14.11.14

1º ESO - A MIRADA MÁXICA DO QUE ACONTECE NA PANTALLA.

José Díaz Moscoso, profesor de plástica

Durante os pasados días 5 e 6 de Novembro os grupos do primeiro curso da ESO participaron nun obradoiro lúdico e creativo sobre a imaxe en movemento: “ANIMÁNDOTE”.
Tivo lugar na aula de Plástica en sesións de 3 horas polas mañás, e impartidos pola artista audiovisual Belén Montero, do equipo DSK.

A actividade estaba programada dentro dos talleres e proxectos de Desenvolvemento Creativo do MAC (Museo da Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa)

Os tres obxectivos principais do mesmo foron:
- Achegarnos  á animación: coñecementos básicos acerca dos procesos da mesma.
- Tomar conciencia das tecnoloxías e elementos creativos ao noso alcance.
- Recoñecer a importancia da mirada creadora do autor e do equipo.

Na presentación inicial puidemos coñecer ideas xerais do audiovisual e da animación en particular. Aclaramos conceptos como: pixelación, pixilación, videoinstalacións, videoclips, curtametraxes...
Para esta parte, Belén axudouse de imaxes das súas obras coma un “Tetris físico“ xigante no Centro Pompidou , os seus traballos profesionais con actores e cantantes como Alaska. E mesmo descubrimos o antigo destas técnicas a través de obras como “O hotel eléctrico” ( dirixida por Segundo de Chomón en 1908 ).

Resultou curiosa a analoxía que fixo entre o concepto dixital do píxel e a linguaxe do punto de cruz das nosas avoas, identificando cada puntada coa cuadratura do píxel.
Ademais quedounos claro a importancia do tempo para a elaboración de ideas e a execución destes traballos.

Unha vez exposta a parte formativa iniciamos unha práctica de gravación para o noso exercicio de pixilación, axudándonos da técnica do stop-motion.

Participaron como actores, e experimentaron inspirándose no xogo “Plants vs Zombies”. Actuaron todos os alumnos en papeis como: plantas lanzachícharos, zombies bailaríns, cogomelos, xirasois...e como non, un equipo de efectos especiais.

Estamos a esperar pola montaxe e post-produción de Belén.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...