O día 28 de xaneiro, o alumnado de primeiro e segundo curso do ciclo superior de Administración e Finanzas realizamos unha visita a Arteixo, concretamente ás oficinas centrais dunha importante empresa situada nesta localidade: Inditex. Dende o primeiro momento, a experiencia resultou moi interesante e enriquecedora, xa que nos permitiu coñecer de primeira man o funcionamento interno dunha gran compañía.
Nada máis chegar, impresionounos de maneira positiva a nave na que se atopan situadas as oficinas, xa que é de dimensións xigantescas. Durante a explicación, informáronnos de que nestas instalacións traballan arredor de 5.000 empregados, o que nos permitiu facernos unha idea da magnitude da empresa.
A visita foi guiada por unha muller que se encargou de ensinarnos as instalacións e explicarnos todo o relacionado coa área de vendas.
Nesta parte, puidemos observar distintos paneis dixitais de control. Nun deles amosábanse en tempo real os datos de vendas de máis de 5.500 tendas repartidas por todo o mundo, o que permitía coñecer de forma inmediata o rendemento de cada mercado.
Noutro panel diferente reflectíase a actividade dos usuarios na aplicación de Zara, onde se podía ver cantas persoas estaban a realizar un pedido nese mesmo momento, cantas se atopaban simplemente navegando pola aplicación e cales eran as prendas máis visitadas, ordenadas de maior a menor segundo o interese dos clientes.
Ademais, tivemos a oportunidade de visitar a zona dos talleres de patronaxe, que foi realmente impresionante, xa que nela se elaboran e axustan os patróns das prendas. Tamén nos ensinaron o ximnasio do que poden facer uso os empregados, así como o gran auditorio, que se utiliza habitualmente para celebracións e eventos importantes. Do mesmo xeito, puidemos ver o comedor, onde comen diariamente os traballadores da empresa.
Un dos momentos máis destacados da visita foi cando accedemos ás tendas piloto, que son espazos de simulación onde se perfecciona a exposición da roupa, o escaparatismo e a distribución das prendas antes do seu envío ás tendas de todo o mundo. Sen dúbida, foi a parte que máis me sorprendeu, xa que estas tendas eran idénticas ás que atopamos nos centros comerciais e nas rúas.
Por último, tamén puidemos acceder á zona onde os modelos se cambian de roupa para as sesións fotográficas da páxina web, e observar como os fotógrafos realizaban as imaxes que posteriormente se publican na tenda en liña.
Para finalizar a visita, decidimos desprazarnos ao centro comercial Marineda City, onde aproveitamos para comer. Despois desta parada, continuamos a nosa viaxe de regreso á casa, dando por concluída unha experiencia moi interesante e formativa.
Ana Díaz Rey - 2º CS Administración e Finanzas


Sem comentários:
Enviar um comentário