31.10.13

Crónica de Aitor López Anello do documental "Shoots from Abyssinia"

Algunhas veces teño pensado: Se estamos entre os países máis desenvolvidos, cales son as nosas responsabilidades con respecto ao resto do mundo? Cal é o futuro que espera a África? Hai esperanza para África, a pesar dos intereses económicos dos usureiros?

Moitas das respostas a estas preguntas atopeinas este luns pola mañá na biblioteca do Perdouro. Parece incrible, mais é certo: asistín á proxección dun dos mellores e máis humanos documentais que vin na miña vida e despois puiden participar nunha charla-coloquio que me resultou moi instructiva e gratificante.

Moitas veces cando un pensa en África ten a idea da fame, a pobreza extrema, a corrupción… Mais África non é só iso. Esa é unha das mensaxes do Documental “Shoots from Abyssinia”, que nos mostrou que aquel continente ten esperanza, que en África hai xente que vale e que a mellor das actuacións responsables de occidente é deixalos en paz. Porque, cada vez que se nos ocorre unha brillante idea “para o seu propio ben”, acabamos desfacéndolles medio país.

O documental está feito por Ovidio Fernández, un galego de Navia de Suarna. Este cámara de TVE en Galicia un bo día decidiu adoptar un rapaz etíope. Cando foi alá para ver o rapaz por primeira vez, quedou prendado do país e da xente. Catro anos despois, pensaron en retornar a Etiopía para que o rapaz coñecese a súa cultura. O pai adoptivo púxose á frente da expedición e levou un dos seus bens mais prezado, a cámara de vídeo.

“Shoots from Abyssinia” conta como Abdul retorna ao seu país, como se reencontra coa súa xente e como coñece todo o norte de Etiopía. A viaxe comeza na capital, Addis Abeba, onde Abdul se reencontra cos amigos da infancia nun centro para nenas e nenos orfos. Despois, seguindo a folla de ruta do explorador portugués Pedro Páez continúa a viaxar polo norte do país e a coñecer a historias do mesmo.

O documentario mostra un Estado que en oito anos pasou de estar na pobreza extrema a ter un futuro francamente esperanzador. Etiopía pode parecernos un estado pobre, sen recursos, un estado de fame, mais é unha nación que comeza a levantarse, un país en que os nenos e nenas comezan a ir en masa á escola. Iso chamoume moito a atención, porque eu penso que a base dun país non está nin na economía nin na sanidade, senón na educación. Polo que se ve no vídeo, Etiopía e un país onde comeza a nacer unha clase media acomodada, un país onde comezan a existir boas redes de comunicacións (estradas, liñas de teléfono…). Tamén é certo que o documento nos mostra a outra prespectiva: a do país subdesenvolvido, con moita pobreza, sobre todo no campo.

De todo o que escoitei nesta magnífica conferencia, quédome cunha frase clave: “o único que Etiopía (e África en xeral) piden ao mundo desenvolvido é que este deixe de meter a gadoupa ”. Tárdame que se edite a segunda parte, que nos anunciou o director. Mentres tanto, moitas grazas Ovidio!

Aitor López Anello. 1º Bach A. Opinión publicada na prensa dixital  Crónica3 o 31/10/2013.

Concurso de cabazas - Samaín 2013

Celebramos o ano novo celta co concurso de cabazas.


30.10.13

Macarena Ledo, reporteira para Radio Burela - Samaín 2013

Non vos perdades.... Radio Burela facendo eco das actividades desenvolvidades no IES Perdouro.....

A alumna, Macarena Ledo, de 4º de ESO é entrevista en Radio Burela pola súa actuación e colaboración con BiblioPerdouro na xornada de  celebración do Samaín - Lectura terrorífica no recreo - , e ademais fai en directo un avance do fragmento dun relato de Edgar A. Poe, texto seleccionado e preparado coa axuda da súa profesora de Música, Dolores Otero. 

Atentos a partir do minuto 28':http://t.co/1sqszDBfmH (fixádevos que ben o fai!)

29.10.13

Proxección do filme documental "Shoots from Abyssinia" de Ovidio Fernández

Hoxe, 29 de outubro, Ovidio Fernández Sánchez visitou a biblioteca do IES Perdouro de Burela para presentarnos o seu filme documental "Shoots from Abyssinia". O título fainos reflexionar sobre a súa posible tradución: disparando desde Abisinia mais non con balas sinon coa cámara ao lombo. Etiopía, a antiga Abisinia narrase nesta viaxe ó interior do corno de África.


