18.12.21

Obradoiro de escritura con Artemisa Semedo

OBRADOIRO DE ESCRITURA CREATIVA
A importancia de relerse e reescribirse
 

Os días 23 e 24 de novembro o alumnado de 1º de Bacharelato tivemos un obradoiro sobre escritura creativa impartido por Artemisa Semedo, que foi alumna do noso Centro.

Co título de “A importancia de relerse e reescribirse”, durante dúas sesións de dúas horas cada unha, desenvolvemos unha serie de actividades relacionadas coa creación de textos e a sensibilización contra a violencia machista.

Nun primeiro momento fixemos un xogo a modo de presentación, para romper o xeo e sentirnos máis cómodos á hora de expresar as nosas ideas; tivemos que elaborar unha frase co noso nome e unha cousa coa que nos identificásemos.

Outras actividades que fixemos foron cadeas de palabras seguindo as ditas polos compañeiros e compañeiras, escoller cores asociadas a unha persoa e escribirlle un texto agradecéndolle algo ou a chamada “caixa de palabras” (elixir unha palabra, pensar cinco relacionadas con ela e redactar un texto).

Na segunda sesión xa tivemos que pensar algo máis e ser máis creativos á hora de escribir as nosas historias ou poemas. A partir dunha frase que nos deu Artemisa, nós tivemos que elaborar un texto. Despois ensinounos un graffiti de Bansky dunha nena cun globo e a partir desta imaxe tivemos que escribir unha historia imaxinaria ou algunha lembranza da infancia.

Para rematar, centrámonos no tema do 25N, na violencia machista, e tivemos que expresar nun texto qué lugar do noso corpo sentiamos máis tensionado, negado ou agredido e que outras sensacións nos pode chegar a producir o patriarcado presente na nosa sociedade. Esta actividade era difícil xa que non todas as persoas querían compartir a súa opinión cos demais, pero houbo algún compañeiro e compañeira que se ofreceu a contar a súa historia.

Neste obradoiro compartimos a nosa imaxinación, as nosas vivencias e as nosas emocións, algo que, ao mellor, na nosa casa non fariamos.

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.

Iria López e Yago Martínez, 1º Bacharelato

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...