23.5.22

Asistimos á presentación do libro A Super_Acción de Mauricio de Saúde Mental A Mariña

Este luns 23 de maio, a orientadora do IES Perdouro, Ana I. Quián Roig, asistiu en Cervo á presentación da obra A Super_Acción de Mauricio da Asociación Saúde Mental A Mariña. 

A elaboración deste conto pertence ó Proxecto “Sabores do mar, saboreando a vida”, proxecto que pretende mellorar e innovar na atención das persoas con enfermidade mental e contribuír á súa integración na comunidade poñendo en valor os produtos mariñeiros, así como sensibilizar á poboación sobre os mesmos. E que mellor maneira de facelo que elaborando un conto creado na súa totalidade por persoas con enfermidade mental (guión, ilustracións,...) contando unha historia na que se ven reflectidos e dan a coñecer como se senten. 

Con esta publicación, quérese normalizar o padecemento dunha enfermidade mental e eliminar prexuízos. A súa intención é enviar este conto aos centros educativos para poder loitar contra o tan temido estigma social dende os máis pequeniños... sensibilizando e educando. 

Ao acto estaban convidadas a Conselleira do Mar, Dna. Rosa Quintana; a Xefa de Servizo de Saúde Mental, Dna. María Tajes; a Subdirectora Xeral de Atención Primaria, Dna. Sinda Blanco Lobeiras, entre outras autoridades. 

Recomendamos a lectura deste conta que a asociación doou para a nosa biblioteca. 

Visita ao castro de Viladonga e á lagoa de Cospeito

O mércores 11 de maio o alumnado de 1º ESO fomos de excursión para visitar varios lugares da Terra Chá, concretamente o castro de Viladonga, a lagoa de Cospeito e a área recreativa da Madalena en Vilalba. Nesta saída acompañáronos tres profesoras: María (de Bioloxía), Carmen Sampedro (de Educación Física) e Carmen Castro ( de Xeografía e Historia). 

Saímos do instituto arredor das nove da mañá e durante a nosa viaxe puidemos ver paisaxes fermosas, como as do val de Lourenzá. Tamén vimos un fenómeno meteorolóxico curioso: a inversión térmica. 

Despois dunha hora e media de viaxe chegamos ao castro de Viladonga, onde nos esperaban dúas guías que nos conduciron ao interior do museo, onde vimos en primeiro lugar un vídeo explicativo do castro e a historia da súa escavación. Unha vez rematado, dividíronnos en dous grupos para visitar mellor o castro e o museo. No museo explicáronnos como se facían as escavacións e tamén nos falaron dos diversos obxectos que se atoparon neste castro, como puñais, sachos, ósos de animais, diversos tipos de cerámica, utensilios para cociñar e incluso un xogo que garda certo parecido co xadrez. Vimos tamén unha maqueta do castro e unha infografía na que aparecían, entre outras cousas, un ferreiro e un home sacando a graxa da pel dun animal. No castro ensináronnos os diversos tipos de vivendas (circulares e rectangulares), o alxibe onde gardaban a auga, a muralla (á que nos deixaron subir), e unha cova misteriosa da que non saben moi ben a súa función, pero que garda no seu interior un estraño musgo que brilla na escuridade. A guía tamén nos explicou outras cousas moi curiosas, como por exemplo que o castro se empezou a escavar a raíz da aparición dun torque, que se enganchou no corno dunha vaca coa que araban a terra, xa que o lugar do castro eran terras de labor. 

Rematada a visita ao castro de Viladonga subimos ao autobús e puxemos rumbo á lagoa de Cospeito, onde María, a nosa profesora de Bioloxía, fíxonos de guía. Aquí, ao principio do paseo, vimos uns carteis que informaban da fauna que se atopa neste lugar como raposos, tritóns, ras, peixes ou diferentes tipos de aves. Na nosa ruta atopamos unhas cabanas altas de madeira, que son observatorios para ver as aves. De cinco en cinco subimos a un deles, dende onde puidemos ver unha vista espectacular da lagoa. María tamén nos explicou que a lagoa é un lugar pouco contaminado e por iso medran liques nos troncos das árbores. Repasamos con ela cousas que deramos na clase, como a polinización anemófila, as plantas anxiospermas ou os liques, xa que de todo isto tiñamos exemplos á beira do camiño polo que iamos. Ademais logramos ver algunha ra e tamén un niño moi grande dunha cegoña. A ruta pola lagoa de Cospeito foi moi interesante, pero chegamos cansados ao autobús porque tivemos un día de moita calor. 

