21.12.22

Pílula sobre educación emocional: 9

Pois xa está á volta da esquina o derradeiro día do ano e o inicio do 2023, así que é tempo de tomar conciencia, facer un reconto dos logros alcanzados no ano que termina e, ao mesmo tempo, reflexionar sobre iso que esperamos/desexamos lograr no vindeiro ano.

É por isto que che propoñemos unha actividade para a que necesitas:
- Dúas folla de papel.
- Un bolígrafo.
- Un intre para ti, sen présas, para poder pensar e escribir.
 
Unha vez conseguidos os materiais invítote a facer dúas listas:
 
Para facer a primeira pensa sobre:
  • Que logros alcanzaches no ano que deixas atrás?
  • Que fixeches para alcanzalos?
  • Contaches con axuda de alguén?
  • Que obstáculos superaches no camiño?
  • Que sentiches durante ese camiño percorrido para logralos?
  • Que sentiches cando chegou o momento e foron unha realidade?
Unha vez reflexionado, escribe nunha das follas de papel unha lista cos logros alcanzados no 2022 e, se é posible, escribe tamén o nome das persoas ás que estás agradecida por axudarche a logralos (non te esqueces de incluírte ti nesa lista, seguro que tes moito que ver con eses logros).
 
Para facer a segunda lista pensa sobre:
  • Que desexos tes para o ano 2023?
  • Cales dependen de ti?
  • Canto de importante é para ti alcanzalos?
  • Que estás disposto a facer para chegar a eles?
Unha vez reflexionado sobre isto, fai unha lista co que queres acadar no 2023 (lembra que eses logros teñen que depender de ti exclusivamente).
 
Podes diferenciar na lista os seguintes tipos de desexos:
  • Sobre os estudos
  • Sobre as amizades
  • Sobre a familia
  • Sobre a túa vida emocional
Na lista podes incluír tamén os pasos que vas seguir para lograr o que tanto desexas. 
 
Unha vez feitas as dúas listaxes, a lista número 1, a dos obxectivos alcanzados no 2022, pona nun lugar visible para poder recordar cada día o que fuches quen de lograr por ti mesmo (ou con axuda de alguén). A lista número 2 métea nun sobre, péchao e gárdao ata o 31 de decembro de 2023. Ese día abre o sobre, e le o que escribiches un ano antes. Nese momento poderás ver o que desexabas naquel intre e se foi posible alcanzalo, ou se quizais non foi posible e o porqué, ou polo camiño, ao mellor cambiaron os desexos , ou calquera outra circunstancia. 
 
Se dedicas un tempo a facer esta actividade ademais de axudarache a pensar sobre quen es e sobre o que queres conseguir na vida, axudarache tamén a desenvolver a túa conciencia emocional.

Fallo do concurso Taboleiros de Nadal 2022

O traballo que realizastes foi cuantioso en pouco tempo, sobre todo o do alumnado de 1º de Bacharelato, que chegou do intercambio a Francia e xa se puxo mans á obra. 

Foi moi difícil decidir cales eran os mellores porque hai taboleiros preciosos. 

O fallo do xurado foi o seguinte: 

  • 1º premio para a aula 116, a de 2º ESO A, 
  • 2º premio para a aula 101, a de 3º ESO PDC, 
  • e empataron a puntos para o 3º premio, as aulas 113 e 208, as de 1º ESO A e 4º ESO B2, respectivamente. 
A media das puntuacións calculouse tendo en conta a orixinalidade, a estética e a sostibilidade. 

Parabéns polo voso traballo e dedicación!

20.12.22

Felices Festas!


 

Fallo do xurado Certame Postal de Nadal

Unha vez reunido o xurado, deliberou os seguintes gañadores do certame especial Postal de Nadal 2022.

  • Alexandre García Pousa de 4º ESO acadou o 1° premio pola orixinalidade, textura e limpeza harmoniosa da súa ilustración. O seu debuxo representará a postal institucional do centro.
  • Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 4º ESO obtivo o 2° premio polo minucioso traballo dunha clásica estampa de Nadal.
  • Ximena Riopedre Orosa de 3º ESO recibiu o 3° premio polo seu colorido debuxo mariñeiro con trazos definidos.

Parabéns a Alexandre e Shiva que repiten premios, e felicitamos a Ximena !!

Accede ao albúm de fotos da entrega de premios AQUÍ.

Unha nova árbore para felicitar o Nadal

Xa é tradición no centro agardar con intriga para ver como será a árbore de Nadal. Este curso é esvelta e lixeira, pero con moito contido. Leva o Perdouro no corazón. 

Nesta creación participaron os departamentos de: 

 - Tecnoloxía, 

- Matemáticas e 

- Relixión 

 - e ao seu alumnado. 

Moitas grazas polo voso traballo e por facernos esperar o Nadal con ilusión. 





Grupo gañador de Aulas Limpas no mes de novembro

Volven as Aulas Limpas e esta vez para anunciarvos que o grupo gañador do mes de novembro foi 1º ESO C. A súa aula, a 112, foi a máis coidada e ordenada esta vez, seguida moi de preto pola 101, a de 3º ESO PDC, que xa foi a gañadora no mes de outubro. 

En terceiro lugar estivo a aula 116, ocupada por 2º ESO A, que tamén a mantivo limpa e recollida.

Recordámosvos o seguinte para mellorar as vosas puntuacións: 

- Debedes prestar atención a cal é a última hora en que a aula está ocupada e deixar xa as cadeiras subidas. 

- Recordade que as ventás do medio deben quedar abertas para ventilar e as dos extremos pechadas e coas persianas baixadas para facilitar o traballo de limpadoras e conserxes. 