Ovidio Fernández traballou como cámara de TVE en Galicia e decidiu realizar esta gravación polo norte de Etiopía para mostrar unha viaxe na que un dos seus fillos adoptados vai en busca das súas orixes. Coa voz de Abdul vainos presentando unha Etiopía liberada dos tópicos, Guíamos polas súas cidades, aldeas, templos, etnias, paraxes.... ata chegar á fontes do Nilo Azul onde ten lugar un simbólico bautismo do protagonista.

Os alumnos de 4º ESO e 1º de Bacharelato asistiron á proxección e realizaron algunhas preguntas sobre a seu contido.

Trátase dun documental de 100 minutos que resultou interesantísimo e que nos achegou á verdadeira situación de Etiopía na actualidade.

Para información sobre Ovidio e a súa longametraxe: 

28.10.13

Samaín - recomendacións de lectura para pasar medo

Se queres pasar medo, terror e espanto, pásate pola biblioteca e lévate un dos libros da nosa selección. Bótalle un ollo!!

Samaín - facendo ambiente

O alumnado de 1º de ESO estivo encargado de ambientar o centro co propósito de celebrar Samaín, o aninovo celta. A súa tarefa consistía en reciclar e reutilizar os resíduos para idear un conxunto de decoracións. Botes de iogures, de leite, latas, tubos de papel convertéronse en morcegos, arañas, caveiras, esqueleto, cabazas, pantasmas e lámpadas.

Mirade que creativos foron!!!!

22.10.13

Barco "Muralla de Lugo" no Perdouro

Co motivo do 20 aniversario da Asociación cultural Os Matos, estivo atracado no Perdouro o barco "Muralla de Lugo" da Deputación co próposito de achegar o alumnado do centro ao mundo natural e de sensibilizalo e concienciarlo do patrimonio cultural, natural e etnográfico da provincia.
O obxectivo desta aula móbil medioambiental é dar a coñecer a provincia de Lugo, as súas reservas da biosfera, os produtos autóctonos e as feiras e festas da provincia, ademais de contribuir a promocionar a muralla de Lugo, no décimo aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade.

O barco pesa 3.500 quilos e conta cunha dimensión exterior total de 12 metros de longo e 5 de alto e foi construído por unha empresa de Burela e pintada en Viveiro, sendo as súas cores o vermello, o azul mariño e o verde. No seu interior conta con todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico cedido polas confrarías da Marila e Viveiro. Ten unha parte expositiva con capacidade para 40 paneis de fotografías, na que se atopa unha sección de imaxes que aportou a asociación 'Terra de Viveiro', e entre as que destaca a fotografia máis antiga que se conserva do porto viveirense.

Os perigos de internet en cómic do Valedor do Pobo

O Valedor do Pobo e a Consellería de Traballo e Benestar acaban de publicar  Os perigos de Internet, un cómic de El Patito Editorial.
Lembra conectarte sempre de forma segura:
  • Coa lectura do tebeo aprendemos que non debemos facilitar os nosos datos persoais a calquera persoa que no lo pida.
  • Non deberemos enviar fotografías (nen nosas nen dos nosos compañeiros) a terceiros.
  • Debemos informar aos nosos pais de con quen e de como nos conectamos.
  • Sería moi bo facer aos pais partícipantes dos nosos lugares nas redes sociais para que poidan protexernos de calquera que nos queira facer mal ou enganarnos.

Podes descargar o PDF aquí.

21.10.13

Xestión sostible da auga - GAIA

Mª José e Begoña, monitoras de GAIA (a aula mediombioental do Concello) deron comezo a un ciclo de charlas sobre educación medioambiental no Perdouro destinadas ao alumnado de 3º e 4º de ESO.

Esta semana, trataron a temática da auga e da súa xestión sostible co obxectivo de informar sobre a cantidade de auga apta para o uso humano no noso planeta, reflexionar sobre os usos que facemos da auga e informar sobre as diferentes medidas de aforro da auga.
Puntos tratados:
- Distribución da auga na terra.
- Consumo de auga ( procesos industriais,actividade mineira,agricultura e ganadería,actividades recreativas,extinción de incendios,etc.
- Consumo por sectores.
- Distribución do consumo de auga nos fogares.
- Ciclo da auga ( captación,Etap,Rede de saneamento,Edar,Emisario).
- Problemas da falta de auga.
- Instalación de perlizadores e reductores de caudal.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...