10.3.19

Preparando a X Olimpíada de Xeoloxía

Para a preparación da X Olimpíada de Xeoloxía celebrada o 13 de febreiro na cidade de Viveiro, tivemos que aprender a usar o compás. Era necesario levar un para as probas da olimpíada e, por ese motivo fomos o mércores 30 de xaneiro, o mércores 6  e o xoves 7 de febreiro á praia Perdouro. Na área xeolóxica da praia aprendimos a situarnos nos mapas utilizando as curvas de nivel, a  medir o buzamento (inclinación) e a orientación dos estratos co compás. Estivemos practicando, sen descanso, durante eses tres días os alumnos e alumnas de primeiro e segundo de bacharelato de Xeoloxía para conseguir un bo posto en Viveiro.

Accede aquí á reportaxe fotográfica.
 Aarón Artime
2º de Bacharelato

Entroido en banda deseñada

O alumnado de 2º ESO de Reforzo de Lingua imaxinou unha historia onde eles mesmos ían ser os protagonistas. Repartiron as tarefas en canto idearon o conto. Noemy fixo os debuxos, Cristina e Lucía colorearon, Yoselin e Sarr pasaron a limpo os diálogos. Aquí está o resultado que estivo exposto nas escaleiras do pavillón principal.

9.3.19

Caretas de Entroido

Na materia de Plástica, o alumnado de 1º de ESO fabricou unhas caretas coa técnica do globo, papel de xornal, cola e moita paciencia. Logo abriron bocas e ollos, e pintáronas. Os traballos estiveron expostos no vestíbulo ao longo da semana de Entroido.


O proceso de elaboración das caretas de entroido durou catro a cinco sesións na aula de Educación Plástica.
Primeiro, pegamos anacos de papel de xornal nun globo cheo de aire, coa axuda dunha mistura de cola e auga.
Despois, continuamos co procedemento ata ter entre cinco e oito capas. Deixamos secar durante un día a base de papel. Cando se vexa unha base dura e consistente pinchamos o globo e retirámolo.
A continuación, pintamos e deixamos secar.
Por último, decoramos con todo tipo de materiais: lá, plumas, cordas, purpurina, pegatinas, ...
Xa podemos desfrutar da nosa careta de entroido.

Laura González Freire, Nerea Francos, Paula López Martínez, Paula López Calvo - 1º ESO B

8.3.19

Celebración do Día da Muller

Esta mañá co gallo de celebrar o Día da Muller, estivemos confeccionando a pancarta co lema deste ano "Por todas as mulleres, por todos os dereitos" coa axuda do alumnado de 1º de ESO C, alumnos de 2º de Bacharelato e profesores nun ambiente supercolaborativo. Tamén repartimos lazos lilas. Logo no recreo xuntámonos no patio para unha foto simbólica, mostra de unión para  reinvindicar a igualdade.
Feminismo para avanzar, unidas pola igualdade

7.3.19

Carteis Día da Muller por 3º ESO

O alumnado de 3º de ESO contribuíu a ambientar os corredores do IES Perdouro cos seus carteis e lemas para conmemorar o Día Internacional da Muller. Aquí está o resultado.

Día da Muller

Venres 8 de marzo ás 11h00 no recreo 




6.3.19

Día das Artes Galegas

Co fin de espallar a celebración do 1º de abril de 2019 como “Día das Artes Galegas” nesta ocasión dedicado a Luis Seoane, a Real Academia Galega de Belas Artes fixo o cartaz oficial da autoría de Manuel Quintana Martelo.

5.3.19

Entrevista a Antía Yáñez

Por Irene Basanta Díaz - 2º ESO A

O venres 22 de febreiro visitou o IES Perdouro a escritora e ex-alumna do centro, Antía Yañez, e os alumnos de 2º ESO fixémoslle unha entrevista:

- Por que che gusta tanto escribir?
- Gústame escribir porque de pequena gustábame moito ler, pero todos os libros que lía, para min, tiñan algo que cambiaría, entón comecei a escribir para poder facelos ao meu gusto.

- Como descubriches que tiñas un don para escribir?
- Eu chamaríao facilidade, non don, pero descubrino cando ía en 3º de carreira e como non me gustaba moito o que estaba estudando, comecei a escribir.

- Se non che gustaba estudar esa carreira, por que a elixiches?
- Elixina porque non sabía o que estudar cando acabei o bacharelato e como me gustaba A Coruña, mirei as carreiras que había e como a carreira con máis saídas laborais era Enxeñería, comecei a estudar iso. Acabeina, pero logo dediqueime á literatura.

- Cal foi o primeiro libro que publicaches?
- O primeiro libro que publiquei foi O Misterio de Portomarín no 2016, cando tiña 24 anos, pero escribín moitos relatos curtos para a biblioteca de Burela e para outros certames.

- Os teus pais apoiáronte na decisión de ser escritora?
- Ao principio eles crían que escribir non me ía dar de comer, pero agora apóianme porque ven que me gusta o que fago e aínda que me gustaría vivir só da escritura, por agora teño que facer outras cousas como traballar nunha academia e ir dar charlas a colexios e institutos.

- Acórdaste dos primeiros libros que liches? Con que idade ?
- Os primeiros libros que lin non os recordo porque era moi pequena, pero Agustín Fernández Paz para min foi un referente escribindo en galego e, despois, a saga de Harry Potter, que me gustaba moito xa que crecín canda o personaxe.

- Cal é o teu autor favorito agora mesmo?
- Agora mesmo é Arantza Portabales e tamén me gusta Nuria Varela (que escribe ensaios) pero se me preguntas a semana que vén, seguro que che digo outros distintos.

