademais de ter o taboleiro moi completo e organizado. 

Tamén fixeron un bo traballo os grupos das aulas 





24.1.25

Visita a Gadisa

O pasado 14 de xaneiro, o alumnado do segundo curso do ciclo medio de “Xestión Administrativa” e 1º e 2º curso do ciclo superior de “Administración e Finanzas” visitamos a sede da empresa GADISA situada en Betanzos (A Coruña); actividade organizada desde a Aula de Emprendemento do noso instituto. 

Trala viaxe de hora e media desde Burela, chegamos ao noso destino, onde fomos recibidos pola responsable de marketing de GADISA, quen nos conduciu a unha sala de reunións na cal nos explicou todo o referente á empresa. 

Así, soubemos que GADISA é unha sociedade anónima cuxa actividade principal é a distribución ao por maior e en supermercados. Con capital 100 % nacional, está composta por sete liñas de negocio. Ademais é líder de distribución no noroeste de España por facturación e chega ao consumidor a través dunha rede de 479 establecementos de venta de produtos frescos e envasados das mellores marcas. 

A continuación, visitamos o almacén onde nos explicaron que para GADISA a calidade dos produtos é primordial, por iso, o seu sistema loxístico está deseñado para garantir que os produtos frescos cheguen ao consumidor diariamente conservando a mesma calidade da orixe. Contan con dous centros loxísticos, dúas plataformas loxísticas de compra e distribución de pescado, un centro de redistribución de pescado e máis de 230 vehículos propios para servir a calquera cliente alí onde estea: núcleos urbanos, zonas rurais, comedores, comercios, etc. Así mesmo, dispoñen dun sistema de xestión por radiofrecuencia, o cal permite un óptimo aproveitamento dos recursos. 

Unha vez rematada a visita a GADISA, fomos ata A Coruña para xantar no centro comercial Marineda City e, posteriormente, regresamos a Burela, tras unha xornada moi proveitosa, na cal adquirimos moitos coñecementos. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Alumnado do 2º curso do ciclo medio de “Xestión Administrativa”.

22.1.25

Visita ao Parlamento de Galicia e á catedral de Santiago de Compostela

O martes 17 de decembro o alumnado de Formación Profesional de Servizos Administrativos do IES Perdouro realizamos una saída cultural e educativa a Santiago de Compostela. Os estudantes que fomos á excursión saímos de Burela ás 8:30 no autobús acompañados dos profesores do departamento de Administración: Yolanda, Patricia, María, Javier e Denís. Chegamos á Intermodal de Santiago de Compostela ás 11:15 e fixemos unha breve parada para ir ao aseo e despexarnos da viaxe, que foi bastante longa. 

A primeira visita foi ao Parlamento, sobre as 12:00, onde fomos testemuñas dun grupo de persoas manifestándose no exterior. Alén diso, alí vimos a Xosé Ramón Gómez Besteiro, Secretario Xeral do PSOE. En primeiro lugar pasamos un control e logo accedemos por unhas escaleiras; na parte superior estaba agardando por nós un guía para comezar a visita. 

O primeiro que nos ensinou foi a sala dos Reis, onde se fan a maioría dos actos, como por exemplo os actos de xura de cargo e outras moitas reunións; nesta sala había fotografías dos reis actuais e dos anteriores, así como imaxes dos antigos presidentes do Parlamento. 

Saímos desta sala e fomos á entrada principal ver as obras de arte que conservan alí e a continuación deixáronnos ver un anaco da sesión. Tivemos a oportunidade de asistir a un pleno sobre orzamentos que dera comezo unhas horas antes e escoitamos falar a Ana Pontón (BNG) e logo a Paula Prado (PP). Despois diso xa saímos para que nos dese tempo a ver todo e non alongar moito a visita. Fomos á biblioteca na que había máis de 5000 libros dos cales uns 2000 eran libros sobre dereito. 

Cando saímos da biblioteca seguimos coa visita, leváronnos a unha sala grande e puxéronnos un vídeo informativo sobre o funcionamento do Parlamento e a súa composición. Unha vez rematado o vídeo explicativo entrou na sala Alfonso Villares, Conselleiro do Mar, que veu visitarnos xa que el nos seus tempos mozos estudou no instituto veciño ao noso, no IES Monte Castelo. Despois diso, demos por rematada a visita ao Parlamento e regresamos ao autobús. 

