23.3.15

A viaxe das mil e unha historias - Crónica de Elena Valle na Voz de Galicia

A viaxe das mil e unha historias
Elena Valle García

Era aínda noite pecha cando 17 alumnos de 1º de Bacharelato e 3º de PDC do IES Perdouro nos subimos ao autobús que nos levaría de Burela a Santiago no que ía ser un dos días máis especiais da nosa vida. Sete de nós gañáramos o certame “O Galego na Onda” e o premio consistía en ir á RTVG para vermos a infraestrutura técnica e participarmos no programa “Galicia por diante”.
Como saímos cedo, ás 7:15 da mañá, íamos bastante cansos mais á vez nerviosos polo que estabamos a piques de vivir. Dúas horas e cuarto despois, por fin, chegamos. Ante nós podíamos ver os estudios da Radio Televisión de Galicia, os cales estabamos a piques de visitar. Sinceramente, non houbo maior satisfacción naquel momento: conseguíramolo. Conseguíramos estar alí despois de nove meses participando con todas as nosas ilusións nun concurso radiofónico, que acabamos facendo moi noso: neofalante, multicultural...”MODELO BURELA”.
Unha guía levounos á sala de espera á cal axiña chegaron o alcalde de Burela e os responsábeis da produtora audiovisual, Andrés Riós e Andrés Rozados, que na primavera pasada se ocuparon de formarnos e aos que tiñamos moitas ganas de ver.
Pouco tempo despois déronnos instrucións: entrarían en antena en primeiro lugar o alcalde e o secretario xeral de política lingüística e seguidamente as representantes do grupo gañador (Maka Ledo, eu e Karina Parga, a nosa profesora e compañeira de todos os mércores na Radio Burela.
Durante 15 minutos estivemos vendo o funcionamento do control técnico, mentres eran entrevistadas as autoridades. Despois entramos no estudio, mandáronnos sentar xunto a Kiko Novoa e este fíxonos unha foto. Os nervios aumentaban e eu púxenme a pensar: “que tal o farei?” “Estarán orgullosos meus pais, os profesores e os meus compañeiros?...”.
A entrevista, finalmente, saíu xenial. Fixéronnos varias preguntas simples e puxeron seccións do programa que presentáramos a concurso. Antes de marcharmos tivemos a oportunidade de ver os estudios radiofónicos e televisivos máis de preto.
A pesar de que nos encantaba aquel lugar, tíñamos aínda máis etapas pendentes na viaxe. En Vila de Cruces esperábanos un grande profesor, escritor, mago das letras e amigo, Sechu Sende.
No instituto Marco de Camballón, o profesor e un grupo de alumnos do Clube da Lingua explicáronnos o seu funcionamento. O que máis me gustou foi unha actividade de recollida e selección de fotografías de tatuaxes, xa que mobilizaron a poboación para conseguiren máis de cen mostras en menos dun mes. Nós contámoslles o motivo da nosa visita e ensinámoslles algúns traballos (“Panchito” e “Modelo do Século XXI”) protagonizados polo alumnado de 3º de PDC cos que acadaron o premio de Educación sen Fronteiras, nos que se mostra o que elese elas son: unha nación formada por persoas procedentes de diversos lugares do mundo reunida en Burela, co galego como vehículo de comunicación común.
Foi unha hora sensacional que acabou ao tocar o timbre das dúas e media da tarde. Tras despedirnos de Sechu e comer, saímos cara a Gres coa intención de coñecer outro tesouro de persoa, o escritor Xosé Neira Vilas.
Nunha sala da Fundación que leva o seu nome, de novo, derrubáronse as fronteiras de varios países cun único instrumento: a palabra.
Arxentina, Senegal, Cabo Verde, Marrocos, Cuba, Colombia… todos os países estaban en Gres, en Galicia, na casa dun grande, na casa de Neira Vilas.
Alí parou o tempo e só dúas cousas tiveron importancia: el e a súa historia e nós e as historias que lle queríamos contar.
Da boca daquel home, que se define como “pouco arxentino, bastante cubano e rotundamente galego”, aprendín que son galega e que tamén son un chisco de todo que o poda aprender das persoas e culturas que me rodean.
Como se facía tarde -aínda queríamos visitar a ponte Romana de Gres antes do retorno-, despedímonos e iniciamos a viaxe de volta con mil e unha historias aprendidas sobre o mundo e aínda con desexo de aprender mil e unhas cantas máis.

Sem comentários:

Publicar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...