23.2.25

Concurso Aulas Limpas: mellor aula do mes de decembro

No mes de decembro a aula máis limpa e ordenada foi de novo a 402. Todo estaba recollido e moi limpo e ordenado. O grupo de 4º ESO A leva dous meses consecutivos sendo a mellor aula, mais son varias as que pasan de 320 puntos se se suman as puntuacións do 1º trimestre, entre elas as aulas 101, 111, 113, 119, 201, 211, 215B, 401 e 402. 

Recordade que aínda queda curso por diante para remontar as puntuacións. Só tedes que poñer atención e deixar a vosa aula moi limpa e ordenada a última hora. Lembrade deixar as cadeiras subidas, as persianas e ventás na disposición correcta, colocade traballos de distinto tamaño no taboleiro e organizádeos correctamente. 

Prestade atención a que o último día do mes de febreiro é o festival de Entroido e tamén ten que quedar todo limpo e recollido. 

Moito ánimo a todos e os grupos e parabéns a 4º ESO A e á súa titora!

Moitas grazas ás nosas limpadoras Divina, Carmen e Ángeles,  por puntuar cada mes, e ao profesorado que revisou as aulas no primeiro trimestre: Javier Rouco, Miruca, Patricia Anaya, Karina, Fernando Lago e Andrea. 





19.2.25

Día da Enxeñaría na Escola Politécnica de Ferrol

O venres 14 de febreiro o alumnado de Tecnoloxía de 1º de BAC fomos á Escola Politécnica de Ferrol, que pertence ao campus da Universidade da Coruña. Fomos alí xa que nos convidaron porque era o Día da Enxeñaría. 

Ao chegar, déronnos unha pequena introdución sobre que era a Enxeñaría e a oferta educativa da Escola de Ferrol e logo pasamos a visitar as instalacións desta Escola. Alí permitíronnos facer un reto que constaba de catro probas: unha de debuxo técnico, unha de física, unha de matemáticas e outra de bioloxía. Despois fixemos unha visita guiada por varios departamentos da Escola: no de construción puidemos observar unha planta automática de fabricación; noutro sobre enerxía eléctrica, creamos un pequeno motor; tamén nos falaron sobre a flotabilidade dos barcos; e, por último, ensináronnos un coche fabricado polo alumnado de enxeñaría co cal ían a competicións por toda España. 

Ademais disto tivemos a representación dun alumno do IES Perdouro no programa de Radio Voz que se emitía en directo desde a mesma Escola de Enxeñaría durante esa mañá nunha emisora de radio de Ferrol.

Podedes acceder a máis fotos AQUÍ.

Hugo Sanjurjo Freire - 1º Bacharelato A

18.2.25

Concurso de carteis: II Semana de Benestar e Convivencia do IES Perdouro

CONCURSO DE DESEÑO DE CARTEL COA TEMÁTICA II SEMANA DE BENESTAR E CONVIVENCIA DO IES PERDOURO 

Participantes: alumnos/as de ESO, BAC ou Ciclos Formativos do IES Perdouro. 

Temática da ilustración: o benestar e a convivencia na sociedade. 

Técnica: debuxo de liña, pintura, colaxe, etc. sobre papel. A confección debe ser a man, sen empregar medios dixitais. 

Formato: papel en tamaño A4 (folio) en vertical. 

Requisito imprescindible: inclusión da frase “II Semana de benestar e convivencia do IES Perdouro”. 

Autoría: o cartel debe incorporar nome completo, curso e grupo na parte de atrás. 

Entrega: o cartel entregarase ao titor/titora ou a Andrea na aula de Plástica (411). 

Prazo de participación: ata o venres 7 de marzo de 2025. 

Premio: un vale para librería e un vale para cafetería. Tamén a publicación do cartel seleccionado nos taboleiros das aulas e zonas comúns, así como na web/redes sociais do instituto.

Anímate a participar!

10.2.25

Preparando o Entroido 2025

Estamos preparando o festival de Entroido deste curso. Será o venres 28 de febreiro. 

Recordade entregar a folla de inscrición do voso grupo e, en canto teñades elixida a música, traédea a vicedirección nunha memoria USB. 

O festival comezará ás 11:30h no patio central. Se chovese, adiantaríase ás 11:00h e tería lugar no pavillón. 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...