10.6.23

Maruxía nº 29 - Desvelamos as portadas gañadoras

Os alumnxs de 4º de ESO TIC capitaneados por Natalia Irimia están estes días ultimando a revisión do número 29 da revista MARUXÍA.

A biblioteca acollerá o acto de presentación de revista escolar así como a entrega de premios dos certames literarios e de imaxe da A.C. os Matos, o vindeiro Mércores 21 de xuño.

Desvelamos a portada e o dorso da revista deste ano.


Parabéns a :
- Shiva Eliska Alinda Nurhakim, alumna de 4° ESO - portada:
- Ana Lestao Ben, alumna de 3° ESO - dorso

9.6.23

Actividades en Viladonga e no Museo Provincial de Lugo

O venres 09 de xuño, o alumnado de 1º de ESO viaxou xunto ás nosas profesores Eva, Sonia e Karina ata o Castro de Viladonga. Alí realizaron un obradoiro sobre o lume, unha visita guiada á croa e unha actividade para descubrir e coñecer a valiosa colección do museo. Foi unha mañá onde o alumnado se mostrou moi participativo e interesado.

A tarde, pasámola no Museo Provincial de Lugo facendo dúas actividades dinamizadoras: "Diversigualdade" e "Rutas literarias". A primeira estivo enfocada a reflexionar sobre a diversidade sexual tomando como referencia distintas obras do museo como retratos, reloxos ou abanos. Na segunda, o alumnado participou nun xogo semellante a unha busca do tesouro, para o cal días antes houbo que realizar a lectura de catro relatos vencellados argumentalmente ao museo. Divididos en catro equipos - un por relatos, o alumnado tivo que resolver una serie de preguntas relacionadas coa historia dun dos catro relatos. Algunhas xa as podían responder cos coñecementos adquiridos coa lectura que fixeran, pero para resolver outras tiveron que visitar distintas salas do museo. Para isto contaron con 40 min ao final dos cales se reuniron todos os equipos para facer unha posta en común e deliberar o podio gañador.

Tratouse de dúas actividades moi distintas coas que sen dúbidas traballamos aspectos como o respecto e a comprensión da diversidade de orientación sexual, o traballo en equipo, o compañeirismo ou a resolución de retos. Finalizamos a xornada, por suposto, coa visita á sala do ouro onde se garda o noso Torques de Burela, un broche perfecto para este día de clase fóra dos muros do centro.

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ. 

Sonia Rey, profesora de Lingua Castelá


Recital en hologramas: poesía galega do século XX e XXI

Para a semana das Letras galegas, desde as optativas de Literatura galega do século XX á actualidade e TIC de 2º de Bacharelato, preparamos un recital en hologramas. 

O alumnado elaborou unha escolma de poemas que lle gustaban especialmente ou que son emblemáticos dentro da literatura galega desta época. 

Polo momento, podedes ver as imaxe AQUÍ.

Durante a feira das ciencias e das artes do centro, agardamos realizar unha gravación do recital para que o poidades ver en vídeo. 



Vídeo de ensaio científico creativo do IDIS

Este ó o noso vídeo para a participación no concurso do IDIS:

8.6.23

Charlas formativas abertas para as familias: "Taller de neuroeducación".

A cuarta das charlas programadas será impartida por María Navarrete, Profesora da Rede Internacional de Educación Emocional e benestar. Impartirá un taller de neuroeducación para ofrecer recursos prácticos aplicables no ámbito familiar.

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

Martes 13/06/2023 ás 18h30

7.6.23

Fallo do xurado Concursos OS MATOS

O xurado resolveu outorgarlles os premios aos traballos presentados polos seguintes alumnos baixo o lema "Unha vida de emocións":

XVI Concurso literario da As. Cultural Os Matos  
 

RELATO CURTO:

Categoría 1º e 2º ESO:

  • 1º premio: Sofía Ben Martínez (1º B)
  • 2º premio: Manel Lorenzo Tojeiro (1º A)
Categoría 3º e 4º ESO:
  • 1º premio: Ana Lestao Ben (3ºB)

 Categoría Bacharelato e CF:

  • 1º premio: Noa Gudín González (1º Bach.)
  • 2º premio: Lin Vizoso López (2º Bach.)

