O mércores 20 de marzo os alumnos e alumnas de Música de 4º e todo o alumnado de 3º da ESO fixemos unha viaxe á Coruña.
Saímos de Burela ás 8:30h e chegamos, aproximadamente, ás 10:45h. Xa alí, fomos directamente ao Palacio da Ópera, pero aínda non era hora de entrar e puidemos aproveitar para visitar a zona, mercar algo etc.
Entramos ao Palacio e, despois de sentar nas butacas, presentaron a todas as persoas que participaban no espectáculo Palabras con corazón. Trátase dunha montaxe didáctica no que a directora Lydia Botana mistura distintos estilos musicais coa danza, a pintura e a poesía para poñer de relieve o poder que poden ter as palabras. Trata temas como o respecto polas persoas, a empatía e a compasión, a solidariedade entre mulleres e a loita por defender os dereitos. Mistura idiomas e fusiona xéneros musicais dende o tradicional ao moderno a ritmo de Rap – inicialmente acrónimo de “Ritmo e Poesía” (en inglés “ Rhythm And Poetry”)- e outros subxéneros como o Dancehall pasando pola impresionante técnica do Beatbox.
O concerto comezou: unha das artistas ía cun cesto cheo de palabras "con corazón" para que unha persoa aleatoria do público collera unha, a apuntara nunha pizarra e con ela interpretaban unha canción.
Un tema do que se falou foi a regueifa e Cristian Gómez e Sergio Alonso (dous alumnos de 4º) saíron a regueifar ao escenario.
De seguido, cando Sergio e Cristian sentaron, os artistas cantaron cancións tradicionais cos distintos estilos de música. Antes de despedirse, todos nos ensinaron a súa especialidade e, para rematar, cantaron unha última canción. Todo isto mentres que outra artista facía un mural ao fondo do escenario.
Logo de saír do Palacio, leváronnos ver unha casa moi especial: a "casa Vitur", escenario da novela Senlleiras de Antía Yáñez, unha escritora de Burela. Despois de acabar esa visita, fomos xantar e facer unhas compras.
Reunímonos ás 15:30 h na Praza de María Pita e alí explicáronnos a súa historia. Tamén visitamos máis edificios: o da Real Academia Galega, o teatro Rosalía de Castro, a casa onde viviu Rosalía, a parte vella da Coruña e a rúa Rego da Auga.
Saímos da Coruña aproximadamente ás 17 h, fixemos unha parada en Guitiríz e, finalmente, chegamos a Burela ás 19:45h.
DANIELA ENRÍQUEZ CANOURA
3º ESO
Sem comentários:
Enviar um comentário