A parte lúdica foi cando nos diriximos ó centro comercial As Cancelas sobre as 14:00 h da tarde, onde nos deixaron tempo libre para xantar, pasear ou mercar o que quixésemos. Polas 15:30 xa estabamos todos subindo no bus para dirixirnos á Catedral de Santiago. 

Ao chegar entramos polo Palacio de Xelmírez e alí dividímonos en dous grupos dunhas 20 persoas, cada grupo cunha guía e uns mp3 para escoitar mellor. Subimos as escaleiras que nos levaban ás terrazas e gozamos das vistas desde arriba ata que empezou a chover e tivemos que marchar. Desde alí seguimos coa visita sen nos importar ternos mollado. Vimos o altar maior, demos unha aperta ao apóstolo Santiago e visitamos tamén a capela do Horto dos Olivos, onde os estudantes adoitan ir rezar antes dos exames. Despois diso emprendemos a viaxe de volta a Burela. 

Foi unha excursión entretida e non notamos nada de negatividade en todo o día, iso fixo que fose unha saída moi amena e tranquila. O alumnado en xeral, polo que nos dixeron, tivemos un bo comportamento e participamos en todo con moito interese. En conclusión, foi unha excursión tranquila pero divertida, na que todos o pasamos ben e aprendemos moito. Pasamos moi bo día! 

Podedes ver algunha das imaxes da viaxe AQUÍ.

Karen da Costa Pérez e Lara Baltar Fernández  - 1º CB Servizos Administrativos

20.1.25

Obradoiro de minerais con Fran Canosa

O alumnado da ESO asistiu a unha charla sobre os minerais impartida por Fran Canosa. 

Para comezar a actividade, falounos sobre as rochas e sobre as diferenzas existentes entre rochas e minerais. Mentres nos explicaba, amosounos distintas mostras para que as vísemos. A seguir, contounos as propiedades que posuían, como o brillo, que podía ser de distinto tipo: metálico, nacarado, mate… Puidemos ver moitas cousas diferentes: carbón, un fósil, unha estalactita, petróleo, un cristal de botella con forma de diamante, unha alexandrita (que cambia de cor segundo incida nela unha luz natural ou artificial), ata puidemos tocar un meteorito. 

En último lugar, pero non por iso menos importante, puidemos comprobar a propiedade bioluminiscente dalgúns minerais; na nosa opinión o máis divertido e impresionante. Para iso, coa luz apagada, ensinounos como algúns minerais se vían na escuridade. Mesmo había uns tipos concretos de minerais, dos que só existen tres tipos de entre 4000, que cambiaban de cor se se proxectaba sobre eles unha luz ultravioleta durante varios minutos. Despois volvían á súa forma orixinal cando os alumeaba unha lanterna.

Podedes ver máis imaxes AQUÍ

Lara Romo Leivas - 1º ESO D

15.1.25

Colaborade aportando material escolar para enviar a Valencia

O alumnado de 1º Bacharelato B organizou unha campaña de recollida de material escolar para enviar ao IES Berenguer Dalmau de Catarroja (Valencia). 

Pola información que nos transmite Lara Oliveros, titora de 1º de Bacharelato B, a situación que viven no centro dista aínda moito da normalidade. Están intentando conseguir recursos e materiais e en próximas datas contan con que vaian recolocando o alumnado do instituto en distintas localizacións para continuar coas clases. Sabemos tamén que parte dos membros da comunidade educativa perderon as súas casas e emocionalmente as vivencias están sendo moi duras. 

Por favor, colaborade con esta iniciativa aportando o que poidades traer. 

Hai dúas caixas na entrada do edificio 1: nunha recollénse carpetas, recambios... e noutra material de escritura como bolígrafos, lapis, rotuladores, gomas etc. 

Ademais disto, pídennos que enviemos libros de lectura obrigatoria. Estes son os libros que necesitarían en castelán e estes, os que teñan que ler en inglés. Se tedes algún deles pola casa que non utilicedes, por favor, depositádeos tamén nas caixas para poder mandárllelos. 

O prazo remata o venres 17 de xaneiro. 

4.1.25

Felices festas co Nadal Trap

O alumnado de 4º ESO compuxo cancións de Nadal coa axuda da Intelixencia Artificial. Unha delas é este Nadal Trap que acompañaron de baile neste videoclip. Agardamos que vos guste e que vos sirva para escoitar nestes últimos días de Nadal. 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...