 

POESÍA:

Categoría 1º e 2º ESO:

  • 1º premio: Jorge Fernández Viso (1º A)
  • 2º premio: Hugo Fernández Galdo (1º C)
  • Accésit: Iria Cortegaza García (1º B)

Categoría 3º e 4º ESO:

  • 1º premio: Ximena Riopedre Orosa (3ºB)
  • 2º premio: Ana Lestao Ben  (3ºB)

XIV Concurso de Imaxe da As. Cultural Os Matos

Categoría 1º e 2º ESO:
  • 1º premio: Noeli Tavares Pereira (1ºC)
  • 2º premio: Uxía García Quevedo (1ºA)
Categoría 3º e 4º ESO:
  • 1º premio: Ximena Riopedre Orosa (3ºB)
  • 2º premio: Zoe Arias Lamelas (4ºB)

 

Concurso de Portadas da Revista Maruxía 

  • Shiva Eliska Alinda Nurhakim (4ºB) 
  • Ana Lestao Ben (3ºB)

Pílula sobre Educación Emocional nº 29

Hoxe imos falar do último dos comportamentos que dicía Laurie Santos que xeraban benestar emocional: VIVIR O MOMENTO PRESENTE.

Se poñemos atención no que pensamos, decatarémonos de que a maioría do tempo a nosa mente está ou ben no pasado (cando me dixeron, cando fixen, cando fun a tal sitio, etc...) ou ben no futuro (cando chegue o verán, cando aprobe, cando cumpra 18, mañá tócame facer, etc...) e moi poucas veces estamos no momento presente; e, se nos apuramos, case nunca estamos no minuto presente da nosa vida.

Propóñoche dúas prácticas:

1️⃣  A primeira é moi sinxela: colle unha folla de papel e escribe nela todo o que fixeches desde que abriches os ollos ao espertar hoxe pola mañá; intenta facelo con todo luxo de detalles. 

Seguramente che pase que non sexas capaz de recordar todo o que fixeches porque moitas cousas facémolas en “piloto automático”, é dicir, non poñendo toda a atención no momento de facelas.

Por exemplo, seguro que lembras que te duchaches pola mañá pero, que fixeches primeiro?: lavar o corpo ou a cabeza? que xel usaches? canto xel gastaches? como era a temperatura da auga?... probablemente mentres estabas na ducha “non estabas aí” senón que a túa mente estaba en: “esta mañá teño que…”, “pola tarde quedei con....” Non houbo en ningún caso un “estar no presente” e, polo tanto, desfrutalo.

2️⃣ A segunda práctica tamén é sinxela. Para levala a cabo sigue os seguintes pasos.

Elixe unha actividade do día a día para dedicarlle toda a atención no momento de facela. Cando a realices préstalle toda a túa atención.

Se cando a estás realizando che veñen outros pensamentos, non te frustres, déixaos pasar e volve a pór a atención no que estás facendo.

Ao día seguinte fai o mesmo e todos os días repite a actividade do mesmo modo, con toda a atención posta nela. 

O que estás facendo é o que moitos autores chaman “mindfullness informal”.  

Se o repites día tras día o teu cerebro “vai collendo músculo” e vai aprendendo, de forma automática, a poñer atención no momento presente.

Se poñemos toda a atención no momento presente eliminaremos dous feitos que normalmente son os causantes principais do malestar:
    💫 A rumiación, derivada de pensar de forma recorrente no pasado, de como foron as cousas, de como podía ter sido, etc...
    💫 A ansiedade, derivada de pensar de forma recorrente no futuro, de como van ser as cousas, de que pasará, “e se….”  

Empezar con estas prácticas fará que esteas preparada para cando decidas dar o paso de usar unha gran ferramenta de regulación emocional como é a MEDITACIÓN.

6.6.23

Entrevista a Care Santos

“Paréceme moi necesario falar da situación na que se atopan os delincuentes menores de idade” 

Para a escritora Care Santos (Mataró, 1970) poñerlle o punto final a unha novela é unha sensación “marabillosa”, que imaxina como “algo semellante a coroar unha cima”. Autora de máis dunha ducia de novelas e de numerosas obras xuvenís, os seus libros están traducidos a vinte e tres idiomas, entre eles, o galego. Precisamente, a través dunha edición na lingua de noso foi como o alumnado de 4º da ESO do Perdouro se achegou este curso á novela Mentira, a primeira dunha saga que coroou a Care Santos como unha das autoras máis lidas actualmente. 

A trama de Mentira, que trata sobre a delincuencia xuvenil, e o quefacer literario da escritora catalá centraron o coloquio que se celebrou o pasado día 29 do mes das Letras Galegas na Casa da Cultura de Burela, coa participación de estudantado de varios institutos lucenses. 

Como mostra do que deu de si o encontro, a seguinte entrevista inclúe algunhas das preguntas que lle formularon a Care Santos as alumnas e os alumnos do Perdouro, nas voces de Laura Alonso Fernández, Aroa López Casas, María Fuente Álvarez e Iria González Díaz. 

