19.11.19

Visita e ruta pola Pontenova

VISITA CONXUNTO ETNOGRÁFICO MINEIRO E INDUSTRIAL
PRAZA DOS FORNOS 07/11/2019

Hora de saída: 08.30h
Hora de chegada: 10.00h
En canto chegamos á Pontenova, sobre as 10.00h, o primeiro que fixemos foi poñernos a cuberto porque chovía e tivemos que cambiar os tenis. Xa nos dixeran que tiñamos que levar dous pares, posto que iamos facer una ruta en que os iamos manchar. En canto nos cambiamos tivemos que entrar nunha sala onde nos estaba esperando o noso guía quen nos explicou un pouco o máis destacado da Pontenova e da Praza dos Fornos.
Explicounos que a Pontenova está íntimamente ligada á mina. A sociedade mineira fundouse no ano 1900 e aí comezou a explotación das minas de ferro.
Dos fornos sacábanse dúas clases de ferro, un grupo pertencía aos hidróxidos e outro aos carbonatos. Os fornos estaban valados pola parte de arriba. Neles había unha plataforma que comunicaba  co muro traseiro, entón os obreiros chegaban cos carbonatos e cargaban os fornos por arriba e ían alternando capas. Cada tonelada de carbonato poñían 30kg de carbón mineral e encendíase durante 20-24h aproximadamente, chegando a alcanzar unha temperatura de entre  850 e 900º C.
Con iso conseguían eliminar o fósforo e, por outro lado, durante ese proceso de calcinación liberábase vapor de auga que en contacto co aire facía oxidar o carbonato. Este deixábase arrefriar nunha plataforma e unha vez frío, cargábase no tren que partía cara a Ribadeo; dende alí era transportado en barcos.
Esta sociedade mineira foi unha das primeiras en entrar no mercado internacional de ferro, mandando o ferro a Alemaña, Inglaterra e Escocia, principalmente.
Despois de explicarnos todo isto, demos comezo á ruta que era bastante complicada. Tiña unha duración de dúas horas, aproximadamente, e tiña tramos moi inclinados e con bastante pendente, así como enlamados. Tamén entramos nunha especie de cova bastante grande e explicounos que o mofo que había alí, se o tocabas, cambiaba a súa reacción e ao final desaparecía.
Cando rematamos a ruta estabamos todos bastante cansos e todos cheos de lama, tanto polos tenis como polo pantalón.
Antes de voltar para Burela deixáronos estar un anaco nun bar para poder comer algo e descansar.
A continuación voltamos para Burela, chegamos ás 14.00h.
Foi una bonita e entretida experiencia.

Accede á reportaxe fotográficas aquí.

Ainoa Rey Piñeiro, 3º ESO B

9.11.19

Os nove anos de Fraguas en Lugo

O 7 de outubro, coincidindo coa celebración do 41° aniversario do IES Perdouro, Antón Niñe, ex-profesor do instituto, e Xulio Xiz, ex-alumno de Antón Fraguas, viñeron presentarnos unha exposición sobre os nove anos que o escritor homenaxeado traballou en Lugo.
Ese mesmo día tamén había 30 anos que se celebrara en Lugo unha xuntanza entre Fraguas e os seus alumnos. Todos eles asistiron a un xantar e puxéronlle o seu nome a unha rúa. Fraguas fora profesor no instituto masculino (IES Lucus Augusti) e deixara un gran recordo xa que era moi bo profesor. Chamábanlle Santo Antonio ou San Fraguas.
Antón Fraguas foi o fundador do Museo do Pobo Galego, ao cal, tras a súa morte, lle foi entregada a súa biblioteca persoal. Foi tamén membro da Real Academia Galega substituíndo a Castelao na súa cátedra.
Antón Fraguas defendía as ideas galeguistas polo cal tivo moitos problemas nos anos máis duros da ditadura. Estivo opositando para mestre e por culpa destes ideais ata os anos 50 da ditadura non conseguiu a súa praza.
Despois de ter as oposicións non podía dar clase en galego; só daba clase en castelán, máis por medo ás represalias que por outra cousa. Aínda así era un profesor que rompía os esquemas tradicionais pois sempre tentaba facer as clases o máis amenas posibles e organizaba saídas fóra dos horarios lectivos para que os seus alumnos comprenderan mellor certas cousas.
En definitiva, Antón Fraguas Fraguas era bo profesor e mellor persoa e que non se esquenzao que el sempre dicía: "Quixen que os meus alumnos aprendesen a aprender".

