27.5.15

O Porto que visitamos - 3º ESO

O pasado 22 e 23 de Maio un grupo formado por alumnos de 3º ESO e acompañados polos profesores Toño Blanco, Fina Rodríguez Chao e Jose Díaz, viaxamos á cidade do Porto.

Foi necesaria unha boa madruga para chegar á Fundación Serralves ás 11:30 da mañá do venres, e comezar unha intensa pero proveitosa rolda de visitas.

A Fundación Serralves esténdese nunha gran finca de 18 Has. Nela visitamos dous edificios e os seus amplos espazos axardinados. Os edificios eran a antiga casa e o museo, obra do arquitecto Álvaro Siza Vieira. A casa trátase da vivenda orixinal do primeiro propietario, Conde de Vizela, construída arredor de 1930, unha obra modernista dun arquitecto francés do momento, Charles Siclis, que foi declarada Monumento Nacional. Nos espazos interiores baleiros, elegantes e sobrios, un grupo de bailaríns danzaban e formaban unha exposición de naturezas vivas.

Por outra banda, nas salas temporais do museo expúñanse obras e instalacións da escultora polaca Monika Sosnowska.

Xunto con outros grupos de mozos, xantamos nos espazos exteriores, rodeados dunha natureza coidada e esculturas vangardistas.

Pola tarde, divididos en dous grupos e sempre acompañados de dous guías locais (Tiago e Rita Rocha), puidemos entender e apreciar este espazo xeográfico xunto á foz do Río Douro.

Porto é unha cidade moderna que conserva e valora a cultura tradicional.

É cosmopolita, apreciamos a pegada que deixaron os ingleses no inicio do comercio da explotación dos seus viños. A cultura francesa é apreciable no trazado de avenidas e xardíns (Os Jardims e Parterres no Parque Serralves son un bo exemplo). E mesmo Rem Koolhaas irmandou as culturas portuguesa e holandesa na magnífica obra da Casa da Música.

O barroco de moitas das fachadas, toma aspectos coloristas cos azulexos que as decoran.

Chegamos a entrar na Librería Lello & Irmao, onde nos contaron que a súa escaleira Art Decó inspirou a JK. Rowling na descrición das escaleiras de Hogwarts da novela de Harry Potter.

Cruzamos camiñando a Ponte de Luis I, unha das seis que atravesan o Douro, para poder mirar desde o lado de Gaia a ribeira da Foz.

Pasámola noite na Pousada da Juventude de Espinho, sen perder moito tempo no durmir. É broma: os responsables agradeceron e felicitaron a nosa estancia.

Pola mañá acercámonos a Matosinhos. Alí nos esperaba ondeando polo vento a Anémona Xigante da artista americana Janet Echelman, unha escultura de redes sostida por aneles tubulares suspendidos a mais de 50 metros,  coa que se fixo homenaxe ao mundo da pesca.

E cara o medio día “aterramos” a carón do meteorito da Casa da Música, e que así o recoñecen en Porto: un meteorito poliédrico que caeu no medio do barrio Boavista. Trátase dun edificio singular que non vos deixará indiferentes cando o visitedes. Non é solo un gran auditorio, senón un universo de espazos dedicados a todo tipo de músicas. No seu interior, as paredes e solos inclínanse desafiando a gravidade, ata non poder distinguir uns de outros.

Xa de volta, pola tarde, reparamos forzas e relaxámonos coas augas termais nas pozas de Outariz en Ourense.

Dámoslles as grazas a José Luis e Carmen, os nosos motoristas na viaxe.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...