- As accións escritas no libro Mentira, segundo comentaches, están baseadas en feitos reais. Tamén o está o momento no que matan a Marta Villanueva cunha pa? 

- Si, o asasinato desta personaxe tamén está baseado nun feito real. En concreto, no caso de Sandra Palo. A esta muller matárona igual que a Marta no libro. Un grupo de menores quitoulle a vida cunhas pas e despois enterrárona. O dato relevante que marcou este caso real foi que a rapaza tiña síndrome de Down. 

- Por que decidiches continuar a historia de Éric, o protagonista. 

- Mentira naceu porque me parece moi necesario falar dunha realidade como é a situación na que se atopan os delincuentes menores de idade. Para documentarme sobre o tema, visitei durante varios días un centro de menores, onde mantiven conversas moi frutíferas con diversos adolescentes. O que me contaron sobre as expectativas que tiñan unha vez que saísen do centro, tales como a incerteza acerca de onde ían vivir, a que se ían dedicar ou o seu medo a reincidir en condutas delituosas foi o que me levou a proseguir coa historia de Éric. Quería contar como era a reinserción na sociedade deste personaxe tras a súa marcha do centro. 

- Cal é o teu lugar de tranquilidade para escribir? 

- Transformei a terraza da miña casa nun lugar tranquilo para escribir, con vistas ao mar. Alí teño unha ampla mesa de traballo e a concentración que necesito para as miñas obras. Tamén podo escribir nunha cafetería ou noutros espazos, pero, máis ben, ideas sobre argumentos ou algún artigo, nunca unha novela, xa que para iso se necesita moita concentración. 

- Tes algunha teima á hora de escribir? 

- Cada vez teño máis e, se as digo todas, quedaría como unha persoa bastante rara [risas]. Unha desas manías é escribir sempre con música de Bach de fondo, concretamente, coas Suites para violonchelo solo. Segundo o día, escollo un ou outro intérprete, pero a peza é a mesma. Ademais, sempre escribo polas mañás. Co paso dos anos, comprobei que me concentro moito mellor nas primeiras horas do día, por iso o meu horario de traballo adoita ser a partir das 8, aproximadamente, ata a hora de xantar.

2.6.23

Charla de doazón e trasplantes

O martes 23 de maio o alumnado de 1º de Bacharelato e 3º ESO PDC participou nunha charla sobre a doazón e os transplantes de órganos. Nesta charla foron moi claros en que tiñamos que saber se, cando morramos, queremos ser doantes ou non, xa que calquera, a calquera idade, pode selo. En moitas ocasións o transplante é a última esperanza de vida para todas aquelas persoas que precisan un órgano sólido. Ademais, os transplantes son tratamentos eficaces, solidarios e altruístas. 

Porén, o problema dos transplantes e da doazón de órganos é o tráfico destes, posto que no modelo español se confía en que todo é solidario, sen esperar ningún tipo de remuneración. España leva 31 anos sendo líder mundial en doazón de órganos. A día de hoxe, o 10 % destas doazóns fanse en vida porque, aínda que non podemos doar os mesmos órganos que cando morremos (só podemos doar en vida un ril, un anaco de fígado e pulmón e sangue e medula ósea), non chegan os órganos doados despois da vida.

Tivemos tamén a sorte de contar coa presenza de alguén que ten unha experiencia propia que contar; estivo co alumnado Santiago Chao, quen foi transplantado do corazón en 2001. Agora, máis de 20 anos despois, sabe o que é ver que estaba a piques de morrer e, catro horas despois, sentir que volvía a estar vivo. 

Marina Rubal Ponsa - 1º Bacharelato B

1.6.23

Aulas limpas: mes de abril

No mes de abril as aulas máis limpas e ordenadas foron a 101 e a 116, correspondentes a 3º ESO PDC e 2º ESO A. 

3º ESO PDC continúa liderando a táboa anual por ter sempre a aula perfecta. 

2º ESO A é outro dos grupos que mellor está cumprindo cos requisitos de Aulas Limpas e que optan ao premio deste curso xunto a outros cursos da ESO. 

Recordade que debedes ter na aula recipientes para as pilas e material escolar xa acabado. 

É importante que separedes ben o papel limpo, que se depositará na papeleira azul de cada aula. O resto dos residuos bótanse na outra papeleira. 

Lembrade que as ventás e persianas dos extremos deben quedar cerradas e baixadas e a ventá central, aberta para ventilar.

En breve, saberemos quen foi o mellor grupo no mes de maio e tamén que grupos foron os dous mellores durante todo o curso. 

Seguide traballando! O esforzo ten premio!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...