30.4.23

EscribirARTE - Exposición da Microrrede de Bibliotecas Escolares da Mariña

O luns 8 de maio, ás 18h30 inaugúrase a exposición anual da Microrrede de Bibliotecas Escolares PLAMBE da Mariña á que pertencemos. 

A exposición conta con 16 cadros e dun conto artístico colaborativo, un por cada biblioteca da Microrrede, e poderá verse no salón multiusos do Concello de Viveiro de 18h a 20h do 8 ao 11 de maio de 2023.

As obras que aí se presentan transpasan as paredes da sala de exposición. Grazas á linguaxe dos códigos QR, achegan o/a visitante a temáticas dispares traballadas nos proxectos da Microrrede.

O cartel é obra da alumna de 2º de bach de Arte do IES Monte Castelo, Claudia García López que agradecemos por brindarnos a portada que abre as portas ao noso traballo colaborativo.

Accede o programa AQUÍ.

MICRORREDE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES DA MARIÑA

  1. EEI SAN ROQUE (Viveiro)
  2. CEP LOIS TOBÍO (Viveiro)
  3. CEIP de CELEIRO (Celeiro-Viveiro)
  4. CEIP Plurilingüe de COVAS (Covas-Viveiro)
  5. CEIP Plurilingüe SANTA RITA (Galdo-Viveiro)
  6. CEIP O VICEDO
  7. CEIP Plurilingüe PEDRO CASELLES ROLLÁN (Xove)
  8. CEIP PENÍNSULA DA PAZ (San Cibrao)
  9. CEIP de CERVO (Cervo)
  10. CEIP Plurilingüe VISTA ALEGRE (Burela)
  11. CEIP Fondo Nois
  12. CEIP GREGORIO SANZ (Ribadeo)
  13. IES MARÍA SARMIENTO (Viveiro)
  14. IES VILAR PONTE (Viveiro)
  15. IES ILLA DE SARÓN (Xove)
  16. IES MONTE CASTELO (Burela)
  17. IES PERDOURO (Burela)
  18. IES ALFOZ-VALADOURO

26.4.23

Charlas formativas abertas para as familias: "O sorprendente desenvolvemento do cerebro humano".

A segunda das charlas programadas será impartida polo focense Xurxo Mariño, profesor, investigador e divulgador científico. Falará de varias características evolutivas que condicionan o desenvolvemento do cerebro, da importancia da interacción social e lingüística nos primeiros anos de vida, e dalgunhas características que explican o comportamento na adolescencia.

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

Mércores 10/05/2023 ás 18h30

Pílula sobre Educación Emocional nº 23

 Esta semana falamos da felicidade.
“A ciencia demostrounos que ser feliz require un esforzo intencionado. Non é algo que simplemente poidas facer, tes que practicar para mellorar e mellorar" (Laurie Santos, profesora Universidade Yale)
Laurie Santos leva 20 anos investigando e estudando sobre a felicidade, a satisfacción e o benestar emocional. As súas conclusións levárona a identificar cinco comportamentos que xeran benestar:
1️⃣Socializar: todos os estudos científicos sociais suxiren que os que son felices pasan tempo coas persoas que lles importan, xa sexa a súa familia, amigos, incluso e útil socializar con descoñecidos.
2️⃣Facer algo polos demais: a ciencia demostra que as persoas felices non se centran en si mesmas senón en facer boas accións polos demais.
3️⃣Dar as grazas: normalmente pénsase que a felicidade se crea ao conseguir algo, pero os estudos demostran que xorde de apreciar o que se ten e dar as grazas por elo. As grazas poden ser á vida, a outras persoas ou incluso a Deus, pero nunca a un mesmo.
4️⃣Hábitos saudables: ter bos hábitos provocan benestar. Estes poden ser durmir ben, facer exercicio, levar unha alimentación saudable, etc…
5️⃣Vivir o momento presente: pensar no pasado ou no futuro provoca ansiedade. O pasado xa non ten posibilidade de cambio e o futuro no existe; así que técnicas como a meditación e o mindfulness que traballan poñer a atención no aquí e no agora (o momento presente) poden axudarche a ser máis feliz.
E tí, cantos comportamentos, incluídos dentro dos apartados anteriores, practicas habitualmente?
Anímaste a facer unha listaxe para tomar conciencia?
Os próximos mércores dedicaremos o post “dos mércores de emocións” a cada un destes comportamentos, proporcionando unha dinámica para poñelos en práctica.
Se queres deixarte inspirar por Laurie Santos, aquí tedes un enlace no que podes gozar escoitándoa: (4min.).