Accede á reportaxe fotográficas aquí.
Cristian Gómez Mesa - 4 ESO B

David Val Pena fálanos da súa viaxe en bicicleta

O martes 8 de outubro David Val Pena, locutor en Radio Foz, veunos contar ao alumnado de 3º e 4º de ESO a súa impresionante viaxe polo mundo que narrou no libro Un nómada en bicicleta. Pedaleando alrededor del mundo (LAR Libros. Serie Vivencias. Viveiro 2018), unha vaixe duns 19.000 kilómetros por 20 países en 13 meses.

Para comezar, púxolle nome á súa bicicleta. Chamoulle Quiscolina, porque levaba a casa nela, co cal só podía levar o importante e imprescindible. David marcouse esa ruta porque leu un libro de Xurxo Mariño e decidiu facela. Fíxoo sen adestrar, só cunha boa bicicleta e boas rodas e en toda a viaxe só tivo que poñer un parche. El, ademais, non ten coche polo que anda en bici habitualmente. A bicicleta baleira pesaba 20 kg e coas cousas pesaba 147 kg. De Foz a Francia xa adelgazou 6 kg, polo que foi deixando pertenzas polo camiño, porque se deu conta de que non podía transportar tanto peso. Tamén influíu a dificultade do camiño. Por exemplo, tivo que baixar 1200 chanzos coa bicicleta.
Comezou en Foz, sen moitos cartos, porque el nesta aventura quería demostar que se podía vivir con poucos cartos. Para non gastar demasiado, só estivo 4 noites en hoteis dos 395 días que durou o seu periplo. Fixo a viaxe para coñecerse e coñecer mundo. Saíu en San Xoán de 2016. As súas aventuras plasmábaas nun diario, escribía moi pequeno e, ás veces, nin el mesmo é capaz de entendelo. 
Comezou a súa expedición saíndo de España polo Sur de Francia e dirixiuse cara ós Balcáns, Turquía… Alí viu que moitos nenos non tiñan escola. Na India comprobou que eran os nenos maiores os encargados de coidar dos seus irmáns pequenos e son eles tamén quen vai buscar a auga que carrexan cada día para a casa. Nunca compraba auga e un día foi a unha gasolineira e, de repente, tiña catro cans ao seu redor ladrando. El, como puido, sen mirar para os cans, foi escapando. Cando saíu desta, sentiuse aínda máis vivo. Dixo que tivera sempre moita sorte e que se sentía protexido e bendecido. Tamén se viu na obriga de comprar un móbil novo porque o que tiña rompeulle. 
David transmitiunos que o importante non é alcanzar o éxito senón ser feliz, estar a gusto con un mesmo. Se consegues isto, podes encontrar a felicidade en calquera parte do mundo. De feito a el dálle igual estar en Foz ca noutro lado. 
En Malasia, cando acabou a viaxe, decidiu escribir o libro que nos veu presentar.

Pedímoslle a David que escollera cinco palabras para falar desta experiencia social á vez que proba física, e pensou en: HOSPITALIDADE, EMPATÍA, AVENTURA, FELICIDADE, LIBERDADE.

Accede á reportaxe fotográfica aquí. 
Crónica Celia Leivas Martínez, 3º ESO A 

Máis información:

31.10.19

Un conto de terror na biblioteca - Samaín 2019

Este curso o alumnado de 3º ESO PMAR quixo repetir a experiencia e organizou un pase na biblioteca para asistir á representación dunha historia terrorífica propia para celebrar o Samaín. Unha vez perfilada a narración da historia houbo que darlle uns xiros e asignar os cargos de técnico imaxe e son (Rafa), de voz en off (Andrea), e o reparto (Isaura, Érica e Bruna) así como a ambientación decorativa da biblioteca. Finalmente logo duns poucos ensaios, chegou o día. 
O público achegouse masivamente á biblioteca durante o recreo do pasado mércores 30 de outubro. Non só asistíu o alumnado de 1º de ESO, senón que tamén viñeron moitos outros. Mergullado nunha atmósfera de manicomio, o público foi sorprendido por unha nai en busca da súa filla e outras almas perdidas devoradoras que desatou a histeria total entre o público. 
Felicitamos o traballo en equipo e o seu bo resultado destes alumnos así como da súa profesora, Sandra, esperando que volvan outro día a sorprendernos na biblioteca. Parabéns !!!
Accede á reportaxe fotográfica aquí. 

