9.5.15

Correlingua 2015

O martes 5 de maio os alumnos de 1º ESO viaxaron a Ribadeo para participar no Correlingua.
O percorrido partía, nesta edición, da illa Pancha para rematar nun dos pavillóns polideportivos cubertos de Ribadeo, para previr que a festa final, inicialmente preparada no Cantón, fose estragada pola chuvia.
A partir das 11:00 da mañá comezou a carreira. Este ano existía a posibilidade de inscribirse e participar correndo nesta actividade. En primeiro lugar, saíron os corredores e, a continuación, os camiñantes.
O paseo durou aproximadamente 45 minutos e durante eles un milleiro de rapaces de toda a comarca percorreron o traxecto a pé pasando por debaixo da Ponte dos Santos e polas principais rúas de Ribadeo ata chegar ao pavillón arredor das 12:00.
Alí, repartiuse un tentempé e comezou a festa final, presentada e animada por Xurxo Souto, que consistiu no seguinte:
- Lectura do manifesto da edición 2015 por parte do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo.
- Entrega de premios aos gañadores da carreira nas diferentes categorías.
- Actuación dun grupo musical composto por rapaces do IES Marqués de Sargadelos.
- Lectura dun poema escrito por Mara Gato, alumna do IES San Rosendo de Mondoñedo.
- E, finalmente, actuación musical do grupo Monoulious DOP.
Foi unha mañá diferente na que parte do alumnado da Mariña conversou, compartiu camiñata e participou nun acto a prol do galego que xa se converteu nunha cita obrigada na nosa comarca.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...