6.12.12

Crónica de Sara Gil - A presentación de Emily on the road na Mariña

Non perdades de ler este relato sobre Ramón Blanco, coñecido por todos nós como Moncho, que fixo a nosa alumna de 1º de bacharelato, Sara Gil. Unha delicia. Noraboa Sara!!!!

SOBRE A PRESENTACIÓN DE Emily on the road NA MARIÑA

O día 26 de novembro tivemos a oportunidade de participar na presentación de dous libros de Ramón Blanco: un Vida e obra de Francisco Añón e outro Emily on the road. Mais non tería sentido explicar o desenvolvemento dos eventos sen facermos referencia á importancia do escritor na vida dos alumnos e alumnas -entre eles eu- que este ano cursamos 1º de BAC no Instituto Perdouro de Burela.

En xuño de 2011, finalizamos o curso de 3º da ESO e despedimos o substituto que nos dera clase durante 5 ou 6 meses, debido a unha baixa da nosa profesora de Lingua Galega. Aquel profesor que se adicou a aguantar as nosas lerias foi Ramón Blanco, que nese pouco tempo despertou entre nós un aprezo enorme, ben pola súa maneira de tratarnos, ben pola súa personalidade ou -o que é máis probable- por unha mistura das dúas. Por iso, logo de case un ano e medio, recibimos con entusiasmo a comunicación que nos fixo o noso actual mestre de que íamos ter a oportunidade de desfrutar da presentación dos libros.

Situámonos xa no día en que todo aconteceu. Ás 13:10 daquel luns fomos para a biblioteca do instituto. Todos sentamos e agardamos, expectantes, a que Moncho -resulta estraño para nós tratalo de Ramón- aparecese pola porta. Logo duns minutos, entrou aquela persoa á que tanto agarimo lle gardamos. Un sorriso inundou ao instante as nosas caras e a del. Sentou na longa mesa que estaba fronte a nós, e Bernardo introduciu a presentación de Vida e obra de Francisco Añón. Cando este rematou, tomou a palabra Moncho para agradecernos a nosa asistencia. Asegurou que estaba moi ledo de atoparse alí e explicounos diversos aspectos tanto da súa vida como da de Añón, incluíndo o motivo de elexir este escritor como referencia para o seu libro. Soubemos que foi determinante o feito de gañar con 17 anos o premio de poesía Francisco Añón, o que o levou a informarse sobre quen fora esa personalidade. Coñecemos que o poeta Añón viviu no século XIX e que a súa familia era moi coñecida na comarca comprendida entre Muros e Noia. O seu padriño, un cura, ensinoulle o mundo das letras e encamiñouno, máis tarde, a estudar no Seminario. Tamén se fixo fincapé en que no ano 1966 a Añón foille dedicado o Día das Letras Galegas, moito antes que a outros escritores hoxe máis coñecidos. Entre eses e outros moitos datos, chegou a hora do xantar.

Chegamos ao restaurante. Algúns alumnos, algúns profesores, Moncho e os seus acompañantes –Manuel L. Rodrigues, o editor de Acha Escrava; a escritora Iria Lago; e o músico Pablo Sax- comemos todos xuntos nunha longa mesa, que xa tiñamos reservada. O xantar transcurreu entre risos e anécdotas. Para nós, foi unha grata experiencia poder comer con Moncho e os demais profesores (e cremos que para eles tamén o foi comer con nós). A conversa foi animada e estivo misturada con algunhas bromas que nos facíamos uns aos outros, risos e incluso algunha que outra foto, para ter probas materiais do momento nun futuro!

Chegou o remate do xantar e houbo que volver ao centro. Pola tarde tiñamos clase! Mais ese día non era a materia de Inglés, coma sempre. Desta vez os cincuenta minutos centráronse en coñecer Emily on the road, o novo libro do noso mestre. Fixeron a introducción o editor e Iria Lago, a escritora que identificou a Moncho como o seu mellor amigo. Feitos os honores, o escritor convidado aclarounos que a historia central é o traxecto dun condutor que no camiño atopa unha rapaza (Emily) e a recolle. Xuntos emprenden unha viaxe entre o escuro e a morte, nun ambiente sombrío. En plena travesía, a parella de viaxeiros facendo varias paradas. En conclusión: o libro céntrase nunha partida, unha ruta e unha arribada un tanto misteriosas, que o autor escribiu en homenaxe a un vello amigo e á escritora estadounidense Emily Dickinson. Resultounos especialmente agradable saber que parte do poemario foi escrito na súa etapa en Burela cando nos deu clase a nós!

Tras os preámbulos, Ramón Blanco comezou a ler. Pablo Sax comezou a tocar. E verso tras verso, nota tras nota e sensación tras sensación, conseguiron cautivarnos. Esta vez non eramos só os de 1º de BAC, senón que tamén estaban alumnos de 4º da ESO e diversos profesores (entre eles Ramón Reimunde -xa xubilado do IES de Foz- e Julia Labrador, docente de Literatura na Universidade Complutense).

As palabras saíron da boca do declamante unha detrás doutra e a orixinalidade do que lía captaba a nosa atención, sen ningunha dúbida. Non era un poema como outro calquera; probablemente os alí presentes nunca escoitáramos un igual. A maneira de relatar o que lles acontecía aos viaxeiros, a maneira de transportarnos a un mundo de escuridade -e de milleiros de sensacións- era realmente especial.

Así foi como chegou o final. O escritor rematou de ler o fragmento e nós quedamos con ganas de máis. Un aplauso inundou a sala. Un éxito total. Despedímonos del e marchamos para a aula, xa que aínda tiñamos outra clase. Mais quedamos agardando á próxima vez para ver a Moncho e para botar unhas risas con el, coma sempre. Queremos que volva a cautivarnos cuns cantos versos e que nos faga soñar. Queremos imitalo, seguilo; desexamos ler máis do que el escribe… Xa que falamos de desexos: desexámoslle todo o mellor a ese grande escritor, ao grande poeta. Oxalá teña moita sorte con estes dous libros e con todos os que quedan por vir. Nós estaremos dispostos a contribuír, aínda que sexa simplemente con lembranzas da estadía en Burela.

Tesnos gañados, Moncho!

Sara Gil Cordido

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...