Dende Cospeito saímos en dirección cara á área recreativa da Madalena, en Vilalba, onde comemos á sombra das árbores que hai neste lugar. Despois de xantar, tivemos tempo para descansar e as profesoras deixáronnos comprar xeados nunha cafetería. Para finalizar a xornada, a profesora Carmen Sampedro organizou uns xogos moi divertidos, nos que participou case toda a xente. Dividímonos en grupos de catro ou cinco persoas e, no primeiro xogo, cada un de nos tiña que tirar para un lado e lograr coller un obxecto. No segundo xogo, tiñamos que facer una liña, o máis longa posible, coas cousas que levabamos postas (camisetas, calcetíns, zapatillas...). Rimos moito facendo estes xogos! 

Arredor das catro e media, e despois de sacar unha foto de recordo en grupo, saímos de Vilalba cara a Burela, a onde chegamos ás cinco e media. Foi un día moi especial para nós, xa que despois de dous anos por fin saïamos todos xuntos nunha excursión en autobús. Pasámolo moi ben e oxalá poidamos facer máis saídas deste tipo o próximo curso. 

Podedes ver o álbum de fotos AQUÍ. 

Alumnado de 1º ESO

19.5.22

Premio para Shiva Eliska Alinda Nurhakim con “EcoLinda’s Land” co certame de #EuSonPilabot

Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 3º ESO gañou o premio do concurso artístico #EuSonPilabot co debuxo "EcoLinda’s Land" na súa categoría. (2º ciclo de ESO)





18.5.22

Despedida 2º de Bacharelato 2022

Chegaron as festas das letras e con elas, este ano, chegou a gran festa de despedida para o alumnado de 2º de Bacharelato. 

O mércores, día 18 de maio, celebrouse a cea de despedida, un acontecemento moi esperado e que moita falta nos facía a todxs. Sorte para o que segue, rapazada! Querémosvos!!


Promoción 2016-2022: Daniel Barreiro Martínez, Alejandro Bermúdez Álvarez, Eva Blanco Ferreiro, Uxía Caldeiro Quintela, Noemy Cardoso dos Reis Borges, Hugo Cobas Linares, Anxo Díaz Fernández, Paula Enríquez Barcia, Carla Enríquez Canoura, Daniela Enríquez Canoura, Ainhoa Escourido Rodríguez, Eva Fernández Riveira, Nadine Fonseca Lopes, Elisa Fraga Díaz, Irina Galdo Lorigados, Erica Gomes Mendes, Martín González Cabanas, Manuel González Pérez, Xoel Iglesias Fernández, Claudia Liñán Rabost, Uxía López Casas, Luis López Ramos, Hugo Losada Fernández, María Montenegro Ramudo, Zaira Morandeira Rey, Ana Neira Cociña, David Otero Cuadrado, Kai Quelle Lombardía,Manuel Rey Couto, Ángela Sánchez Otero, Ainhoa dos Santos García, María Valcárcel Sobrado, Dani Vázquez Cociña.

Moitos parabéns para Kai e Xoel polas súas respectivas matrículas de honra. 

Vai un aplauso especial tamén destinado a ese 30% que obtivo unha media igual ou superior a 9. Bravo!!! O esforzo mereceu a pena.

17.5.22

17 de maio ás 12:05h na TVG: Documental #HastagGurriarán gravado no IES Perdouro

Cancelo Gurriarán é un documental dirixido por Santiago Raimundi, que reivindica a figura discreta de Florencio Delgado Gurriarán, a través da investigación, a escritura e o xornalismo. Gurriarán foi un poeta e avogado galego cuxa defensa incansable do idioma e apaixonada reivindicación da cultura fixo que se tivera que exiliar en México, onde escribiu media ducia de poemarios antes de finar nunha viaxe aos Estados Unidos en 1987. 

O documental retrata o proceso de busca e investigación sobre Florencio Delgado Gurriarán dun grupo de estudantes de 4º ESO do IES Perdouro. 

Día Mundial contra a LGTBIfobia: a nosa árbore da diversidade

Hoxe, 17 de maio, á parte de celebrar o día das nosas letras, tamén é o Día Mundial contra a LGTBIfobia. Desde o IES Perdouro quixemos visibilizar o noso apoio á diversidade sexual e de xénero mostrando mensaxes ou palabras positivas para as persoas da comunidade LGTBIQ+. 

Para isto, Carmen Sampedro, responsable no centro do Plan Proxecta "Por 365 días de respecto e igualdade", propuxo crear entre todos unha árbore da diversidade. O alumnado escribiu as súas mensasxes en forma de follas de cores que logo foi colgar á árbore situada na entrada do instituto.

Ademais da colaboración do profesorado e alumnado da ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos, o CM de Instalacións de Telecomunicacións engadiu unha colorida iluminación. As cores das cartolinas e as das luces LED simbolizan toda a diversidade sexual e de xénero da nosa sociedade. 

