25.3.20

II Certame de regueifa do IES Perdouro - Fase confinamento

NON PERDAS O NORTE 2020

Debido ao confinamento pola aparición do virus SARS-CoV-2 o equipo organizador do certame decidiu actualizarse e adaptarse ás novas medidas. O certame cambia radicalmente.
 
Volvemos abrir o prazo de inscrición. Neste caso a vosa participación no certame consistirá no envío dun vídeo regueifando. 

Recibiranse vídeos ata o día 24 de abril. 

Para máis información consultar as bases na nosa web https://nonperdasonorte.webador.co.uk/

23.3.20

12.3.20

Baile pola igualdade

Tiñamos unha cita esta mañá no patio do instituto, profesores e alumnos. 
Era o baile definitivo sobre a canción E ti, só ti, versión de Sé,  co propósito de visibilizar a igualdade.
Logo de ensaiar nos recreos desta semana a coreografía do baile que as alumnas de xinmasia rítmica nos ensinaron, chegou o día da gravación. 
Celia Leivas, alumna de 3º ESO, conduciu o acto abríndoo coa lectura dun pequeno manifesto feito por ela.
Cristian fixo de técnico de cámara e contamos con José Luis do departmento de Electrónica na megafonía. Todo saíu ben, mais houbo que facer tres tomas. Agora toca esperar pola montaxe do vídeo. Mentres tanto aquí algunhas fotografía do acto 8M.

9.3.20

Pola igualdade

Con motivo do mes da IGUALDADE temos a intención de gravar un pequeno baile colectivo onde participemos todas e todos. A canción escollida é E ti, só ti, versión de Sés. Será o xoves 12.
Entón imos ensaiar a coreografía nos recreos do luns, martes e mércores.
Axúdanos a visibilizar a igualdade e ponte a bailar con nós.
E lembra: o xoves 12 gravamos. Vente vestidxs con algo lila/vioteta/morado.

7.3.20

Mulleres destacadas

Co gallo do Día da muller, na aula PT, o alumnado de Rosa traballou sobre estas mulleres que vemos neste  humilde mural. 




6.3.20

As paisaxes xeolóxicas da Mariña lucense

As alumnas e os alumnos de Xeoloxía de 2 de Bacharelato realizaron un traballo titulado "As paisaxes xeolóxicas da Mariña lucense", co obxectivo de coñecer e divulgar as paisaxes naturais xeolóxicas tan valiosas que existen neste lugar da xeografía galega. Para iso, dividimos o proxecto en tres grupos, de firma que un deles ocupouse da Mariña occidental, outro da Mariña central e, o restante, da Mariña oriental. Cada alumno/a escolleu dúas paisaxes da zona obxecto de estudo e estes son os paneis informativos que fixeron. Esperamos que vos gusten!

Accede por aquí ás fotografía do mural.

4.3.20

Excursión a Santiago de Compostela

O luns 10 de febreiro, o alumnado de 3º ESO foi de excursión a Santiago de Compostela, ao Teatro Principal e, máis tarde, ao centro comercial As Cancelas.
O autobús partiu de Burela ás 8:40, aproximadamente, e chegou ao Teatro Principal ás 11:15. Alí asistimos á obra didáctica Involución de 12:00h a 13:00h. Esta, trataba sobre a evolución da vida, empezando por unha bacteria e acabando por converterse nun empresario, pasando por cavernícola e emperador grego. Mentres interpretaba os papeis, o personaxe ía lucíndose como malabarista, trapecista ou bailarín.
Ao acabar, estivemos dando un paseo por Santiago coas profesoras Karina Parga e Dolores Otero como guías. Visitamos, ao saír, a catedral; despois, pasamos pola Praza das Praterías; tamén fomos á Praza do Obradoiro; á Porta Santa, porta que se abre só no Ano Santo (cando o 25 de xullo coincide domingo); a continuación fomos ao Pazo de Fonseca, onde está a Biblioteca e, por último, fomos ver a árbore da ciencia, onde se supón que se dás as costas e elixes unha rama que che dirá que deberías estudar.
Logo disto, o alumnado fomos xantar ao centro comercial As Cancelas e dar un paseo ata as 16:30h, hora á que regresamos a Burela en autobús.
Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Lucía Ciria Cao - 3º ESO B

Referentes galegas

O pasado venres 15 de novembro recibimos na aula de 1º de Bacharelato a visita de Verónica Ramallal e Patrocinio Morrondo, dúas mulleres “REFERENTES GALEGAS” que forman parte deste proxecto desenvolvido pola Asociación de Executivas de Galicia para dar visibilidade ás numerosas mulleres profesionais galegas que son líderes nos seus respectivos sectores.
Patrocinio Morrondo é Catedrática da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, Presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e recentemente foi chamada para asesorar o Goberno de España sobre infraestruturas científicas singulares, despois de ser nomeada membro do Comité Asesor sobre Infraestruturas Únicas (CAIS) do Comité Executivo do Consello de Política Científica, Tecnolóxica e de Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. E ademais de todo isto, aínda ten tempo para colaborar en varios países de África na investigación veterinaria, a súa grande paixón.
Verónica Ramallal desenvolveu os seus primeiros traballos no ámbito da comunicación en empresas como a TVG ou La Voz de Galicia; máis tarde, traballou en distintas axencias social media a nivel estatal e internacional. No ano 2012 crea “Pekecha”, unha consultoría de márketing dixital e formación que traballa para importantes empresas e institucións ofrecendo servizos e asesoramento-acompañamento na súa comunicación on-line.
Ademais de falarnos da súa experiencia laboral tamén nos comentaron que todos os seus logros foron froito da constancia e o esforzo e dos sacrificios que tiveron que realizar para levar a cabo os seus soños tal e como elas querían. Esa é a mensaxe que nos transmitiron: con constancia e esforzo todo se pode conseguir.

Andrés Pardo - 1º Bach

Viaxar polo mundo

Benxa Soto, profesor de Educación física, fala da súa motivación e experiencia coa adquisión do inglés nas súas viaxes e inmersións lingüísticas en Canadá e Australia.

Prácticas de laboratorio: disección de corazón

A mellor forma de asentar os contidos da clase de anatomía son as prácticas de laboratorio. O alumnado de 1º de Bach diseccionou un corazón de porco e observou ás súas principais partes. 

O alumnado viu a anatomía exterior e interior do corazón e aprendeu a localizar venas, arterias, válvulas e a distinguir as distintas partes que o compoñen. Ademais aprenderon a utilizar adecuadamente os instrumentos de laboratorio como o bisturí con moita precaución de non cortarse. Ao ter realizado a práctica de disección, o alumnado localizou as 2 caras do corazón, a entrada e saída de venas e arterias e o tamaño e a función de aurículas e ventrículos. Grazas a esta práctica, a alumnado entenderá moito mellor o funcionamento do corazón e a súa importancia para a vida.
Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Aquí un exemplo de protocolo.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...