9.2.23

Plan Director: O acoso escolar

O alumnado de 3º ESO participou no mes de febreiro nunha charla que ofreceu a Garda Civil sobre o acoso escolar. Nela, para empezar, proxectouse un vídeo onde se explicaba, de maneira resumida e clara, en que consiste esta forma de maltrato. 

A continuación, o axente encargado de impartir a charla, Héctor, que ademais de garda civil é psicólogo, presentou máis detalladamente en que se traduce o acoso escolar cunha serie de exemplos e definiu os principais conceptos que se relacionan con este tipo de violencia. Así, por exemplo, afondou no perfil do agresor e nos motivos que poden levar a alguén a acosar unha persoa. Segundo explicou o axente, unha das causas do acoso é a envexa cara a un compañeiro ou compañeira, o que pode motivar que se empece con agresións, tanto verbais como físicas. Isto, maiormente, acontece na adolescencia. Ademais, nesta etapa danse casos de mozos e mozas que sofren acoso escolar e que incluso poden chegar a suicidarse. 

Para finalizar, proxectouse outro vídeo onde se explicaba que, por moito que te machaquen ou te pisen, segues sendo unha persoa valiosa.

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Noa Castro García - 3º ESO

8.2.23

Pílula sobre educación emocional: 14

Nova entrega dos mércores de Emocións: n°14
Cantas veces te sentaches a pensar en ti?, o que es…, o que fas ben…, o que lograches por ti mesma na vida…
Este mércores imos facelo debuxando “a nosa árbore”.
Colle unha folla de papel, ou unha cartolina e debuxa unha árbore. Ten que ter raíces, ramas e flores ou froitos.
Unha vez feito o debuxo da árbore complétao da seguinte maneira:
1. As raíces sempre sosteñen ás árbores, así que canto máis fortes sexan, mellor asentada estará e mellor poderá facer fronte aos fenómenos meteorolóxicos adversos que se dean ao longo da vida. E, por isto, nas raíces escribirás as virtudes que tes. Non uses frases, busca os termos adecuados. Douche algúns exemplos: reflexiv@, empátic@, paciente, voluntarios@, constante, etc…
2. Nas ramas recollerás todas esas actividades que fas ben (non as actividades que che gustan, senón as que se che dan realmente ben).  Se pensas que non hai nada que fagas ben pregunta ás persoas que te coñecen ben, elas poderán axudarche a descubrir todo iso que fas xenial. Pode ser dende cociñar, a escoitar, a redactar, debuxar, bailar, a organizar viaxes, etc.
3. Nos froitos ou flores recolle todos os logros acadados ata este momento, entendendo por logros aquilo que querías alcanzar e para o que te esforzaches, intentaches e lograches.
Unha vez debuxada a árbore pona nun lugar visible, tena presente e toma conciencia dela desa maneira; a medida que pase o tempo, cando descubras novas virtudes en ti ou outras cousas que fas ben, ou acades novos logros podes ir completando a túa árbore e desa forma poñer en valor todo o que forma parte de ti.

7.2.23

Acto de presentación do programa do I Día da Literatura Caboverdiana en Burela

Mañá mércores na biblioteca do IES Perdouro preséntase o programa do I Día da Literatura Caboverdiana. Ás 11:00h esperámosvos para explicarvos en que consistirán as actividades, preparadas principalmente pola profesora de Lingua portuguesa Vanesa Vilaverde. 

Estades convidados ao acto de presentación e axuntamos o cartel coas datas de febreiro e marzo nas que se desenvolverá o programa.

6.2.23

Traede todas as pilas que poidades. Remata o prazo do concurso Pilabot.

En todas as aulas debe haber unha caixa ou recipiente para depositar as pilas usadas. 

Durante esta semana recollede todas as pilas que poidades e vádeas depositando na caixa da aula. 

O venres 10 de febreiro, titores ou delegados, como vós acordedes, debedes encargarvos de levalas á entrada do edificio 1. A organización do concurso pasará polos centros para pesalas como o curso pasado. 


