28.10.24

Celebrando o Día das escritoras - Escritoras francófonas presentes en BiblioPerdouro

Para celebrar o día das escritoras, as alumnas de 1º de Bacharelato de Francés puxéronse a investigar a ver cantas escritoras francófonas están presentes e accesibles na nosa biblioteca de BiblioPerdouro. Resultado: 16 mulleres.

Aquí deixamos a recollida gráfica cunha pequena sinopse das autoras así como das súas obras presentes na biblioteca. Pica na ligazón para acceder ao noso fondo de préstamo.

15.10.24

No Samaín cóntanos un relato de terror

Cóntanos un relato de terror de 1 minuto e poderás gañar un premio. 

Envía o teu audio en formato MP3 a traballosmaruxia@gmail.com ata o luns 28 de outubro. Indica no correo o teu nome e apelidos e o curso ao que pertences. 

O concurso está aberto a todo o alumnado do centro. 

Anímate a participar!

8.10.24

Comezan os torneos de San Xoán Bosco 2024-25

Este martes 8 de outubro comezan os torneos de San Xoán Bosco. Esta primeira semana enfrontaranse os equipos de fútbol-sala de 1º da ESO. A semana que vén tocaralle ao baloncesto. 

Estade atentos ao panel da entrada do edificio principal para saber cando vos toca xogar. Moita sorte a todos os equipos e que gañe o mellor!



4.10.24

Visita ao IDIS

O venres 27 de setembro, o alumnado de 1ª de Bacharelato das materias de Anatomía Aplicada, Cultura Científica e Bioloxía viaxamos a Santiago de Compostela para adentrarnos no día a día do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago. 

Dividímonos en varios grupos e organizamos a mañá en dúas partes. Así, cada equipo podería realizar dúas das prácticas relacionadas coa investigación que nos ofrecían. Aprendemos sobre o proteoma e a impresión 3D aplicada á saúde. Tivemos ocasión de ver peixes cebra nas súas primeiras etapas de crecemento, nas cales non senten dor nin estrés. Deste xeito, pódese traballar con estes pequenos organimos para avanzar no campo da oncoloxía. 

En diferentes actividades practicamos o uso de micropipetas e o traballo con volumes. Os expertos explicáronnos como de pequenas eran as magnitudes que manexan acotío e observamos medidas de ata nanolitros. 

Na actividade relacionada coa cardioloxía, aprendemos sobre a importancia de levar unha dieta equilibrada ao observar exemplos de corazóns afectados pola mala alimentación e diferentes biopsias líquidas. 

O IDIS é un centro interdisciplinar onde colaboran dende biotecnólogos e biólogos ata informáticos e fisioterapeutas. Traballan día a día investigando para conseguir aplicar as súas conclusións ao ámbito da saúde, de aí o seu carácter translacional. Así, puidemos aproveitar os consellos e o exemplo de expertos para enfocarnos mellor no noso futuro. Desfrutamos e aprendemos moito nesta saída e, sobre todo, tivemos a oportunidade de adentrarnos no mundo científico do xeito máis entretido, ademais de tomar conciencia da importancia que ten o traballo dos investigadores nas nosas vidas. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ. 

Carla Paz Trelles - 1º Bacharelato A

Empeza Aulas Limpas 2024-25!

Durante o mes de setembro os titores expuxéronvos as normas de Aulas Limpas. 

En outubro comeza o concurso. Mantede a orde e a limpeza, decorade e ordenade o taboleiro, coidade a aula. 

Como sabedes, hai premios para a mellor aula de cada mes e un premio final para a Aula Magnífica. 

Consultade a rúbrica para ter a aula perfecta cando pasen os xuíces a valorar o voso traballo. 



1.10.24

Inauguramos a nosa Dixit Aula: Espazo de tecnoloxía aplicada na FP

A nosa Dixit Aula xa está preparada para comezar a funcionar. Trátase dun espazo amplo e moderno, completamente adaptado ás necesidades do noso alumnado coa reforma que se levou a cabo. 

O estudantado dos Ciclos de Mecanizado, Instalacións de Comunicacións, Mecatrónica Industrial e Fabricación Aditiva xa poden beneficiarse de todos os recursos cos que conta a aula: impresora 3D, analizador de vibracións, cámara termográfica, sistema de guías holográficas, programa de simulación virtual, escáner 3D e PCs de altas prestacións. 

O horario da aula está organizado de xeito que se poida extraer o máximo rendemento dos seus recursos para todas as familias profesionais que imparten clase neste espazo de tecnoloxía aplicada.

O rendemento á hora de alcanzar as competencias que se deben desenvolver nestes ciclos será moito máis alto ao contar agora con todos estes recursos a disposición do alumnado. 


11.9.24

Matricúlate no CUALE de Lingua portuguesa

Recorda matricularte. A lingua portuguesa comparte raíz coa galega. Será moi fácil para ti aprender portugués. E se vés dun país de fala portuguesa, podes aproveitar para certificar o teu nivel de lingua. Serache moi útil ter o B1 ou B2 dunha lingua estranxeira para o teu desenvolvemento persoal e profesional. 

Que é o programa CUALE?
Programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado como preparación para as probas de certificación dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas. 

En que consiste? 
Proporciona formación complementaria de linguas estranxeiras, tanto a alumnado como a profesorado, seguindo os niveis do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. Lévase a cabo dentro do propio centro, fóra do horario lectivo xeral. Este programa está implantado en educación secundaria e en ciclos formativos. Incrementa a competencia en idiomas do alumnado e facilita que se presente á certificación na EE.OO.II. dentro das probas libres. 

A quen vai dirixido? 
Alumnado de Bacharelato ou Ciclos Superiores ou quen teña acreditado un A2.

2.9.24

Presentacións de inicio do curso 2024-25

Benvidos ao curso académico 24-25!

Agardamos que descansásedes moito e que tivésedes un verán extraordinario. Agora toca comezar un novo curso. Estaremos agardándovos para facer as presentacións o mércores 11 e o xoves 12 de setembro. O profesorado titor acompañaravos á vosa aula de referencia. 

Os cursos que teñan a presentación o mércores 11 comezarán as clases o xoves 12 e os que teñan a presentación o xoves comezarán as clases o venres 13 de setembro. 

Vide con moitas ganas!









1.8.24

Bo verán e ata setembro!


Durante o mes de xullo o instituto estivo en funcionamento para tramitar matrículas, entrgar memorias, preparar o curso que vén... Agora toca descansar. 
Prestade atención á nosa páxina web porque nela publicarase nos primeiros días de setembro o calendario de presentacións. 
Esperámosvos en setembro! Desfrutade moito do verán!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...