O día 27 de abril de 2023 celébrase o Día Internacional das rapazas nas TIC, e como dende o 2013, ten lugar unha multiconferencia dende o Centro de Supercomputación de Galicia! 

O alumnado de 3º ESO participará nun coloquio mediante multiconferencia web na que estarán 4 profesionais galegas que traballan a diario coas tecnoloxías, que contarán, dun xeito ameno e polo miúdo a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de tod@s. Aquí tedes información sobre: 

  • Mariamo Mussa Juane
  • Esther Medina
  • Alba Meijide
  • Carmela Troncoso

Dende os centros escolares de primaria e secundaria, rapazas e rapaces poderán enviarlles as súas preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo con elas. 

O horario do evento é o seguinte: 

10:45 – 10:50 Benvida á encontro virtual por parte do director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Lois Orosa. 

10:50 – 11:00 Intervención da Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana Somoza. 

11:00 – 11:50 Visión e experiencia de catro galegas que traballan, emprenden e investigan empregando as TIC. Modera: María José Rodríguez Malmierca, coordinadora da área de e-learning do CESGA. 

11:50 – 12:30 Roldas de preguntas e dúbidas plantexadas or parte das/dos estudantes participantes conectadas/os.

Non sabedes o que é o Día Internacional das Rapazas nas TIC? É unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. Aquí está toda a información do movemento a nivel internacional.

25.4.23

Aprendendo primeiros auxilios

O martes 28 de febreiro, o alumnado do IES Perdouro tivo a oportunidade de asistir a unha charla tan interesante como necesaria sobre primeiros auxilios. As explicacións correron a cargo de José Palacios, experto en primeiros auxilios e afogamentos, xunto con Juan e Chisco, expertos en reanimación cardiopulmonar (RCP) e embarcacións. 

Eles explicáronnos como actuar e poder auxiliar unha persoa que estea a sufrir un paro cardíaco ou que facer se atopásemos unha persoa inconsciente. Tras a explicación teórica, puxémonos por parellas para practicar o aprendido. A continuación, formáronse grupos de catro para poder simular con bonecos especiais a manobra da RCP. 

Máis tarde, explicáronnos como funciona un desfibrilador, ademais de recordarnos que dispoñemos de un no noso centro, situado na entrada principal. 

Para rematar esta charla, José Palacios contounos unha pequena anécdota dun caso de afogamento que viviu durante unha estancia en México. 

Todos quedamos encantados con esta experiencia, que desexamos que se repita de cando en vez, para que estes coñecementos sempre queden con nós e nos poidan ser útiles chegado o caso. 

Podes ver máis fotos AQUÍ

Uxia Oroza Combarro 2º ESO A

23.4.23

Visita á Coruña: Do Obelisco ás dunas de Riazor, o Muncyt e a Torre de Hércules

O día 10 de xaneiro de 2023, os tres grupos de 1º de ESO fixemos unha visita á Coruña. Antes de facermos a visita ao Muncyt, pasamos polos seguintes lugares: o Obelisco, os Xardíns de Méndez Núñez, a Praza de Pontevedra e Riazor. 

Diante do Obelisco, situado na rúa do Cantón Grande, explicáronnos que foi construído no ano 1894 e que se converteu nun dos grandes puntos de encontro da Coruña. Alí mesmo visualizamos as galerías acristaladas das fachadas de estilo modernista construídas pola burguesía enriquecida durante o século XIX. Entre os Cantóns e o Porto, visitamos os Xardíns de Méndez Núñez, os máis antigos da cidade, tamén da mesma etapa. A través da Praza de Pontevedra, chegamos á Praia de Riazor, onde nos sorprendeu a explicación das dunas artificiais: cando fai mal tempo no mar, evitan que as ondas alcancen o paseo marítimo. 

No Museo de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) fomos recibidos por Raquel, unha das guías, que nos acompañou e ofreceu explicacións durante todo o percorrido. Para facermos as actividades, dividíronnos en seis grupos. Primeiro explicáronnos as partes e o funcionamento dun avión (características do motor, reacción química e combustión, consumo de combustible, estrutura das ás, pitoto automático...) e por último visitamos o seu interior. 

Despois da comida, fixemos a visita á Torre de Hércules, o símbolo da cidade. Contáronnos que foi construída polo romanos no s. I d. C., que se considera unha torre-faro (o máis antigo do mundo, aínda en funcionamento), que para subir ao máis alto hai 242 escaleiras e que ten como función orientar os barcos que entran e saen do porto. Segundo a lenda, Hércules loitou contra Xerión, cortou e enterrou a súa cabeza e mandou construír encima dese lugar unha torre. 