- Por qué escolliches Portomarín para ambientar o teu libro?
- Escollín Portomarín porque os meus avós son dunha aldea de preto de alí, en Paradela, e cando pasaba por Portomarín imaxinábame baixando ao río e descubrindo tesouros.

- É verdade que se atopou un cadáver en Portomarín?
- Non, iso foi a miña imaxinación e, como dixen antes, imaxinábame atopando tesouros no río, pero despois cheguei á conclusión de que as persoas que viviron alí, ao ter que abandonar as súas casas, levarían todos os obxectos valiosos consigo, así que cambieino por un cadáver para facelo máis real.

- Os personaxes dos teus libros son reais?
- En Senlleiras hai personaxes reais, pero ideei moitos personaxes baseados en persoas reais, por exemplo, os protagonistas d’O Misterio de Portomarín, están baseados nos meus veciños.

- É verdade que vas publicar un libro ambientado en Burela?
- Si, a segunda parte d’O Misterio de Portomarín, que se titula O Misterio do Torque de Burela e sae en abril.

- Por qué o fixeches ambientado en Burela?
- Porque eu, de pequena, sempre quixen ler libros sobre Burela, pero non había, entón decidín facer eu o meu.

- Viaxaches a algún sitio para buscar inspiración?
- A ver, fun a Portomarín, aínda que xa estiven alí máis veces, pero agora quero ir visitar un manicomio abandonado para ambientar a miña próxima historia.

- Como te documentaches para escribir Senlleiras?
- En Senlleiras (que está inspirado nun podcast de 4º Milenio) sabía que tiña que haber unha morta, unha pantasma e unha historia do pasado e inventei unha trama arredor da violencia de xénero. Tamén incluín noticias dos anos 20, que busquei en xornais da época.

- Cantas edicións e cantas copias vendidas teñen os teus libros?
- Senlleiras ten 3 edicións e vendemos máis de 2000 exemplares e O Misterio de Portomarín ten 5 edicións e tamén vendemos máis de 2000 exemplares.

- E canto tempo tardaches en escribilos?
- Senlleiras tardei 5 meses e O Misterio de Portomarín, 3 ou 4.

- Cal é dos libros que publicaches ti o teu favorito?
- Esa é unha pregunta moi difícil de contestar, pero ao Misterio de Portomarín téñolle un cariño especial porque foi o primeiro libro que escribín, pero non teño ningún favorito.

- Cantos libros levas escritos, aínda que non os publicaras?
- Escribín 5 libros en 4 anos e moitos relatos.

- E cal é o teu horario para escribir?
- A verdade é que non teño, xa que vou por tramos. Hai meses que non escribo nada e outros nos que escribo mañá, tarde e noite por medo a que  me esquezan as ideas.

- Gústanche máis os libros de papel ou os electrónicos?
- Aínda que os electrónicos son máis prácticos, gústanme máis os de papel porque me agrada o seu olor e gústame ver cantos teño, xa que tamén os colecciono. Pero penso que dá igual o formato porque a min engánchanme igual uns que os outros.

- Que xénero literario che gusta máis escribir?
- Eu escribo novelas e relatos porque a poesía paréceme dun nivel superior.

- E para que idade che gusta máis escribir?
- Segundo as ideas que teña, escribo para un público ou outro. Sabía que Senlleiras ía ser para un público adulto polos temas que se tratan e O Misterio de Portomarín para un público xuvenil porque xa hai moitas novelas de investigación para adultos pero non tantas para nenos, aínda que case todas as miñas ideas son para libros xuvenís. Será porque aínda me sinto unha nena!

3.3.19

X Olimpíada de Xeoloxía, en Viveiro.

O pasado mércores 13 de febreiro os alumnos e alumnas de 1º e 2º de bacharelato acudimos á X Olimpíada de Xeoloxía, que tivo lugar en Viveiro.
Os equipos de Xeoloxía mais as profesoras acompañantes, saímos de Burela ás 11:00 da mañá cara a Viveiro. Ao chegar alí, tomamos unha serie de fotografías co resto de participantes da proba procedentes do IES Ortigueira, o IES María Sarmiento e o IES Vilar Ponte.
A proba práctica comezou sobre as 12:00 da mañá despois dunha serie de explicacións que deron os organizadores do evento. Nesta primeira proba, tivemos que facer unha xincana en equipo pola zona costeira de Covas. Cada equipo, integrado como máximo por catro persoas, tiña que ir resolvendo e respondendo a unha serie de preguntas  en cada posto seguindo un percorrido. Toda a información viña nunhas carpetas que nos deu o comité organizativo ao principio. Ao remate da proba, cada equipo entregou a súa carpeta coas preguntas e marchamos xantar, xa que eran as 13:45 e ás 15:00 teriamos que estar no centro de Viveiro para a realización da proba teórica tipo test. Ao seu remate, todos os alumnos e alumnas de Burela saíron totalmente contentos do exame, xa que acertaran a maioría das cuestións.
Despois dun descanso, comezamos o roteiro organizado pola cidade de Viveiro onde nos ensinaron as partes máis destacadas e dignas de coñecer.
Para rematar o día, acudimos ao teatro de Viveiro onde se produciu a entrega de premios e diplomas. Aínda que o Perdouro se esforzou para conseguir o primeiro premio, que era o pase ao Campionato Nacional de Xeoloxía que terá lugar en Cáceres, os gañadores foron os institutos de Viveiro.
A pesar disto, marchámonos moi contentas e contentos pola nova experiencia e a cantidade de coñecementos que recollemos.

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Elena Enríquez Peralta
2º Bacharelato

1.3.19

Entroido 2019

Accede aquí á reportaxe fotográfica feita hoxe polas aulas e patios do IES Perdouro.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...