O día 15 de xaneiro, o alumnado de 4º de ESO fomos visitar o Centro de Formación Audiovisual da Deputación en Lugo.
Cando chegamos, faláronnos un pouco sobre o lugar. Dixéronnos o que facían alí, o que podías chegar a ser se estudabas ese ciclo e tamén nos mostraron uns vídeos creados por eles e outros feitos polos seus alumnos que, a verdade é, estaban moi ben.
Despois de que nos contaran un pouco o que se estuda nese ciclo, leváronnos por varias salas para que puidésemos probar os distintos aparellos que alí había.
Primeiro fomos ao seu plató máis pequeno, onde tiñan tixolos en vez de parede para que o son fose mellor, algo bastante curioso. Alí, deixáronlle a un de nós poñerse no “croma” e todos os demais vimos como parecía que estaba noutro lugar.
Logo dirixímonos a unha sala onde nos mostraron un pouco as cámaras e os planos que tiñan que ir cambiando para poder verse ben en directo; e xusto pegada a esa sala, estaba o sitio onde manexaban as voces. Alí tamén lle deixaron a algúns de nós probar e tratábase de falar polo micrófono e o rapaz que estaba alí ía cambiando a nosa voz. A verdade é que foi moi gracioso escoitar as voces distorsionadas dos nosos compañeiros.
Chegando ao final, leváronnos ao seu plató máis grande, onde fixemos varias probas. Primeiro, os nosos compañeiros probaron a falar do tempo e, nese mesmo lugar, probaron a conducir un coche co “croma”, algo que parecía bastante realista. Despois probamos outros a presentar un noticieiro: un facía de presentador e o outro ía poñendo o texto que había que ler.
Para acabar alí, ensináronnos unha parte do escenario que estaba creada polos alumnos do ciclo e tamén aproveitaron para preguntarnos se nos gustara, contarnos un pouco máis sobre o sitio e despedirse xunto ao deputado de Promoción Económica e Social na provincia de Lugo chamado Pablo Rivera, que apoiaba moito o ciclo e que nos animou a unirnos a el en canto tiveramos a oportunidade
De alí marchamos e fomos ver o ‘’Vello Cárcere’’ de Lugo, que se encontra case no centro da cidade. Cando chegamos, aquilo non parecía un cárcere: parecíase máis a un Concello ou un edificio público. Por dentro víase que estaba todo amañado, xa que estaba moi novo. Fomos ata os ‘’Bloques dos homes’’ que é a zona central do cárcere e onde se encontran as celas onde estaban os presos. Alí explicáronnos por que tiña forma semicircular (panóptico); tamén nos dixeron que en cada cela podía haber ata 14 persoas.
Cando acabaron de explicarnos isto, faláronnos de Rafael de Vega Barrera, que foi un médico que estivo preso 100 días no cárcere por denunciar o mal estado do hospital de Lugo no ano 1936. Ese home foi condenado a morte e ademais puxéronlle unha multa de 1.497.474 pesetas (9000 euros actuais). Despois de explicarnos isto, fixemos unha actividade respondendo preguntas sobre el. As respostas dixémolas en alto ao acabar a actvidade.
E iso foi o final da visita ao ‘’Vello Cárcere’’ que foi interesante para saber como vivían os presos e como era ese cárcere.
Por último, de camiño a Burela visitamos o nacemento do río Miño no Pedregal de Irimia, na serra de Meira.
Podedes acceder a máis imaxes da xornada AQUÍ.
Rubén Alonso e Iker Candia - 4º ESO-B
Sem comentários:
Enviar um comentário