Antes de regresar para Burela, deixáronnos tempo libre. Despois da intensa xornada, chegamos á casa ás oito da tarde.

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.

Lucas Basanta Casas - 1º ESO A

21.4.23

Charlas formativas abertas para as familias

Dentro da programación do proxecto Lectura e Familias, imos ter unha sección chamada Escola de familia para tratar temáticas que consideramos de interese dada a idade do noso alumnado. 

Serán charlas formativas abertas ás familias en horario de tarde a celebrar na biblioteca. Haberá que confirmar asistencia por teléfono por cuestión de aforo. 

Ver programación adxunta. 


Charlas formativas abertas para as familias: Educación afectivo-sexual

A primeira das charlas programadas será impartida polo equipo de Quérote + Lugo. Falarase de Educación Sexual na adolescencia, da identidade de xénero e da autoestima. Tratarase de conversar e axudar ás familias nunha etapa da vida moi importante para o noso alumnado. 

Non faltedes á cita. Vémonos na biblioteca.

Xoves 27/04/2023 ás 18h30

20.4.23

Lectura e familias no IES Perdouro

Neste mes de abril, aproveitamos a ocasión das celebracións do mes do libro para poñer a andar o proxecto Lectura e Familias con propósito de fomentar a implicación das familias na formación das novas e novos lectores.

Na programación para este trimestre, temos axendada as seguintes seccións.

ESCOLA DE FAMILIA
Charlas formativas abertas:
    - Educación afectivosexual: Xoves,27/04/2023
    - Neurociencia e cerebro adolescente: Mércores 10/05/2023
    - Educación Emocional: xoves 25/05/2023 e martes 13/06/2023
    - Orientación para a lectura:

CLUB DE LECTURA
Encontro en torno aos libros. Martes 09/05 e Luns 19/06

PORTAS ABERTAS, préstamos para as familias
Luns de 17h-18h & Martes de 16h-18h

PODCAST
Recomendacións lectoras das familias para emitir no noso programa de radio de emisión semanal Proxecto Neo.
 
RECOMENDACIÓNS SEMANAIS (tódolos venres polas redes sociais)
    - Podcast de interese sobre educación, adolescencia e diversidade.
    - Películas para ver en familia.  

19.4.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 22

Hoxe toca un conto sobre a autoestima.
Había unha vez unha mazá que sempre quixo ser unha estrela, nunca quixo ser unha mazá. Pasou horas pensando, emocionada, como sería vivir unha vida brilante dende o ceo.
Un bo día, vendo os paxaros subir ao ceo, a mazá preguntoulles
-Onde dormen as estrelas?
Os paxaros, sorrindo, dixeron:
-Non, querida mazá, as estrelas están no ceo día e noite, sempre cheas de luz, pero de día o sol non nos deixa velas.
Os desexos da nosa protagonista de ser estrela reviviron. Aí  enriba, no ceo alto…cargada de luz inesgotable, pensaba.
Outro día a mazá preguntoulle ao vento:
-Dime vento, as estrelas están fixas ou móvense polo firmamento?
-As estrelas percorren todo o firmamento a unha velocidade vertixinosa, respondeu o vento.
Unha vez máis alimentáronse as ganas de converterse nunha estrela.
Pouco a pouco a mazá foi madurando; pero non logrou sorrir, non aceptou o seu destino e non foi feliz.
Un día, unha familia refuxiouse baixo as polas da maceira grande, buscando a súa sombra protectora. Felices contemplaron os apetitosos froitos; o pai sacudiu con coidado o tronco e caeron varias mazás, as máis maduras. A rapaza colleu a máis bonita, mirou para ela, cheirouna e fregouna co seu vestido, deixándoa moi brillante. Despois, pediulle ao seu pai o coitelo, e sen saber por que pero con moito coidado, cortouna en cruz, en horizontal; a nena quedou abraiada ao ver a estrela que apareceu no corazón da mazá. Mirade que marabillosa¡¡¡, aquí hai unha estrela!¡¡ berrou a nena esixindo a atención de toda a familia.
A mazá vivira sen decatarse que dentro de si gardaba o que tanto anhelaba, só que para mostrar a súa estrela tiña que abrirse e ofrecerse aos demais.
Moitas veces buscamos fóra o que temos dentro.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...