O xoves 11 de decembro, o alumnado de 1º Bacharelato das materias de Tecnoloxía, Anatomía Aplicada e Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais realizamos unha viaxe a Santiago de Compostela para visitar o Instituto De Investigación Sanitaria ou IDIS.
Ao chegar, entregáronnos unhas batas similares ás dun cirurxián e despois explicáronnos como funcionaba este centro de investigación. O noso primeiro guía contounos algúns datos, coma que traballan en conxunto distintas profesións (biólogos, médicos, enfermeiros, matemáticos, informáticos...) ou que traballaban en conxunto co hospital de Santiago.
A continuación, o guía separounos en grupos para ver diversos ámbitos nos que investigaban.
O grupo vermello (ou Oncomet) encargouse do ámbito do estudo do cancro. Ensináronnos como se estudaba con tamaños moi pequenos, utilizando o nanómetro, e facían nanoemulsións que se mesturaban cun axitador magnético, para despois introducirse en células afectadas polo cancro, para ver como se desenvolvían; ademais, tamén introducían células tumorais en peixes cebra, os cales son moi utilizados nas investigacións grazas a diversos factores tanto económicos coma biolóxicos, e ensináronnos o seu desenvolvemento embrionario.
Logo, cambiámonos de laboratorio e puidemos obter algunhas mostras do noso sangue e observalas no microscopio. Tamén puidemos ver algunhas outras salas onde traballaban informáticos que nos explicaron que estaban investigando.
O grupo verde (ou Axitador) tratou enfermidades renais herdables e tivemos a sorte de compartir unha xornada con profesionais deste ámbito. Comezamos realizando unha mostra dun ril enfermo procedente dun rato, o cal etiquetamos. Ademais, puidemos observar distintas placas baixo o microscopio, dende embrións enfermos de ratos ata células humanas en crecemento. Ao final desta incrible experiencia, tamén nos deixaron analizar distintos casos de problemas xenéticos de pacientes reais relacionados con este tipo de enfermidades.
O grupo amarelo (ou Placa Petri) visitou dous laboratorios: o primeiro de oftalmoloxía, no cal realizamos dúas probas para sacar sangue dunha arteria e outra, con axuda dun accesorio médico, metemos auga con colorante nun compoñente para manexar un fluído. No segundo laboratorio, ensináronnos métodos de esterilización.
O grupo violeta (ou Incubador) observou mortes súbitas por problemas cardiovasculares. A través dunha presentación, explicáronnos diversos coñecementos como: as causas que podían ter, se eran herdables, se eran fáciles de detectar... Tamén fixemos unha parte práctica na cal tivemos que analizar distintas mostras de ADN de persoas con problemas cardiovasculares; utilizamos un proceso chamado “PCR” para realizalo. Finalmente deixáronnos levar a cada un de nós a nosa mostra analizada previamente.
Ao rematar os nosos talleres, puidemos realizar unhas últimas preguntas a un biólogo que viña de Suecia e que dera unha charla anterior á nosa.
Despois, dirixímonos ao centro comercial para comer e desfrutar un pouco de tempo libre. Finalmente, volvemos en bus ata o Perdouro e demos por rematada esta viaxe tan interesante que nos permitiu coñecer un mundo científico que non estamos acostumados a ver.
Podes acceder a máis imaxes AQUÍ.
Laura Eijo Docampo - 1º de Bacharelato A


Sem comentários:
Enviar um comentário