22.11.15

Ciclo de charla da AC os Matos- Mercedes Rodríguez Moreda

A Asociación Cultural os Matos organizou o pasado xoves 19 de novembro unha conferencia sobre pesca sostible e o papel da muller no mundo mariñeiro impartida por Mecedes Rodríguez Moreda, actividade destinada ao alumnado de bacharelato e Ciclos Formativos de Administración.

A A.C. “Os Matos” e o I.E.S. “Perdouro”, seguindo o camiño iniciado hai anos de dar a coñecer ao noso alumnado a realidade social, económica e cultural da comarca da Mariña, comprácese ao presentar a unha muller pioneira nun mundo dominado, ata agora, polos homes. Unha muller, veciña nosa, coñecedora, como poucos, do complexo mundo da pesca, que se comprometeu hai anos a traballar polos dereitos dos traballadores do mar.

Mercedes Rodríguez Moreda naceu en Foz. Logo de cursar os estudos de primaria e secundaria na súa vila natal, decide ir á Universidade de Compostela para estudar a carreira de Dereito, acadando a Licenciatura con Grao, obtendo o premio extraordinario de licenciatura.

Exerce a avogacía desde 1995. Dous anos máis tarde combina o traballo no seu bufete co de asesora xurídica da “Organización de Productores Pesqueiros de Lugo” e, en 1999, é nomeada directora-xerente da organización.

Mercedes é vocal do pleno do Consello Galego de Pesca e de diversas comisións sectoriais do mesmo, participando como experta en grupos de traballo da Unión Europea sobre a pesca do peixe espada e plans de recuperación do bacallau e a pescada (merluza).

Colaborou como experta dos proxectos para a irmandade Unión Europea-Rumanía e Unión Europea-Bulgaria sobre pesca. No mesmo senso tamén colaborou en proxectos con Estonia e Lituania.

Como moitas mulleres da comarca, o mundo do mar non lle resultaba alleo. A súa familia, de orixe humilde, ten antepasados ligados aos barcos e á pesca. Seu avó foi mariñeiro e seu pai rulero da Confraría de Foz, ademais de rexentar un bar no mesmo porto focego.

Como poderemos comprobar ao longo do seu relato, a vida desta persoa está cargada de reunións con responsables pesqueiros a nivel comarcal, autonómico, estatal e europeo, chamadas de teléfono, viaxes a Santiago, Madrid, Bruxelas... feitos que fan dela unha muller experimentada e especializada nun mundo cuns retos continuos: regulación de caladoiros, axudas europeas, esixencias medioambientais, entrada de novos países na UE, o prezo do combustible...

Estamos, pois, diante dunha voz autorizada para falar de “O Mar na Mariña de Lugo”.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...