28.10.19

Samaín 2019

Convite destinado ao alumnado de 1º de ESO


24 de outubro, día das Bibliotecas Escolares

Celebramos o día das Bibliotecas Escolares alabando os libros e a lectura con unhas pequenas frases alusivas e un toque de creatividade. Para ver o resultado só tes que pasarte polo hall de entrada e verás o mural especial Día das Bibliotecas Escolares


(Un traballo dos alumnos/as de 3º ESO A, 2º ESO B e 1º ESO A)

Accede a reportaxe fotográfica aquí.

27.10.19

O Camiño de Santiago: Samos e O Cebreiro

O venres 11 de outubro, os alumnos de 3º ESO fomos a Samos e ao Cebreiro. En Samos, visitamos o Mosteiro de San Xillao.
Este mosteiro fundouse no século X. Alí viviron importantes autores galegos como o padre Feixoo e Ramón Cabanillas.
No mosteiro, vive unha comunidade de monxes beneditinos. Estes fan traballos artesanais e realizan oracións. O seu lema é : “ORA ET LABORA” (reza e traballa).
Na fachada principal do edificio podemos observar que no medio está a escultura de San Bieito e a ambos lados están San Xulián e Basilisa, un matrimonio de santos. As escaleiras desta fachada imitan as da Praza do Obradoiro, de Santiago de Compostela.
O mosteiro de San Xulián de Samos conta con dous claustros no seu interior. No primeiro andar, estaba a hospedaría, onde tamén se quedaban os novicios; na segunda planta, encóntrase o internado, onde se hospedaban os monxes, que agora está pechado; na planta alta, non queda nada, xa que en 1951 houbo un incendio que queimou parte do mosteiro, pois por dentro estaba construído fundamentalmente de madeira. Nun dos claustros, hai unha gran fonte chamada “Fonte das Nereidas”, que nos chamou moito a atención xa que nos dixeron que era un dos poucos mosteiros que tiñan unhas esculturas dunhas mulleres espidas da cintura para arriba. No outro claustro había unha estatua de padre Feixoo e tamén recrearon unha botica neste mesmo edificio.
Na primeira planta, creáronse unhas importantes pinturas de distintas pasaxes relixiosas perspectiva cónica, que parecía que se movían.
Un detalle que tamén chamou a nosa atención foi que no teito do corredor que rodea o claustro principal hai unha inscrición que pon: “Que miras, bobo”. Preto está a porta da biblioteca, e por riba dela tamén se observa unha inscrición que di: “Un claustro sen libros é coma un castelo sen armamento”. Esta segunda frase está escrita en latín.
Finalmente, visitamos a igrexa do mosteiro. Era do século XVIII (Época Neoclásica). Un dos escultores máis importantes dos retablos deste templo é Francisco de Moure. O que máis nos impactou na igrexa foi que a guía nos comentara que roubaran algúns dos tubos do seu gran órgano.

 

Accede ao albúm de fotos aquí.
María Lestao e Laura García - 3º ESO A

Relatos de terror

Pasádevos polo corredor a ler os microrrelatos que redactou o alumnado de 2° ESO en lingua castelá. Hainos moi divertidos á vez que terroríficos. Pica aquí

Mulleres negras na ciencia

O día 27 de setembro de 2019 visitounos Zinthia Álvarez Palomino. Os alumnos/as de 1º e 2º de ESO acudimos á biblioteca para que nos falara do seu libro titulado Mujeres negras en la ciencia dentro dunha iniciativa chamada Mujeres negras que cambiaron el mundo, un proxecto para dar visibilidade a mulleres negras e afrodescendentes.


No libro aparecen 12 microbiografías de mulleres afrodescendentes que fixeron historia na ciencia xa que as súas aportacións cambiaron o mundo.
Estas mulleres revolucionaron a Historia grazas á súa determinación, esforzo e valentía pero aínda hoxe non son coñecidas por unha inmensa maioría da poboación.
Algunhas destas mulleres eran astronautas, químicas, enxeñeiras ou inventoras.
Só cinco delas seguen vivas na actualidade. 
Accede ao albúm de fotos aquí.
Unai García – 1º ESO B

24.10.19

Día das Bibliotecas Escolares

Hoxe é o día das bibliotecas escolares. Para celebralo o alumnado fixo uns lemas dando riendas soltas á súa imaxinación e creatividade. 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...