Campaña de distribución de froita fresca

Durante 10 días repartirase froita fresca ao alumnado da ESO grazas ao programa de distribución de froitas frescas e castañas do Fondo Galego de Garantía Agraria. 

Esta axuda finánciase con fondos europeos. 

3.2.23

Entrega de premios do Campionato San Xoán Bosco 2023

O pasado xoves, Día da Candeloria, celebráronse as finais dos Campionatos San Xoán Bosco 2023 de fútbol e baloncesto no pavillón. Fixemos entrega de medallas, diplomas e premios aos campións e subcampións de cada modalidade na biblioteca e ao final das competicións en equipo no pavillón. O resultado foi o seguinte:

Xadrez 

  • 1° premio: Diego López Otero / 1º Bac A
  • 2° premio: Alexandre Cancio Rico / 2º ESO B

Damas 

  • 1° premio: Ramón Real González / 1º Bac B
  • 2° premio: Carlos Monteiro Lopes / 4º ESO B

Puzzle 

  • 1° premio: Félix Pérez Álvarez & Pablo Rivas Romo / 1º Bac B
  • 2° premio: Carmela Fernández García & Carla Paz Trelles  / 3º ESO A

Fútbol

  • 1° premio: Ciclo Básico de Fabricación Mecánica e de Servizos Administrativos
  • 2° premio: 1º ESO A

Baloncesto

  • 1° premio: 1º Bac A
  • 2° premio: 4º ESO A

Parabéns a todxs aqueles que participastes con deportividade nestes campionatos.  

Accede ao álbum de fotos dos medallistas AQUÍ. E se queres repasar todos os campionatos podes facelo AQUÍ.

Obradoiro de regueifa con Cristian Gómez, Cristian de Burela

O luns 30 de xaneiro, día escolar pola paz, celebramos un obradoiro de regueifa destinado ao alumnado de 1º de ESO. Contamos con grande Cristian de Burela, ex-alumno do centro, laureado en varios certames de regueifa e membro da comunidade Enregueifate que promove o certame do mesmo nome. O improvisador explicoulles que é unha regueifa e unha vez entendido o mecanismo, en seguida compuxeron coplas e houbo moita creatividade e diversión nas propostas.

Pode acceder á reportaxe de fotografías aquí.

1.2.23

Entrega de premios dos torneos de San Xoán Bosco de xadrez, damas e puzzles

Mañá xoves no recreo entregaranse os premios aos campións e subcampións de xadrez, damas e puzzles. 

O acto terá lugar ás 11:00h na biblioteca. 

Estades convidados!

Entrega de premios e finais de fútbol e baloncesto do torneo de San Xoán Bosco

Mañá xoves 2 de febreiro terán lugar as finais de fútbol e baloncesto do torneo de San Xoán Bosco 2023. 

A 4ª e a 5ª hora os grupos que pasaron á final disputarán os partidos no pavillón e os seus compañeiros de clase acompañaranos como público. Asemade o profesorado que teña clase a 4ª hora encargarase de levar o grupo co que está ao pavillón e o profesorado que teña clase co grupo a 5ª hora será o responsable de traelo de volta á aula. 

Se se necesita toda a 5ª hora para a entrega de premios collerase e se non fai falta na súa totalidade, volveremos ao centro para continuar coas clases normalmente. 

Pílula sobre educación emocional: 13

Este mércores empezamos a traballar o autocoñecemento.

Coñecernos a nós mesmos é o punto de partida para desenvolver unha boa autoestima, para acadar os nosos obxectivos e para lograr boas cotas de benestar.
En post futuros traballaremos de forma práctica o autocoñecemento, pero hoxe toca un pouco de teoría.
Sabes o que é 

  • a autoimaxe?
  • o autoconcepto?
  • a autoeficacia?
  • a autoestima?

Bótalle unha ollada ás súas definicións.

Estes conceptos entrelázanse pero non son exactamente o mesmo. Traballar cada un deles é valioso para desenvolver altos niveis de autoestima e axúdanos a mellorar a nosa autonomía emocional.

 





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...