6.6.14

35 anos xuntos!!!

Karina Parga Chao

O Instituto de Ensino Secundario Perdouro de Burela celebra o seu XXXVº aniversario. Nestes 35 anos, sen dúbida, coñeceu moitos cambios de mellora. Sendo inicialmente unha escola de Maestría, converteuse nun centro dinámico de ensino integrado, caracterizado pola calidade: a aposta pola cultura do esforzo e excelencia académica, a innovación nas prácticas docentes, o uso das TIC, a convivencia escolar, a estreita relación coas familias e a internacionalización.

Probas da excelencia son os resultados moi satisfactorios acadados ano tras ano nas probas de acceso á universidade con 100% de aprobados así como as cualificacións por encima da media galega nas probas de avaliación de diagnóstico.

Premiado en sucesivas ocasións polo seu labor en innovación lingüística, o IES Perdouro xa é un referente en innovación educativa e na mellora da calidade do ensino. Este curso destacou novamente en materia de boas prácticas na mellora da aprendizaxe e do uso da lingua galega.

O IES Perdouro é un centro moderno. Integra as Tecnoloxías da información e da comunicación na súa práctica diaria. Desde hai cinco anos é centro Abalar con varias aulas equipadas de ordenador, proxector e encerado dixital interactivo. Nelas cada alumno de 1º e 2º ESO ten ao seu dispor un ultraportátil para traballar os contidos da aula virtual do Perdouro grazas á liña de 100Mb. No seu labor de comunicación e difusión, o centro publica diariamente as novas de interese na súa web “iesperdouro.es” e tamén a través das redes sociais. Ademais as familias do Perdouro xa poden consultar as calificacións dos seus fillos/as a través da aplicación gratuíta para móbiles AbalarMobil.

As actividades complementarias e extraescolares forman parte da práctica docente, son unha fonte de coñecemento que permite unha formación integral do alumnado. Tense que entender que un centro como o Perdouro debe achegar a cultura e o enriquecemento do coñecemento a todos os alumnos/as. Así pois, o dinamismo da biblioteca do centro pretende a mellora da lecto-escritura e a compensación das desigualdes sociais a través das moitas actividades de animación á lectura así como dos Encontros de BD na Mariña. O fondo de lectura xuvenil é moi actual e conta con libros electrónicos, cunha videoteca e unha sección de Banda Deseñada moi completa.

O compromiso por Europa do IES Perdouro maniféstase nos proxectos europeos en que participa cos que fomenta a proxección internacional do seu alumnado. A clara aposta pola inmersión lingüística está patente nos dez anos de intercambios a Francia, nos varios proxectos Comenius realizados, na colaboración con Alemaña nas prácticas en centros de traballo, na sección bilingüe de Tecnoloxía Industrial, nas viaxes a Londres, a Portugal e na participación nos programas de inmersión lingüística. En materia de Formación Profesional, o alumnado do IES Perdouro xa pode realizar as súas prácticas en empresas europeas grazas ao acordo Erasmus + que permite a mobilidade do alumnado dos ciclos formativos de grao medio e superior.

Nestes últimos anos o IES Perdouro demostrou os seus dotes de centro competitivo sendo gañador de varios certames como por exemplo Euroscola, Consumópolis, o concurso de robótica, o mellor proxecto do Plan Proxecta con “Doces meses, moitas paisaxes”, entre outros moitos.

Son 35 anos de traballo e esforzo conxunto entre o equipo de docentes e as familias, un traballo en constante evolución e mellora que ten como único obxectivo o éxito do alumnado.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...