Esperamos que vos guste e animámosvos a seguir enchendo de follas de apoio a ÁRBORE DA DIVERSIDADE!

Podedes ver o álbum de imaxes AQUÍ. 



11.5.22

Carteis das Letras galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán

O alumnado de 4º ESO B2 elaborou unha exposición de oito carteis nos que nos mostran os datos biográficos máis relevantes do autor homenaxeado este ano o Día das Letras, Florencio Delgado Gurriarán. 

Como cada ano, o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Perdouro publica este traballo para contribuír ao coñecemento da nosa literatura e da nosa historia. 

Nesta ocasión, trátase dun escritor que tivo que pasar gran parte da súa vida exiliado, polo que viviu en terras mexicanas, mais desde alí traballou arreo por manter viva a cultura galega nunha etapa na que resultaba moi difícil facelo desde Galicia. 

Convidámosvos a que leades os carteis. Se queredes botarlles un vistazo, ler poemas ou consultar a súa cronobiografía, están expostos no edificio 1. 

4.5.22

A voltas coas palabras - Exposición da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña

O luns 9 de maio, ás 18h30 inauguráse a exposición anual da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña á que pertencemos. 

A exposición conta con 14 cadros, un por cada biblioteca da Microrrede, e poderá verse no salón multiusos do Concello de Viveiro de 18h a 20h do 9 ao 13 de maio de 2022.
 

As obras que aí se presentan transpasan as paredes da sala de exposición. Grazas á linguaxe dos códigos QR, achegan o/a visitante á oralidade destes proxectos da Microrrede.

O cartel é obra do alumno de 2º de bach de Arte do IES Monte Castelo, Izan Fran Fernández. 

Accede o programa AQUÍ.

MICRORREDE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DA MARIÑA

  1. EEI SAN ROQUE (Viveiro)
  2. CEP LOIS TOBÍO (Viveiro)
  3. CEIP de CELEIRO (Celeiro-Viveiro)
  4. CEIP Plurilingüe de COVAS (Covas-Viveiro)
  5. CEIP Plurilingüe SANTA RITA (Galdo-Viveiro)
  6. CEIP Plurilingüe PEDRO CASELLES ROLLÁN (Xove)
  7. CEIP de CERVO (Cervo)
  8. CEIP Plurilingüe VISTA ALEGRE (Burela)
  9. CEIP GREGORIO SANZ (Ribadeo)
  10. IES MARÍA SARMIENTO (Viveiro)
  11. IES VILAR PONTE (Viveiro)
  12. IES MONTE CASTELO (Burela)
  13. IES PERDOURO (Burela)
  14. EOI de Ribadeo

O grupo gañador de Aulas Limpas no mes de abril foi 3º ESO A


No mes de abril a aula gañadora foi a 119, que corresponde a 3º ESO A. Todo estaba perfecto!

Parabéns!!

Estaban moi ben tamén as aulas 118, 208, 116 e 207. Nótase moito o coidado que poñedes en ter todo limpo e ordenado e mesmo en ter expostos traballos no taboleiro. 

Recordámosvos que é importante lembrarse de apagar o ordenador e de ter os andeis das estanterías ben recollidos e os caixóns das mesas ordenados. 

Seguide traendo pilas e material de escritura. Os colectores están na entrada do edificio 1. 

Queda un mes e estádelo facendo moi ben!

Quen conseguirá o galardón á aula magnífica en xuño?  O premio merece a pena!

1.5.22

"O son da memoria" - A voltas coas palabras da Microrrede da Mariña

Co lema "A biblioteca ten a palabra", escollemos traballar a memoria dende dúas vertentes:

A primeira, o rol dos trobadores e xograres na transmisión das lendas, contos e sabedoría a través da oralidade. 

A segunda, o patrimonio histórico inmaterial dos modos de vida das avoas e avós do noso alumnado a través da fotografía. 

Así pois, o noso estudantado de 1º ESO conversou cos seus maiores para coñecer e achegarse á vida cotiá dos anos 50 a 70: vodas, comuñóns, festas, romarías, oficios, pesca, xoguetes, vestimenta, gastronomía, orquestras, músicos, escola, etc.....

Pola súa banda, o alumnado de 3º e 4º de ESO, investigou sobre un xograr galego de renome, Martín Codax, do século XIII, e sobre as cantigas de amigo. Finalmente, interpretaron a primeira cantiga "Ondas do mar de Vigo" con instrumentos confeccionados a partir de materiais de refugallo.

Memoria fotográfica: historias da vida dos anos 50 a 70


A oralidade dos trobadores e xograres.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...