2.3.16

Visita Campus de Lugo

O día 29 de febreiro, os alumnos de 1º de Bacharelato viaxamos a Lugo para visitar o campus, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela. Ao chegar, asistimos a unha charla onde nos explicaron as notas de corte do ano pasado nas titulacións de Lugo e Santiago. Cando rematou, dividímonos en grupos segundo as nosas preferencias. Os alumnos interesados no grao de ADE e no de Ciencias fomos primeiro á Biblioteca Intercentros, onde nos explicaron as súas principais funcións, así como as súas seccións, horarios ou a súa conexión co resto de universidades galegas.
O grupo restante non puido visitala, xa que tivo que desprazarse ata a Facultade de Formación do Profesorado, situada na Avenida Ramón Ferreiro, no centro da cidade. Alí recibiron información do decano, quen os informou do que ían ter que aprender para formarse como profesores. Para rematar, visitaron varias aulas, entre elas a de plástica, unha das máis empregadas polos alumnos.
Cando chegamos á facultade de ADE, leváronnos a unha aula na que se imparte clase normalmente. Alí, coñecemos á decana, encargada da supervisión das instalacións e de solucionar calquera problema que os alumnos puideran ter. Explicounos, coa axuda dun profesor, as principais materias impartidas no grao e a importancia das leccións prácticas neste tipo de formación. Tras a charla, fomos de paseo polos exteriores da facultade. Alí, os estudantes pasan o tempo libre e realizan actividades relacionadas co medio ambiente.
Os alumnos que foron á facultade de Ciencias separáronse en pequenos grupos, xa que cada un tiña unha serie de preferencias. Os interesados na saúde tiveron que ordenar ósos do corpo humano en moldes no lugar correcto, e os que teñen en mente estudar unha enxeñería, aprenderon como poñer cor nos fogos artificiais. Cando voltaron, fomos a xantar ao centro comercial.
Pola tarde fomos visitar o hospital Rof Codina, onde dous expertos nos explicaron os distintos medios cos que contaba o hospital: a gammagrafía, varios métodos de ecografía, a terapia con radioisótopos, etc. 
Cando rematamos, dirixímonos á aula de Historia Natural, situada na Facultade de Veterinaria. Alí puidemos ver todo tipo de esqueletos de animais que morren no hospital, no zoo de Marcelle e nalgún circo que ven a Lugo. Ao rematar a visita, entramos na sala onde se encargan de preparalos adecuadamente para a súa exposición.
Sara Cordido Requejo – 1º Bach.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...