- Lembrade apagar os ordenador do profesorado. 

- Separade o papel limpo para a papeleira azul. Non o botedes co resto do lixo. 

- Traede pilas e material de escritura xa gastado. 

- Puntúa que expoñades os vosos traballos no taboleiro da aula, xa sexan en tamaño A4 ou máis grandes. 

- Tede en conta que non se pode pegar nada fóra do taboleiro. Ao despegar o celo, arríncase a pintura das paredes. 

Deixámosvos tamén aquí a clasificación de outubro e anunciamos que este mes de decembro irá unido ao de xaneiro polo que o próximo grupo gañador farase público en febreiro. 





18.12.22

Amplíase o prazo para rematar o taboleiro de Nadal ao luns pola tarde

Tendo en conta as vosas solicitudes, amplíase o prazo para rematar os taboleiros de Nadal ao luns ás 17:40 h. 

Recórdase que se valorará a orixinalidade, a estética e a sostibilidade. 

15.12.22

Obradoiro "SON ONDAS"

O pasado día 30 de novembro o alumnado de 3º ESO participou nun obradoiro sobre son impartido por Marga López Periago. Marga contounos como se transmite o son. Explicóunolo en primeiro lugar cun resorte e, a través deste exemplo, vimos como se transmitían lonxitudinalmente as ondas. Tamén nos falou sobre a velocidade do son. Puxo como exemplo dous lugares de Burela que distaban como 300 ou 400 m entre elas e dixo que, se non houbese interferencias entre un sitio e outro, o son tardaría tan só un segundo en chegar. 

Logo preguntounos por onde se expandía mellor o son: a través de sólidos, líquidos ou gases. As respostas foron variadas, pero ninguén dixo a correcta, que é que por onde mellor se expande é polo sólido, despois polo líquido e, por último, polos gases. Isto deixounos sorprendidos e entusiasmados por seguir escoitando todo o que nos contaba. Tamén probamos a escoitar a partir de dous vasos unidos por un fío. Este é un exemplo de cando se transmite o son a través dun sólido. 

Ademais aprendemos que os seres humanos non somos quen de escoitar todos os sons, como os infrasóns, que son moi graves, e que tan só escoitan animais como a toupa ou os ultrasóns, que tan só escoitan animais coma os cans e os gatos. 

Despois, escoitamos o son dun órgano con tan só mover un tubo moi longo. Previamente había que quentar o aire de dentro e, logo, ao levantalo emitía o son dun órgano como os que hai nas igrexas. 

Algo moi interesante que fixemos foi unir unha lata, un pau de xeado, un globo, un láser e un espello de determinada forma. Entón, ao facer un son dentro da lata o que sucedía era que, debido ao láser e ao espello, aparecía no lugar ao que apuntabas co láser unha parábola ou un óvalo que se ía transformado segundo ía cambiando o son que facías coa boca dentro da lata. 

A conclusión de todo isto é que estivemos encantados de recibir este incrible obradoiro, xa que nos fixo ampliar os nosos coñecementos. E, sobre todo, queremos darlle moitas grazas a Marga por ensinarnos algo novo e estupendo. 

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ. 

Mariana Miranda López - 3º ESO B

Construíndo ábacos

Estes días o alumnado de 2º ESO estivo construíndo prototipos de ábacos para máis adiante elaboralos con madeira e materiais reciclados. Este instrumento de cálculo inventouse hai 5000 anos e resulta moi útil para realizar cálculos. 

A verdade é que desenvolveron a súa creatividade e construíron uns ábacos preciosos!




14.12.22

Pílula sobre educación emocional: 8

Achéganse as festas de Nadal, e é o momento de facer regalos; disto vai o post de hoxe.
Que regalos che fan máis ilusión recibir?
Que regalo é ese que non esqueces nunca?

Probablemente son aqueles onde percibes o cariño e o amor da persoa que cho regalou, sen ter nada que ver co seu valor económico.
Por isto propoñemos a seguinte actividade/regalo para este Nadal.

Pensa nas persoas as que queres facerlles un agasallo, pensa no que significan para ti, o que as queres, o que as respectas, en todo o que che aportan e axudan no teu día a día.
Pois agora pensa en facer un regalo para calquera delas. A condición fundamental é que o custo monetario do regalo non poden ser de máis de 1 euro, o teu obsequio terá moitísimo máis valor porque estará feito dende o corazón.

Propóñoche distintas posibilidades:


  • Unha carta dicíndolle a esa persoa o que significa para ti, e todo o que lle queres agradecer
  • Un audio en vez dunha carta (se se che dá mellor falar que escribir)
  • Quizais poidas montar un vídeo que exprese todo o que querías dicirlle.
  • Quizais es moi bo/a coas manualidades e poidas facer que transmita o que sentes por esa persoa.
  • Unha foto especial cunha dedicatoria especial 
  • Ou calquera outra idea que se che ocorre.

A única condición é que lle dediques un tempo importante a pensar e crear o regalo. Será un tempo importante para ti.
Unha vez elaborado o agasallo, elixe a data para facerllo chegar a esa persoa. Sempre é mellor facer a entrega cara a cara pero, si non é posible, faillo chegar de calquera outro xeito.
Esta é unha actividade xeradora de emocións positivas, moitas máis das que podes imaxinar.
Invítote a tomar conciencia das emocións positivas polas que transitas mentres preparas o regalo, e tamén das emocións positivas que xorden cando fas a entrega do mesmo, e descubrirás que:

  • os regalos máis valiosos non son os que máis custan.
  • dedicar tempo a xerar emocións positivas con actividades como esta axudan ao benestar emocional.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...